Por qué, cándo e para qué acudir ó psicólogo
Para a maioría de nós, non é nada difícil saber cándo debemos acudir ó médico. Sen embargo, seguimos amosando dúbidas e reticencias á hora de dirixirnos ós psicólogos, sobre os que aínda semella pesa-lo apelativo de médico dos tolos. Por iso aínda moitos asocian o feito de acudir a un psicólogo con recoñecer que se padecen graves desordes mentais que non son capaces de controlar e resolver. Outro freo para ir tranquilamente á consulta do psicólogo é o reparo a comunicarlle a un descoñecido os nosos problemas máis íntimos. Amosármonos tal como somos, falarmos desas frustracións, obsesións, complexos, inseguridades ou debilidades que tantos anos levamos agachando ou disimulando, cuestionármo-la nosa fortaleza mental, a nosa sensatez ou lucidez, quedando case a mercé de alguén, expórmonos ó xuízo dun especialista -para quen seremos só un caso máis- convértese nun duro transo que pode producirnos medo cando non terror. E así, por unhas ou outras causas, e malia a que algo no noso interior nos revela que precisamos axuda especializada e que contármoslle-las nosas penas a familiares ou amigos non é abondo, demorámonos demasiado en solicitar unha cita co psicólogo e facémolo cando xa non podemos máis e os síntomas de sufrimento, de inestabilidade psicolóxica, se converteron nun pesadelo. Este retardo, que pode supor varios anos e mesmo décadas, pode agravar un problema que atendido a tempo quizais se podía resolver sen maior dificultade.
Un especialista que pode axudarnos
O psicólogo é un profesional especializado, un científico do comportamento humano. O seu traballo desenvólveo a cotío con persoas que se atopan nun momento difícil da súa vida ou que se enfrontan a un problema que require a análise e a asesoría -e, ás veces, a compañía, complicidade e apoio- dun especialista. O psicólogo conta con ferramentas metodolóxicas e con técnicas para realizar unha avaliación, establecer un diagnóstico e propor un tratamento para aborda-los problemas dos seus clientes e para axudalos a entende-los motivos do seu malestar. Pero estes especialistas da mente humana non só resultan útiles en situacións críticas; ben ó contrario, proporcionan recursos e estratexias para previr posibles problemas e que nos axudarán a sentirnos máis estables e fortes no día a día.
Un matiz: na consulta non é imprescindible abri-la nosa intimidade desde o primeiro momento; o cándo e o qué contarlle ó especialista é unha opción persoal. O ritmo do proceso desa implicación e sinceridade que se require para que o psicólogo coñeza as características e alcance do noso conflicto interno pode establecelo o propio cliente, que actuará movido pola súa necesidade ou pola decisión persoal de contarlle ó especialista o que lle acontece. Esta comunicación fértil prodúcese normalmente nese desexable clima de confianza e seguridade que xorde cando percibimos que o especialista nos garante confidencialidade e comprensión. E cando sabemos que non vai emitir sobre nós xuízos que poidan feri-la nosa sensibilidade. As primeiras impresións, como a de ser escoitados e respectados e de sentirnos ben atendidos tecnicamente, así como a de “conectar” coa súa maneira de ser e cos seus métodos e terapias, determinan en boa medida se o paciente optará por ese especialista e tamén o éxito do traballo terapéutico que se emprenda.
O tempo non amaña nada
Debemos acudir ó psicólogo cando detectamos que un ou varios problemas bloquean a nosa vida inundándoa de sensacións desagradables, impedíndonos gozar dos seus aspectos positivos ou pracenteiros. Por iso de crérmonos autosuficientes coidamos que seremos capaces de “saír desta”, e que o que precisamos é, sinxelamente, serenarnos e darlle tempo ó tempo. Pero estamos enganados: o tempo non amaña nada. Cousa ben distinta é que precisemos que discorran semanas ou meses para executármo-los comportamentos que nos axuden a resolve-los problemas.
Pedir é tan necesario coma dar: forman o anverso e reverso da mesma moeda, que é a vida. Non confundámo-la autonomía á hora de xestiona-las nosas vidas coa negativa a solicita-la axuda doutras persoas para conducir esas accións a bo porto. O psicólogo non é un meigo que cura os males da nosa psique, senón simplemente un experto en saúde mental que actúa coma asesor e acompañante e que procurará axudarnos a que academos (sempre por nós mesmos e desde nós mesmos) as desexadas seguridade e estabilidade, propiciando un mellor discernimento na busca de solucións e potenciando a nosa autoestima.
- Sintamos que a tristura, a apatía e a falta de ilusión comezan a abaternos e a emitírno-la sempre equivocada mensaxe de que as nosas vidas carecen de sentido.
- O negro ou o gris tinxen a miúdo os nosos pensamentos e vémonos incapaces de atopar algo positivo nas nosas vivencias cotiás.
- Todo ó noso redor percibímolo ameazante e sentímonos sós, incomprendidos ou desatendidos.
- Pensamos que a desgracia se cebou en nós e comezamos a asumir que todo nos sae mal e que as cousas non van cambiar.
- Estamos atenazados por medos que nos impiden saír á rúa, relacionarnos con outras persoas, permanecer nun sitio pechado, falar en público, viaxar, etc. É dicir, cando o temor ou a inseguridade nos impiden desenvolve-las nosas habilidades e gozar de persoas, animais e cousas que nos arrodean.
- A obsesión por padecer graves enfermidades ou contaxiarnos delas lévanos a conductas estrañas e repetitivas, das que non podemos prescindir sen que a súa ausencia nos xere ansiedade.
- Sentímonos “cos nervios rotos” e case calquera situación fai que perdámo-lo control e só saibamos responder con agresividade ou rompendo a chorar.
- Decatámonos de que fumar, beber ou consumir calquera outra droga, apostar…, se converteu nunha adicción da que non sabemos saír e que xera prexuízos importantes na nosa vida ou na de quen nos arrodea.
- A tensión comeza a amosarse a través dos seus síntomas psicosomáticos: insomnio, problemas dixestivos, cardiovasculares, sexuais…
- A ansiedade é unha constante cotiá, que impide a estabilidade e serenidade precisas para manter un pensamento positivo, unha conducta tranquila e o goce dos pequenos praceres cotiáns.
- Os silencios, os desplantes ou os berros substitúen o diálogo, e os problemas de comunicación enturban a nosa relación cos demais.
- As dificultades sexuais afloran e vivímo-la angustia que causan a impotencia, a falta de desexo ou de sensacións eróticas e, sobre todo, a imposibilidade de gozo e comunicación coa persoa destinataria do noso amor.