Prezos máis baixos cos mesmos dereitos
Xaneiro é o mes favorito de quen busca gangas. Ben planificadas, as rebaixas son a mellor ocasión para adquirirmos produtos de calidade a menor prezo. Días antes de que comecen podemos elaborar unha lista coas necesidades familiares e fichar nos establecementos os produtos que nos interesan. A máxima é non pasarmos por alto que seguimos tendo os mesmos dereitos que cando realizamos unha compra en tempada normal.
- Lembre que os produtos que se venden en época de rebaixas deben ser os mesmos que estiveron á venda nos meses precedentes. Por iso, na etiqueta ten que figurar tanto o prezo anterior coma o rebaixado ou a porcentaxe de rebaixa que se vai ofrecer.
- A etiqueta debe ser correcta e lexible en castelán.
- Os produtos rebaixados que sexan exhibidos en escaparates deben levar expostos os prezos.
Devolucións
- Aínda que os comercios non están obrigados a realizar devolucións de produtos en bo estado, a maioría acéptaas. Se durante todo o ano o punto de venda anuncia que se admiten cambios, deberá facelo en rebaixas, non sendo que se indique o contrario expresamente nun lugar visible.
- Cando se pode devolver un produto? Se presenta algún defecto de fabricación anterior á venda. Ademais, nese caso o cliente non ten por que aceptar vales, cheques nin moeda interna. Se aboou a compra cunha tarxeta de débito ou de crédito, a devolución farase á tarxeta. E se adquiriu o produto pagando ó contado, o reembolso será tamén ó contado.
- Cando non ten obriga o establecemento de admitir unha devolución? Cando o produto non está defectuoso, é dicir, se o consumidor cambia de opinión con respecto a un produto e desexa devolvelo, o establecemento pódese negar, sempre que o artigo non sexa defectuoso. Algunhas tendas, como valor engadido dos seus servizos, permiten a devolución de produtos aínda que non presenten defectos de fabricación. Infórmese sobre as condicións -prazos, se se efectuará en metálico ou mediante vales de compra, etc.- para iso.
- Se a publicidade dun establecemento ou dun produto anuncia a través de calquera medio que se vostede non queda satisfeito co produto lle devolven os cartos, ten dereito a que o fagan, xa que a publicidade é vinculante para quen a efectúa. Así e todo, será o establecemento o que decida cando acaban ou cambian as condicións anunciadas mediante a publicidade, así que, antes de mercar, pregunte se continúa vixente.
- Se por lei ten dereito a cancelar o contrato pero o vendedor se nega a devolverlle a cantidade entregada, acuda á OMIC máis próxima ou á Xunta Arbitral de consumo.
- Se adquire un produto antes da época de rebaixas e o devolve cando xa comezaron, deberanlle aboar o prezo que tiña cando o mercou, o importe que indique a factura ou o ticket de compra, e non o prezo rebaixado.
- Para evitar problemas posteriores, examine ben o obxecto da compra antes de pagalo.
- Nas compras a prazos, esixa que lle inclúan unha cláusula que posibilite a disolución do contrato de compra dentro dos tres días posteriores á entrega do artigo.
- Na venda a domicilio e na venda a distancia dispón dun prazo de 7 días, desde a recepción da mercadoría, para devolver o produto.
Calidade e garantía
- Non acepte ningún artigo en mal estado, con taras ou estragado: estaranlle ofrecendo un saldo, non unha rebaixa.
- Se percibe algunha irregularidade, pode defender os seus dereitos denunciando a situación mediante a solicitude dunha folla de reclamacións.
- Os bens de natureza duradeira, como os electrodomésticos, que teñan certificado de garantía tamén o deberán levar en época de rebaixas, nas mesmas condicións e por escrito. O documento de garantía deberá expresar o ben ou obxecto sobre o que recae, o nome e enderezo do garante (o vendedor), o prazo de duración (como mínimo dous anos) e o alcance territorial.
Facturas e modalidades de pagamento
- Esixa e garde os tickets e as facturas por se precisa facer algún cambio ou reclamación.
- A Lei para a defensa dos consumidores e usuarios establece que o ticket debe levar o nome do produto, a data da compra e o prezo e mais o nome do comercio. Se falta algún destes datos, pódelle esixir ó comerciante que llo indique por escrito.
- Os establecementos que admiten o pagamento con tarxetas de crédito durante o resto do ano están obrigados a facelo tamén en rebaixas, agás que se indique de xeito visible o contrario, sen recargo ningún sobre o prezo.