Actividades extraescolares

Aprendizaxe e diversión ó saír de clase

A actividade débena elixir os propios nenos e nenas, preferiblemente segundo os seus gustos, carácter e habilidades
1 Outubro de 2005

Aprendizaxe e diversión ó saír de clase

Ximnasia, danza, judo, natación, informática, idiomas, teatro, pintura, música… As actividades extraescolares convertéronse nun complemento da xornada escolar de moitos nenos e nenas e mesmo nunha materia máis e nun desafogo para os pais cunha densa axenda laboral. Realízanse fóra do horario escolar e contribúen a espertar inquedanzas, a reforzar os seus coñecementos nalgunha área, a fomentar a creatividade e a desenvolver valores. Pódense realizar tanto nos propios centros educativos coma en academias ou clubs deportivos, aínda que polo xeral as actividades son as mesmas. A diferenza radica no prezo, que adoita ser menor nas escolas porque normalmente están subvencionadas.

No tocante ás preferencias, segundo o primeiro informe do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte no que se usa o novo método do Ministerio para avaliar a calidade do ensino, cómpre salientar que o 65% dos alumnos españois practica deporte -fútbol, judo e ximnasia rítmica son os máis demandados-, mentres que só un 17% está interesado pola informática como actividade extraescolar, un 15% polo ballet e un 35% polos idiomas, maioritariamente polo inglés.

Os expertos sinalan que as actividades extraescolares son útiles na medida en que favorecen o desenvolvemento persoal do neno, e que este debe vivilas como unha experiencia lúdica, como un tempo dedicado ó xogo, distinto ás clases convencionais. Á hora de elixir unha actividade educativa ou deportiva para o fillo, é fundamental contar coa súa opinión favorable; se non, ó pouco vaise sentir desmotivado e se cadra acaba detestando esa actividade. Tampouco se pode abusar delas: un neno non está preparado para soportar unha xornada de adulto e unha sobresaturación pode ocasionarlle estrés emocional.

Actividades deportivas

Contribúen a un adecuado desenvolvemento físico dos nenos e a que amplíen capacidades como a percepción espacial, a coordinación motriz, a axilidade e o equilibrio. A nivel social, os menores aprenden a asumir responsabilidades, comprenden as normas establecidas, viven éxitos e afrontan fracasos. Así e todo, cómpre tomar certas precaucións, xa que cando esta actividade supera os límites máximos permitidos -con posicións e execucións incorrectas ou cargas excesivas-, pódense producir efectos indesexables. Por iso é indispensable que o deporte infantil sexa impartido por educadores especializados, que adapten a actividade á idade e condición física do menor. Ademais, a práctica do deporte de competición non se pode comezar ata os 10 anos.

  • Baloncesto. Axuda a controlar as accións individuais para adaptalas ó resto do grupo. Practicado con regularidade, prevén a aparición de problemas no aparello locomotor e axuda a controlar o peso corporal. Desenvolve a rapidez, a flexibilidade e a axilidade. Comézase habitualmente ós 7-8 anos como xogo. O adestramento máis regular para acadar un bo nivel realízase a partir dos 12 anos. Prezo: Entre 15 e 20 euros.
  • Artes marciais. Favorecen o desenvolvemento mental e psicomotriz, harmonizando corpo e mente. Incentivan a concentración, o que lles permite aprender a dominar os impulsos. Melloran a coordinación, a resistencia, a forza, a velocidade, a flexibilidade e a autodisciplina. Aconsellable tanto para nenos tímidos, xa que lles brinda seguridade, como agresivos, pois poden descargar o exceso de enerxía. Prezo: Entre 15 e 20 euros.
  • Patinaxe artística. Mellora a coordinación, o equilibrio e a habilidade motriz. Desenvolve os músculos das pernas e aumenta a forza. As articulacións adquiren maior elasticidade. Indicado a partir dos 6 anos. Prezo: Entre 15 e 21 euros.
  • Fútbol. Mellora a velocidade e capacidade de reflexos. Fomenta o traballo en equipo. Antes dos 11 anos practicarase este deporte só como xogo, sen que se compita. A partir dos 12 anos pódese participar en competicións infantís, cunha duración máis breve, balón especial e nun campo máis pequeno. A partir dos 15 anos xa se pode competir de xeito máis real, pero deixando transcorrer tempo abondo entre partido e partido (polo menos, 48-72 horas). Prezo: Entre 15 e 20 euros.
  • Tenis. Mellora os reflexos, a coordinación e a psicomotricidade. Permítelles descargar a agresividade. Indicado a partir dos 5 anos. Prezo: Entre 15 e 31 euros.
  • Ximnasia rítmica. Contribúe a mellorar as habilidades motrices, o coñecemento do seu corpo, o ritmo e o movemento dentro dun conxunto artístico. Favorece o traballo en equipo. Indicado a partir dos 5 anos. Prezo: Entre 14 e 20 euros.
  • Voleibol. Incentiva a tolerancia, a deportividade, o respecto ós compañeiros e ás regras do xogo. Mellora a axilidade, os reflexos, a forza e a velocidade. Permite acadar unha boa forma física, xa que se traballan tanto os músculos dos membros inferiores coma os dos superiores. Indicado a partir dos 10 anos. Prezo: Entre 15 e 20 euros.
  • /imgs/20051001/nata.jpgNatación. É unha das actividades deportivas máis completas. Trabállanse e exercítanse os músculos, a coordinación motriz e o sistema circulatorio e respiratorio. Os exercicios suaves combinados coa auga a unha temperatura agradable relaxan o neno, estimulan o seu apetito, fano comer e durmir mellor e, en consecuencia, melloran o seu carácter e comportamento. O adestramento máis intenso non se debe comezar antes dos 10-12 anos, segundo o grao de desenvolvemento do neno. Prezo: Entre 15 e 20 euros.
  • Xadrez. Aprenden a pensar desenvolvendo a memoria, o razoamento lóxico, a intuición, a concentración e a imaxinación. Ensina a tomar decisións, asumindo os acertos e os erros. Desenvolve o sentido da responsabilidade. Incrementa a paciencia. Indicado a partir dos 7 anos. Prezo: Entre 13 e 23 euros.

Actividades artísticas

Potenciar o gusto pola estética, a creatividade, a reflexión e o afán de superación. A música, o canto, a escritura, a pintura, a escultura, a fotografía ou os traballos manuais son algunhas das opcións. A música e o baile xogan, ademais, un papel fundamental na estimulación do desenvolvemento psicomotor, e estudar un instrumento musical fomenta o razoamento espacial e ensina valores como autodisciplina, perseveranza e responsabilidade.

  • Pintura. Desenvolve a creatividade, a destreza manual e visual, a expresión plástica e o gusto polo fermoso. Indicado a partir dos 6 anos. Prezo: Entre 17 e 33 euros.
  • Teatro. Estimula a memoria, a imaxinación, a creatividade e o control do movemento corporal. Fomenta a lectura. Indicado a partir dos 8 anos. Prezo: Entre 14 e 27 euros.
  • /imgs/20051001/musica.jpgMúsica. Estimula a imaxinación e axuda a desenvolver a creatividade. Axuda a desenvolver a memoria, o sentido da orde, a capacidade de atención sostida e da análise. Mellora a capacidade de concentración e desenvolve a sensibilidade e a memoria. Facilita o proceso de aprendizaxe porque activa un enorme número de neuronas. Os instrumentos máis recomendables para nenos son o piano, a frauta e os de percusión. Indicado a partir dos 4 anos. Prezo: Entre 15 e 33 euros.
  • Danza. Inflúe positivamente na expresión e comunicación corporal, desenvolvendo o sentido musical, a coordinación e o traballo en equipo. A danza dálles conciencia do seu propio corpo, sentido do ritmo, desenvolve as capacidades motrices e a coordinación, mellora a habilidade sensorial, potencia a mente e a memoria e estimula a sociabilidade. Indicado a partir dos 4 anos. Prezo: Entre 13 e 20 euros.

Actividades académicas

O seu obxectivo principal é acadar coñecementos. A aprendizaxe dalgún idioma, o reforzo das materias da escola e a informática son as máis importantes.

  • Idiomas. Segundo desvelan estudos neurolóxicos, os nenos poden aprender dúas linguas ó mesmo tempo e as dúas son recollidas na mesma área do cerebro. Pola contra, cando a aprendizaxe se leva a cabo xa de adultos, o segundo idioma recóllese nunha zona cerebral distinta á do idioma materno. Por iso, os nenos que son expostos precozmente a un segundo idioma medran adquirindo os dous como se fosen linguas estancas e non hai risco de contaminación lingüística. Ademais, a súa utilidade futura tanto no desenvolvemento profesional coma na vida persoal é indiscutible. Indicado a partir dos 3 anos. Prezo: Entre 10 e 37 euros.
  • Informática. Os nenos de hoxe en día pertencen á era de Internet e para eles as novas tecnoloxías son unha ferramenta de uso cotián. A informática debe empregarse como un recurso didáctico para favorecer a aprendizaxe e a consecución dos obxectivos nas distintas etapas educativas. Indicado a partir de 6 anos. Prezo: Entre 14 e 37 euros.

Como atinar na elección

  • As actividades extraescolares realízanse no tempo de lecer do neno, polo que deben ser atraentes abondo para espertaren o seu interese. Pero antes de nada, pregúntelle ó seu fillo ou filla se lle interesa practicar algunha. Motíveos para que o fagan, pero non lles impoña nada.
  • Para elixir actividade, teña en conta os gustos, o carácter e as habilidades do neno ou nena. Se non o fai así, ó pouco o rapaz se cadra fártase de asistir ás clases e pode acabar detestando esa actividade. A partir dos catro anos os nenos xa saben o que lles gusta e en que actividade se senten máis cómodos.
  • Non faga prevalecer as súas frustracións: non trate de que o seu fillo ou filla destaque nunha actividade que a vostede se lle resistiu. E evite o sexismo. Hai estudos que demostran que se tende a inscribir os nenos en judo e as nenas en ballet.
  • Non o sobrecargue. Sexa cal sexa a opción elixida, non o sature. As clases extraescolares non deben superar as 3-4 horas semanais. Non esqueza que o seu fillo precisa tempo libre.
  • Se ve que a actividade o abafa porque non chega ben intelectual ou fisicamente, busque outra que vaia mellor co seu carácter.
  • Non empregue a actividade extraescolar para acadar algo ou para penalizar unha actitude.
  • Amose interese polos logros do seu fillo. Sentirase apoiado e valorado.

Unha actividade para cada neno

  • Para os nenos tímidos e introvertidos, as mellores actividades son as que se practican en grupo, xa que o axudan a se relacionar cos seus compañeiros e a vencer os seus medos e temores. Están desaconselladas as competitivas. Danza, ballet ou teatro son algunhas das actividades máis recomendadas.
  • Os nenos preguiceiros deben practicar actividades individuais que os obriguen a esforzarse, como por exemplo tocar algún instrumento musical, o esquí, tenis, patinaxe ou pintura.
  • Para os nerviosos ou agresivos, as máis adecuadas son aquelas que os obriguen a dominarse en situacións nas que hai unha certa tensión, como as artes marciais, a natación, a hípica ou o xadrez.
  • Os nenos con problemas para relacionarse deben realizar actividades de grupo, nas que teñan que formar parte dun equipo. Baloncesto, fútbol, balonmán, ximnasia rítmica ou voleibol son algunhas das prácticas máis adecuadas.