Para situacións extraordinarias
Aínda que se cadra o usuario non o sabe, parte da prima do seguro do seu automóbil ou do importe da póliza multirrisco do seu fogar non vai parar ás arcas da entidade que cobre as continxencias. Esa cantidade, que nos seguros de vehículos ascende a máis de 5 euros e nos de vivenda equivale a unha determinada porcentaxe do capital asegurado, ingrésaa un organismo público, o Consorcio de Compensación de Seguros, que depende do Ministerio de Economía e Facenda. O Consorcio cobre riscos que as aseguradoras non inclúen entre as súas coberturas (como os sinistros producidos por desastres naturais) e asegura a condutores rexeitados polas compañías de seguros.
En que casos indemniza
- Nos sinistros de riscos extraordinarios
- Fenómenos naturais dos que se cobren as consecuencias: inundacións extraordinarias, embates de mar, terremotos, maremotos, erupcións volcánicas, tempestade ciclónica atípica e caídas de corpos siderais e aerólitos. Non se cobre a chuvia caída directamente sobre o risco asegurado, nin a recollida pola súa cuberta ou azotea, a súa rede de desaugue ou os seus patios, nin a inundación ocasionada por rotura de encoros, canais, sumidoiros, colectores e outras canles subterráneas artificiais, non sendo que a rotura se producira como consecuencia directa dun evento extraordinario cuberto polo Consorcio. Na tempestade ciclónica atípica quedan incluídos, entre outros, os tornados e os ventos extraordinarios (refoladas superiores ós 135 km/h).
/imgs/20051001/casa.jpg Riscos derivados de feitos de carácter político ou social dos que se cobren as consecuencias: actos de terrorismo, rebelión, sedición, motín e tumulto popular, e mais os feitos ou actuacións das Forzas Armadas ou das Forzas e Corpos de Seguridade en tempo de paz.- En determinados sinistros de vehículos a motor O Consorcio cobre danos producidos por un vehículo a terceiros e ata o límite do seguro obrigatorio de automóbiles.
- Cando o vehículo é descoñecido: cobre os danos a persoas por sinistros acontecidos en España nos que o vehículo causante sexa descoñecido.
- Se o vehículo carece de seguro: cobre os danos a persoas e en bens cando o vehículo causante dun sinistro con danos e vítimas está sen asegurar, pero quedan excluídos da indemnización os danos ás persoas e nos bens sufridos dos ocupantes voluntarios do vehículo causante do sinistro e que coñecían que non estaba asegurado, sempre que o Consorcio o poida probar.
- Cando o vehículo é roubado: cobre danos a persoas e en bens cando o vehículo causante, con estacionamento habitual en España e estando asegurado, fora roubado.
/imgs/20051001/coche.jpg En caso de controversia entre o Consorcio e a aseguradora: cobre danos ás persoas e en bens se hai controversia entre o Consorcio e a aseguradora sobre quen debe indemnizar ó prexudicado. Se máis adiante se acorda que a quen lle corresponde indemnizar é á aseguradora, daquela esta reembolsaralle ó Consorcio a cantidade indemnizada máis os xuros legais, incrementados nun 25%, desa cantidade desde a data en que se aboou a indemnización.- Se a aseguradora é insolvente: cobre danos ás persoas e en bens cando a entidade española aseguradora do vehículo fora declarada en quebra, suspensión de pagamentos ou se, sendo disolvida e atopándose en situación de insolvencia, está suxeita a un procedemento de liquidación intervida.
No caso de vehículos sen seguros e de vehículos roubados, o Consorcio indemniza a vítima do accidente, pero posteriormente inicia a acción de recobro fronte ó causante do accidente.
Requisitos para cobrar as indemnizacións
En riscos extraordinarios
- Ter subscrito un contrato dun seguro de danos ou de accidentes persoais. A póliza pode ser dalgún dos seguintes tipos: incendios e eventos naturais, vehículos terrestres, vehículos ferroviarios, outros danos ós bens (roubo, rotura de cristais, avaría de ordenadores, etc.), perdas pecuniarias diversas, e mais o seguro de accidentes, aínda que se contrate de xeito complementario a outro tipo de seguro ou no marco dun plan de pensións.
- Ter pagado o recibo do seguro. O aseguro debe estar ó corrente do pagamento do recibo de prima da póliza de seguros que pertenza a algún destes ramos, onde se inclúe un recargo a favor do Consorcio de Compensación de Seguros.
- Período de carencia. Terase dereito á indemnización do Consorcio así que transcorreran 7 días desde a data de emisión da póliza. Este período exclúe os danos persoais.
En sinistros con vehículos a motor A vítima só debe demostrar o acontecido mediante un atestado policial, un informe do taller e un parte médico (de haber danos físicos).
Onde e como tramitar a indemnización
Hai que presentar unha reclamación na delegación rexional do Consorcio da provincia onde se producira o accidente ou na compañía de seguros na que se contratara esta póliza.
- A documentación que cómpre presentar é a seguinte en caso de riscos extraordinarios:
- Folla de comunicación do accidente.
- Fotocopia do DNI.
- Fotocopia da póliza do seguro.
- Fotocopia do recibo de pagamento da prima do seguro actualizada.
- Os vinte díxitos bancarios onde o interesado desexe que lle ingresen a indemnización correspondente.
- Se se produciron danos ás persoas, é preciso un documento acreditativo da causa do sinistro, pode ser unha noticia publicada nun xornal ou un atestado policial. Se se produciron mortes cómpre presentar, amais da documentación de carácter xeral, o certificado de defunción, o Libro de familia e testamento ou declaración de herdeiros, se non hai un beneficiario designado explicitamente na póliza, e mais a liquidación do Imposto de Sucesións (nas comunidades autónomas nas que este imposto está vixente).
En que casos asegura vehículos a motor
O Consorcio asume a cobertura obrigatoria de condutores (mozos, inexpertos ou culpables de moitos sinistros) e de vehículos a motor (como coches ou motos de gran cilindrada e considerados perigosos polas compañías de seguros) non aceptados polas entidades aseguradoras. Para iso, os condutores deben acreditar ou indicar que polo menos dúas compañías rexeitaron a súa solicitude de seren asegurados. Se o Consorcio, ó corrente do que acontece no mercado dos seguros, ten noticia de que hai aseguradoras que non aceptan a determinados clientes, só haberá que achegar o nome destas compañías de seguros, non cómpre acreditalo por escrito. Cando o Consorcio se encarga destes condutores só asegura os danos que produzan a terceiros, tanto os correspondentes ó seguro obrigatorio como, se o condutor o prefire, os de responsabilidade civil voluntaria, máis ampla.