Un problema con solución
Aínda que o termo máis empregado para designa-los problemas de erección é o de impotencia sexual, resulta máis correcto englobalos baixo o nome de disfunción eréctil (DE), que se refire á incapacidade para obter e/ou manter unha erección suficiente para ter unha relación sexual satisfactoria. Trátase dunha afección frecuente que, segundo diversos estudios, padece en maior ou menor grao e con severidade variable o 52% da poboación masculina de entre 40 e 70 anos, e o 15-20% dos maiores de 70 anos. Estímase que en España dous millóns de homes sofren este problema. Ante todo cómpre dicir que na maioría dos casos constitúe un problema e non unha auténtica enfermidade. Así e todo, vívese en silencio e con sentimentos de vergonza e de complexo que lle impiden a quen padece esta disfunción falar do tema co médico ou coa súa parella. Son poucos os que o afrontan e procuran unha solución: menos dunha cuarta parte de quen sofre DE se pon en tratamento.
Non ten que ver coa idade
Téndese a considera-la DE como un problema inherente ó paso dos anos, unha consecuencia normal do avellentamento. Pero esta crenza é falsa, a sexualidade non ten data de caducidade e hai persoas moi vellas que gozan dunha vida sexual satisfactoria. Aínda que o descenso de niveis de testosterona poida ocasionar DE, hai tratamento para combatelo. E é que outro concepto erróneo é pensar que a disfunción eréctil non ten solución. Se ben co avellentamento poden aparecer enfermidades que leven asociadas DE, o avellentamento por si só non ten por qué asociarse a disfunción.
A erección, fenómeno complexo
A erección é un fenómeno complexo no que interveñen factores moi variados: estímulos visuais, táctiles, psicóxenos, cardiovasculares, hormonais… Pode verse inhibida por numerosas circunstancias e ás veces mante-la erección inicial pode resultar difícil. Estas cousas acontecen e non pasa nada se se dan con carácter esporádico ou por tempadas, volvendo despois á normalidade. Hai épocas nas que pequenos estímulos desencadean unha reacción enorme e outras nas que se reacciona pouco ou nada. Esta variabilidade é biolóxica, normal e non require atención especial. A parella debe coñecer que a erección non se reduce ás puras matemáticas, que se trata dun fenómeno moi complexo e que non sempre se reacciona do mesmo xeito.
Causas orgánicas
Unha erección frustrada pode deberse a moitas causas, pero nesta ocasión ímonos centrar na DE de persoas que previamente mantiñan relacións sexuais sen problemas e un bo día comezan a notar unha perda duradeira da súa capacidade eréctil e, polo tanto, ausencia de relacións sexuais con penetración e exaculación. É a chamada DE secundaria, que pode ser de dous tipos: orgánica e funcional ou psicóxena. Na primeira, hai unha lesión ou enfermidade a nivel nervioso por lesión de medula ou de nervios periféricos, arteriosclerose das arterias que dificulta o fluxo do sangue ou insuficiencia das veas que permiten o escape do sangue. A disfunción eréctil orgánica tamén se pode deber á inxestión dalgúns medicamentos: bloqueadores e diuréticos, empregados para trata-la hipertensión arterial; algúns antidepresivos, ansiolíticos e neurolépticos; a cimetidina e a ranitidina, utilizadas para tratamentos gástricos, así como a insulina e outros antidiabéticos orais. Tamén problemas tiroideos, hepatopatías crónicas e outras enfermidades do metabolismo poden xerar DE.
Causas psicolóxicas
Cando non hai enfermidade que explique a disfunción eréctil fálase de DE funcional ou psicóxena, que vén se-lo 60% dos casos. A función sexual está intimamente relacionada coa psique, de xeito que calquera alteración desta repercutirá na erección. Así, tensión, cansazo, estados depresivos, conflictos de parella ou calquera outro problema que agoníe o home pode provoca-la DE. Mesmo o feito de “fallar” nalgunha ocasión pode converterse para algúns nun problema ó que dan voltas e voltas agravando a situación e convertendo en real unha DE inexistente. As ereccións nocturnas durante o sono, que se producen habitualmente e case a cotío, son indicativas de que non hai lesións neurolóxicas nin cardiovasculares e de que a ausencia de erección en situación de vixilia pode ser debida a causas psicóxenas. A falta de ereccións nocturnas é indicativo de que pode haber unha lesión orgánica, a maior parte das veces unha arteriosclerose que impide encher de xeito normal os corpos cavernosos, unha lesión neurolóxica ou un disturbio hormonal ou metabólico.
A viagra, con precaución
Recentemente apareceu unha substancia, o sildenafilo (principio activo da Viagra) cun alto nivel de eficacia e que permite unha maior calidade de vida sexual. Pero antes de bota-las campás a voar cómpre aclarar que o sildenafilo é efectivo só se hai estimulación sexual. O sildenafilo non é un afrodisíaco, senón un medicamento que incrementa a liberación de substancias relaxantes e vasodilatadores non só no pene, tamén noutros órganos e vísceras, polo que non está exento de riscos, complicacións e efectos secundarios. De feito, xa se notificaron mortes relacionadas con enfermidades cardiovasculares tras toma-lo producto. Debido a que está indicado para un problema que se vive con vergonza, é moi típico tratar de conseguir este medicamento ás agachadas ou a través de amigos. Tamén a miúdo hai quen o proba para ver qué acontece. Pero considerando os graves efectos secundarios deste medicamento, esas actitudes resultan imprudentes de todo. Esta medicación hai que consumila sempre baixo prescrición médica, despois de analizar e estudia-lo problema da DE e só se se considera que é o tratamento máis axeitado para o caso. As reaccións adversas máis frecuentes despois da súa inxestión son: dor de cabeza (16%), baixada de tensión (10%), molestias gástricas (7%), conxestión nasal (4%), disturbios visuais -vese como azul anubrado- (3%), e tamén hai diarrea, sarabullos e, con menor frecuencia, mareos.
Inicialmente, o sildenafilo é axeitado para case tódolos tipos de DE, pero as respostas dos pacientes son ben distintas e sempre haberá unha porcentaxe de homes nos que este medicamento non cause ningunha reacción. A lista de observacións é moi extensa: non se debe subministrar cando se toman nitratos por afeccións cardíacas; a cimetidina (medicación para a úlcera, gastrite) e a eritromicina (antibiótico) fan que a concentración de sildenafilo en sangue aumente, polo que se toma algún destes medicamentos cómpre que llo comunique ó médico, xa que a dose debe ser menor; quen sofre problemas hepáticos ou renais debe consulta-lo médico, xa que retardan a eliminación do producto; hai un incremento do risco cardíaco asociado ó sildenafilo, polo que cómpre realizar unha valoración cardiovascular antes da súa toma. Ademais, non debe consumir sildenafilo quen ten patoloxías do pene como deformacións, fibrose ou outras afeccións. Certas enfermidades, como algúns tipos de leucemia, mieloma múltiple e outras predispoñen ó priapismo (erección mantida durante horas) polo que debe absterse de tomalo quen as padeza. Quen padece retinose pigmentaria debe absterse de tomar sildenafilo, xa que xera disturbios visuais.
O tratamento da DE é complexo. Unhas veces deberá ser psicolóxico, outras hormonal e en última instancia mesmo cirúrxico, xa que algunhas afeccións, xeralmente de orixe vascular ou por fibrose dos corpos cavernosos, só se poden amañar mediante unha prótese de pene. Non obstante, as intervencións deben considerarse como a última opción e só se debe recorrer a elas se fallan os demais tratamentos. Outra posibilidade son as autoinxeccións. O paciente inxéctase nos propios corpos cavernosos substancias vasoactivas que lle provocan unha erección, pero este método non está exento de risco, xa que poden presentarse complicacións como o priapismo (erección prolongada durante horas) e a fibrose dos corpos cavernosos.