Galletas con fibra

Axudan a completar un bo almorzo

Analizáronse sete galletas enriquecidas con fibra cuns prezos que diferían desde os menos de tres euros por quilo de Gullón e Marbú ata os 6,46 euros por quilo de Fibretten. As de Flora e Gerblé saen a máis de 4,5 euros por quilo. E só Fibretten é un producto dietético
1 Novembro de 2002

Axudan a completar un bo almorzo

As galletas representan unha maneira eficaz de aumenta-la achega enerxética do almorzo, que en moitos fogares é deficitaria. Estas galletas con fibra, destinadas a consumidores adultos, teñen unha achega calórica elevada, unhas 450 calorías cada cen gramos, semellante á de productos de pastelería, e moi superior á do pan branco (260 calorías) ou á do de molde (270 calorías). A súa composición caracterízase por un elevado contido en hidratos de carbono (65%-80%), dos que a terceira parte son sinxelos, procedentes dos azucres engadidos. Polo tanto, os hidratos de carbono complexos, máis interesantes porque xeran un maior efecto de fartura e porque a súa velocidade de absorción é máis lenta, supoñen case a metade do contido destas galletas. que achegan entre o 7% e o 10% de proteína. Pola súa banda, as graxas representan entre un 5% e un 18% deste producto e son en tódolos casos de orixe vexetal. A composición desa graxa (relación entre a cantidade de ácidos graxos non saturados, máis saudables, e de saturados) pódese considerar saudable. En Virginias, a proporción de graxas saturadas é moi superior á das demais galletas. E Gerblé son as únicas con colesterol (385 miligramos por quilo), porque engaden ovo.

Os minerais representan o 1%-2% e abundan o ferro (pero na súa forma de menor biodispoñibilidade polo noso organismo), cinc, potasio e magnesio. Entre as vitaminas destacan B1, B2 e niacina, así como cantidades moderadas de ácido fólico e de vitaminas liposolubles A e D procedentes da graxa vexetal. .

O contido en fibra é moi variable: o máis común é que se sitúe arredor do 5 %, pero Fibretten, Gerblé e Cuétara teñen máis do 12%. A fibra xera un efecto de fartura e consegue beneficios a nivel metabólico, como regulariza-lo tránsito intestinal e controla-lo colesterol plasmático. Así e todo, non convén inxerir fibra en cantidades excesivas. .

En resumo, estas galletas completan de maneira moi conveniente o valor nutritivo do almorzo, porque subministran abundantes hidratos de carbono complexos e fibra. .

Deixando a un lado os aspectos nutricionais, soamente Flora, Gerblé e Lu cumpren a norma de etiquetaxe. Tódalas demais locen etiquetas fóra de norma. As irregularidades máis importantes afectan á información nutricional, á cuantificación dos diversos ingredientes e ás aseveracións das lendas publicitarias. .

Na cata as mellores foron Cuétara (7,1 puntos) e Flora (6,9). Nas dúas salientou o seu carácter crocante e bo sabor. As peores foron Fibretten, con 4,9 puntos (duras e pouco crocantes) e Lu (pouco sabor) con 5,3 puntos. .

A mellor relación calidade-prezo é Cuétara: achega bastante fibra (12,3%), foi a mellor na cata, e son baratas (3,02 euros/quilo). Ademais, non ten colesterol e a súa composición graxa é das máis saudables da mostra comparada. Pola súa moita fibra e a súa acertada composición nutritiva, Fibrettten é unha opción tamén interesante, a pesar do seu elevado prezo (sae 6,46 euros o quilo) e de que resultou a peor na cata.

Ingredientes

Os ingredientes básicos destas galletas con fibra son: fariña integral, azucre, graxa, leite ou derivados lácteos, sal, gasificantes, colorantes e aromas. Segundo as etiquetas, o compoñente maioritario en Gullón, Lu, Marbú, Cuétara, Flora e Virginias é a fariña e/ou fariña integral, ben de trigo ou doutros cereais, mentres que en Fibretten e Gerblé é o farelo de trigo. Gullón emprega tamén farelo, en menor cantidade. Denomínase farelo ás capas externas (casca) da semente, compostas por un 40%-50% de fibra alimentaria e con bastantes proteínas e minerais. Por iso, as galletas que empregan farelo non precisan engadir fibra. Flora non utiliza farelo e tampouco engade fibra, pero amais de fariña integral de trigo, emprega malta, o gran da cebada unha vez xerminada, que posúe un 8,7% de fibra. Lu usa fariña de malta, en pequena cantidade. Lu, Marbú, Cuétara e Virginias son as catro únicas que engaden fibra como ingrediente. .

O segundo ingrediente maioritario é o azucre, sendo Gerblé a única que emprega azucre integral de cana. Para tornar doce o producto, recorren, ademais, ó xarope de glicosa (Gullón, Lu, Marbú, Cuétara e Virginias) e/ou ó mel (Gullón, Fibretten, Gerblé e Cuétara). Fibretten, no canto de xarope de glicosa, emprega xarope invertido. .

Todas estas galletas empregan graxa de orixe vexetal. Gerblé, ademais, utiliza ovos frescos. No tocante ó leite e derivados lácteos, Fibretten, Lu e Virginias utilizan leite en po desnatado. Gullón usa leite condensado descremado mentres que Gerblé, Marbú e Virginias recorren ó soro lácteo; e Lu e Flora, ás proteínas lácteas. Outros ingredientes son o sal e os gasificantes, que proporcionan o carácter esponxoso das masas. Virginias non indica sal na súa etiqueta pero os resultados analíticos desvelan que as súas galletas conteñen sal. Os emulxentes, pola súa banda, favorecen a unión entre substancias inmiscibles mantendo homoxénea a mestura. Utilizan emulxentes (lecitinas e ésteres) Gullón, Lu, Cuétara, Flora, Fibretten e Virginias. Por outra banda, Gullón, Marbú, Cuétara e Flora empregan antioxidantes, que evitan que se oxiden as graxas e se modifique o sabor do producto. Gullón e Marbú recorren a un colorante, o caramelo, que lles proporciona a cor castaña ou torrada ás galletas. No tocante ós aromas, agás Fibretten e Cuétara, estas galletas utilizan sustancias aromatizantes.

Aspectos nutricionais e normas

A Regulamentación específica para galletas non dietéticas regula soamente dous parámetros nutricionais: a humidade, que non debe exceder do 6%, e as cinzas, que non deben supera-lo 1,5%. Ningunha mostra incumpre o relativo á humidade. Pero a metade superaron o máximo de cinzas: Flora e Virginias presentaron un 1,6% de cinzas, Lu tiña un 1,8% e Gerblé un 2,%. Malia ó seu 2,5% de cinzas, Fibretten non incumpre a norma, xa que non está suxeita á norma de galletas non dietéticas. .

Por outra banda, todas engaden sal (cloruro sódico) se ben en ningún caso a presencia deste condimento superou o 1%. Comprobouse, por outra banda, que ningunha galleta contiña sulfuroso, conservante permitido soamente ata 50 partes por millón (ppm). .

A análise microbiolóxica demostrou, para rematar, que as oito galletas se encontraban en correcto estado hixiénico-sanitario.

A graxa nestas galletas

O cociente entre ácidos graxos insaturados (mono e poliinsaturados) e saturados é un índice que informa do tipo de graxa empregada na elaboración dos alimentos. Canto maior sexa este índice máis saudable será a composición da súa graxa. En sete das oito galletas, estes índices son superiores a 1, polo que conteñen máis graxa insaturada (saudable) ca saturada. A excepción foi Virginias, cun índice 0,64, a de maior porcentaxe de graxa saturada (61%) e menor de graxa mono e poliinsaturada (30% e 9%, respectivamente). A composición graxa máis saudable atopouse en Lu, que tiña sete veces máis insaturados ca saturados. A outra que destacou positivamente (índice 4,96) foi Fibretten. .

Na elaboración engádese graxa de orixe vexetal cun perfil en ácidos graxos que depende da fonte de graxa utilizada. Así, o aceite de palma (ou doutra orixe, pero sometido a procesos de hidroxenación) proporciona máis ácidos graxos saturados ca outros aceites vexetais. .

Mediuse tamén a cantidade de ácidos graxos esenciais (a única forma de conseguilos é mediante a inxestión de alimentos) que leva cada galleta. Os dous ácidos graxos esenciais, ámbolos dous insaturados e beneficiosos para a nosa saúde, son o linoleico e linolénico. Fibretten é a galleta con maior cantidade nestes dous ácidos graxos. Das 8 mostras, soamente Gerblé presentou colesterol (385 miligramos cada quilo), debido ós ovos frescos que emprega.

A voltas coa fibra

O que máis caracteriza a este producto é o seu contido en fibra alimentaria. A galleta con máis fibra foi Fibretten, que achega 19,6 gramos de fibra por cada cen gramos de producto. Do resto, salienta Gerblé, con case o 17% de fibra, seguido por Cuétara co 12,3%. A menor cantidade anotouse nas galletas Lu (4,4% de fibra) e Marbú (4,6%). A fibra alimentaria defínese como o total de polisacáridos vexetais (celulosa, lignina, hemicelulosa, etc.) resistentes ós encimas dixestivos e que non son dixeridos polo noso aparello dixestivo. A fibra alimentaria pode ser soluble e insoluble. A soluble é fermentada polas bacterias, mentres que a insoluble non pode ser dixerida por elas. A cantidade diaria de fibra recomendada para unha persoa adulta é de 20 a 40 gramos por día. A fibra atópase, principalmente, nos cereais e nos seus derivados (fibra insoluble), froitos secos (soluble e insoluble), froitas e verduras (soluble) e algas (fibra soluble de moi boa calidade). O consumo habitual de fibra causa diversos efectos beneficiosos no organismo humano, chegando a previr ou mesmo a sandar certas enfermidades, entre elas as cardiovasculares debidas a hipercolesterolemia: a fibra absorbe graxas, entre as que se atopa o colesterol, que se expulsan coas feces. Combate tamén o estrinximento. Ademais, a fibra absorbe gran cantidade de auga, co que aumenta o volume das feces e desencadea o reflexo que nos impulsa a defecar. Outros efectos saudables da fibra: axuda a previ-lo cancro de colon, a apendicite, a diverticulose de colon, as hemorroides e a obesidade (porque a fibra non proporciona calorías e posúe efecto farturento. Ó non ser dixerida polas bacterias, permanece máis tempo no estómago estimulando así a sensación de saciedade). Ademais, prevén a caries, porque un alimento rico en fibra necesita ser mastigado durante máis tempo, polo que a segregación de saliva é maior. A pesar destes efectos beneficiosos, non convén inxerir fibra en grandes cantidades, porque acomplexa a certos minerais e interfire na absorción de nutrientes como graxas e vitaminas liposolubles.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse sete galletas enriquecidas con fibra con prezos que van desde os menos de tres euros por quilo de Gullón e Marbú ata os 6,46 euros por quilo de Fibretten.
  • As galletas con fibra completan o valor nutritivo do almorzo, ó subministraren unha elevada cantidade de hidratos de carbono complexos e fibra.
  • Fibretten (case o 20% de fibra), Gerblé (case o 17%) e Cuétara (12,3%) conteñen moita máis fibra cás outras cinco galletas analizadas.
  • A fibra xera un efecto de fartura e consegue diversos beneficios para o noso organismo. Entre outros, regulariza o tránsito intestinal e axuda a controla-lo colesterol plasmático.
  • Agás Flora, Gerblé e Lu, as galletas estudiadas incumpren a norma de etiquetaxe.
  • Na cata, as mellores foron Cuétara (7,1 puntos), seguidas por Flora (6,9 puntos). Nas dúas destacou o seu carácter crocante e bo sabor.
  • A mellor relación calidade-prezo é Cuétara: achega moita fibra (12,3%), foi a mellor na cata, e son baratas (3,02 euros/quilo). Ademais, non ten colesterol e a súa composición graxa é das máis saudables.
MARCA CUÉTARA FLORA VIRGINIAS GERBLÉ MARBÚ
Denominación venda “Galletas” “Galletas” “Galleta con fibra” “Fibra galletas” “Galletas María fibra”
Prezo (euros / quilo) 3,02 4,65 3,67 4,80 2,80
Etiquetaxe Incorrecta Correcta Incorrecta Correcta Incorrecta
Humidade (%) 1,41 2,17 1,61 3,08 2,25
Proteínas (%) 6,51 7,22 8,09 9,87 7,14
Graxa (%) 18,33 16,95 15,20 12,93 10,91
Hidratos de carbono (%) 67,69 70,38 70,22 68,91 76,65
Fibra alimentaria (g/100g)1 12,30 5,62 6,89 16,92 4,65
Valor calórico (kcal/100 g) 462 463 450 431 433
Cinzas (%) 1,4 1,6 1,6 2 1,1
Sacarosa (%)2 18,12 19,52 21,31 27,45 21,20
Fructosa (%) Non Detectado Non Detectado Non Detectado Non Detectado Non Detectado
Glicosa (%) 1,73 Non Detectado Non Detectado Non Detectado Non Detectado
Cloruro sódico (%)3 0,62 0,61 0,66 0,68 0,67
Sulfuroso total (mg/kg)4 Non Detectado Non Detectado Non Detectado Non Detectado Non Detectado
Relación AGI/AGS5 2,77 2,09 0,64 1,18 1,69
Ácidos graxos saturados (%) 26,56 32,33 61,04 45,93 37,21
Ácidos graxos monoinsaturados (%) 55,31 34,34 30,05 38,34 49,47
Ácidos graxos poliinsaturados (%) 18,13 33,33 8,91 15,73 13,32
Ácidos graxos esenciais6
Ácido linoleico (g/100 g) 11,47 29,92 7,33 14,35 5,90
Ácido linolénico (g/100g) 0,25 0,44 0,20 0,45 0,17
Colesterol (mg/kg) Non Detectado Non Detectado Non Detectado 385,7 Non Detectado
Estado microbio- lóxico Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio
Cata (1 a 9) 7,1 6,9 6,7 6,2 6,0
MARCA GULLÓN LU FIBRETTEN
Denominación venda “Galleta María integral” “Galletas de almorzo” “Galletas reguladoras do tránsito intestinal”
Prezo (euros / quilo) 2,55 3,53 6,46
Etiquetaxe Incorrecta Correcta Incorrecta
Humidade (%) 2,42 1,53 4,32
Proteínas (%) 7,46 7,98 8,07
Graxa (%) 11,46 5,48 14,63
Hidratos de carbono (%) 75,9 79,62 66,72
Fibra alimentaria (g/100g)1 6,01 4,42 19,62
Valor calórico (kcal/100 g) 436 400 431
Cinzas (%) 1,4 1,8 2,5
Sacarosa (%)2 17,64 25,38 18,45
Fructosa (%) Non Detectado Non Detectado 4,42
Glicosa (%) 3,75 Non Detectado 2,97
Cloruro sódico (%)3 0,70 0,90 0,89
Sulfuroso total (mg/kg)4 Non Detectado Non Detectado Non Detectado
Relación AGI/AGS5 1,38 7,24 4,96
Ácidos graxos saturados (%) 42,09 12,14 16,77
Ácidos graxos monoinsaturados (%) 45,99 67,96 32,3
Ácidos graxos poliinsaturados (%) 11,92 19,90 50,93
Ácidos graxos esenciais6
Ácido linoleico (g/100 g) 5,54 19,81 39,82
Ácido linolénico (g/100g) 0,29 0,48 0,76
Colesterol (mg/kg) Non Detectado Non Detectado Non Detectado
Estado microbio- lóxico Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio
Cata (1 a 9) 5,5 5,3 4,9o

(1) Fibra alimentaria: suma de fibra soluble e insoluble

(2) Sacarosa: azucre común.

(3) Cloruro sódico: sal común

(4) Sulfuroso: conservante

(5) Relación AGI/AGS: Proporción de ácidos graxos insaturados (mono- e poli-) con respecto ós saturados.

(6) Ácidos graxos esenciais: ácidos graxos necesarios que teñen como única fonte a dieta.

Unha por unha

UNHA POR UNHA, OITO GALLETAS CON FIBRA

CUÉTARA

  • Sae a 3,02 euros o quilo. A mellor relación calidade-prezo.
  • Contido en fibra: 12,3%.
  • Incumpre a norma de etiquetado. A de menos proteínas (6,5%) e máis graxa (18,3%). Na cata, a mellor, 71, puntos: “crocante e bo sabor”.

FLORA

  • Saen a 4,65 euros o quilo.
  • Contido en fibra: 5,6%.
  • Contido en cinzas (1,6%) levemente superior ó permitido. A de menos sal (0,6%). Na cata, 6,9 puntos: destacan o seu carácter crocante, o seu bo sabor e a cor torrada.

VIRGINIAS

  • Saen a 3,67 euros o quilo.
  • Incumpre a norma de etiquetaxe. Contido en cinzas (1,6%) levemente superior ó permitido. A súa composición graxa é a menos saudable da mostra. Na cata, 6,7 ptos: destaca o seu carácter crocante e bo sabor, pero critícanse por ser “pouco integrais”.

GERBLÉ

  • Saen a 4,80 euros o quilo, as segundas máis caras
  • Contido en fibra: 16,9%.
  • O maior contido en proteínas (9,9%) e sacarosa (27,5%). Contido en cinzas (2%) superior ó permitido. A composición da súa graxa é das menos saudables. A única con colesterol (385 miligramos por quilo), como consecuencia de engadir ovos frescos. Na cata, 6,2 puntos: destaca polo seu bo sabor e cor torrada.

MARBÚ

  • Saen a 2,80 euros o quilo, baratas.
  • Contido en fibra: 4,6%.
  • Incumpre a norma de etiquetaxe.
  • Na cata, 6 puntos: crocante, aínda que “sabe pouco a integral”.

GULLON

  • Saen a 2,55 euros o quilo, as máis baratas.
  • Contido en fibra: 6%.
  • Incumpre a norma de etiquetaxe. O seu contido en linoleico (ácido graxo esencial, conveniente na nosa dieta) é o máis baixo. Na cata, 5,5 ptos: crocante, pero pouco sabor e cor demasiado clara.

LU

  • Albergue castiellu
    Saen a 3,53 euros o quilo.
  • Contido en fibra: 4,4%, o menor.
  • A de menos graxa (5,5%) e valor calórico (400 calorías cada cen gramos). Contido en cinzas (1,8%) levemente superior ó permitido. A de máis sal (0,9%). A composición graxa máis saudable. Na cata, 5,3 puntos: pouco sabor.

FIBRETTEN

  • Saen a 6,46 euros o quilo, as máis caras.
  • Contido en fibra: 19,6%, o maior das galletas estudiadas.
  • De toda a mostra, é o único producto dietético. Incumpre a norma de etiquetado. A súa composición en graxa é das máis saudables e é a que maior cantidade de ácidos graxos esenciais achega. Na cata, a peor, 4,9 ptos: dura e pouco crocante.