Obxectivo: converte-lo fogar no lugar máis seguro
Enchufes, repisas da terraza, mesas de cristal, botellas de deterxentes, fármacos ou un sinxelo dedal converten o fogar no espacio onde, segundo datos ministeriais, se producen a gran maioría de accidentes infantís. Son causas alleas á vontade e cun importante compoñente fortuíto, e aínda que a tendencia marca un continuo descenso, sobre todo en accidentes con consecuencias graves, as cifras non son alentadoras. Segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade e Consumo, o pasado ano producíronse en total 2.016.555 accidentes que requiriron tratamento clínico, e faleceron 2.000 persoas como consecuencia dos mesmos. Os principais protagonistas dos accidentes no fogar son, loxicamente, quen máis tempo pasa na casa: nenos e mulleres.
Cifras alarmantes
O número total de casos incrementaríase se se contabilizasen os que tan só requiren primeiros auxilios no propio fogar. Non obstante, entre os que si precisaron atención médica, a gravidade non é nada desprezable: case o 50% dos accidentes provocaron secuelas para o sinistrado e as víctimas precisaron unha media de 8 días de hospitalización para sandaren. O azar (50%), os descoidos ou a distracción (19%), a imprudencia ou temeridade (17%) e a intervención dunha segunda persoa (5%) son as principais causas do sinistro. Cando o accidente acontece ó utilizar un utensilio ou producto de uso doméstico, algunhas víctimas bótanlle a culpa á construcción ou deseño do producto (3%), pero moi poucas á falta de información proporcionada polo fabricante (0,1%), e un 0,4% delas recoñece que non seguiu as instruccións de emprego. No tocante ás lesións máis habituais, os traumatismos leves (golpes, caídas, cortes…) representan máis do 90% do total; as intoxicacións suman entre o 2% e o 4% das consultas urxentes nos hospitais e ocorren fundamentalmente nos nenos de entre 1 ano e 5 anos; as queimaduras non chegan ó 2%, pero a maioría ocorren en nenos de menos de 4 anos e xeran moitos ingresos e secuelas, e o afogamento, aínda que constitúe unha causa pouco frecuente de consulta (menos do 1%), provoca unha elevada mortalidade.
Cómo actuar ante accidentes domésticos infantís
- Manteña a calma, ordénanse mellor as ideas e actúase mellor.
- Chame ó 112. Os profesionais que o atenderán saben cómo hai que proceder nestes casos, e de ser preciso enviaranlle unha ambulancia ou un médico e mesmo lle indicarán qué facer ata que cheguen á súa casa.
- Coloque o neno en posición cómoda; mantéñao abrigado.
- Sempre deberá darlles prioridade ás lesións que poñan en perigo a vida: hemorraxias, envelenamento (aínda que sexa unha simple sospeita)… E en caso de ausencia de pulso e/ou respiración e conmoción ou shock, pode aplica-la respiración boca a boca ou masaxe cardíaca, pero só se sabe facelo.
- Non o erga non sendo que sexa estrictamente necesario ou se sospeita que hai algunha fractura.
- Non lle poña alcohol en ningunha parte do corpo.
- Controle a hemorraxia, se a hai. Unha hemorraxia considérase copiosa, é dicir, grave, cando dura máis que de 4 a 10 minutos e enchoupa, aínda que sexa a modo, un pano limpo colocado enriba da ferida e preméndoa lixeiramente. Se a hemorraxia é nunha extremidade, elévea. Non use torniquetes.
- Non lle ofreza líquidos.
- Coidado coas lesións oculares. Non comprima o ollo nin lle poña gasas enriba. Se entraron no ollo accidentalmente productos de limpeza, láveo con auga morna abundante e acuda ó médico. Non intente resolvelo pola súa conta.
- Non faga máis do que sexa preciso ata que chegue a axuda profesional.
Estas dúas son as estancias máis perigosas do fogar, se se atende ós partes de incidencias. Evitalos conséguese adoptando medidas sinxelas que cómpre convertermos en costume.
Na cociña
- Non deixe nunca os nenos sos se está cociñando ou empregando o forno.
- Garde tódolos productos de limpeza nun caixón alto, nunca debaixo do vertedoiro.
- Se é posible, dote os queimadores dun sistema de bloqueo, e non xogue nunca cos interruptores ou chaves do gas.
- Oculte coitelos, tesoiras e mistos.
- Peche a porta da terraza e non garde nela, á vista, nada que poida parecer atraente (caldeiros da praia, xoguetes…).
- Coloque bloqueadores de portas (atópanse no mercado por un prezo aproximado de 10 euros 5 pares).
- Fornos, lavadoras, secadoras e ferros de pasar deben estar fóra do seu alcance ou con peche de seguridade.
- Coidado co ferro de pasar, aínda que estea apagado.
No baño
- Seque sempre o chan mollado e afágaos a se calzaren ó saíren da bañeira.
- Controle a temperatura da auga.
- Se ten algún electrodoméstico no baño, desenchúfeo e arrédeo do seu alcance.
- Garde as maquiniñas e as coitelas despois do seu uso.
- Se está aí a botica de primeiros auxilios -aínda que o adecuado é non tela nesta estancia-, péchea con cadeado, e evite convertela nun lugar secreto que esperte a curiosidade dos máis cativos.
- Peche a chave da auga do bidé, pode non resultar perigoso pero, sen dúbida, é un atractivo lugar de xogo.
Son moitos os recunchos e obxectos que poden levar a que neno sufra un incidente, polo que cómpre tomar certas precaucións. Non se trata de coaccionar ou sobreprotexe-lo neno e inhibi-las súas necesidades de exploración do medio, senón de buscar tranquilidade. É básico:
- Asegurarse de que dispomos dun interruptor diferencial (ICP). Trátase dun mecanismo de protección de circuítos, que detecta unha desviación da voltaxe e corta a corrente. A súa instalación é obrigatoria en vivendas de nova construcción (vén de obra), pero se se carece de ICP convén contactar coa compañía eléctrica para solicita-la súa colocación.(custa uns 100 euros pero pode aforrar moitos desgustos e cartos).
- Instale sempre enchufes con toma de terra, e tape o interruptor cunhas placas de plástico (un paquete de 10 unidades non supera os 10 euros).
- Garde fóra do alcance dos rapaces tesoiras, agullas e caixas de costura.
- Agoche a caixa de ferramentas e non esqueza garda-las pilas.
- Coloque topes nas portas das salas principais para evitar que se pechen.
- Non amose ónde garda medicamentos ou productos tóxicos e recipientes de productos perigosos, aínda que estean baleiros. Débense depositar en lugares inaccesibles para os nenos.
- Unha mesiña de cristal en lugares de paso ou de lecer pódese converter nun obxecto perigoso.
- Se posúe armas, gárdeas baixo pecho e nunca xogue con elas.
- As bolsas de plástico poden ser perigosas (algúns nenos pequenos meten a cabeza e poden afogar).
- Se hai escaleiras na vivenda, instale barras de protección.
- Se ten piscina, coloque unha malla sempre que non haxa un adulto acompañando os nenos.
- Protexa os accesos ás escaleiras con portas de seguridade.
- É importante que os xoguetes sexan axeitados á idade do neno, evitará riscos innecesarios.
- Non coloque cadeiras preto de ventás ou balcóns.