Sobreendebedamento

Dificultades para pagar os créditos

As débedas dos fogares españois medraron case dúas veces máis có importe dos seus activos financeiros
1 Xaneiro de 2006
Img informe

Dificultades para pagar os créditos

O endebedamento das familias españolas duplicouse na última década. O hábito de recorrer ós créditos hipotecarios ou de consumo instalouse na nosa sociedade e esta fórmula de financiamento resulta cada vez máis común, non só para adquirir unha vivenda ou un automóbil, senón tamén un electrodoméstico ou un paquete turístico. As últimas cifras publicadas polo Banco de España revelan que a débeda financeira das familias españolas alcanzou a finais do 2004 un novo máximo histórico con 595.183 millóns de euros, o 74% do Produto Interior Bruto (PIB) español. Estes novos datos poñen de manifesto que os fogares continúan cun forte ritmo de endebedamento, que orixinou o ano pasado un aumento das débedas das familias da orde do 17%, cando o importe dos seus activos financeiros (accións, fondos, depósitos, seguros, cartos en efectivo), polo contra, medrou a un ritmo moi inferior, o 9%.

O endebedamento medra case dúas veces máis có aumento da riqueza das familias, o que reforza a desconexión entre consumo e creación de riqueza. Con este incremento, os fogares españois, que partían dun grao de endebedamento moi inferior ó da media dos países da zona euro, superárono en moi breve espazo de tempo.

/imgs/20060101/dinero.jpg A débeda financeira das familias medrou en boa medida polo incremento dos préstamos a longo prazo (un 20% máis ca no 2003), que se situaron en 502.183 millóns de euros, superando por primeira vez a cifra do medio millón. A forte expansión do financiamento para a adquisición de vivendas prodúcese a través de hipotecas contratadas a tipo de xuro variable (60% do total de créditos), o que lle abre a porta ó risco dunha creba xeral se os tipos de xuro soben no futuro. Ademais, estes créditos financian cada vez máis a miúdo a compra doutros bens que non son vivendas, asimilándose a verdadeiros créditos ó consumo.

Un estudo, tamén recente, de Genworth, grupo empresarial de seguros e membro da Asociación Hipotecaria Española (AHE), sobre as operacións hipotecarias realizadas no 2004, pon de relevo que o esforzo medio (ou a renda media neta dedicada) dos fogares españois no momento da contratación do préstamo hipotecario foi do 33%. Para a AHE, o perfil dos fogares con maior índice de endebedamento corresponde na actualidade a aqueles cun cabeza de familia menor de 35 anos e que contratou o seu préstamo hipotecario despois do 2002.

As preguntas máis habituais

Que é o sobreendebedamento? É a situación na que se atopa o cidadán ou familia que contraeu excesivas débedas e non pode facerlles fronte a todas. O seu pasivo supera o seu activo, non pode pagar e convértese en insolvente.

Que factores desencadean o sobreendebedamento? O Banco de España sinala tres factores decisivos como causantes do sobreendebedamento familiar: o incremento no prezo do solo e da vivenda -principal responsable do alto nivel de risco e vulnerabilidade que están soportando as economías domésticas-, a redución dos tipos de xuro bancarios e a falsa confianza dos consumidores na súa estabilidade laboral.

Que outras causas inflúen? As causas inmediatas do sobreendebedamento dos consumidores son dúas: a asunción excesiva de débedas (sobreendebedamento activo) e a incapacidade sobrevida de facerlles fronte ós créditos por causas imprevistas (sobreendebedamento pasivo). O sobreendebedamento activo pódese orixinar por descontrol do orzamento, por gastos imprevistos, pola utilización irracional das tarxetas de crédito ou por gozar de un ou varios créditos sen estudar con anterioridade a situación financeira persoal do momento ou a previsible durante a vixencia do crédito. O sobreendebedamento pasivo adoita deberse a unha diminución dos ingresos, motivada polo desemprego, pola enfermidade ou o falecemento dun dos cónxuxes, polo abandono do emprego da muller para coidar os fillos ou polas sancións tributarias, etc. Sen dúbida ningunha, a taxa de desemprego é a variable macroeconómica que máis inflúe no non pagamento da débeda familiar, máis cós tipos de xuro ou có volume do crédito, que en España alcanza a cifra de 650.000 millóns de euros, tres veces máis ca en 1996, o que supón un 114% da renda bruta dispoñible, máis cá media dos países da Eurozona.

Como podemos saber o noso límite de endebedamento? Os expertos consideran que non se debe destinar ó pagamento de débedas máis do 20% dos ingresos. Esta porcentaxe pode ser menor (entre un 12% e un 15%, como máximo) en función do nivel de vida da zona na que se resida, do prezo do alugueiro, dos gastos de alimentación e doutros gastos fixos. Ademais, en caso de contraer débedas de longa duración, como a compra dun piso, hai que considerar non só a situación financeira no momento en que se contrae a débeda, senón a previsible durante o tempo que vai durar. Considérase que alguén está sobreendebedado cando o volume da súa débeda é tres veces superior á súa renda cando o total da débeda supera o 75% do patrimonio neto do fogar ou cando o peso da carga da súa débeda supera o 40% da súa renda anual.

Estamos protexidos os consumidores? Ata a data, nin a Lei española de crédito ó consumo de 1995 -adaptación da directiva europea de 1987- nin as novas propostas europeas teñen en conta o tratamento curativo do sobreendebedamento. Nun país no que un 72% dos cidadáns se beneficiou algunha vez dun crédito segue sen haber unha lei específica que protexa as familias do sobreendebedamento. En Francia, por exemplo, os tribunais poden cambiar as condicións de devolución do préstamo en caso de dificultades financeiras do consumidor.
Só a Lei 7/95 de crédito ó consumo contempla medidas preventivas, centradas sobre todo na oferta, publicidade e no contido esixible ós contratos. Ademais, a Lei 28/98 de venda a prazos de bens mobles permítelles ou faculta ós xuíces para sinalaren novos prazos ou alteraren os convidos determinando no seu caso as recargas no prezo polos novos aprazamentos de prazos. Así e todo, esta facultade excepcional dos xuíces require dunha xusta causa, como o desemprego, a longa enfermidade, as desgrazas familiares ou os accidentes de traballo.

Que acontece se a débeda dá lugar ó embargo dos bens? A Lei de axuizamento civil declara inembargables as rendas mínimas, prohibindo o embargo de soldos, salarios e pensións inferiores ó salario mínimo profesional. Agora ben, unha vez que estes ingresos se atopan nunha conta corrente pasan a ser saldos positivos e poden chegar a ser embargados.

Que porcentaxe do soldo pode ser embargada? Poden ser embargados os salarios ou pensións que sexan superiores ó Salario Mínimo Interprofesional (SMI), tendo en conta a seguinte escala:

  • A cantidade que exceda do dobre do SMI, nun 30%.
  • A cantidade que exceda do triplo do SMI, un 50%.
  • O que exceda ata catro veces do SMI, o 60%.
  • O que exceda ata cinco veces do SMI, o 75 %.
  • O que exceda ata máis de cinco veces do SMI, o 90%.

Os xuíces poderán, en atención ás cargas familiares, rebaixar entre un 10% e un 15% as devanditas porcentaxes.

/imgs/20060101/informe.jpg
Que acontece noutros países?En Francia, por exemplo, aprobouse unha lei en 1989 que contempla as dificultades do consumidor sobreendebedado. Esta lei, amais de previr e prohibir certas condutas das entidades de crédito, instaura un procedemento para arranxar a situación de desatención de pagamentos, establecendo dous procedementos que se asemellan a unha especie de creba civil. A primeira vía de solución é amigable. En caso de non dar chegado a un acordo cos acredores, entra o xuízo universal, con carácter subsidiario. Neste xuízo o tribunal pode, entre outras cousas, paralizar os embargos e establecer como solución final unha redución dos xuros ou dos tipos de xuro e mesmo do principal e/ou sinalar novos prazos para pagar.
En Bélxica hai un procedemento para todas as persoas físicas non comerciantes que non poidan pagar as súas débedas vencidas ou a piques de vencer, que tamén ampara as persoas que en vista das súas débedas e ingresos prevén chegar a esta situación. O consumidor belga pode presentar unha solicitude ante o Xuíz de Embargos do seu domicilio e será axudado por un mediador de débedas que negociará cos acredores. Se todos os acredores aceptan o plan, o mediador somete o plan ó xuíz, que redacta acta do acordo das partes. Se non se acada un acordo amigable, o xuíz decidirá entre reducir os tipos de xuro, graduar a débeda, aprazar momentaneamente o pagamento dunha débeda, pedirlle ó consumidor a mudanza a un piso máis barato…

Unha sentencia pioneira

En España, moitos sectores sociais e profesionais están á espera de medidas legais en materia de sobreendebedamento. Se cadra por iso tivo un grande eco un auto do xulgado de primeira instancia nº 3 de Barcelona, do 29 de decembro do 2004, no que se declaraba a suspensión de pagamentos dun matrimonio insolvente, acolléndose á Lei concursal do 2003. O xulgado chamou ós acredores do matrimonio para que comunicasen as débedas pendentes e designou un auditor para administrar a devandita suspensión. Tratábase de negociar un convenio cos acredores para determinar en que contías e prazos se aboarían as débedas, pero cunha reserva dos ingresos do matrimonio para alimentos. Ademais, segundo a sentencia, non se poderán iniciar execucións ou embargos nin seguirse constrinximentos administrativos ou tributarios contra o patrimonio dos debedores.
Trátase dunha medida semellante á que se lles aplica ás empresas con dificultades económicas, se ben o xulgado non admitiu a suspensión un procedemento xudicial hipotecario contra a súa vivenda habitual por non ser un ben afecto a actividades profesionais. Por iso, hai quen interpreta que esta lei é máis benevolente co empresario ou profesional concursado ca co consumidor.