Están ben construídos e son eficaces
Analizáronse 12 cedés gravables (CD-R), oito de datos e catro de audio. Os cedés gravables só se poden gravar unha vez, a diferencia dos CD-RW, que poden sobreescribirse. Os CD-R de datos arquivan e gardan datos informáticos, mentres que os de audio gravan pistas de música ou arquivos de audio como WAV ou MP3. A diferencia fundamental entre ambos é a estructura coa que foron creados, aínda que o software de gravación permite crea-los cedés cunha estructura ou con outra. Nos CD-R Datos pódese gravar música, pero algúns lectores CD de equipos de música non sempre len música gravada en CD-R Datos. Polo tanto, a recomendación é utiliza-los CD-R Datos para datos, e os CD-R Audio para música.
Os CD de datos custan de media un euro cada unidade, e os máis baratos son os que se estudiaron de HP (0,72 euros) e Verbatim (0,77 euros) mentres que os máis caros foron os das marcas Fuji (1,17 euros) e Hi Space (1,19 euros). Pola súa banda, os estudiados de Traxdata, Sony, Basf e TDK presentan prezos próximos á media. Os cedés de audio custan de media 2,20 euros; o máis barato é o analizado de Basf (1,95 euros) e o máis caro o de Sony, que custa 2,55 euros. O motivo desta diferencia de prezo: á parte de que o volume de vendas dos CD-R Audio é menor, estes páganlle un canon (0,5 pta/minuto) á Sociedade Xeral de Autores, porque son para gravar música.
Aínda que a estructura dun CD-R é semellante á de calquera outro disco compacto, o que os distingue é a presencia (entre a capa de substrato de policarbonato e a metálica reflectante de tódolos cedés) dunha capa de tintura orgánica termosensible que permite a gravación da información.
Xa nos resultados da análise comparativa, a información ó consumidor nestes cedés é en xeral aceptable, se ben pouco homoxénea e con algunhas omisións e certos contidos só en inglés. Os CD-R de datos HP e Traxdata non levan instruccións de emprego e mantemento, e en Traxdata faltan tamén os datos de fabricante ou importador. No tocante á garantía, só é satisfactoria en Verbatim Metal Azo. Entre os cedés de datos só o de Hi Space non indica velocidade de gravación, e ningún dos de audio proporciona esta interesante información. Na maioría dos que a achegan, esta velocidade é 16x (16×2400 Kb/seg), e en Fujifilm e Basf/Emtec foi 12x (12×1800 Kb/seg). Debido á vertixinosa velocidade coa que cambia o mercado dos CD, probablemente para cando se publique esta análise os 12x e 16x xa serían substituídos polos 32x.
Por outra banda, a capacidade de almacenamento nos cedés analizados é a mesma (porque hai de 650 Mb ou 74 minutos, de 90 minutos, …): os de datos indican 700 Mb ou 80 minutos e os de audio, 80 minutos.
As esixentes probas realizadas para avalia-la aptitude á función destes 12 cedés deron un resultado satisfactorio. A maioría seguían operativos despois das probas, aínda que houbo excepcións: Verbatim (datos) e Emtec (audio) non superaron o despegado da etiqueta, quedando inutilizados para o seu uso posterior, mentres que Sony, Fuji e Hi Space (os tres de datos) e Fuji audio quedaron algo danados pero seguiron operativos. E na proba de resistencia, o cedé audio de Fuji presentou unha alteración leve que non lle impediu seguir operativo.
Outras cuestións: a claridade e idoneidade das instruccións de uso, mantemento e limpeza foron mellores en TDK e Hi Space (cedés de datos). E a velocidade de gravación (coa gravadora LACIE/CDBP-241040s) comprobouse que era semellante entre os catro de audio, pero non así nos de datos. TDK, Sony, HP, Traxdata e Verbatim só tardaron 3 minutos en completarse mentres que Fuji e Basf/Emtec precisaron 3,5 minutos. O máis lento, Hi Space, requiriu de 4,5 minutos. Lembremos aquí que a capacidade dos cedés era idéntica, polo que leva distinto tempo grava-la mesma cantidade de información.
Tras cotexar tódolos resultados, a mellor relación calidade-prezo entre os cedés de datos correspóndelle a Verbatim Metal Azo (0,77 euros) e, entre os de audio, a TDK CD-RA-XG X Reflex (2,28 euros). Hi Space perfílase como un producto de elevada calidade, debido ás peculiaridades que lle confire o seu recubrimento de carbono.
A cor do anverso dos cedés
O reverso dos cedés é de distintas cores: foron dourados os de Sony, HP, Fujifilm e Basf/Emtec entre os de datos, e Emtec e Fujifilm, entre os audio. En TDK, Traxdata e TDK e Sony Audio foron azuis ou azul-verdosos. Verbatim foi azul escuro, e, para rematar, o de Hi Space é de cor negra. Non sendo no caso de Hi Space, onde a cor negra se debe a un recubrimento externo que mellora a súa protección fronte ós raios ultravioleta e a súa resistencia fronte ó uso continuado, nos demais a cor débese sobre todo ó tipo de tintura orgánica da capa de gravación. Tan só Verbatim Metal Azo indica a natureza desa tintura orgánica. Aínda que hai controversia ó respecto, os CD-R negros, dourados ou azul escuros asócianse comunmente cunha maior lonxevidade, o que podería ser importante en copias de seguridade. Sen embargo, este non é o único factor que determina a lonxevidade do cedé.
Cómo se fixeron as probas
Para comprobar que ningún dos CD-R presentaba problemas na gravación empregáronse sete directorios ou carpetas específicas de ordenador PC, que contiñan á súa vez 111 carpetas con 1.925 arquivos cunha capacidade total de 397 Mb (megabytes). A información era de texto, imaxes, son e programas activos de xogo. Para a gravación de música empregouse un disco con 12 cancións que ocuparon 480 Mb. A gravación realizouse á velocidade de gravación recomendada en cada CD. Cando esta información non aparecía, empregouse 12x. Mediuse o tempo que tardaba a gravación en completarse en cada CD. Despois, comprobouse se os datos gravados se correspondían cos orixinais.
Os CD poden sufrir alteracións debido a condicións climáticas extremas ou que cambian bruscamente. Os CD-R sometéronse a baixas (-20ºC) e altas (60ºC) temperaturas durante 24 horas e despois comprobouse con distintos lectores (lector CD-RW, lector CD, e lector CD de cadea musical) se estes seguían sendo operativos ou non. E verificouse a calidade da gravación cun programa específico (Disk Checker 2000), que cuantifica os erros producidos na gravación.
Na proba de robustez, as mostras sometéronse a 10 caídas desde unha altura de 1,5 metros sobre unha superficie dura. Despois, inspeccionouse se había algunha deterioración física e se seguían sendo operativos nos lectores de CD.
A adhesión de etiquetas pode tamén dana-la superficie do CD. Para comprobar este extremo, pegouse unha etiqueta de 7×3 cm sobre a cara superior do CD, no espacio sinalado para iso, e tras 48 horas despegouse a etiqueta e inspeccionáronse as mostras visualmente e a través de diversos lectores de CD.
Para rematar, co obxecto de verificar se se pode escribir cun rotulador indeleble de punta branda sobre os CD sen que iso altere a súa función, rotuláronse as mostras e valorouse a facilidade da inscrición e o seu resalte sobre a cara superior do CD. Os mellor valorados foron aqueles que presentan unha capa específica de escritura.
Para que os CDs ofrezan un almacenamento máis seguro e prolongado dos datos que albergan, convén coñecer e aplicar estas medidas:
- Gardalos en envases axeitados, preferentemente opacos.
- Non expolos a temperaturas elevadas (o ideal: non superar 25ºC), nin a humidades relativas altas, nin a cambios bruscos de temperatura e humidade.
- Non deixalos fóra da caixa cando non se usen.
- Non expolos á luz solar de xeito prolongado.
- Non escribir sobre o CD con bolígrafo ou rotulador de punta ríxida. Existen rotuladores específicos para cedés.
- Non sometelos a golpes nin á acción de obxectos punzantes.
- Non pegar etiquetas sobre eles. E se xa as pegamos, non despegalas. Existen adhesivos específicos para cedés.
- Manipulalos agarrándoos polos bordos, para evitar deixar impresións dactilares.
- Non limpalos con disolventes ou substancias agresivas. O mellor xeito é cunha camuza para limpar lentes.
- Non fretalos en sentido circular, senón en sentido radial, para que se se produce algún efecto de raiado teña a menor incidencia posible.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse 12 cedés gravables, oito de datos e catro de audio. Os de datos custan de media un euro cada unidade. Os de audio, uns 2,20 euros.
- Só se poden gravar unha vez, a diferencia dos CD-RW ou reescribibles.
- A diferencia básica entre os de audio e os de datos é a estructura coa que foron creados, aínda que o software de gravación que teña o usuario permite crea-los cedés cunha estructura ou con outra. Aínda que os de datos se poderían usar para gravar música (depende do equipamento informático e/ou de audio do usuario), a recomendación é usa-los CD-R Datos para datos, e os CD-R Audio para música.
- A información ó consumidor é aceptable, se ben pouco homoxénea e con omisións e contidos só en inglés.
- A capacidade de almacenamento foi a mesma nos CD-R analizados: os de datos indican 700 Mb ou 80 minutos e os de audio, 80 minutos.
- Os cedés de cor negra, ou co reverso dourado ou azul escuro, asócianse cunha maior lonxevidade, pero este non é o único factor que determina a duración do cedé.
- A velocidade de gravación (coa gravadora LACIE/CDBP-241040s) foi semellante nos de audio, pero non nos de datos: os cedés de TDK, Sony, HP, Traxdata e Verbatim tardaron 3 minutos en encherse, Fuji e Basf/Emtec, 3,5 minutos, e Hi Space, 4,5 minutos.
- A mellor relación calidade-prezo é Verbatim Metal Azo (0,77 euros) e, entre os de audio, TDK CD-RA XG X REFLEX (2,28 euros). Hi Space, o máis caro entre os de datos, perfílase como un producto de prestacións de calidade.
MARCA | TDK | SONY | HP | TRAXDATA |
---|---|---|---|---|
Modelo | TDK CD-R80 X REFLEX ULTRA | SONY CDQ-80N1 SUPREMAS | HP INVENT HP CD-R | TRAXDATA GOLD 16X |
Capacidade | ||||
700 MB/80 MIN | 700 MB | 700 MB | 80 MIN | |
Prezo (euros / unidade) | ||||
1,04 | 0,95 | 0,72 | 0,95 | |
Información e protección ó consumidor | ||||
Indicacións/Símbolos | C | C | C | NC |
Instruccións de uso, mantemento e limpeza | C | C | NC | NC |
Garantía | NC | NC | NC | NC |
Características técnicas | ||||
Velocidade escritura | X16 | X16 | X16 | X16 |
Formateados | Si | Si | Si | Si |
Cor capa frontal | Branca | Prateada | Branca | Dourada |
Cor capa posterior | Azul-verdosa | Dourada | Dourada | Azul-verdosa |
Aptitude ó uso | ||||
Instruccións de uso, mantemento e limpeza | MB | B | M | M |
Marcaxe de características en CD | N | N | N | B |
Relación de información embalaxe-CD | N | N | N | B |
Verificación gravadora | B | B | B | B |
Gravación | MB | MB | MB | MB |
Probas climáticas (-20*C e 60*C) | B | B | B | B |
Robustez (Caídas desde 1,5 m) | B | B | B | B |
Despegado etiqueta | B | N | B | B |
Rotulación | B | N | B | B |
Valoración global | ||||
B | B | N | N |
MARCA | VERBATIM | FUJIFILM | BASF/EMTEC | HI SPACE |
---|---|---|---|---|
Modelo | VERBATIM METAL AZO 16X | MULTISPEED 12X | BASF 12X | UV PROTECTION |
Capacidade | ||||
700 MB | 700 MB | 80 MIN/700 MB | 80 MIN/700 MB | |
Prezo (euros / unidade) | ||||
0,77 | 1,17 | 1,04 | 1,19 | |
Información e protección ó consumidor | ||||
Indicacións/SÍmbolos | C | C | C | C |
Instruccións de uso, mantemento e limpeza | C | C | C | C |
GarantÍa | C | NC | NC | NC |
CaracterÍsticas técnicas | ||||
Velocidade escritura | X16 | X12 | X12 | – |
Formateados | Sí | Sí | Sí | Sí |
Cor capa frontal | Branca | Prateada | Sen capa-CD prateada | Negra |
Cor capa posterior | Azulada-escura | Dourada | Dourada | Negra |
Aptitude ó uso | ||||
Instruccións de uso, mantemento e limpeza | B | B | B | MB |
Marcaxe de caracterÍsticas en CD | B | B | B | N |
Relación de información embalaxe-CD | B | B | B | N |
Verificación gravadora | B | B | B | B |
Gravación | MB | B | B | N |
Probas climáticas (-20*C e 60*C) | B | B | B | B |
Robustez (Caídas desde 1,5 m) | B | B | B | B |
Despegado etiqueta | M | N | B | N |
Rotulación | B | B | N | N |
Valoración global | ||||
B | B | B | B |
MARCA | TDK | SONY | EMTEC | FUJIFILM |
---|---|---|---|---|
Modelo | TDK CD-RA-XG X REFLEX | SONY CD-RA | EMTEC CD-RA MAXIMA | FUJIFILM CD-RA |
Capacidade | ||||
80 MIN | 80 MIN | 80 MIN | 80 MIN | |
Prezo (euro/unidade) | ||||
2,28 | 2,55 | 1,95 | 2,03 | |
Información e protección ó consumidor | ||||
Indicacións/Símbolos | C | C | C | C |
Instruccións de uso, mantemento e limpeza | C | C | C | C |
Garantía | NC | NC | NC | NC |
Características técnicas | ||||
Velocidade escritura | – | – | Si | Si |
Formateados | Si | Si | Si | Si |
Cor capa frontal | Branca | Prateada | Sen capa-CD prateada | Prateada |
Cor capa posterior | Azulada | Azul-verdosa | Dourada | Dourada |
Aptitude ó uso | ||||
Instruccións de uso, mantemento e limpeza | B | B | B | B |
Marcaxe de características en CD | N | N | N | N |
Relación entre información embalaxe-CD | N | N | N | N |
Verificación gravadora | B | B | B | B |
Gravación | B | B | B | B |
Probas climáticas (-20*C e 60*C) | B | B | B | B |
Robustez (Caídas desde 1,5 m) | B | B | B | N |
Despegado etiqueta | B | B | M | N |
Rotulación | B | B | N | B |
Valoración global | ||||
B | B | N | N |
1.- Carece de conexión de saída RCA-Vídeo
Un a un
Un a un, 12 CD-R (gravables), oito de datos e catro de audio
VERBATIM METAL AZO 16X (CD-R de DATOS)
- 0,77 euros cada unidade.
- O segundo máis barato e a mellor relación calidade-prezo entre os cedés gravables de datos. Etiquetaxe con algunha indicación en inglés. Único con garantía satisfactoria. Velocidade indicada: 16x. Cor do anverso: azul escura. Aptitude á función: ben. Destaca en velocidade de gravación. Trala proba de despegado da etiqueta, o cedé quedou inservible.
HI SPACE UV PROTECTION (CD-R de DATOS)
- 1,19 euros cada unidade.
- O máis caro dos cedés de datos. Etiquetaxe con algunhas indicacións en inglés, non inclúe indicación de garantía satisfactoria. Non indica velocidade de escritura. Cor do CD: negra. Aptitude á función, ben, destaca nas instruccións de uso e mantemento. O máis lento en velocidade de gravación (4,5 minutos). Só regular nas probas de despegado da etiqueta e de rotulación.
SONY CDQ-80N1 SUPREMAS (CD-R de DATOS)
- 0,95 euros cada unidade.
- Etiquetaxe con algunhas indicacións en inglés. Sen indicación de garantía. Velocidade indicada: 16x. Cor do anverso: dourada. Ben en aptitude á función, destacando en rapidez de gravación. Só regular en: marcaxe das características do CD, relación entre a información da embalaxe e o CD, e nas probas de despegado da etiqueta e de rotulación.
TDK CD-R80 X REFLEX ULTRA (CD-R de DATOS)
- 1,04 euros cada unidade.
- Etiquetaxe con algunhas indicacións en inglés. Sen indicación de garantía. Velocidade indicada: 16x. Cor do anverso: azul-verdosa. Ben en aptitude á función, destacando en instruccións de emprego e mantemento e rapidez de gravación. Só regular en: marcaxe das características e relación entre a información da embalaxe e o cedé.
BASF/EMTEC BASF 12X (CD-R de DATOS)
- 1,04 euros cada unidade.
- Etiquetaxe con algunhas indicacións en inglés e non inclúe indicación de garantía. Velocidade de escritura: 12x. Cor do anverso: dourada. Aptitude á función, ben, con valoracións satisfactorias en case tódolos aspectos estudiados; a única excepción: a proba de rotulación.
FUJIFILM MULTISPEED 12X (CD-R de DATOS)
- 1,17 euros cada unidade.
- O segundo máis caro entre os cedés de datos. Etiquetaxe con algunhas indicacións en inglés, e sen indicación de garantía. Velocidade indicada: 12x. Cor do anverso: dourada. Aptitude á función, ben, con valoracións satisfactorias en case tódolos parámetros. Na proba de pegado e despegado da etiqueta sufriu alteracións pero o CD-R seguiu operativo.
HP INVENT HP CD-R (CD-R de DATOS)
- 0,72 euros cada unidade.
- O máis barato. Etiquetaxe con algunhas indicacións en inglés. Non inclúe instruccións de uso e mantemento, nin indicación de garantía de xeito satisfactorio (en inglés). Velocidade indicada: 16x. Cor do anverso: dourada. Aptitude á función, normal, debido á ausencia de instruccións, á marcaxe das características do CD e á relación entre a información da embalaxe e o CD. Moi ben en velocidade de gravación.
TRAXDATA GOLD 16X (CD-R de DATOS)
- 0,95 euros cada unidade.
- Etiquetaxe incorrecta: faltan datos do fabricante ou importador, e presenta algunhas indicacións en inglés. E non inclúe instruccións de uso e mantemento, nin garantía. Velocidade indicada: 16x. Cor do anverso: azul-verdosa. Aptitude á función, normal, debido fundamentalmente á ausencia de instruccións. Moi ben en velocidade de gravación.
TDK CD-RA-XG X REFLEX (CD-R de AUDIO)
- 2,28 euros cada unidade.
- O segundo máis caro, pero é a mellor relación calidade-prezo. Etiquetaxe con algunhas indicacións en inglés, e non inclúe indicación de garantía. Nin sinala velocidade de escritura. Cor do anverso: azulada. Aptitude á función, ben, con valoracións satisfactorias en tódolos aspectos agás na marcaxe de características, e na relación entre a información da embalaxe e o cedé.
SONY CD-RA (CD-R de AUDIO)
- 2,55 euros cada unidade.
- O máis caro de todos. Etiquetaxe con algunhas indicacións en inglés, e non inclúe indicación de garantía. Nin sinala velocidade de escritura. Cor do anverso: azul-verdosa. Aptitude á función, ben, con valoracións satisfactorias en tódolos aspectos con excepción da marcaxe de características e na relación entre a información da embalaxe e o cedé.
EMTEC CD-RA MAXIMA (CD-R de AUDIO)
- 1,95 euros cada unidade.
- O máis barato dos cedés de audio. Etiquetaxe con algunhas indicacións en inglés, e non inclúe indicación de garantía. Tampouco sinala a velocidade de escritura. Cor do anverso: dourada. Aptitude á función, normal: a marcaxe de características, a relación entre a información da embalaxe e o CD, e o resultado da proba de rotulación, non foron satisfactorias. E trala proba de despegado da etiqueta, o CD-R quedou inutilizable.
FUJIFILM CD-RA (CD-R de AUDIO)
- 2,03 euros cada unidade.
- Etiquetaxe con algunhas indicacións en inglés, e non inclúe indicación de garantía. Nin sinala velocidade de escritura. Cor do anverso: dourada. Aptitude á función, normal: a marcaxe de características no cedé, a relación entre a información da embalaxe e o cedé, así como o resultado da proba de despegado da etiqueta, non foron satisfactorias.