O primeiro paso para unha maior calidade de vida
Os avances das Ciencias da Saúde, incluídos os da nutrición humana, permitiron prolonga-la nosa esperanza de vida considerablemente. Esta sitúase por riba dos 70 anos nos países de alto nivel de benestar. Paralelamente, o concepto da calidade de vida adquiriu maior protagonismo entre quen alcanza a terceira idade, que xa non se conforma con vivir unha longa existencia: agora tamén se persegue chegar a vello no mellor estado físico e mental. Unha alimentación axeitada é o primeiro paso para logralo, pero enmarcada dentro dun estilo de vida saudable, que comprende tamén a práctica regular de exercicio segundo a condición física individual e o abandono de hábitos nocivos (tabaco, alcohol, auto medicación), sen esquece-la importancia de mante-la mente ocupada en actividades lúdico-recreativas.
¿Que relación ten a saúde coa alimentación?
Determinadas alteracións e enfermidades relaciónanse con desequilibrios na alimentación, ben sexa por exceso dalgúns nutrientes, que poden causar obesidade, problemas de tensión, colesterol elevado, etc.; ou por defecto, como falta de vitaminas e minerais, que provocan anemia, falta de apetito, caída do cabelo, etc. Alimentarse, xa que logo, non só consiste en comer para vivir ou para sacia-la fame, constitúe unha necesidade que podemos aproveitar para mellorármo-la nosa saúde ou, cando menos, para non empeorármola. Factores ambientais (costumes e cultura do lugar en que vivimos, modas e medios de comunicación, contorno familiar…), persoais (sexo, idade, preferencias, relixión), ou grao de actividade (sedentaria, lixeira, moderada) e o estado de ánimo e de saúde inflúen na nosa alimentación. Por iso, a pesar de que dúas persoas sigan dietas moi distintas, as dúas se considerarán adecuadas sempre que cubran as necesidades do organismo de acordo ás características individuais e permitan alcanzar ou manter un óptimo estado nutritivo e de saúde.
Necesidades de alimentos nas persoas maiores
Ningunha modalidade dietética serve para tódalas persoas, a alimentación debe axustarse ás necesidades particulares en función de diversos factores. Sen embargo, hai recomendacións xerais extensibles a tódalas persoas maiores, que lles permitirán cubri-las necesidades de enerxía e doutras substancias aproveitables polo organismo (nutrientes).
- ENERXÍA (hidratos de carbono e graxas): é necesaria para efectua-las funcións vitais do corpo (bombeo do corazón, respiración, etc.) e para realizar actividade física. A partir dos 50 anos as necesidades de enerxía diminúen considerablemente, debido a que se producen cambios na composición do corpo (parte de músculo se converte en graxa) e a que normalmente diminúe o grao de actividade. Polo tanto, a alimentación debe proporcionar menos calorías ca en etapas anteriores da vida, pois de non ser así téndese a engordar facilmente e de maneira progresiva. A partir dos 65-70 anos o nivel de azucre en sangre é, a miúdo, máis elevado do normal, polo que se recomenda consumir menos doces, repostería, bebidas con azucre… En cambio os cereais (pan, arroz, pasta…), as patacas e os legumes, base da nosa alimentación, deben seguir presentes en cada unha das comidas do día. Despois dos 65 anos non se debe abusar de alimentos graxos de orixe animal (maionesa, nata, manteiga, queixos curados, carnes graxas, embutidos e patés…), xa que se relacionan con niveis altos de colesterol e outras graxas (triglicéridos) que poden aumenta-lo risco de desenvolver enfermidades cardiovasculares.
Para persoas maiores que non toman calorías abondas por falta de apetito, malestar ou outras causas, convén preparar pratos completos, de pouco volume, pero moi nutritivos (puré con polo ou peixe branco, etc.). - MATERIAL DE CONSTRUCCIÓN (proteínas): é necesario incluír alimentos ricos en proteínas completas, pois contribúen a mante-los nosos órganos, tecidos (músculos, ósos…) e o sistema de defensas en boas condicións para combater eficazmente infeccións e enfermidades. Basta con tomar cada día a cantidade suficiente de leite e lácteos; carne, peixe ou ovo como segundo prato, nas principais comidas, e os seus derivados (iogures, queixos pouco graxos, friames, xamón, etc.) en menor cantidade en xantares e merendas. En caso de seguir unha dieta baixa en sal é preferible escolle-lo queixo fresco sen sal ou o requeixo (o resto son moi ricos en sodio) e friames especiais baixos en sodio, para un consumo ocasional.
- ELEMENTOS REGULADORES (vitaminas, minerais, auga e fibra): trátase de substancias que regulan tódolos procesos que teñen lugar no organismo. Por iso, é recomendable comer diariamente algo de verdura e froita fresca.
Así mesmo, tórnase fundamental toma-la cantidade suficiente de líquidos, especialmente en tempadas de calor intenso. Inxerir auga, zumes de froitas, infusións, caldos desgraxados ou de verduras e sopas, xelatinas de sabores, etc. ó longo do día axuda a limpa-lo organismo (menor risco de infeccións urinarias e respiratorias) e conseguirase evita-la deshidratación.
Lembre que a cantidade e tipo de alimentos que cómpre consumir cada día (pouco graxos, semigraxos ou graxos, refinados ou integrais, con ou sen sal, etc.) depende das necesidades de cada persoa.
Almorzos e merendas
- Leite ou iogur ou callada (moi importantes para os ósos pola súa riqueza en calcio).
- Galletas sinxelas, torradas ou bolería sinxela, ou no seu lugar, pan con friame ou queixo magro.
- Complementos: manteiga ou margarina e marmelada ou mel (opcional).
- Froita ou o seu zume.
Xantares
- Verdura combinada con arroz, pasta, pataca ou legumes.
- Carne ou peixe en salsa ou con gornicións non excesivamente graxas.
- Pan e froita.
Ceas
- Sopa ou puré ou ensalada.
- Carne pouco graxa, peixe ou ovo en salsa ou con gornicións non excesivamente graxas.
- Pan e froita ou iogur.