Ser zurdo ou zurda

Unha particularidade moi normal

Entre o 10% e o 15% da poboación é zurda
1 Outubro de 2004
Img miscelanea listado 298

Unha particularidade moi normal

/imgs/20041001/img.miscelanea.01.jpg
Grazas ó progreso científico e cultural, quen emprega a esquerda como man principal deixou de ser considerado suxeito dunha discapacidade. Isto, que se cadra semella unha obviedade, non foi tan obvio ata os anos 70, cando a comunidade científica definiu ser esquerdo como unha característica máis da persoa e deixou de se considerar un defecto que cumpría corrixir. Pero aínda hoxe esa ampla minoría está obrigada a vivir nun mundo deseñado para dereitos, no que as varandas para subir escaleiras pensan na man dereita como apoio principal, a maioría dos aparellos están destinados ós dereitos e os instrumentos musicais relegan a esquerda como man de comparsa.

Cuestión xenética ou de azar?

/imgs/20041001/img.miscelanea.02.jpg
Os investigadores non se poñen de acordo ó determinaren o motivo polo que unha persoa é esquerda ou dereita. Algúns afirman que se os dous proxenitores ou un deles é esquerdo, as posibilidades de herdar a tendencia aumentan, mentres que outros coidan que é simplemente unha carambola da natureza. No que si hai conformidade é en que as causas son neurolóxicas, é dicir, en que ser dereito ou esquerdo está determinado polo cerebro, e en que un pai ou unha nai zurda terá maior conciencia e lle resultará máis doado descubrir e colaborar no desenvolvemento dun fillo zurdo. Pero só a partir dunha idade en que a autonomía do neno é definida e comeza a escribir, arredor dos 5, 6 ou 7 anos, se pode confirmar definitivamente. Antes de chegar aí, convén ser paciente e respectuoso se o neno tende a coller os servizos, amalloar os zapatos ou subir a cremalleira coa man esquerda. Cumprirá axudalo a facelo ben, como se lle axuda a un dereito, pero respectando esa habilidade natural, vixiando que acade a destreza abonda para non atrasarse na aprendizaxe e non impóndolle nunca o manexo coa outra man, pois hai que tratar de evitar convertelo nun dereito por obrigación. Está demostrado que utilizar preferentemente o lado esquerdo non implica atraso en ningunha das facetas do desenvolvemento e que, pola contra, si pode facelo a obriga de empregar a dereita.

iferenzas no cerebro

/imgs/20041001/img.miscelanea.03.jpg
No cerebro existen dous hemisferios: o dereito, que dirixe os movementos do lado esquerdo do corpo, e o esquerdo, que rexe os movementos do lado dereito. O cerebro controla o corpo de xeito cruzado e case sempre a súa parte esquerda é a dominante, polo que as máis das ordes están destinadas á dereita do corpo. Pero os zurdos son a excepción, xa que neles acontece o contrario: domina o hemisferio dereito, que dirixe o lado esquerdo, e, en consecuencia, é a este lado ó que manda as ordes. Fortalecidas por estas razóns neurolóxicas, algunhas investigacións determinan que o hemisferio esquerdo é o responsable da linguaxe, e a partir de aí diversas teorías afirman que nel se atopan outras funcións como a escritura, a expresión oral, a lóxica e o pensamento abstracto. Ó hemisferio dereito quedaríalle relegado o control da expresión emocional, a linguaxe mímica, a sensibilidade musical e a artística. Esta diferenza levou a determinar que as funcións que rexía o hemisferio esquerdo eran máis importantes, polo que pasou a chamárselle dominante. As teorías actuais dubidan de que o papel desenvolvido polo hemisferio dereito, que quedan relacionadas coa creatividade e o enxeño, sexan secundarias.

A fin da aprendizaxe: evitar dereitos obrigados

Cando se trata o tema de zurdos e dereitos, sae a relucir un termo acuñado para poder determinar o predominio dun hemisferio ou doutro: a lateralidade. Esta é pura cando un hemisferio domina o mesmo lado en man, pé e ollo, mentres que se fala de lateralización cruzada cando se é dereito de man e esquerdo de ollo, ou á inversa. Algúns estudos aseguran que no home primitivo a lateralidade era equidistante e funcionaba de xeito indistinto cunha man ou con outra, pero que finalmente decidiu manexar a lanza coa dereita, pois así protexía o corazón, a parte máis vulnerable nunha loita. Mesmo se afirma que, ó naceren, as máis das persoas son ambidextras, e que a tendencia cara ó funcionamento dereito ou esquerdo se manifesta nun período moi curto. Ós dous meses pódese intuír a lateralidade dun bebé, é dicir, como reparte as responsabilidades cara á man dereita ou cara á esquerda, aínda que os datos non son concluíntes, pois de novo cómpre lembrar que ser zurdo estaba considerado como unha tara, polo que hai moi poucos estudos ó respecto.

bxectos ‘inutilmente’ dereitos

  • As culleriñas coas que alimentar a un bebé, lixeiramente tortas para gañar a “batalla” de gañar a boca do pequeno resultan totalmente inútiles se quen lle achega a comida é zurdo.
  • Os brelatas, para seren usados por un zurdo, precisan dunha habilidade circense.
  • As paletas de peixe son servizos absurdos en mans dun zurdo, ó igual ca unha culler salseira.
  • Os paus de golf e canas de pescar deben ter outro deseño diferente do habitual para os zurdos.
  • Os afialapis e as tesoiras de dereitos nunca poderán ser usadas habilmente por un zurdo. E á inversa.
O bazar sinistro

/imgs/20041001/img.miscelanea.04.jpg
Cada vez son máis as tendas especializadas en útiles deseñados para zurdos. Resulta curioso revisar a lista, pois evidencia un ‘mundo ó revés’. Material escolar: pódense atopar regras cos centímetros á inversa, afialapis coa espiral invertida, cadernos co lombo brando -o duro dificúltalle a escrita ó zurdo-, bolígrafos cun tope inferior para evitar que os dedos se acheguen ás puntas e que escriben sen necesidade de premer para que saia a tinta. Ferramentas: hai navallas, tesoiras de podar, fouciñas, paletas e trollas de albanel, luvas para coser velas, metros de costura e mesmo limpa-pezuños de cabalo que, ó velos, parecen a ferramenta tradicional reflectida nun espello. Accesorios deportivos: paus de golf, búmerangs, luvas de béisbol e barallas de póker son cada vez máis demandados por zurdos, que esixen que a lateralidade sexa respectada. Tesoiras: sen dúbida, merecen un capítulo á parte, pois foi o primeiro instrumento doméstico que se adaptou para zurdos. Desde as primeiras, que datan de mediados do século XX (o seu prototipo inspirou todas as demais), especializáronse, e agora hai tesoiras escolares, de cociña, de modista, de enfermería, de cortar o cabelo, de costura e de manicura.