Elixir cama

Un bo colchón, o mellor investimento en saúde

Tome todo o tempo que precise para elixi-los compoñentes da súa cama (colchón, almofada e base) e antes de mercar un modelo ou outro próbeos na propia tenda.
1 Marzo de 2002
Img consejo del mes listado

Un bo colchón, o mellor investimento en saúde

Un tercio da nosa vida transcorre na cama. Algo tan importante coma o sono non é tan só unha cuestión de cantidade, senón tamén de calidade. De nada serve durmir oito horas se un colchón demasiado brando ou unha almofada inadecuada impiden un descanso óptimo. Un bo día depende dunha noite reparadora, e esta dun bo equipo de descanso. Ó elixi-los compoñentes da súa cama (colchón, almofada, base), tome todo o tempo que precise e non dubide en probalos na mesma tenda antes de se decidir por un modelo ou outro. Compare prezos -as diferencias son notables- pero non escatime na compra dos compoñentes da súa cama: considere este gasto coma un investimento en saúde.

Colchón: cómpre cambialo cada 10 anos

  • Teña en conta a elasticidade puntual do colchón: a base debe ceder sen excesos baixo as partes con máis peso do corpo (ombreiros e pelve), ofrecendo á vez un soporte firme para as zonas menos pesadas.
  • Un colchón novo sobre un somier vello estrágase antes, o máis recomendable é anovar todo o equipo de descanso.
  • Adquira un colchón firme e recto (nin brando nin duro), mol abondo como para que se adapte ás curvas da súa columna. Un bo colchón é o que presta apoio a toda a columna cando estamos deitados boca arriba.
  • Os colchóns de látex, máis caros e duradeiros, conteñen millóns de pequenos buratos que permiten que o corpo transpire. Adáptanse ós movementos que se fan ó durmir, pero sen perderen a firmeza precisa para un bo descanso. Ademais, son hipoalerxénicos e resistentes ó po e mais ó lixo. Resultan a mellor elección para persoas que súan moito ou que están enfermas e deben pasar moito tempo na cama. Son máis duradeiros cós colchóns de resortes (duran ata 15-18 anos).
  • Os colchóns de resortes ofrecen distintos graos de firmeza segundo o reforzo dos resortes. Ofrecen un axeitado illamento térmico e a súa elasticidade é moi boa, xa que cada resorte está situado nunha bolsa independente. Son os máis vendidos. Duran 10-12 anos.
  • O grosor ideal do colchón é de 15 centímetros como mínimo; o longo, 10 centímetros máis cá altura de quen durmirá nel e a anchura mínima recomendada, 80 centímetros para unha cama individual e 135 centímetros para unha dobre.
  • É conveniente cambia-lo colchón cada 10 anos, xa que pasado este tempo non se pode garantir que continúe en bo estado. Non obstante, pode usarse máis anos se se mantén en bo estado. Débese vira-lo colchón cada tres meses (viralo arriba e abaixo, e da cabeza ós pés) independentemente de cal sexa o modelo, evitando deste xeito que o colchón se deforme en calquera dos seus lados.
  • Compare os anos de garantía que ofrece cada fabricante de colchóns. Teña en conta que se trata dun gasto importante e dun artigo que debe durar cando menos unha década.

Base ou canapé: firme e uniforme

  • Para obter un óptimo rendemento do colchón no tocante ó confort e duración do mesmo, resulta imprescindible que elixa a base ou canapé con moito coidado. A regra de ouro é que este sexa firme e uniforme.
  • Opte por un somier de láminas ríxidas ou semirríxidas, con espacios libres que permitan unha boa ventilación.

Almofada: unha por persoa

  • Elixa a almofada que mellor se adapte ó volume da súa cabeza, á lonxitude do seu pescozo e á anchura dos seus ombreiros.
  • Se dorme habitualmente boca arriba, a almofada debe ser baixa e branda, para asegurar que a columna cervical forma coa columna dorsal o mesmo ángulo que ó estar de pé. Se a súa postura preferida para durmir é de costado, a almofada debe ser alta e dura, para mante-lo pescozo no eixe da columna dorsal asegurándose de que non caia nin rote.
  • Aínda que durma en parella, cada un debe ter cadansúa almofada.
  • O recheo da almofada non debe ser nin demasiado brando nin excesivamente duro; debe te-la firmeza precisa para evitar que a cabeza caia cara a atrás.