Reciclaxe e solidariedade, da man
Reducir, reutilizar e reciclar. Trátase dos celebérrimos “tres erres” do ecoloxismo que como cidadáns e consumidores deberiamos levar máis á práctica. Aínda que cada vez son máis as persoas que reciclan o papel, o vidro ou o plástico xerado nos seus fogares, os tres erres non acaban aquí. Hai outros produtos de uso cotián, como medicinas, aparellos electrónicos ou gafas que tamén poden ser obxecto destas prácticas, amais de serviren para realizar unha obra solidaria.
Por iso, unhas gafas vellas ou que foran substituídas por un novo modelo poden ser vitais para outras persoas: só hai que envialas ás sedes das organizacións que se dedican a este labor humanitario ou depositalas na óptica máis próxima que participe nestas campañas. ‘Axudemos a un neno’, ‘Natural Optics’, ‘Axuda en acción’, ‘Ópticos x mundO (OxO), ‘Unión pola visión’ ou o ‘Club de Leóns’ son algunhas destas organizacións que, en colaboración con algunhas das principais ópticas do país se encargan de recoller e distribuír as gafas para que as poidan utilizar en diversos países subdesenvolvidos.
Os medicamentos son, ó igual cós aparellos electrónicos, como teléfonos móbiles ou ordenadores, moi perigosos para o medio natural, pois a pesar do seu pequeno tamaño poden ser sumamente contaminantes. Os fármacos gardados nas boticas de primeiros auxilios poden resultar tamén nocivos para a saúde: un de cada tres ingresos hospitalarios débese ó consumo de medicamentos en mal estado e á automedicación.
Os fabricantes de teléfonos móbiles e de material informático levan anos traballando en sistemas de recollida e reciclaxe cada vez máis eficaces e menos custosos. Así, por exemplo, a Unión Europea subvenciona o proxecto Tragamóbil, ó que se sumaron outros dous, Ecopilas e Ecofimática, para a reciclaxe de pilas e diversos aparellos electrónicos. Así e todo, malia estes voluntariosos proxectos, a distancia entre a venda de móbiles e a súa reciclaxe é aínda enorme: os máis de 12 millóns de móbiles vendidos no 2002 estarían xa en desuso no 2004, e ese ano o proxecto Tragamóbil recolleu arredor de 550.000 unidades. Para acurtar esta distancia, un Real Decreto baseado na lexislación europea obriga desde o 13 de agosto os fabricantes de aparellos eléctricos e electrónicos a que dispoñan de sistemas de recollida e reciclaxe dos seus produtos, un traballo que recaía ata agora en concellos e comunidades autónomas. O sector afronta unha factura que estima en 80 millóns de euros, aínda que a normativa permite repercutirlle as custas ó consumidor se se detalla na etiqueta.
Ademais, a vida media que nos países máis desenvolvidos se lles dá ós aparellos electrónicos é máis ben baixa -a dos ordenadores xeralmente non supera os 5-6 anos e no dos móbiles anda arredor dos 18 meses-, xa que se substitúen non porque se estragaran, senón porque xa non poden facerlles fronte ás últimas aplicacións dun mercado vertixinoso ou simplemente por non estaren á moda. Por iso, estes aparellos tamén se poden reutilizar solidariamente. ONG como Enxeñeiros sen Fronteiras ou Telecomunicacións Solidarias no caso dos ordenadores, ou Cruz Vermella ou a Fundación Entreculturas no caso dos móbiles, coa colaboración de empresas e institucións, desenvolveron iniciativas que ofrecen este tipo de aparellos a persoas que os poidan precisar, ó tempo que se coida o medio natural.
No tocante ós medicamentos, as case 20.000 farmacias de España dispoñen de contedores específicos desde o 2002 dentro do denominado Sistema de Xestión de Residuos de Envases do Sector Farmacéutico (SIGRE), impulsado por laboratorios farmacéuticos, distribuidores, autoridades ambientais e colexios profesionais. Para unha correcta reciclaxe, é importante depositar os medicamentos coa súa caixa e prospecto, e non se deben botar termómetros, pilas, gasas, apósitos, agullas, obxectos cortantes, próteses ou radiografías, nin tampouco as medicinas elaboradas con fórmulas maxistrais, é dicir, medicamentos elaborados coa composición que indica o médico na receita. Os envases que non se poden separar do medicamento, como pomadas ou xaropes, e os restos de fármacos destínanse á denominada “valorización enerxética”, unha técnica que permite reaproveitalos para producir enerxía, algo que o ano pasado supuxo a achega semellante á iluminación de 40 escolas de 500 alumnos durante un ano.
Así e todo, a reciclaxe de medicamentos ten aínda moito camiño que percorrer. Segundo o SIGRE, en España recolléronse no 2004 case 1.700 toneladas de envases, o que supuxo un aumento do 21% respecto ó ano anterior, pero xéranse arredor de 32.000 toneladas ó ano deste tipo de lixo. No tocante á posibilidade de enviar os medicamentos sobrantes ó Terceiro Mundo, neste caso a OMS recomenda que no seu lugar se recaden fondos para que as ONG farmacéuticas poidan enviar medicamentos novos.
- Resulta básico reducir o uso da auga e a enerxía que se emprega e mais os produtos tóxicos e contaminantes. Ademais, os produtos de usar e guindar producen unha cantidade de refugallos que se podería evitar coa utilización de alternativas de varios usos.
- A reutilización significa aproveitar ó máximo os obxectos de consumo, co que se produce menos lixo e se reduce a explotación de materias primas e enerxía. A utilización de botellas de vidro retornables, o uso das follas de papel por ambas as dúas caras ou o ofrecemento de calquera obxecto que xa non usemos a outras persoas que poidan utilizalo son boas prácticas de reutilización que todos deberiamos pór en práctica.
- No tocante á reciclaxe, trátase de volver empregar materiais para fabricar de novo produtos semellantes, cando xa non se puideron reducir nin reutilizar. Os restos de papel, cartón, cristal, o plástico e ata restos de comida que se producen nos nosos fogares son materiais reciclables que, convenientemente diferenciados, se poden depositar nos contedores habilitados para tal fin.