Detectores de fume

Obxectivo: previr incendios domésticos

O número de fogares españois equipados con detectores de fume anda arredor do 25% fronte ó 93% dos Estados Unidos
1 Outubro de 2004
Img consejo listado

Obxectivo: previr incendios domésticos

Son pequenos, doados de instalar, funcionan a pilas, requiren moi pouco mantemento e custan poucos cartos. Os detectores de fume -obrigatorios nalgúns países- evitan arredor do 50% das catástrofes domésticas xeradas por incendios. Por pouco máis de 200 euros pódese instalar nunha vivenda un sistema completo de detección de fumes, cun número de terminais que variará en función dos metros cadrados da casa e do tipo de teitos que esta posúa. Pero os dispositivos independentes, unitarios, pódense adquirir en grandes almacéns a partir de 30 euros.

Consideracións antes de elixir

  • O recomendable é ter un detector de fumes por cada 40 metros cadrados. O primeiro débese colocar na entrada da casa ou zona de distribución dos dormitorios e salas. Se a casa ten máis dun andar, en cada un deles cumprirá instalar cando menos un.
  • Polo de agora non resulta doado atopalos no mercado: véndense máis sistemas completos ca independentes, aínda que son estes últimos os máis prácticos para pisos de tamaño medio ou pequenos (amais de máis económicos).

Tipos de detectores

  • Os detectores máis habituais para o fogar son os fotoeléctricos e os que funcionan por ionización, aínda que tamén hai detectores de CO, termostáticos, de chamas e termovelocimétricos, por citar algúns.
  • Os ópticos ou fotoeléctricos detectan o fume utilizando os efectos que este produce sobre a luz. Existen varios tipos, entre os que destacan os baseados no escurecemento da luz e na súa difusión.
  • Os detectores por ionización funcionan por sensibilidade á humidade, á presión atmosférica e ás partículas suspendidas no aire. Reaccionan axiña se hai fume (mesmo non visible) e son máis baratos cós de tipo fotoeléctrico que, non obstante, dan menos falsas alarmas.

A mellor colocación

  • Na cociña, para evitar falsas alarmas, colócanse detectores termovelocimétricos, que non detectan fumes pero si elevacións bruscas de temperatura.
  • O máis conveniente é situar as terminais de detección na porta das estancias nas que existe risco de que se xere un incendio.
  • Se vostede e a súa familia dormen coas portas dos dormitorios pechadas, poña un detector adicional en cada dormitorio. Se as portas permanecen abertas, o mellor lugar é o corredor, próximo ós dormitorios.
  • Se no seu fogar se fuma, cumprirá situar o detector nunha zona na que non se produza unha elevada concentración de fume para evitar falsas alarmas.
  • O ideal é colocar o detector de fumes no centro do teito, xa que nos currunchos é onde o aire queda “morto” e non se move. Instáleo a unha distancia mínima de 30 centímetros de calquera artigo de decoración -portas, lámpadas, molduras- que poida obstruír a entrada de fume.
  • Se no teito hai trabes ou outros elementos que impidan a súa instalación, cómpre colocar o detector na parede a unha distancia de non máis de 30 centímetros do teito e mantendo unha distancia mínima de 15 centímetros con respecto ós recunchos.

Zonas que cómpre evitar

  • Non se deben colocar en cuartos de baño, duchas, garaxes ou estancias onde o vapor de auga e outros fumes se acugulan con facilidade.
  • Evite tamén superficies que están normalmente máis quentes ou frías có resto da habitación, como bufardas de áticos ou tabiques exteriores sen cámara.
  • Non os instale próximos ou enriba de quentadores ou ventiladores, acondicionadores de aire, ventás, ocos de ventilación, etc., que poidan cambiar a dirección da corrente do aire e que, ó mesmo tempo, teñen cambios de temperatura extremos.

Mantemento

  • Os detectores de fume perden resistencia co tempo, polo que os fabricantes recomendan substituílos cada 10 anos.
  • Comprobe periodicamente o bo funcionamento do detector. Abonda con premer a parte central do aparello para que soe a alarma como o faría en caso de incendio.
  • A batería dura polo menos un ano, aínda que a súa carga pode fallar antes. O cambio de batería asegura un funcionamento axeitado.
  • Limpe o detector periodicamente, polo menos unha vez ó mes. Use un cepillo suave ou un aspirador para quitar o po das regañas polas que penetra o fume, pero non para interior. Para isto último utilice algún spray de aire comprimido especial para quitar o po.