Cambia-los pneumáticos

Unha operación elemental de seguridade cotiá

Dos pneumáticos dependen factores como o consumo, a seguridade e o confort dun vehículo
1 Novembro de 2002
Img eco listado

Unha operación elemental de seguridade cotiá

/imgs/20021101/eco01.jpg
Un de cada seis vehículos que circulan polas estradas españolas rodan cun pneumático que debe cambiarse pola súa escasa capacidade de adherencia; unha terceira parte calza as rodas traseiras en peor estado cás dianteiras, o que pode provocar situacións de risco; o 73% dos pneumáticos ten a presión máis baixa cá recomendada, e a metade dos coches circulan con algún pneumático coa presión tan baixa como para sufrir un serio accidente en calquera momento. Estes datos resultan aínda máis preocupantes, se é posible, coa chegada do inverno, das chuvias e do frío. Así, dos máis de 77.000 accidentes que se produciron en España en 2001 con algunha víctima, 371 tiveron como causa principal o mal estado dos pneumáticos (moi desgastados), segundo cifras da Dirección Xeral de Tráfico. Dos pneumáticos dependen factores como o consumo, a seguridade e o confort dun vehículo, de aí a importancia de calzalos sempre en bo estado. E a chegada da meteoroloxía adversa acrecenta, aínda máis, a necesidade de revisa-lo estado dos pneumáticos que, ademais, sofren durante as vacacións de verán un desgaste maior ó habitual.

¿Cando cambiar de pneumáticos?

Os pneumáticos dispoñen dunhas ‘testemuñas’ de desgaste situadas no fondo. Cando esas testemuñas se poden ver a rentes da superficie indican que o debuxo da roda chegou á súa profundidade mínima legal, polo que a seguridade do conductor periga e, ademais, estará cometendo unha infracción do Código de Circulación.

Cando se supera este límite o pneumático perde eficacia, polo que as distancias necesarias para frear serán maiores e increméntase o risco de sufrir un aquaplanning (patinazo do coche, debido a miúdo a que o debuxo da roda está tan gastado que non evacúa adecuadamente a auga). Este momento para o cambio de pneumáticos vén marcado pola lei, pero os expertos recomendan non agardar a chegar ó límite legal (1,6 mm).

Segundo a asociación Automobilistas Europeos Asociados (AEA), o regulamento de conducción tamén se preocupa de que o pneumático estea en perfectas condicións. Aínda que a banda de rodante cumpra a normativa, hai outros factores como a deformación o os cortes que poden motivar que a un conductor lle impoñan unha multa. A sanción por esta infracción anda arredor dos 91 euros, pero pode alcanza-los 150 euros. Polo tanto, a roda cómpre cambiala cando dispoña dalgunha anomalía. Así mesmo, os conductores noveles deben revisa-los seus pneumáticos cada vez que rozan un bordo, pois a roda sofre un golpe e se deforma, e expóñense a ser multados. Desde a AEA recoméndase, ademais, acudir ó taller mecánico cando un automóbil estivo un longo período de tempo inutilizado. Segundo esta asociación, deixa-lo coche parado un ano desgasta máis as rodas que conducir durante 100.000 quilómetros. Pero en calquera caso aconsellan acudir con máis frecuencia a revisa-lo automóbil.

Ós mozos, a AEA aconséllalles que deixen de renderse ós encantos do tunning, xa que en moitas ocasións instalan rodas non homologadas polos fabricantes e arríscanse á multa e perden seguridade. Hai que respecta-la ficha técnica do fabricante, pois as rodas que deseñan para cada modelo responden a unha serie de leis físicas que cómpre respectar.

Desde o Real Automóbil Club de Cataluña (Racc) aseguran que non hai unha época ideal para o cambio das rodas e que cada caso é particular. Se ben en inverno fai máis frío e se require máis adherencia á estrada, a necesidade do bo estado do pneumático é extensible a todo o ano. Para cambiar de gomas o Racc recomenda considera-lo tipo de conducción, o estado do coche e o orzamento do que se dispón. A fonte da AEA engade outros factores que hai que considerar, como a zona pola que se conduce ou o tipo de estradas que se utilizan con máis frecuencia. Non é o mesmo conducir polo norte ca polo sur, como tampouco o é viaxar por autoestrada ca por unha estrada de montaña.

Por termo xeral, e cun uso normal, o cambio adoita realizarse cada dous anos ou cada 40.000 quilómetros. Con respecto ó prezo, pódense atopar modelos con óptimas prestacións desde 42 euros a 84 euros por roda. A partir de aí, a gama é moi ampla. Cando se acode ó taller hai que ter claras dúas cousas: o orzamento e o tamaño das rodas que calzamos. Se o orzamento é máis elevado do esperado, sempre cabe a posibilidade de cambiar dúas rodas, no canto das catro. Recoméndase monta-los pneumáticos novos no eixe traseiro, co obxectivo de asegurar un mellor control do vehículo en situacións difíciles (freada de emerxencia ou curva cerrada), xa que o eixe dianteiro se controla co volante, aínda que a adherencia sexa máis débil e o traseiro funciona mellor e aproveita a adherencia dos pneumáticos novos. En ocasións, os estragos dun pneumático están a miúdo ocultos. Se o coche vibra ou tira cara a un lado pode deberse a un estrago da roda.

Consellos de mantemento

A utilización que se fai do vehículo e o seu estado determinan que un mesmo xogo de rodas poida durar entre 5.000 e 40.000 quilómetros, segundo o portal Todomotor. Por iso, tanto os fabricantes de rodas coma os de coches dan unha serie de pautas para tirárlle-lo máximo rendemento ós pneumáticos. Unha firma de pneumáticos aconsella controlalos de maneira regular, e sempre antes de cada viaxe. Un control periódico permite detectar e corrixi-las anomalías. Ademais, recomenda que cómpre evita-los golpes contra as beirarrúas e as fochancas, xa que danan os pneumáticos gravemente. O fabricante aconsella verifica-la presión de inflado unha vez ó mes, porque unhas rodas mal inchadas se gastan antes e ademais de maneira irregular. Sinala tamén que é conveniente realizar unha permuta das rodas dianteiras coas traseiras cada 5.000 a 10.000 quilómetros.

O tipo de pneumático que equipa de orixe cada coche foi elixido polo fabricante para optimiza-las prestacións do vehículo. Polo tanto, en condicións normais, os expertos recomendan mante-lo mesmo modelo. Agora ben, é posible e recomendable cambiar de pneumáticos en función do tipo de conducción, das condicións climáticas, do estado das estradas e dos percorridos. Pero non se recomenda montar calquera modelo de pneumáticos. As rodas do mesmo eixe deben te-las mesmas características comerciais e técnicas. E, como non, os fabricantes de coches propoñen respectar sempre as especificacións que eles mesmos aconsellan para os seus vehículos.

A medida do pneumático fíxase pola anchura en milímetros ou perfil. Ámbolos parámetros permiten modificacións. Unha roda máis ancha ten máis adherencia, aínda que conta co inconveniente de que a resistencia ó rodamento é maior, polo que aumenta o desgaste e o consumo. Na súa contra xoga tamén que a precisión na conducción diminúe. Pódese optar tamén por diferentes composicións nos materiais da roda. En termos deportivos, fálase de gomas brandas, duras ou mixtas. no caso dos turismos é igual. As brandas agarran máis, pero gástanse antes. Por suposto, son mellores, pero resultan máis caras. Se o que se fai é diminuí-lo perfil, hai máis agarre, pero co agravante de reduci-lo confort e a duración do pneumático.