Os datos evidencian que en España se consumen moitos medicamentos e que non se toman todo o ben que se debera. Que grao de coñecemento lle outorga ó consumidor?
En xeral é alto, sobre todo no tocante ós medicamentos básicos. O problema é, efectivamente, o uso que se fai deles. Para comezar, botamos man con demasiada facilidade dos fármacos, sobre todo para automedicarnos, e ademais somos moi anárquicos á hora de seguirmos un tratamento. Os máis dos pacientes non toman os antibióticos durante o número de días prescrito. Cando rematan os síntomas do malestar abandonan o tratamento e isto diminúe a súa eficacia. Ademais, existe unha infravaloración do farmacéutico como profesional sanitario capacitado para exercer a atención ó paciente. É un elo na sanidade que non se utiliza debidamente. Esquécese que hai patoloxías leves que non requiren pasar por unha consulta e que o farmacéutico pode ofrecer un asesoramento gratuíto ou ben derivar a unha consulta de Atención Primaria a un paciente que non lle dá importancia a un síntoma que se cadra si a ten.
Esa infravaloración non se pode deber a que nas farmacias comparten espazo medicamentos e produtos xerais?
Todos os produtos que se venden nelas, incluídos os que non son medicamentos, teñen un permiso concreto e son sometidos a un estrito control para que se poidan comercializar nunha oficina de farmacia. A isto engádese que quen entra a unha farmacia non o fai como se o fixese nun comercio xeral, senón coa expectativa de recibir asesoramento do profesional que o atende, que coñece aquilo que vende e ten licencia para vendelo.
Permítame que insista. Como poden as farmacias vender produtos adelgazantes ou contra a calvicie, por citar só dous exemplos, cando a súa eficacia científica é, cando menos, dubidosa?
Se se dispensan é porque é legal facelo. Converter a farmacia nun comercio máis heteroxéneo depende de cada cal.
Destínanse moitos cartos á investigación de cremas anticelulíticas ou pílulas para a disfunción eréctil ó tempo que a penicilina é un produto de luxo nalgúns países. Que papel xoga nisto Farmacéuticos sen Fronteiras?
Precisamente denuncian que é nas aduanas onde maiores problemas atopan. Por que?
Pola súa mala política e pola corrupción que impera. Non é rara a vez que reteñen contedores nas aduanas, só para cobrar máis aranceis. Isto demora a entrada ó país dunha partida de medicamentos que está admitida e con todos os papeis en regra, pero esa tardanza en dar o permiso de entrada repórtalle cuantiosos beneficios a quen administra as aduanas. Noutras ocasións atopámonos con que mudou a lista de medicamentos que admite o país sen esgrimir razóns para facelo, co cal se embarga determinado fármaco, que se perde. Aínda que custe dicilo, as maiores dificultades impóñennolas os gobernos dos países ós que queremos chegar.
Unha vez dentro, non tropezan con intereses das propias industrias ou cos despachos dos medicamentos?
O noso radio de acción non son as grandes cidades. En todas elas hai oficinas e laboratorios. As nosas aspiracións son máis modestas, queremos chegar a comarcas nas que a poboación ten que percorrer moitos quilómetros para conseguir un fármaco básico. O xeito de actuar consiste en percorrer zonas co que chamamos unha botica de primeiros auxilios, é dicir, cun pequeno contedor ben abastecido e accesible á economía desa sociedade á que nos diriximos. Precisamente, o custo económico dos medicamentos é a súa principal dificultade. Atendendo á súa pregunta, direille que un dispensario social non adoita ter problemas de actuación se se limita a ofrecer o máis básico do básico, evitando entrar en competencia con farmacias particulares da zona.
Nesa liña, as ONG avogan por involucrar o maior número de persoas autóctonas nas súas actividades. Atopan o xeito de facelo?
Nalgúns países mantéñense parámetros de caridade. Pero así non se logra o propósito final de abastecemento autónomo, o único que posibilita un reparto real e xusto. O noso xeito de actuar está encamiñado a atender a poboación que o necesite, pero procurando en todo momento dotala dos medios e da infraestrutura necesaria para que a xestión do reparto sexa autónoma.
Non é raro que unha persoa que viaxe a África ou a América do Sur considere a conveniencia de levar medicamentos para entregalos alá. Que lle parece?
Se se trata dun particular, diríalle que, seguindo as instrucións da OMS, mellor que non o faga. Amais de estar introducindo un produto sanitario sen poñelo en coñecemento das autoridades, o que lle pode xerar un serio problema, o turista raramente chega a conectar con quen aspira a axudar. Doutra banda, que fármaco leva, en que lingua está escrito o prospecto e para que é? Cando faciamos recollida de medicamentos entre particulares tiñamos que seleccionar os produtos, porque atopabamos algúns contra o colesterol, por exemplo, inútiles en lugares nos que a pandemia é a fame ou a desnutrición. Así e todo, o máis habitual é que sexa un colectivo o que teña a iniciativa de remitir medicamentos. Nese caso, ofrecemos a nosa ONG como canle. Se prefiren xestionar eles a doazón, poñémolos en contacto con grandes laboratorios de medicamentos xenéricos, sen ánimo de lucro e especializados en Cooperación ó Desenvolvemento e Emerxencias, cos que nós traballamos. É o modo máis económico de levar adiante o tema porque a burocracia á que te enfrontas é enorme. Un contedor vale moitos cartos, polo que se aproveitan outros envíos para espremer ó máximo as contas.
Se do que se trata é de paliar unha crise froito dunha traxedia ou catástrofe, como actúan?
A experiencia dinos que o máis eficaz é traballar con outras ONG. No caso do tsunami asiático, nós puxémonos en contacto con Mensaxeiros da Paz, que xa estaban traballando na zona, e foi a eles a quen lles remitimos as doazóns que xestionamos.
Serven os mesmos medicamentos en calquera lugar do mundo?
En termos xerais, si. Agora nos países desenvolvidos precisamos antibióticos de terceira xeración, máis fortes e, por certo, con máis efectos secundarios. Pero a medicina de prevención, que é a máis eficaz, serve igual en todas partes. Son cada vez máis os países en disposición de pór en marcha campañas infantís de vacinación coas que protexer a súa poboación.
Precisamente, escóitase nos últimos tempos que, debido á inmigración e ó maior movemento de persoas polo mundo se están importando enfermidades, ou que reaparecen patoloxías que se coidaba que estaban superabas. Ten constancia disto?
Non sendo no caso das enfermidades tropicais ou exóticas que poida traer un viaxeiro, é moi difícil afirmar que se importan ou exportan enfermidades.
É tamén unha lenda urbana iso de que determinadas comunidades non saben usar profilácticos?
É certo, pero o problema tamén é cultural e de mala información. Sobre todo cando o uso do preservativo se liga ó SIDA, unha enfermidade en ocasións entendida como un castigo divino, o que lle confire a natureza de inevitable. Ademais, a algunhas poboacións levóuselles a mensaxe de que é o preservativo o que produce o SIDA, co fin de que non o usen. Se a estas mensaxes mentireiras lles sumas unha cultura na que as relacións sexuais non teñen ese estigma maligno que algunhas tradicións queren impor, e que o seu goce é moito máis natural, non é estraño que o monstro da enfermidade sexa cada día maior.
Regresando á nosa sociedade, por que non se avoga con maior forza pola investigación de remedios para enfermidades pouco frecuentes?
Este é un eido que para a industria se cadra non é rendible, polo que o deberían cubrir os Estados, pois é a eles a quen lles corresponde servir a toda a poboación, tamén á minoritaria, e deberían ser os equipos científicos de investigación dun país os que deran cos remedios. Así e todo, as carambolas na investigación fan que moitas veces se logren obxectivos que non se buscaban, e así pode acontecer con algúns fármacos. Desde o punto de vista do profesional farmacéutico, estase procurando colaborar para que se poidan desenvolver este tipo de investigacións.