Para que precisaba a televisión unha academia?
É un intento de aglutinar a todos os profesionais da industria, pois, aínda que competimos no mercado, tamén compartimos os mesmos problemas. A Academia quere exercer o papel de árbitro facendo valer o seu rol de institución idónea para resolver conflitos e salvagardar o bo funcionamento do mundo da televisión. Na medida en que somos un axente útil para o sector, asumimos unha función social que nos fai válidos para o conxunto da cidadanía.
Esa aspiración concrétase no principio fundacional de querer canalizar “a presentación ó público do punto de vista dos creadores da televisión”?
O significado último desta frase haberíallo que preguntar a Jesús Hermida, o fundador e mentor da Atv, pero algo terá que ver con que as manifestacións que saen desta casa conten co aval dos grandes do medio reunidos aquí. O seu punto de vista ten o propósito de colaborar na corrección da percepción tan negativa que se ten da televisión. É curioso, o cine, desde os seus comezos, contou co beneplácito da sociedade e dos críticos, e mereceu unha etiqueta favorable, amparada na cultura e na súa función dinamizadora da riqueza dos coñecementos. Pola contra, a tele, mesmo cando aínda estaba en cueiros, sempre se ollou con desconfianza e se acusou de perversa.
Desde o comezo? O meu avó convidaba á casa os veciños, que chegaban coas súas cadeiras para seguiren o parte ou os touros.
A tele séguese a ver, pero con vergoña. En España, as súas dúas primeiras décadas de vida sucedéronse en branco e negro, baixo un réxime ditatorial que a tomou como voceiro particular. Pero iso non a converteu nun instrumento feroz, podía ser antipática, pero non maligna. Agora é a culpable de que os nenos sexan obesos e de que as persoas non gocen lendo. Se se lle outorga semellante poder, tamén debería crerse que é causante de magníficas fazañas. Pero non fai unha cousa nin a outra, é un mero transmisor.
Aínda cre naquelas premisas que tradicionalmente se lle outorgan ó medio televisivo: informar, formar e entreterse?
Deixaríaas nunha: a misión da televisión é entreter. Iso non significa que teña que facelo de xeito aburrido ou sen pretensións. Pódese valer da cultura e do bo gusto, e en moitas ocasións teno feito. A actual crítica descarnada do intelectual que admite que apenas ve a tele é discutible. Coido que a esa persoa non lle gusta o medio. Non é que non lle interese o contido, é que o concepto mesmo do que é a televisión non lle resulta atraente. Pero iso non fai mala a tele.
Así e todo, na lista que a súa Academia elaborou sobre os mellores produtos da historia da televisión, o máis novo emitiuse en 1986, hai 20 anos! O medio está en crise?
Antes de falarmos de crise, permítame cumprir cun obxectivo que nos marcamos os que amamos a tele e non a defenestramos. Imos facer un exercicio por recuperar a memoria colectiva que nos deixou estes 50 anos a tele. Se eu digo: “Tenemos chica nueva en la oficina…”, pode vostede rematar a frase? E se digo: “Hasta aquí puedo leer”, sabe quen son?
Seguramente si. Era outra televisión ou eran outros tempos?
As críticas tamén se centran na dependencia emocional que crea a tele, no seu poder para mudar hábitos de vida, en definitiva, para controlar a liberdade das persoas.
Ver a tele non é malo, pero facelo 10 horas ó día seguramente non é bo. De todos os xeitos, tampouco o é practicar deporte 8 horas diarias nin durmir 16 horas. Nin tan sequera traballar máis de 6 horas, aínda que con iso non nos queda outra.
Por que se adquiren, daquela, uns compromisos que non se cumpren? A estipulación duns horarios infantís, por exemplo.
Neste caso a presión social foi moi forte e as televisións non podían ser insensibles á demanda, pero estaremos de acordo en que a medida é, desde a condescendencia, inxenua. Enténdese que os pais e as nais se preocupen de que os seus fillos, cando chegan da escola e do empacho das clases extraordinarias, non se poidan sentar a veren a televisión porque non hai programas edificantes. Pero tampouco poden baixar xogar á rúa, porque estamos construíndo cidades antipáticas nas que non podemos deixar sós os nenos de 10 anos nun parque xogando á corda. E diso a tele non ten culpa. Doutra banda, tampouco se lle pode negar a un fillo ou filla que vexa como é a realidade. Se a realidade é fea, a tele será fea. E os nenos verana non só a través da tele, a realidade arrodéanos, non se agacha e percíbese. A tele amósanos o mundo no que vivimos. Se non nos gusta a tele que temos, non nos gusta o mundo que temos. Imos amañar o mundo, que se amañará a tele.
A televisión dixital é unha consecuencia desta necesidade?
A miña impresión é que agora mesmo estamos na fronteira entre o analóxico e o dixital. Para min este cambio será a marca cronolóxica que sinalarán os historiadores como o paso da Idade Contemporánea a outra Idade, digamos que Cibernética. Eu isto véxoo moi claro e hai que estar aí. Non sabemos que vai pasar, pero o que aconteza vai afectar a moitas ordes da vida e, por suposto, á televisión, que, amais de contalo, vai experimentalo. O planeta segue a ser redondo, pero a globalización é cadrada e nela van converxer todas as novas tecnoloxías.
Significa que chegará iso tan anunciado da interacción do público co medio?
A dixitalización manifestarase na tecnoloxía e, ademais, cambiará os contidos e o xeito de presentalos. Os espectadores terán unha actitude máis activa na selección e mesmo na produción do que lles gusta ver. Eu non son un oráculo nin me gusta xogar a selo, pero, con todo, cando vexo a complexidade que supón Internet, que precisa algo tan complexo como un ordenador para funcionar, dáme a sensación de que estamos na Atapuerca da era das Novas Tecnoloxías. Ó final servirase da tele, dun xeito ou doutro. O que non sei é que forma terá esta tele, pero sospeito que todos os que gravaron a súa voda en vídeo ou en DVD deben ser conscientes de que ese documento audiovisual ten data de caducidade, e non só pola firme posibilidade de que os reprodutores desaparezan, senón porque, ademais, o continente é caduco.
O público non é xa o selector da programación por mor do share?
Efectivamente, pero o cambio será máis cualitativo, aínda que a dependencia da publicidade é inevitable, porque a televisión, que é cara, é pagada, en primeira instancia, pola publicidade. Despois é o consumidor quen asume as custas e por iso manda. Son sociólogo, e ó primeiro resultábame difícil chegar a admitir a veracidade total do share, pero son datos certos e marcan moito ó profesional porque condicionan o resultado final. Cando tes máis audiencia tes máis seguridade no que estás facendo. Mesmo en partes da programación que non priman a rendibilidade é importante saber canta xente te está a ver para que te xulgue, e che aplauda ou censure.
O público vai aplaudir o bo?
Volvemos á orixe do problema. A televisión non é un vehículo de cultura e educación, é un medio de entretemento e información, por moito que algúns intelectuais queiran convertela noutra cousa que, ademais, seguramente tampouco lles gustaría. Actualmente conta con medios técnicos de última xeración e con equipos de profesionais altamente cualificados, pero fáltalle a rexeneración de creadores, de técnicos, de responsables. E isto nótase. Non se pode modernizar unha tele rescatando valores solventes do pasado. Hai que arriscar e crer nos novos talentos, igual que creron nos da miña xeración hai moitos anos.
Por que agora se liga tanto calidade con orzamento?
Os custos da produción son altos. Cando prima a rendibilidade redúcese o gasto, e sempre que este se baixa, inevitablemente réstase calidade. Se te acompañas de xente que se sente pagada só por saír na tele ou que precisa da tele para acadar un propósito, ó final fas unha tele barata, porque producir iso resulta barato, pero non fas unha televisión de calidade. A tele pode ser unha ferramenta moi enriquecedora. Como todo, depende do uso que se faga dela.