Polo mesmo carné, unhas autoescolas cobran o triple ca outras
O ano pasado 750.391 persoas contrataron no noso país os servicios dunha autoescola para acada-lo carné de conducir, o que non é estraño, xa que nese período se matricularon case 1,8 millóns de coches novos.
O proceso de aprendizaxe é tanto teórico coma práctico e consta de varias fases, e esíxelle ó alumno, amais dun considerable esforzo, o desembolso dunha importante cantidade de cartos. CONSUMER comparou os prezos que cobran 210 das autoescolas máis importantes de 14 cidades, partindo dun suposto moi común: carné de conducir tipo B, obténdoo “á primeira”, esgotando un máximo de tres convocatorias e recibindo 20 horas de clases prácticas e tres meses de clases teóricas, e incluíndo no prezo final a matrícula, taxas de Tráfico, exames, material, gastos de xestión…
O primeiro dato que xorde do estudio é que o custo medio deste carné de conducir nas 210 autoescolas estudiadas é de 931 euros, o que equivale a case 155.000 pesetas. Comprobouse tamén que o das autoescolas é un sector que ofrece (agás excepcións) unha información pouco transparente e escasamente útil para o consumidor (xa que dificulta compara-los prezos), e que a competencia en prezos, aínda existindo en tódalas cidades menos en Santander, é a miúdo escasa entre as diversas autoescolas dunha mesma cidade. O informe leva a outras dúas conclusións de grande interese: unha que as tarifas medias das diversas cidades son tan dispares que -sempre falando do suposto descrito- na Coruña, a media do que cobrarían as 15 autoescolas estudiadas sería de 463 euros (77.000 pesetas), mentres que nas de Vitoria esta media é case o triple, 1.279 euros (213.000 pesetas) e en Pamplona, Logroño, San Sebastián e Castellón supera os 1.080 euros (180.000 pesetas). E se comparamos entre toda a mostra do estudio, as dúas máis baratas (unha da Coruña e outra de Burgos) cobran arredor dos 400 euros (66.500 pesetas), mentres que a máis cara (unha de Vitoria) esixiría 1.372 euros (case 230.000 pesetas), máis do triple.
O carné é o mesmo
Estas diferencias de prezos poden considerarse moi rechamantes porque o que se ensina é o mesmo en todas elas, porque a cualificación dos profesores é semellante, xa que vén regulada por normativa legal, e porque o permiso que se obtén nunhas e outras autoescolas ten a mesma validez. É dicir, que as diferencias na calidade do ensino non son importantes entre unhas e outras autoescolas e que, segundo os expertos consultados, os prezos non teñen relación directa coa calidade real do servicio prestado ó cliente. Certas comodidades ou o uso de novas tecnoloxías non son esenciais para aprender mellor ou máis axiña.
E a segunda conclusión, de carácter aínda máis práctico para quen pensa saca-lo carné de conducir, é que nalgunhas cidades o esforzo de compara-los prezos entre as diversas autoescolas compensa moito. Aquelas nas que máis evidente é esta disparidade de prezos, sempre conveniente para o consumidor na medida en que lle permite aforrar gastos, son Burgos (o aforro máximo posible é de 355 euros, 59.000 pesetas), Barcelona (323 euros), Pamplona (265 euros), San Sebastián (258 euros), e Málaga, Alacante e Valencia (as tres por riba dos 200 euros de aforro posible). No outro extremo, o da escasa ou nula competencia de prezos entre as autoescolas, figura unha soa cidade, Santander, na que se rexistrou unha diferencia máxima entre as 15 autoescolas de só 2,4 euros. Na capital cántabra o prezo medio deste carné do suposto é de 1.054 euros cando a media das 14 cidades é de 930 euros.
Nas outras 13 cidades, o aforro que lle pode proporcionar ó aspirante a conductor elixi-la autoescola máis barata da súa cidade é cando menos notable. Na Coruña, tras Santander a segunda cidade na que é menor o aforro posible, a diferencia entre a autoescola máis barata e a máis cara era de 134 euros (22.000 pesetas). Polo tanto, a única cidade na que a competencia de prezos entre as autoescolas é inexistente (no suposto estudiado) é Santander.
- Pode esixi-la acreditación, expedida pola Dirección Xeral de Tráfico, dos profesores da autoescola.
- As autoescolas de poboacións cativas poden contar cun só profesor. As das cidades deben dispor cando menos de dous profesores e un director (pero unha mesma persoa pode exercer máis dunha función).
- As clases prácticas non poden durar menos de 45 minutos nin máis de dúas horas seguidas. Deben impartirse en cidade e non se consideran como tales as impartidas en circuítos pechados.
- O profesor das clases prácticas debe acompaña-lo alumno o día do exame. E a proba práctica realizarase co mesmo vehículo co que o alumno aprendeu a conducir, agás causa xustificada para o contrario.
- As autoescolas deben subscribir un contrato de ensinanza con cada alumno, no que se deben especifica-los dereitos e deberes de ámbalas dúas partes.
Cómo se fixo o estudio
Tralos pertinentes contactos con expertos no sector, que asesoraron este informe, analizáronse e comparáronse, durante o pasado mes de febreiro, os prezos de 15 autoescolas en cada unha destas 14 cidades: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Burgos, Castellón, Logroño, Málaga, Madrid, Pamplona, San Sebastián, Santander, Valencia e Vitoria.
Técnicos de CONSUMER visitaron como clientes ficticios as 210 autoescolas e preguntaron o prezo que custaría obte-lo carné de conducir tipo B. Dado que as autoescolas non traballan cos mesmos conceptos e que algunhas os agrupan e facturan de xeito distinto, e que non todas ofrecen clases prácticas de 60 minutos, calculouse o custo do carné en cada autoescola seguindo un suposto: o desembolso que supón saca-lo carné de conducir B á primeira esgotando un máximo de tres convocatorias e recibindo 20 horas de clases prácticas. No tocante ás clases teóricas, e considerando que nalgunhas autoescolas o seu prezo garda proporción co tempo que se tarda en aproba-la “teórica” ou ten un tempo de validez limitado, estimouse un prazo de tres meses. Así pois, o custo final inclúe matrícula, clases teóricas e prácticas, exames, taxas de Tráfico, material e gastos de xestión. Para chegar ó custo final, tivéronse en conta as ofertas vixentes no momento da visita e elixíronse as que mellor se adaptaban ó suposto establecido por esta revista. E considerando que algunhas autoescolas inclúen nas súas ofertas un número determinado de horas prácticas, cando as horas incluídas nas ofertas non cubrían as 20 horas do suposto, incorporouse o custo previsto para unha hora práctica adicional. Os datos (tarifas e ofertas) cos que se calculou o custo final do carné do suposto foron os facilitados polas propias autoescolas, polo que calquera modificación ou oferta que non se notificara non se tivo en conta. As promocións de prezo destinadas a un sector concreto da poboación (por exemplo, menores de 25 anos), non se tiveron en conta no cálculo.
Insuficiente transparencia na información
Aínda que o labor de compara-las tarifas de diversas autoescolas pode resultar ardua e tamén complicada, o importante aforro que pode supor fai que o esforzo pague a pena. Pero hai un problema: a escasa disposición da maioría das autoescolas para facilitarlle información detallada ó cliente sobre os prezos pormenorizados dos seus servicios e xestións, xunto á moi heteroxénea maneira de presenta-las súas ofertas, dificúltanlle ó consumidor a comparación de tarifas. Nalgunha autoescola, despois de moitas reticencias para que nos detallasen os prezos, chegaron a afirmar que esta tarefa fora unha perda de tempo, e noutra confesaron que “coas ofertas, a información dámola só a medias”. Esta actitude dista moito de incorpora-los intereses do consumidor á xestión do negocio, porque o usuario quere sabe-la cantidade total que aboará e os conceptos que se inclúen nese gasto.
Escasa competencia en prezos, e vén de lonxe
Escasa competencia en prezos, e vén de lonxe. Para valora-la competencia de prezos no sector, comparouse a diferencia de tarifas das autoescolas dunha mesma cidade. E obsérvase que nalgunhas urbes esa competencia case non se dá. Porque unha cousa é que haxa diferencias entre as máis baratas e as máis caras en cada cidade, e outra que a inmensa maioría manteñan prezos semellantes. Por exemplo, deixando a un lado Santander (onde tódalas analizadas cobran practicamente o mesmo), en tres cidades o grao de competencia é moi escaso: en Madrid, o 93% das autoescolas comparadas amosan (no noso suposto) unha diferencia máxima entre elas de só 35 euros (o 4,4% do custo medio do carné); en Vitoria, o 60% cobran exactamente o mesmo e en Castellón o 86% das autoescolas móvese nun rango de só 60 euros. Nas cidades nas que a competencia de prezos case non existe (lembremos que os acordos de prezos entre empresas distintas están prohibidos e son perseguidos polo Tribunal de Defensa da Competencia), o factor prezo tórnase secundario e deberán elixirse as autoescolas por outros criterios, como a proximidade, a calidade dos servicios prestados da autoescola, o parque de automóbiles ou o trato persoal dos profesores.
A sospeita sobre a concertación de prezos polas autoescolas dunha mesma cidade é unha sombra que se cerne historicamente sobre o sector. Son varias as denuncias que ó respecto coñeceron resolución. Vexámo-las máis recentes: en 1995, a Unión de Consumidores de Santa Cruz de Tenerife denunciou á Asociación Provincial de Autoescolas e a 24 dos seus asociados por acordaren os prezos da matrícula e prácticas dos cursos de preparación para a obtención de carné de conducir. A denuncia saldouse cunha multa de 42.070 euros a esa asociación. No mesmo ano, en Linares, 11 autoescolas foron denunciadas por acordos na fixación de prezos. A resolución xudicial obrigou a esas autoescolas a satisfacer multas de entre 234 e 2.133 euros. O mesmo ano, o titular dunha autoescola de Collado-Villalba (Madrid) denunciou a autoescolas desa localidade por acordos na fixación de prezos; a estas foilles requirido pagar multas de entre 300 e 1.622 euros.
Clases prácticas
Vitoria é a cidade na que máis cara resulta de media cada clase práctica (37,36 euros, 6.217 pta), mentres que a máis barata se atopou nas autoescolas da Coruña (11,11 euros, 1.848 pta). Unha diferencia enorme, de máis do triple, como pode comprobarse. A media do custo dunha hora de clase práctica é de case 28 euros, 4.650 pta.
Na maior parte das autoescolas comprobouse unha relación directa entre o prezo das clases prácticas e o custo final do carné, pero hai excepcións. Madrid, por exemplo, a cuarta cidade máis barata para consegui-lo permiso de conducir, destaca pola carestía das clases prácticas. Este aparente paradoxo ten a súa explicación: tódalas autoescolas estudiadas en Madrid inclúen nas súas ofertas un bo número de clases prácticas, polo que o prezo unitario das mesmas repercute pouco no prezo final. E en Burgos, a segunda cidade máis barata e cun custo moi inferior ó da media das 14 cidades, sitúase na media no tocante ó prezo das horas prácticas.
O motivo é o mesmo có de Madrid. Pola contra, en Logroño o prezo das clases prácticas é lixeiramente inferior ó da media pero o custo relativamente elevado do resto de conceptos (principalmente, a matrícula e as clases teóricas) fai que a capital rioxana sexa a terceira máis cara para saca-lo carné de conducir. O resto de cidades, con variacións mínimas, seguen unha certa proporcionalidade no tocante ó custo total do carné e o das clases prácticas.
Saca-lo carné por libre: pouco habitual pero posible
Quen non acode a unha autoescola e opta por acada-lo carné “por libre” representa hoxe una minoría cada ano máis exigua. A axuda que prestan as autoescolas é de gran valor para o aspirante a conductor. Pero, de tódolos xeitos, quen decide saca-lo carné de conducir “por libre” debe segui-los seguintes pasos:
- Realizar unha solicitude na delegación correspondente da Dirección Xeral de Tráfico.
- Pagar 70,80 euros para ter dereito a convocatoria.
- Achegar unha fotocopia do DNI, o certificado médico e dúas fotografías.
Se tras suspende-la primeira convocatoria se decide acudir a unha autoescola para preparar de xeito convencional a segunda oportunidade que queda, cómpre pagar preto de 6 euros para traslada-lo expediente.
Aprobado o teórico, é imprescindible acudir ó exame práctico cun coche de dobre mando, e xa que o habitual é non dispor del, cómpre acudir a unha autoescola, paga-la matrícula, algunha clase de conducir e o custo do exame práctico. Isto explica que a maioría dos consumidores prefira matricularse en autoescolas para realiza-las dúas partes do exame.
-
Calidade do ensino
É un factor determinante na elección dunha autoescola. Trátase dun concepto directamente relacionado coa calidade técnica e pedagóxica dos profesionais da autoescola. Segundo os especialistas, o mellor indicador da calidade de ensino dunha autoescola é a súa porcentaxe de aprobados. Pode solicitarse na propia autoescola ou consultarse no Rexistro de Autoescolas. Tamén se poden pedir referencias na Confederación de Autoescolas. -
Prezo:
Invistamos tempo en comparar tarifas, paga a pena de certo. Percorramos varias autoescolas da nosa cidade analizando os prezos que cobran por cada concepto. E, se a nosa cidade é das máis caras, valorémo-la posibilidade de acudir a unha autoescola doutra cidade ou provincia. Distingamos entre as ofertas. Algunhas do tipo “matrícula gratis” poden ser, ó final, moi pouco interesantes. Para poder comparar e elixir, pidamos que nos especifiquen os conceptos polos que nos van cobrar. Se a matrícula (ou a oferta) inclúe distintos conceptos, convén saber cáles son. Se non, podemos pasar por alto algúns, como as taxas de tráfico, que ó final deberemos pagar. Nalgunhas autoescolas, o pagamento polas clases teóricas é único, e non hai un prazo máximo para aproba-lo exame teórico. Pero noutras hai que volver aboar esa cantidade se o teórico non se saca nun prazo estipulado pola autoescola. Cumprirá estimar, en función das horas que se prevé ir ás clases e a dispoñibilidade de tempo para facer test, o tempo aproximado que investiremos nesta proba. -
A duración das clases prácticas varía:
Polo mesmo prezo algunhas autoescolas ofrecen clases dunha hora, mentres que outras as realizan de 45, 50 ou 55 minutos (lembremos que tres clases dunha hora equivalen a catro de 45 minutos). Nalgunhas autoescolas, a matrícula do carné de conducir ten un período de validez limitado. Convén, nese caso, informarse sobre ese prazo e non deixar pasa-lo tempo, xa que unha vez transcorrido a autoescola pode rescindi-lo contrato, E, daquela, o alumno só poderá recupera-las taxas de tráfico, se as aboou. -
Avances tecnolóxicos:
Algunhas autoescolas incorporan tests por ordenador ou vía Internet, simuladores de conducción, etc. Son avances que poden ameniza-las clases pero considéranse prescindibles para a aprendizaxe. -
Compatibilidade de horarios entre clases teóricas e prácticas:
Quizais os horarios de certas autoescolas non son compatibles cos seus. Infórmese. -
A proximidade da autoescola:
Aínda que para algúns usuarios pode ser un condicionante, non debería esgrimirse como un criterio de elección importante.
A nova Lei de Tráfico e as autoescolas e táboa comparativa
A nova Lei, que entrou en vigor o pasado xaneiro do 2002, naceu co obxectivo de adaptarse ós cambios que se produciron no mundo do automóbil e para dar cobertura legal a situacións que o requirían. Tamén introduce melloras, unhas de carácter técnico e outras de procedemento administrativo. Unha das modificacións é a prohibición do uso de teléfonos móbiles e de emisoras de radio dotadas de micrófono mentres se conduce, agás que sexan do tipo “mans libres” que non requira manipulación manual nin ningún outro dispositivo como cascos ou auriculares. Prohíbese tamén o uso de equipos técnicos para detectar e anula-los controis de velocidade do radar.
As novidades desta lei que máis afectan ás autoescolas son dúas: por unha banda, ós conductores que en dous anos consecutivos cometan tres infraccións moi graves, amais dunha sanción económica, imporáselle-la perda definitiva do permiso de conducir. Así e todo, a estes conductores ofréceselle-la posibilidade de solicitar que se deixe sen efecto a revogación do carné de conducir, para o que deberán superar un curso de reciclaxe e sensibilización nun centro autorizado (presuntamente, en autoescolas), e deste xeito a revogación ou perda do permiso será substituída por unha sanción de suspensión por un período de ata tres meses. Incumpri-la suspensión suporá unha nova suspensión por un ano; e unha segunda infracción da suspensión daría lugar á revogación xa definitiva do permiso de conducir. A Lei, amais do curso de reciclaxe, permite outra opción: volver examinarse de novo do carné de conducir, aínda que non será posible obter unha nova autorización mentres non se cancelara a sanción que deu orixe á revogación. Outra novidade desta Lei que, probablemente, afectará ás autoescolas, é que parte das multas -ata o 30%- se poderá rebaixar se o infractor realiza un curso de comportamento en materia de seguridade viaria ou módulos de concienciación sobre as consecuencias dos accidentes de tráfico. Todo isto significa que, se finalmente imparten estes cursos, as autoescolas deberán adaptarse a este novo tipo de alumnos que axiña lles chegará.