Os nenos e a cociña

A educación, tamén polo estómago

Cómpre ensinarlles unhas pautas alimentarias saudables canto antes para evitarmos trastornos de saúde na idade adulta
1 Setembro de 2005
Img alimentacion listado 317

A educación, tamén polo estómago

Segundo estudos recentes realizados por sociedades científicas como a Asociación Española de Pediatría (AEP) ou a Sociedade Española para o Estudo da Obesidade (SDEDO), o 40% da poboación infantil e xuvenil ten un peso superior ó aconsellado. Neles constátase a tendencia á alza na última década dos índices de obesidade na poboación con idades comprendidas entre os 2 e os 25 anos. En concreto, o 14% presenta obesidade e outras enfermidades como diabetes, hipertensión, enfermidade cardiovascular, etc. Para previrmos estas situacións, ou cando menos canalizalas, cómpre comezar as ensinanzas sobre nutrición canto antes. Resulta moi útil explicarlles ós rapaces para que serven os alimentos e de onde proceden para potenciar a saúde como meta máxima de toda boa alimentación. Todo o que atinxe á compra, á elaboración de comidas, á preparación da mesa, etc. é unha oportunidade de aprender e de gozar da comida.

Cales son as causas da obesidade?
/imgs/20050901/alimentacion1.jpg Na adquisición dos hábitos alimentarios durante o período infantil e xuvenil prodúcense influencias evidentes por parte da familia, dos medios de comunicación, dos amigos, etc., que xeran costumes pouco recomendables -exceso de doces, snacks, alimentos precociñados, etc.-, o que afecta ó comportamento e hábitos alimentarios. Abúsase dos bolos e dos refrescos azucrados (ricos en graxas, os primeiros, e en azucres simples, os segundos) e a inxestión de alimentos tan saudables como froitas, verduras, cereais e os seus derivados non é abonda.

Que se pode facer?
O Ministerio de Sanidade e Consumo puxo en marcha a Estratexia para a Nutrición, a Actividade Física e a Prevención da Obesidade, coñecida como NAOS, que pretende promover a saúde a través do fomento dun estilo de vida e de hábitos de alimentación saudables, en especial entre a poboación infantil. Quérese implantar non só no ámbito sanitario, senón tamén no medio familiar, involucrar as empresas do sector alimentario e mais as escolas e comedores escolares. Algunhas das súas liñas de actuación son: regular a publicidade de comidas e bebidas dirixidas a nenos e nenas, aumentar a oferta de alimentos das máquinas expendedoras das escolas para favorecer unha dieta máis equilibrada, editar guías sobre alimentación, etc.

E desde o ámbito familiar…?
Se na infancia e na adolescencia se instauran uns hábitos alimentarios incorrectos e un comportamento sedentario, despois resultan moi difíciles de modificar. A influencia da familia nese sentido é decisiva: os nenos e nenas aprenden por imitación, a familia é quen vai mercar e decide a oferta de alimentos na casa, e é a que lles ofrece cartos para que merquen “caprichos” como larpeiradas, refrescos, etc. Para favorecer un estilo de vida e de alimentación axeitados, a familia debe ter uns coñecementos básicos que lle permitan planificar e elaborar menús equilibrados, e non por iso pouco apetecibles. Deste xeito, grazas á educación dietética, pódeselles ensinar ós “adultos de mañá” a importancia dunha alimentación completa e variada.

Cociña fácil e creativa para os máis pequenos da casa

/imgs/20050901/tomate.jpg En xeral, os alimentos que gozan de menor aprecio entre os nenos e nenas son as hortalizas e mais os peixes, e por iso só facemos referencia a estes alimentos.

Hortalizas e froitas
É preferible presentar os pratos de verduras de xeito atraente, con cores vivas para chamar a súa atención e que resulten máis apetitosos. Os máis cativos poden participar na elaboración das ensaladas e mais na preparación de pizzas caseiras, ás que se lles poden engadir vexetais variados, cun toque de creatividade -debuxar unha figura cos ingredientes, etc.

/imgs/20050901/verduras.jpg Convén comezar o día con froitas: un vaso de zume, rebandas de plátano con amorodos, macedonia de froitas caseiras, etc. Se se combinan co leite e os cereais do almorzo, daranlle un enérxico e delicioso comezo ó día. Os nenos poden participar na elaboración de batidos de froitas con iogur.

Tamén se pode:

  • Engadir froitas finalmente cortadas ou en puré ós pratos de carne (lombo con puré de mazá, pavo con piña, polo á laranxa…).
  • Empregar pequenas cantidades de hortalizas picadas finamente ou reladas para mesturar coa carne picada ou cos guisos de carne ou peixe ou ben para espesar sopas.
  • Preparar con eles sobremesas doces con hortalizas (torta de cenoria, bocadiños de cabaza…) ou con froitas (biscoito recheo de froitas, pastel de mazá…).
  • Cortar os alimentos en formas curiosas tamén os fai máis apetecibles. Pódense facer sándwich vexetais con leituga, tomate, cenoria relada, etc., con queixo, xamón ou atún, ou colocar estes alimentos en canapés cortados en formas orixinais como rombos ou círculos.

Peixes
O peixe é un alimento básico na dieta pero de escasa aceptación polos máis pequenos. Cando o problema son as espiñas convén escoller pezas como lombos ou filetes. A perca, o mero, o linguado, o fletán, o emperador, o peixe sapo, o atún e o bonito son boas elección porque xeralmente non presentan espiñas. /imgs/20050901/mar.jpg Para preparar o peixe pódese botar man de diversas técnicas e salsas que suavicen un chisco o seu sabor e cheiro, ou que os encubran lixeiramente (salsa bechamel, maionesa, salsa rosa, tipo cóctel, tártara, etc.). O rebozado e empanado tamén poden mellorar a súa aceptación. Se o que non gusta é a súa consistencia, demasiado mol para moitos nenos, tamén os hai con textura máis firme: o emperador, o atún e o bonito, o salmón, o peixe sapo, o bacallau, o congro, a perca e o mero. Para rematar, se se tende a escoller só entre dúas ou tres variedades de peixe (pescada, linguado ou meigas) e se cociñan sempre igual, pode resultar aburrido e provocar rexeitamento. Convén variar o tipo de peixe ou as técnicas culinarias empregadas para cociñalo. Como exemplo, a pescada é un peixe que permite múltiples preparacións: pódese saborear rebozada xunto cunha ensalada e salsas; cocida con patacas en caldeirada; ó forno sobre un fondo de cenoria con cebola e gratinada con queixo; en pastel ou croquetas xunto con gambas…