Gravar CDs é un xeito económico e relativamente sinxelo de gardar grandes cantidades de información
Imaxine unha montaña de 451 disquetes. Imaxine toda a información alí contida. Imaxine que hai un dispositivo circular de 6 centímetros de radio no que caben todos eses datos. Deixe de imaxinar. Nun único CD-ROM (un CD que almacena datos de xeito permanente) entran 650 megabytes ou ‘megas’ de información ou 74 minutos de música gravados de maneira convencional. O seu custo, lonxe de dispararse, está moi por baixo doutros dispositivos de menor capacidade (pero máis sinxelos de utilizar) coma os discos ZIP. Por todo iso, resulta lóxico o auxe que experimentaron os gravadores caseiros de discos compactos.
Sen embargo, gravar un compacto nada ten que ver con gardar datos nun disquete ou no mesmo disco duro do ordenador. Desde a irrupción dos sistemas operativos gráficos (primeiro o de Macintosh, logo o de Microsoft e despois os de Linux) gravar calquera elemento nun disquete resulta tan sinxelo como arrastrar co rato un elemento á icona da disqueteira. Rápido, cómodo e sen complicacións. Sen embargo, a súa limitada capacidade (1,44 megabytes, fronte ós 650 ‘megas’ dun CD ou os varios milleiros de ‘megas’ dun DVD) acantoan progresivamente a este elemento que se ensambla nos ordenadores desde hai máis dunha década.
Aínda que fisicamente tódolos CDs con maior ou menor fortuna sirvan para tódolos propósitos, o formato no que se graven determinará que o compacto en cuestión cumpra unha ou outra función. É dicir, nada ten que ver gravar datos (documentos de word, fotografías jpeg ou animacións flash) con almacenar música. A maioría dos programas para a tarefa (como o Easy CD ou o Nero) teñen simplificada esta elección con vistosos menús, pero coñecer qué escollemos con cada opción, permitirá crear compactos “a medida”.
O formato primixenio de CDs foi o de audio. Este é o sistema que aínda len as cadeas de música e ten certas limitacións que condicionan a súa gravación, como o feito de que só permite gardar unha sesión, pero ¿que é unha sesión? Durante a gravación dun compacto, o láser queima (“torra”) o anverso do disco. O tempo que transcorre entre que o láser comeza e remata a gravación (que non se pode interromper) chámase sesión. Polo tanto, é imprescindible gravalo dunha sentada.
Os CDs de datos si permiten a gravación en varias sesións, aínda que entre unha e outra se desaproveitarán irremisiblemente uns cincuenta “megas” de información (a 13ª parte do contido total do CD). Polo tanto, tamén convén gravar estes compactos dunha vez, ou, cando menos, que non se estea introducindo continuamente contidos novos.
Os formatos de CDs de datos non son uniformes, pero a maioría dos computadores actuais son capaces de ler tódolos sistemas. O problema xorde cos nomes dos arquivos que quizais se alteren e incorporen caracteres estraños ó se leren noutro ordenador. Obviando este inconveniente, os textos, vídeos ou fotografías que leven estes arquivos non se modificará.
As recomendacións para conseguir un “torrado único” son sinxelas: ante todo, planifique qué vai gardar e procure facelo dunha soa vez. Cando se dispoña a gardar datos nun compacto, teña aberto só o programa gravador, xa que se o ordenador está moi atarefado e non é capaz de subministrar datos de xeito continuo, o disco resultará inservible.
¿Que acontece cos CDs regravables? En principio, o CD-RW (regravable) parecía un formato abocado a facer de ponte entre os disquetes tradicionais e os CDs que só permiten ser “gravados” unha vez. Sen embargo, a manifesta incompatibilidade destes discos con CD-ROM antigos e con algunhas cadeas de música actuais, unida ó baixo prezo dos discos que só se poden gravar unha vez marxinaron este sistema, que, aínda que moitas gravadoras incorporan, poucos usuarios utilizan.
Cando a gravadora estea acabada de instalar, ou se incorporara ó PC algún periférico novo convén facer simulacións. Esta opción que incorporan as aplicacións de gravación proba de xeito fidedigno se o ordenador sería capaz de gravar un compacto nunha serie de circunstancias. Deste xeito, poderase defini-la máxima velocidade á que se pode gravar sen corre-lo risco de perder ningún CD no test. E é que, pode que o ordenador non soporte a velocidade máxima de gravación e haxa que conte-la gravadora escollendo unha velocidade menor.
No mercado doméstico hai gravadoras de 4x (16 minutos para gravar un CD completo), 8x (8 minutos) e 16x (4 minutos). A velocidade das gravadoras vén determinada por dous números: o primeiro indica a velocidade de gravación, e o segundo de lectura. No caso das regravadoras incorpórase un terceiro número que indica a velocidade de regravación (4x, 4x, 32x).
Nun CD caben sempre 650 megas, nin máis nin menos. Daquela, ¿por que dependendo do formato de gravación escollido, a cantidade de música que se pode almacenar nun mesmo compacto oscila entre os 74 minutos e os 888 minutos? Todo o explica o formato.
Do mesmo xeito que hai persoas que precisan falar durante media hora para dici-lo mesmo que outros resolven con dúas frases, os uns e ceros (a información dixital) que leva un CD pódense aproveitar mellor ou peor. Hai formatos (coma o do CD de música convencional) que priman a pureza do son, aínda que non haxa oído humano que perciba ese grao de nitidez. Outros sistemas, coma o MP3, prescinden desas frecuencias mortas (e doutras que non o son tanto) para conseguir cancións audibles pero cunha lixeira perda de calidade. A cambio, estes formatos comprimidos ocupan moito menos espacio. De aí a revolución do MP3, que consegue comprimir 12 horas de melodías nun único compacto cunha calidade próxima ós CDs tradicionais de música.
Algo semellante acontece co vídeo. O formato DiVX 😉 comprime un DVD nun CD, aínda que, neste caso, a perda de calidade que o proceso comporta é máis evidente.
- Nero burning room Un dos programas de gravación de CDs para Windows que máis opcións incorpora. Conta cunha versión de avaliación que calquera usuario pode descargar gratuitamente desde Internet para valorar se lle compensa adquirilo.
- Vinilo en CD Os vinilos que queden pola casa pódense pasar a CD para evita-lo seu estrago. Nesta web detállanse os pasos que cómpre seguir para migrar dun formato a outro mantendo, incluso, “a fritura” entre cancións.
- DiVX 😉 DivX 😉 é a tecnoloxía que permite almacenar dúas horas de vídeo nun CD cunha calidade suficiente. Nesta web infórmase en castelán de cómo funciona, e danse as claves para que calquera usuario a utilice no seu ordenador.