Fluidez do tráfico urbano

Nalgunhas cidades o tráfico é tres veces máis lento ca noutras

Comparada a fluidez do tráfico en 18 cidades: o bus foi o medio de transporte máis lento en todas, agás en Bilbao
1 Outubro de 2005
Img temap 240

Nalgunhas cidades o tráfico é tres veces máis lento ca noutras

/imgs/20051001/img.tema-portada.jpg
CONSUMER EROSKI investigou, mediante unha proba práctica e un sistema propio de análise, a fluidez do tráfico en 18 cidades: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Cádiz, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Santander, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza.

Técnicos da revista realizaron o pasado mes de xuño unha serie preestablecida de desprazamentos en cada unha destas cidades co obxecto de comparar o tempo empregado e o gasto que lle supuñan ó usuario dos diversos medios de transporte público e privado: autobús, moto, taxi e metro (nas cidades que contan con el), dunha banda, e coche propio, doutra. En total, cubriuse unha media de 39 quilómetros en cada cidade durante os mesmos intervalos horarios e en percorridos semellantes. No rexistro de tempos anotouse non só o traxecto en cada medio de transporte, senón tamén o tempo necesario para acceder a eles (parada de bus, de taxi, etc.) e, de ser o caso, para aparcalos.

Conclusión: circúlase moi a modo, especialmente en bus

Nas cidades de España circúlase moi a modiño (8 minutos leva de media nestas 18 cidades cubrir un quilómetro en coche privado; ródase, polo tanto, a unha media de 7,5 quilómetros por hora), rexístranse enormes diferenzas na fluidez do tráfico segundo sexa a cidade, e isto non sempre é explicable polo tamaño ou pola poboación da cidade: en Alacante e Santander cómpre case o dobre de tempo ca en Barcelona (15 minutos, fronte a 8) para percorrer un quilómetro en coche privado. A cidade na que se precisou menos tempo para salvar este quilómetro de distancia foi Pamplona: abondaron catro minutos. A media das 18 cidades foi de pouco máis de 8 minutos, pero houbo grandes diferenzas. Destacaron positivamente, tras Pamplona, e de menos a máis tempo necesitado, A Coruña (6 minutos e 3 segundos), Málaga, Valencia, Vitoria, Granada, Oviedo e Cádiz; nestas sete cidades necesitáronse entre 6 e 7 minutos para facer un quilómetro en coche privado. Preto quedou Bilbao, con 7 minutos e 10 segundos. As cidades menos compasivas co usuario que utiliza o seu propio coche foron Alacante e Santander, onde se necesitaron máis de 15 minutos para cubrir cada quilómetro. Seguen o seu ronsel Madrid (11 minutos e 40 segundos) e Sevilla (case 9 minutos e medio). O resto das cidades achegábanse ó valor medio: 8 minutos por cada quilómetro.

/imgs/20051001/img.tema-portada.01.JPG O estudo comparou tamén a eficacia coa que responden os medios de transporte ás présas dos seus usuarios. E xurdiu algunha sorpresa, que non foi que o medio máis rápido resultara, en todas as cidades, a moto. Pero si o foi que o segundo lugar lle correspondera ó metro só en Barcelona e Bilbao; e non en Madrid (onde foi máis áxil o taxi) nin en Valencia (taxi e coche privado son máis rápidos). O taxi ocupa o segundo lugar en rapidez en 13 das 18 cidades (na Coruña, en Vitoria e en Murcia foi máis lixeiro o coche privado). O terceiro lugar do podio é para o coche en 13 cidades, e o cuarto (quinto nas cidades con metro) adxudícase ó bus, no furgón de cola en todas as cidades menos en Bilbao, onde este posto o leva o coche privado. En definitiva, o bus, o transporte urbano por antonomasia nas urbes sen metro, segue sendo moi lento: en Santander, en Murcia e en Alacante foron precisos arredor de 20 minutos para percorrer un quilómetro, e non constitúen un caso extremo: a media do bus nas cidades estudadas foi de 11 minutos e medio, cando a moto só precisou 4 e medio, o taxi 6, o metro 7 minutos e o coche privado 8 minutos (trátase en todos os casos das medias das 18 cidades). A cidade na que máis rápido se circulou en bus foi Bilbao (pouco máis de seis minutos cada quilómetro), e tamén obtiveron moi bos rexistros os buses de Pamplona e Cádiz (arredor de 7 minutos), Málaga e Valladolid (menos de 9 minutos). E foron moi lentos os buses de Oviedo, da Coruña e de Madrid, que precisaron máis de 13 minutos para cubrir un quilómetro.

Tamén se pode comparar a fluidez do tráfico en xeral de cada cidade facendo unha media aritmética do tempo necesitado por todos os medios de transporte utilizados na proba práctica. E constátase que a máis condescendente cos usuarios que se desprazan nun medio motorizado é Pamplona, e a certa distancia quedaría o grupo composto por Bilbao, Cádiz e Málaga. No outro extremo, as de tráfico máis lento serían Alacante, Santander e Murcia, seguidas (a notable distancia) de Madrid. A outra grande urbe, Barcelona, queda en posición intermedia.

En Bilbao o bus foi máis rápido có coche privado

Pamplona é a cidade onde se transita con máis fluidez en coche, pero o resto de medios de transporte sitúnse tamén entre os máis rápidos do estudo. Bilbao é a única na que o bus foi máis rápido có coche privado. En Cádiz, Valladolid e Málaga destacou a axilidade do bus, mentres que en Murcia, Santander e Alacante, a enorme lentitude do bus situounas á cola en fluidez xeral do tráfico. Para o coche, Pamplona, A Coruña e Málaga son as máis convenientes, mentres que Alacante e Santander son as máis lentas.

As diferenzas no tocante ó taxi tamén foron importantes: mentres que en Bilbao, Cádiz, Málaga, Zaragoza, Granada e Pamplona abondan menos de cinco minutos por cada quilómetro, en Murcia e en Alacante, como acontece tamén co coche privado, cómpre o dobre de tempo. Así, o taxi é o segundo medio máis rápido, logo da moto, en todas as cidades, non sendo en Murcia, na Coruña e en Vitoria (onde se ve superado polo coche), e en Barcelona e en Bilbao, onde o metro foi máis rápido na proba.

Os resultados das catro cidades que dispoñen de metro foron positivos, aínda que destacaron os de Bilbao e Barcelona, onde foi o segundo medio máis rápido. En Madrid, o metro supera en rapidez ó coche e mais ó bus, pero en Valencia só ó bus.

A moto, a máis económica

/imgs/20051001/img.tema-portada.02.jpg
Para analizar o que custa desprazarse na cidade tivéronse en conta o prezo do billete simple de autobús e de metro, o consumo de gasolina na moto, o importe da carreira e da chamada telefónica (se é necesaria) no taxi, e a gasolina e os gastos de aparcamento (de seren necesarios, tanto na orixe coma no destino) no coche privado.

Mentres que cubrir un quilómetro en moto representa, de media, 0,04 euros, en taxi supón 1,8 euros. No resto de medios de transporte, é semellante: entre 0,31 euros por quilómetro do metro e 0,36 euros e 0,37 euros que supón facelo en coche e autobús, respectivamente.

O prezo dos billetes simples de bus (tarifa media nas 18 cidades) é de 0,9 euros por traxecto, aínda que oscilan entre os 0,75 euros do billete en Zaragoza e os 1,15 euros de Barcelona. Así e todo, en todas as capitais hai posibilidades de economizar (tarxeta bonobús, abonos mensuais ou anuais, descontos para estudantes e mozos, xubilados, familias numerosas, persoas con baixos ingresos). Ademais, nalgunhas cidades hai billetes combinados ou únicos para viaxar a un mesmo prezo e co mesmo billete en bus, metro, tren de proximidade, etc. E as catro cidades que dispoñen de metro fixan tarifas semellantes nos seus billetes simples: entre 1,15 euros (Barcelona e Bilbao) e 1,1 euros e 1 euro de Valencia e Madrid, respectivamente.

Canto transporte público

A dotación de transporte público rexistra diferenzas moi significativas entre cidades. Madrid, Alacante e Barcelona dispoñen de máis de 18 asentos de bus urbano cada mil habitantes, mentres que en Vitoria e Cádiz hai menos de 10 e Murcia e Santander superan lixeiramente esa ratio. En taxis, Barcelona e Madrid son de novo as mellor dotadas: na cidade condal hai máis de 6 taxis cada mil habitantes, pero Murcia, Vitoria e Pamplona apenas chegan a un.

/imgs/20051001/img.tema-portada.03.jpg No tocante ós horarios de funcionamento dos buses, destacan os de Sevilla e Valencia (máis de 21 horas diarias), Bilbao e Cádiz (superan as 19). Pola contra, en Murcia e en Oviedo só transitan 16 horas e media ó día. No que atinxe á dotación de buses ecolóxicos (dispoñen dun motor cunha emisión de contaminantes lixeiramente inferior ós esixidos polas normas europeas), a situación é moi mellorable: apenas un de cada catro autobuses que circulan polas nosas cidades utilizan combustibles ecolóxicos ou pouco contaminantes. A mellor situación atopouse en San Sebastián e Cádiz, cidades nas que case toda a frota de autobuses emprega carburantes ecolóxicos, Valladolid (tres de cada catro buses son ecolóxicos) e Oviedo (o 55%). No outro extremo figuran as cidades de Alacante, Granada, Murcia e Zaragoza, onde ningún dos seus buses usa combustibles que se poidan denominar ecolóxicos.

Tampouco a cantidade de carrís bus nas cidades estudadas é precisamente eloxiable: A Coruña, Cádiz e Santander non contan nin sequera cun só tramo reservado e delimitado especificamente para o transporte público de viaxeiros. E outras tres cidades só contan con dous ou menos quilómetros de carril bus. Destacan positivamente Barcelona e Madrid (un cento de quilómetros) e Valencia (72 quilómetros).

As maiores facilidades para os descapacitados (e para as persoas que conducen carriños de neno) no transporte público víronse en Oviedo (todos os buses estaban adaptados), Murcia, Madrid, Barcelona, Málaga, Alacante e Zaragoza, con máis do 80% dos seus buses adaptados mediante ramplas de acceso, plataformas elevadoras ou acceso baixo. Onde menos se pensou nas necesidades destes usuarios é en Santander e na Coruña, con apenas a metade dos buses adaptados, aínda que na capital cántabra está previsto que toda a frota de autobuses urbanos estea adecuada a comezos do 2006. Nos taxis, a situación é moi mellorable en xeral, pero máis aínda en Alacante (non hai ningún “eurotaxi”, nome que se lle dá ós adaptados), mentres que na Coruña, en Barcelona, Málaga, Valencia, Sevilla, Zaragoza e Madrid menos do 1% da frota lles facilita o acceso a persoas en cadeira de rodas ou con carriños para nenos. En Pamplona, os taxistas si pensaron nestes colectivos: case o 10% dos que circulan son eurotaxis, mentres que en Vitoria os taxis adaptados representan preto do 6% da frota.

Mellor o transporte público

/imgs/20051001/img.tema-portada.04.jpg
Aínda que non sempre o bus ou o metro son máis rápidos nin máis baratos có coche ou cá moto, son unha alternativa que convén ter en conta. Son máis baratos, menos contaminantes, causan menos tensión e fan as cidades máis habitables. E se podemos cubrir as distancias andando ou en bici, mellor: a nosa saúde agradeceránolo.

Notas sobre o terreo…

Dado que cantos menos coches circulen pola cidade, máis fluído e rápido é o tráfico, técnicos de CONSUMER EROSKI observaron o número de pasaxeiros que viaxaban en cada coche e a cantidade de motos e bicicletas que transitaban polas cidades.

Colocáronse en dous lugares diferentes de cada cidade, nun cruce ou rotonda céntrica e nunha rúa de entrada ou saída cara a un polígono industrial, durante dúas horas e dous días consecutivos. Os resultados do exame son desalentadores: practicamente en sete de cada dez (concretamente, o 69%) dos 7.200 vehículos observados (uns 400 en cada cidade), tan só ía un pasaxeiro (o condutor) no seu interior. Por cidades, houbo diferenzas: só en Cádiz a metade dos coches que circulaban ían con dous ou máis pasaxeiros, mentres que en Málaga e Granada a proporción era do 40% e en Alacante do 39%. Así e todo, no lado máis negativo, na Coruña o 84% dos coches circulaba con só unha persoa no seu interior, igual có 79% dos coches de Sevilla e máis de tres de cada catro en Bilbao, San Sebastián e Vitoria.

Ademais, os resultados foron semellantes nas dúas zonas: no centro só o 30% dos coches levaban dous ou máis pasaxeiros, e nos accesos ós polígonos industriais a media foi do 32%.

Motos e bicis na cidade

/imgs/20051001/img.tema-portada.05.jpg
A proba realizouse tamén durante dúas horas en dous días consecutivos, en lugares con amplo tránsito de vehículos (rotondas, cruces, semáforos, etc.). De media, apenas un 19% dos vehículos que transitaban polos puntos de observación eran motos (un 17%) ou bicicletas (un moi exiguo 2%), mentres que un 81% eran coches privados.

O maior tránsito de motos e bicis anotouse en Granada e Cádiz, onde un 34% das persoas ían en moto ou bici; o resto das tidas en conta no estudo facíano en coche. En San Sebastián, o 31% usaban moto ou bici. En Valencia, Málaga e Barcelona, unha de cada catro persoas transitaban en moto ou bici, pero en Madrid eran só o 6%, e na Coruña, Pamplona e Vitoria apenas chegaban ó 7%.
Doutra banda, no tocante ó uso da bicicleta, a cidade na que se comprobou que máis se utilizaba foi San Sebastián: un 9% das persoas empregaban este medio para se desprazaren na cidade no momento da observación, situación que contrasta coa observada en cidades como Madrid, A Coruña e Alacante, onde non chegaban ó 1% as persoas que se desprazaban en bicicleta nos puntos de control establecidos por esta revista.

O tráfico en 15 liñas

O medio de transporte máis rápido: en todas as cidades, a moto; despois, o taxi (agás en Murcia, na Coruña e en Vitoria, onde é o coche, e en Barcelona e Bilbao, onde é o metro).

O medio de transporte máis lento: en todas as cidades, agás en Bilbao, o autobús, e con moita diferenza.

O máis económico: a moto, seguida do metro, o coche privado e o autobús.

Os medios de transporte menos contaminantes: tranvía, metro e autobús de combustible ecolóxico.

As cidades co tráfico máis fluído durante a proba: Pamplona, Bilbao, Cádiz e Málaga.

As cidades co tráfico máis lento: Alacante, Santander, Murcia e Madrid.

Onde se circula máis rápido en coche privado: Pamplona, A Coruña e Málaga.

Onde van máis lentos os coches privados: Alacante, Santander e Madrid.

O autobús urbano máis rápido: Bilbao, Pamplona, Cádiz e Valladolid.

Os taxis máis rápidos: Bilbao, Zaragoza, Málaga, Cádiz e Granada.

A cidade con maior parque relativo de taxis (tendo en conta a súa poboación): Barcelona, e despois Madrid.

As de menos taxis: Murcia, Vitoria e Pamplona. E as de menos autobuses? Vitoria e Cádiz.

As que teñen máis autobuses urbanos en proporción á súa poboación: Madrid, Alacante, Barcelona e Granada.

As que teñen os horarios de autobuses máis amplos (sen ter en conta liñas nocturnas): Sevilla e Valencia.

As de horario máis restrinxido de autobuses urbanos: Murcia e Oviedo.