Hixiene bucodental

Previr mellor ca sandar

1 Outubro de 2004
Img salud listado 297

Previr mellor ca sandar

/imgs/20041001/img.salud.01.jpg
Unha axeitada hixiene bucodental desde a infancia tórnase fundamental para conservar a dentadura, enxivas e boca en boas condicións. O abecé dos coidados da boca debe incluír o cepillado cotián, o uso de fío dental, unha revisión periódica por parte do dentista e o control da dieta (limitando o consumo de doces). O labor dos proxenitores é primordial para transmitirlles uns correctos hábitos de hixiene bucodental ós nenos: hai que ensinarlles como se fai e ser constantes na tarefa. Atrás quedou a política sanitaria baseada na extracción e na mutilación; hoxe apóstase pola prevención, aínda que queda moito por facer: algo máis da metade dos escolares de 14 anos e máis do 90% dos adultos teñen caries.

A temida caries

A caries dental é unha das enfermidades máis frecuentes no mundo e a alteración bucal máis habitual, xunto coas aftas bucais e a enfermidade periodontal (problemas de enxivas…). Nos últimos anos a súa frecuencia está diminuíndo grazas ós programas de saúde bucodental, a unha maior atención dental e ó emprego do fluor nos dentífricos e nas augas de consumo. Caracterízase pola destrución do esmalte dental e da dentina (tecido duro situado debaixo do esmalte) ocasionado por unha das bacterias, o Streptococcus Mutans, que se desenvolve na placa dental e que segrega grandes cantidades de ácido láctico que erosiona o esmalte dental. Tamén interveñen outras bacterias. Desde hai anos un dos obxectivos de investigadores estadounidenses e ingleses é o desenvolvemento de vacinas para eliminar de xeito definitivo a caries. Adiantouse pouco neste proxecto, polo que a prevención da caries na actualidade queda reducida a unha axeitada hixiene bucodental e á visita periódica ó dentista.

Coidados bucodentais

/imgs/20041001/img.salud.02.jpg
Sendo regulares co cepillado e co fío dental elimínase a placa dental e o sarrio incipiente (placa endurecida), pero cando o sarrio se formou e se atopa na base do dente a única maneira de eliminalo é a limpeza efectuada polo dentista. Os enxaugues con elixires e solucións antisépticas completan a hixiene bucodental pero non substitúen o cepillado.

A saliva

Os dentes e a saliva son os primeiros obreiros da dixestión. Pero a saliva xoga, ademais, un papel fundamental na hixiene da boca, ata o punto que se podería dicir que resulta clave na conservación dunha dentadura. Actúa estabilizando o ph da boca, é dicir, o seu maior ou menor grao de acidez -que se pode ver alterado polo alto contido en carbonatos e fosfatos que se depositan nela- e evita a proliferación da placa bacteriana, primeiro paso para a aparición das caries e da destrución do dente. E por se isto fose pouco, achega elementos como o calcio e o fluor, que axudan a remineralizar os dentes e a conservar o seu esmalte. A saliva é segregada polas glándulas salivares, que producen case un litro de saliva diario. Pola noite fabricamos menos saliva, de aí a importancia de cepillar ben os dentes pola noite.

Como elixirmos a pasta de dentes

No tocante á pasta dental que debemos utilizar, a morea de marcas e de tipos dispoñibles pode inducir á confusión. Hai unha gran variedade de sabores, cores e envases, algunhas con branqueadores, outras con controladores de placa, etc., pero o máis importante é que conteñan fluor, que parece previr a aparición de caries. O fluor pode evitar que se inicie o proceso de caries, dado que aumenta a resistencia do esmalte ó ataque bacteriano. A incorporación deste mineral ós dentífricos e ás augas de consumo, xuntamente cun maior coidado da boca desde a infancia, contribuíron á diminución da caries dental na poboación. Case tódalas pastas inclúen pequenas doses de abrasivos como a silica ou outros, que axudan a remover manchas e placas e pulen os dentes. Polo xeral, están presentes en cantidades tan pequenas que non desgastan o esmalte, pero non se debe abusar delas.

Nenos e anciáns

No neno convén iniciar a limpeza así que saen os primeiros dentes. Un cepillo suave e brando acompañado soamente de auga abondará ó primeiro. Ata que o poida facer el só, haberá que o axudar e ensinar a cepillar os dentes correctamente. É importante aproveitar este momento para conciencialo sobre a necesidade da hixiene diaria, unha boca sa no adulto ten os seus alicerces nos coidados iniciais desde a infancia. Cando as pezas dentais comezan a tocarse é o momento de introducir a seda dental nos hábitos de limpeza. No tocante á primeira visita ó dentista, convén non adiala trala aparición dos dentes. Para as persoas reticentes a investir na prevención da saúde bucodental, unha nota disuasoria: o gasto para curalos adoita ser moito maior có gasto para coidalos.

Nas persoas maiores prodúcese unha diminución da produción e secreción de saliva, polo que cómpre estremar a hixiene da boca. Algo semellante acontece con persoas que toman determinados medicamentos, como tranquilizantes, ansiolíticos, antidepresivos, antihistamínicos e outros que producen sequidade de boca, incrementándose o risco de caries e periodontite. Nestes casos cómpre estremar a hixiene e é moi importante cepillalos á noite.

Cor dos dentes

A cor dos dentes vén determinada fundamentalmente pola xenética, pero non hai dúbida de que os coidados que lle brindemos á boca influirán no aspecto da nosa dentadura. O tabaco, o café en exceso, unha deficiente hixiene bucal e outras circunstancias manchan os dentes e propician a utilización de dentífricos branqueadores para branquealos. Pero estes produtos non conseguen este efecto por si sós e, ademais, as pastas abrasivas utilizadas con este fin e de maneira continuada poden danar o dente e a enxiva. Hai técnicas eficaces para branquear a dentadura, como o láser, a luz de plasma, a luz halóxena ou a aplicación de calor, pero é un dentista quen debería prescribilas. O seu resultado é bo, pero non definitivo: a cor tende a reverter co tempo e cumprirán tratamentos de mantemento.