Moi cómodas, pero caras e voluminosas
Nos últimos anos os fogares españois recibiron gustosamente un novo electrodoméstico que contribúe a facilitar unha das tarefas cotiás máis lentas e pesadas, secar a roupa, sobre todo en zonas nas que chove moito, en casas nas que non hai tendedeiro ou cando a persoa encargada da bogada e de secar a roupa vai vella ou padece dalgún problema de mobilidade. Con todo, a convivencia das secadoras co resto de electrodomésticos é aínda lenta, e, polo de agora, este aparello só se atopa en un de cada dez fogares españois. O motivo é que fronte á vantaxe de dispor de roupa acabada de lavar ese mesmo día (tras unha hora e cuarto de secado, como mínimo), estes electrodomésticos presentan tamén algúns inconvenientes, como o seu prezo -son aparellos caros-, o espazo que ocupan -tanto ou máis ca unha lavadora-, o seu consumo de enerxía, as engurras -a roupa sae seca pero moi engurrada- e o ruído que emiten mentres están en funcionamento (entre 55 e 66 decibelios).
As secadoras funcionan aspirando o aire da habitación ou cociña onde están instaladas e quentándoo antes de que pase pola chamada ‘bogada’, que se atopa dentro dun tambor que non deixa de virar aireando toda a roupa ó mesmo tempo, conseguindo así un secado uniforme.
Hai dous tipos de secadoras en función do sistema de eliminado da humidade. En ambos os dous tipos está garantida a súa eficacia no secado:
- Secadoras de evacuación: o aire quente que se xera no proceso de secado expúlsase a través dun tubo que é necesario sacar cando a máquina está funcionando, ben sexa pola ventá ou a través dun orificio na parede. Polo tanto, o principal inconveniente dese sistema é a necesidade de que se instalen en lugares nos que se poida evacuar o aire quente fóra da casa. Desde 300 euros.
- Evacuación mecánica: Incorporan un reloxo que lle permite ó usuario seleccionar á man o tempo de secado e controlar o gasto enerxético en función do tipo de roupa que se vaia secar: de algodón (precisará máis tempo), de liño (menos tempo), etc.
- Evacuación electrónica: O usuario pode elixir un programa concreto que determinará, segundo os resultados que desexe, os graos de temperatura e a duración do secado. Entre os distintos programas que facilita este tipo de electrodoméstico está o de ‘bogada para gardar’ e ‘bogada seca ou ultraseca’.
/imgs/20060101/secadora2.jpg Secadoras de condensación: son máis caras (achéganse ós 500-600 euros), ata o punto que, segundo a gama, polo prezo dun modelo de condensación pódense adquirir dous de evacuación. A súa vantaxe é que non expulsan a humidade cara ó exterior, xa que o vapor de aire se condensa cando entra en contacto co aire frío do condensador. Agora ben, hai que baleirar o depósito no que se acumula a auga da condensación. Isto permite que este tipo de secadoras se poidan instalar en calquera lugar, non cómpre habilitar un lugar especial que permita evacuar o aire.
- Tamaño. As súas dimensións son superiores ás dunha lavadora normal. Hai que buscar un lugar amplo que se adapte a unhas medidas de aproximadamente 60 centímetros de ancho, 60 centímetros de fondo e 80 centímetros de alto.
- Consumo. O seu consumo eléctrico oscila entre os 3,07 kWh para algodón e 1,20 kWh para roupa sintética. Por esta razón convén elixir ben, se o aparello o permite, o programa de secado. Ó adquirir unha secadora, é importante fixarse na súa etiqueta enerxética (A, B, C, D, E, F, G) e lembrar que o consumo das que levan o A é o máis eficiente e que os que levan un G son os que máis consomen por realizar unha mesma tarefa.
- Capacidade. Canto máis cheo estea o tambor, máis engurrada sairá a roupa, e máis aínda se a temperatura elixida é elevada. Convén avaliar tamén se interesa esta opción desde o punto de vista enerxético, porque haberá que sumarlle o gasto extra de alisado, que levará máis tempo.
- Programas. Interesa utilizar a función temporizador para programar o ciclo de secado, de xeito que remate xustamente cando máis interese, que é uns minutos antes de comezar a pasar o ferro.
- Limpeza. Unha das prestacións máis recomendables é a de utilizar o filtro antipeluxe, xa que lle garante unha maior vida ó electrodoméstico sempre que se limpe despois de se usar.
- Determine a carga máxima de roupa que lava a cotío.
- Estude polo miúdo o espazo do que dispón para a instalación da máquina. Os modelos de última xeración son moi reducidos, aínda que máis caros có resto.
- Estableza o número de bogadas que pon á semana e mais o tipo de roupa que lava. Non é igual a roupa de traballo, como buzos ou uniformes, cá roupa delicada. Isto daralle a pauta para elixir un electrodoméstico coas prestacións axustadas ás necesidades. Teña en conta que non se seca a mesma cantidade de roupa nun fogar con cativos ou persoas enfermas ca no dunha parella nova sen fillos.
- A miúdo mércanse aparellos con programas que non se van utilizar nunca e que encarecen o produto.
Para paliar o problema do espazo hai dispoñibles no mercado lavadoras-secadoras, electrodoméstico de aspecto idéntico ás lavadoras, que cumpren as dúas funcións nun mesmo aparello. Pero aínda que ocupan moito menos, algúns fabricantes e servizos técnicos de reparación recomendan mercar, sempre que se poida, cada electrodoméstico por separado. A principal razón que esgrimen é que, polo menos de momento, as pezas dunha lavadora ou dunha secadora son máis fáciles de conseguir en caso de avaría cás dunha lavadora-secadora. Neste sentido, os fabricantes aconsellan mercar lavadoras cun mínimo de 1.100 revolucións por minuto para que a roupa saia máis seca do centrifugado e na secadora se poida empregar un programa máis curto.