A cantas persoas afecta o cancro de mama en España?
No ano 2012, estimouse que 22.000 pacientes foron diagnosticadas de cancro de mama. A relación de mulleres/homes é de cen afectadas por cada afectado. O risco máis importante para padecelo é ser muller e vai en ascenso a medida que aumenta a idade.
Cantos tumores mamarios se detectan en estadios iniciais grazas á mamografía?
O 75 % dos tumores detéctanse nun estadio moi inicial e máis do 50 % dos diagnósticos de cancro de mama en España son de estadio 1, o máis precoz e no que hai máis garantías de curación, pero é difícil atribuírllo todo á mamografía. O éxito na detección débese a unha combinación dos screenings mamográficos poboacionais, ao control da muller de alto risco que ten un compoñente hereditario e á autoexploración, que antes non se realizaba.
Que vantaxes teñen os programas de cribado de cancro de mama baseados na mamografía?
Cando se diagnostica nunha fase moi temperá, resulta relativamente eficiente. A taxa de rexeitamentos, en comparación co cribado de cancro de colon (con colonoscopia), é baixa e os falsos negativos tamén. O 70 % das lesións malignas de cancro de mama detéctanse dentro dos programas de detección precoz. Non obstante, menos dun 30 % das lesións non se diagnostican coa mamografía programada -son os denominados tumores de intervalo-, senón que se detectan entre un cribado mamográfico e outro. E entre un 20 % e un 25 % dos tumores son silentes, non se ven nesta exploración; por iso, a mamografía non é un sistema perfecto, xa que non pode garantir a detección do cento por cento dos tumores.
Pero, pódese afirmar que a mamografía salva vidas?
Non hai dúbida de que contribúe a iso. Segundo os estudos, unha parte débese ao impacto do screening ou diagnóstico rápido e outra ás melloras no tratamento da quimioterapia, radioterapia e cirurxía. Repártese de forma igual, pero si que podemos dicir que a metade de redución de mortalidade por cancro de mama se debe aos programas de diagnóstico precoz con mamografía.
Alongouse a supervivencia das afectadas grazas á detección precoz?
No ámbito nacional, as taxas de supervivencia a cinco anos do cancro de mama sitúanse por enriba do 82 %-83 %. E non deixan de mellorar. Estamos un punto por debaixo de EE.UU. e equiparados a Francia. Dende 1997, observouse unha caída da mortalidade por cancro de mama, maior entre as mulleres novas que entre as de máis de 65 anos, debido ao mellor tratamento e ao cribado mamográfico.
Cal é o perfil e a idade das mulleres que máis se benefician da mamografía?
Todo a comunidade científica está de acordo en que é máis eficaz por enriba dos 50 anos e ata os 65. Pero hai países, coma España, onde nalgunhas comunidades se ampliou e comeza aos 45 anos e esténdese ata os 70. Eu comparo estes programas de cribado á inspección técnica de vehículos (ITV): o coche revísase na ITV pero, se entre inspeccións algo falla, lévase ao taller para reparalo. Así, se entre un cribado mamográfico e outro, a muller nota un vulto na mama, unha alteración na súa morfoloxía, dor ou sangrado pola mamila non normal, debe acudir ao médico.
A mamografía convencional é mellor ca outras probas de diagnóstico por imaxe?
Niso interveñen varios factores. Para estar seguro, a máis eficaz é a resonancia magnética, pero non serve para o screening ou cribado en ningún país, porque é moi custosa economicamente e en tempo (unha hora). Outras, como a ecografía ou a mamografía dixital, son moito máis finas, pero con elas visualízanse demasiadas cousas e hai demasiados falsos positivos. Cando se ve algo coa ecografía, hai que facer unha biopsia, o que é excesivo para as mulleres sas, xa que se se lles detecta unha patoloxía benigna estrésanse, asústanse e, ao final, deixan de revisarse.
Augúralle unha longa vida á mamografía convencional para detectar o cancro de mama?
A mamografía ten as súas limitacións pero, ata este momento, nada é mellor. Traballamos moito en proteínas de baixa expresión, que poderían ser marcadores tumorais, pero aínda non serven para facer un diagnóstico precoz. É unha posibilidade no futuro e hai interese por convertela nunha proba que poida realizarse como unha análise de sangue, pero isto aínda está lonxe.