Liberdade ou dependencia?
Sócrates afirmou: “Vou falar coa cabeza tapada, para que, galopando polas palabras, chegue axiña ata o final, e non me free, de vergoña, ó ollarte”. Escoitado isto, o seu discípulo Platón, nun dos seus diálogos escritos, demostrou que é máis doado establecer unha relación cunha persoa á que non ves, á que nunca viches e á que probablemente nunca verás, ca cunha persoa á que ves, sobre todo cando o que se quere transmitir son afectos e sentimentos amorosos. Aínda que estes filósofos da Antiga Grecia non coñecían as novas tecnoloxías da comunicación do século XXI, as súas palabras axúdannos a entender o fenómeno que se está producindo na nosa era: as relacións persoais remotas que se valen da palabra escrita para comunicarse.
A posibilidade de establecer relacións a través dun chat, por medio de SMS ou con correos electrónicos é máis doado ca facelo en persoa. Faise sen os impedimentos físicos que impón a importancia que os factores estéticos teñen na actualidade e serve tamén para eludir condicionantes económicos e sociais do medio habitual. Agora ben, a ausencia destas características pode facer, tamén, que o que se diga non sexa tan verdadeiro como se pensa. A razón é que se agachan facetas que cando se fala cara a cara non gusta que queden en evidencia. A vergonza, a timidez e o medo ó ridículo quedan superados nun medio virtual porque falamos coa “cabeza tapada”. E, aínda que a linguaxe escrita é inferior en matices, ten a vantaxe de eludir as barreiras que deveñen dos roles que cada cal desenvolve na sociedade.
Isto, como todo, ofrece vantaxes e aspectos negativos. Grazas ás novas tecnoloxías establécense relacións interesantes entre persoas con gustos e inquietudes semellantes, e mesmo poden librar a unha persoa do illamento, pero tamén a poden sumir nunha realidade de mentiras e confusións que pode xerar graves e perigosas frustracións.
As máis das veces, a rede convértese en vía de contacto con persoas e grupos que doutro xeito permanecerían inaccesibles. Grazas a esta ferramenta supéranse distancias físicas e sáciase a curiosidade de coñecer máis xente, con quen, polo xeral, se comparten afeccións e intereses. Ata aquí, todo é positivo. O problema xorde cando esas relacións substitúen as mantidas por contacto e proximidade. Así e todo, non por iso se debe matar o mensaxeiro e converter Internet nunha ferramenta maligna. Non se debe facer pola sinxela razón de que as patoloxías que evidencia son preexistentes. É dicir, Internet non é a causa de relacións anómalas, senón a oportunidade de que persoas con problemas emocionais fagan uso desta rede para superalos e, sen querelo, queden atrapados nela ata o punto de que se transforme no seu único modo de comunicación.
As persoas que se relacionan a través de Internet experimentan unha sensación de liberdade que non obteñen nas relacións ordinarias. Aínda que se deben seguir unhas regras e unhas normas propias do medio, as charlas prodúcense de tal xeito que permiten actuar desde o convencemento de que se eludirán posibles consecuencias non buscadas. O internauta cre controlar a situación e busca fórmulas de expresión impensables noutros contornos. Ademais, a escrita descubre interioridades que na vida cotiá permanecen ocultas e esta actividade posibilítalle practicar unha vella afección da humanidade: o simulacro, a posibilidade de xogar a sermos outras persoas, de vivirmos outras vidas, aínda que sexa de maneira pasaxeira. Pero, sobre todo, quen comparte con outras persoas o seu tempo e espazo grazas a Internet sente que pode romper o compromiso cos seus interlocutores de xeito unilateral sen máis explicacións.
Todo o sinalado, salvo a incapacidade de non asumir compromisos, non é nin bo nin malo. Xogarmos a ser outro é unha práctica unida ó home e á muller. De feito, hai persoas que fan diso a súa profesión (velaí están os actores). Descubrir matices de un mesmo grazas á plasmalo por escrito pode ser positivo; sentirse libre e seguro co que se fai, tamén. Daquela, por que xorden as dúbidas?, por que se temen consecuencias negativas a esta práctica?
As persoas que atopan en Internet unha fórmula máis que sumar ó seu xeito de se relacionar co mundo farán da rede un lugar onde se expresen felices e sociables; onde poden aprender, conversar e compartir sentimentos, ideas e coñecementos. Serviranse desta nova ferramenta para facela un instrumento máis no seu desenvolvemento persoal e social.
Pola contra, Internet pódese converter nun refuxio e espertar patoloxías ocultas ou alimentalas. É unha ferramenta que ofrece a oportunidade de vivir unha irrealidade sen conexións coherentes, algo moi atraente para quen non se sente feliz consigo mesmo. Tamén é un medio que posibilita facer dano e que expón a sufrilo. A alerta dispárase cando esta ferramenta, que dá liberdade, ou que polo menos ofrece a sensación de dala, se converte nun novo xeito de escravitude do que a vítima, ademais, non é consciente.
- As horas libres dedícanse de xeito exclusivo a relacionarse con outras persoas a través de Internet.
- Descóidanse os lazos anteriores de amizade, ou ata se rompen.
- A persoa afectada nega a súa dependencia porque non lle gusta escoitar que se está ‘enganchando’ ó chat, ó SMS ou ós foros.
- Amósase agresivo e irritable se non dá establecido conexión.
- Oculta información sobre os amigos ‘virtuais’. Se nalgunha ocasión falou deles, deixa de facelo.
- Dedícalle moitas máis horas a unha conversa virtual do que é capaz de dedicarllo a unha relación persoal, mesmo roubando horas de sono, de traballo ou doutras obrigas.
A elemental pregunta de se todo isto das relacións por Internet é bo ou malo non ten máis resposta cá da percepción dos resultados da experiencia: se navegar fai a persoa máis persoa, máis equilibrada, máis feliz, máis sociable, máis culta, haberá que considerar que Internet é un instrumento inaprezable de desenvolvemento persoal e social. Se, pola contra, é o refuxio de patoloxías ocultas, a oportunidade para vivir a irrealidade que mantén ó individuo sen conexións coherentes ou a posibilidade máis doada de facer dano ou de sufrilo, haberá que pensar que a persoa que navega pola rede quedou ‘enredada’ nela e o que en principio podía ser unha oportunidade de liberdade se converteu nunha modalidade máis sofisticada de escravitude.