Afronta-la morte dunha persoa moi querida
Cando se é neno, a máis elevada expresión da actividade socio-festiva constitúena os bautizos e as primeiras comuñóns; a adolescencia e mocidade incorporan a este agradable catálogo de encontros as sempre felices vodas. Pero superados os corenta o principal rito social é que un mes si e outro non acudimos ó enterro dun amigo, compañeiro de traballo ou familiar directo. E atopámonos con esa inconfundible dor que xera a morte, a ausencia definitiva e irreparable de persoas fundamentais na nosa vida. Unha das razóns do desconcerto no que nos sume a morte é que case sempre acontece sen que previamente efectuasemos un adestramento que nos permita asumila como un feito inevitable e rutineiro, e iso porque vivimos de costas á morte.
O dó
As persoas afectadas pola morte dun ser querido presentan uns síntomas característicos e seguen unha serie de etapas para a asunción da perda. Ás veces preséntanse dificultades engadidas que frean o proceso e o fan aínda máis duro, pero esta sensación sobredimensionada de loito pode superarse cun punto de vista e apoio adecuados. A nosa cultura actual dificulta a elaboración do dó, pero somos seres intelixentes dotados dun grande instinto de supervivencia, e por iso sabemos reaccionar ante as dificultades e sobrepoñernos a elas. E se non, aprendemos. A traxedia ocorreu, pero a vida continúa e as esixencias que o día a día nos presenta requiren toda a nosa atención, entusiasmo e lucidez. Unha correcta elaboración do dó permitiralle ó afectado reintegrarse á súa vida normal coa enerxía necesaria.
Cómo se manifesta o dó
Os síntomas son semellantes ós das depresións maiores: tristura, trastorno do sono, alteracións do apetito e da libido, perda de peso… Tamén diminúe o interese polo mundo exterior, sobre todo no que fai lembra-la persoa finada. E sobrevén o desinterese polo traballo, por atopar novas relaciones, amais de manifestacións de angustia, sentimentos de culpa, apatía, falta de esperanza, e incluso -en casos graves- os pensamentos de suicidio.
Xorden tamén síntomas físicos como cefaleas, úlceras, problemas respiratorios, palpitacións, sudoración, e diminución das defensas do organismo.
Os pasos da elaboración do dó son:
- Incredulidade. É a primeira reacción ante a noticia da perda, acompañada de atordamento (“isto non me está ocorrendo a min”). Arredámonos da realidade, nun intento de palia-lo dramático acontecemento.
- Agresividade, ira. A persoa tórnase irascible, con reaccións de descontento, e resulta difícil de tratar. Adopta actitudes críticas fronte a quen a rodea e pregúntase por qué lle tivo que tocar esta desgracia.
- Depresión. Actitudes de apatía e silencio. Vai afacéndose á idea de que a perda é irreversible e vai deixando de se aferrar á imaxe do ausente. É unha triste e silenciosa resignación.
- Aceptación e paz. Asúmese serenamente a ausencia. A persoa comeza a centrarse e volve ás súas actividades cotiás.
¿E se o dó se converte en patolóxico?
Para supera-lo dó hai que vivilo, temos que concedernos a oportunidade de sufri-las súas consecuencias. E comprende-la tristura de quen o sofre, por moi acentuada ou esaxerada que pareza. Pero se o dó non se elabora correctamente -non se viviron algunhas fases, ou se interromperon ou se reprimiron emocións dolorosas-, poden xurdir síntomas patolóxicos, relacionados coa necesidade de permanecer unido ó ausente. Vexámo-los indicadores do dó patolóxico.
- Sentimentos de culpa. Séntese culpable da morte, pensa que non fixo o posible por evitala, que non foi suficientemente dilixente ou afectuoso co falecido.
- Pensamentos de morte. O vivo debería desaparecer xunto co finado, ou mesmo morrer no seu lugar.
- Sentimentos de inutilidade. Xa nada ten sentido, sen o defunto a vida carece de interese, sen el ou ela nada é igual, non imos poder facerlle fronte á vida.
- Experiencias alucinatorias. Como oí-la voz do finado ou ver fugazmente a súa imaxe.
- Sensacións de padece-la mesma enfermidade da persoa defunta, nun transvase do problema que causou a morte do ser querido.
- Confusión. Algo profundo está cambiando no fondo de si mesmo e no mundo.
- Lentitude psicomotriz e deterioración dalgunhas funcións orgánicas.
- Cómpre desafogármonos con alguén que poida entender e comparti-la nosa dor. Pero non sexamos demasiado esixentes, é difícil que quen non se ve directamente afectado comprenda a dimensión da nosa dor.
- O sufrimento non desaparece nin se reduce poñendo terra de por medio, afastándose da situación dolorosa ou do que nos remite ó ausente.
- Máis que cambia-las circunstancias externas, convén modifica-los procesos mentais que levan á aceptación da realidade. Despois dese cambio mental, e permanecendo lucidamente na situación real, xa se poden facer viaxes, ou cambios no fogar, ou calquera outra cosa.
- Convén que o afectado coñeza as fases do proceso de elaboración do dó, para que as acepte como algo normal.
- Tan pouco aconsellable é conservar tal cal estaban tódalas pertenzas do finado, como facelas desaparecer. O adecuado é que o doente quede cos recordos máis significativos do ausente e prescinda dos demais.
- Cando aparezan os síntomas do dó patolóxico, convén acudir ó médico de cabeceira. E, se é preciso, ó psicólogo.
-
Pensar que non debemos coñece-los detalles da morte nin ve-lo cadáver.
Aínda que resulte duro, sabe-los detalles da desaparición da persoa amada axuda a acepta-la realidade da ausencia. A falta de información pode xerar confusión e fantasías irreais. -
Crer que cando se demostra rabia, dor ou desesperanza mediante o pranto desgarrado ou os berros, se está máis exposto á depresión.
A expresión destes sentimentos é precisa, porque permite que se procese a perda e se elabore o dó, aínda que poidan percibirse como manifestacións esaxeradas ou propias de culturas ou países pouco desenvolvidos. -
Pensar que cando a persoa morre se perde a súa lembranza.
O recordo e as vinculacións emocionais non desaparecen. Permanecen, e aparecen a xeito de lembranzas pasaxeiras ou sonos. -
Pensar que, para supera-la dor canto antes, debemos volver axiña ás nosas angueiras cotiás.
Cómpre que nos deamos un tempo para reflexionar e para vivi-la dor superando o duro proceso emocional que supón a perda. -
Considerar que o afecto polo ausente se debe expresar con moita moderación.
Aínda que na nosa cultura se valoran a firmeza de carácter e a enteireza, debemos permitirnos expresar libremente as emocións dolorosas. -
Manter que cómpre non facer partícipes ós nenos destas situacións de loito.
Os nenos son tan capaces coma os adultos para elabora-los dós. Non lles ocultémo-la realidade. Deben aprender a superar perdas que, antes ou despois, chegarán.