Vaia, que a parella é un ente peculiar, unha institución non por tradicional menos imprevisible, e formada por dous membros tamén distintos.
Una fráxil unión que se debe cimentar día a día
É doado convir en que non hai unha fórmula que garanta o éxito da vida en parella. Cada unión réxese por unhas regras, xeralmente non expresadas de maneira explícita polos seus membros, pero que serven para manter viva (no mellor dos casos, harmónica) a relación mentres dura. O que vén de seguido son sinxelas propostas xerais para fomenta-la harmonía na vida de parella, partindo sempre de dúas consideracións: a igualdade de dereitos dos seus membros e a promoción dunha dinámica activa, equilibrada, participativa e sincera no desenvolvemento da relación ó longo do tempo.
Efigenio Amezua, experto sexólogo e teórico da vida en parella, defínea como unha relación de comunicación que se debe organizar sobre as bases de sentirse con…, comunicarse con… e compartirse con… Expliquemos estes conceptos. Senti-la presencia da outra persoa nese camiño que os dous decidiron compartir, percibi-la súa compaña, o seu apoio e a súa incondicionalidade, o que non exime a cada un da responsabilidade de anda-la parte do camiño que lle corresponde. Comunicarse desde o xesto e a palabra, cunha verbosidade aberta e positiva, de quen cre e confía no seu interlocutor e cun corpo que se expresa desde a receptividade, a amizade e a caricia. Compartirse non significa só intercambiar cousas, favores ou deberes. Compartirse é darse, involucrarse, ofrecer abertamente a vulnerabilidade de cada un na seguridade de ser entendido, aceptado e querido.
Unha rutina de equilibrio e consenso
A procura da harmonía da parella móvenos a moitos a intentar identificar todo aquilo que cómpre evitar e tamén o que debemos facer cando xorden os desencontros. Comecemos por crear unha rutina na que queden desterrados os silencios con significados negativos, os anoxos soterrados e os rancores acumulados. No canto diso, falemos. Poñamos un diálogo constante e a negociación: o consenso e os acordos. Ante a discrepancia de opinións, a alternativa nas decisións é unha boa opción: hoxe elixes ti a película que imos ver no cine, mañá decido eu a qué restaurante imos. Ou cada un vai polo seu lado, por qué non. O importante é mante-lo bo ambiente e evita-los agravios ou as desconsideracións. Non temámo-los desencontros nin as crises, procuremos empregalos para fortalece-la relación. Unhas boas habilidades de comunicación axudarannos a salvar moitos atrancos. Postos a desterrar hábitos perniciosos, comecemos co de buscarmos culpables. Abandonemos esa procura de quén foi o culpable, e pasemos a considerar global e lucidamente qué parte de responsabilidade nos corresponde a cada un nos feitos. E á máis mínima dúbida, preguntemos. Cedérlle-lo paso ós sobreentendidos, ós silencios acusatorios e ás suposicións xera pousos de desconfianza e distanciamento que envelenan a relación e resultan difíciles de disipar. Unha pregunta, un comentario a tempo, frea ansiedades e malestares e permite que flúa a comunicación.
Outra cousa é cando xorden problemas importantes (discrepancias fondas en temas esenciais, relacións sentimentais con persoas fóra da parella, incompatibilidade de caracteres ou costumes, aburrimento ou cansazo na parella…), que requiren medidas ás veces drásticas que non son obxecto desta reflexión. De tódolos xeitos, estas propostas son tamén útiles para encarar situacións excepcionais ou graves que deterioran gravemente a relación.
Vivir en parella non debería significar unha actitude de dar sen límites e non agardar nada a cambio. Iso é unha falacia e xera desequilibrios que, antes ou despois, acaban pasando factura. Na parella, coma en toda relación, hai que dar e recibir. Hoxe eu, mañá ti. Vasos comunicantes que se escoran nun sentido ou outro e que teñen como fin manteren a estabilidade. As desigualdades poden dar lugar a situacións de dominio que a longo prazo xeran insatisfacción cando menos nunha das dúas partes.
Cómpre coñece-la nosa parella
Convén que a nosa parella saiba qué nos gusta, qué e cómo o queremos. Debemos mante-la nosa parella informada do momento que vivimos, porque non sempre sentimos, nin queremos, nin vivimos o mesmo: a nosa vida é unha sucesión de etapas, e cada unha delas ten as súas peculiaridades propias. Somos, afortunadamente, moi distintos, pero tamén compartimos cousas. A todos nos gusta que nos respecten, que nos queiran, que conten coa nosa opinión, que nos valoren como persoas en toda a nosa dimensión: como traballadores, como fillos, como pais, como amantes, como amigos, como interlocutores.
O corpo é un gran comunicador e debemos deixar que se exprese. Se queremos manter un diálogo fluído coa nosa parella, as relacións corporais (non exclusivamente as sexuais, senón tamén as caricias, os bicos, as apertas) deben ser cotiás e satisfactorias para os dous. Adaptémolas a cada momento, circunstancia e etapa da nosa vida. Que formen parte desta porque axudan a garantir que a calidez, a ilusión e a procura do goce forman parte do noso código.
“Faise camiño ó andar”, dicía a cántiga. A parella faise cando cada día sentimos que imos xuntos polo mesmo camiño, comunicándonos desde o corpo e a palabra e compartíndonos de maneira incondicional. Establezámo-lo noso código propio, baseado na comunicación, a confianza, o respecto, a tenrura e o pracer.
- Esperar a que a miña parella adiviñe o que quero e preciso, a que se adiante ós meus desexos antes de formularllos, a que renuncia á súa vida persoal e me coloque no centro da súa existencia, a que sexa a procuradora da miña felicidade. Responsabilizalo das miñas frustracións, de que o que obteño da miña vida de parella non se corresponde coas miñas expectativas, dos cambios que tiven que introducir na miña vida.
- Competir por quén é máis ou menos, mellor ou peor, quén lle debe máis ou menos ó outro, quén é isto, aquilo ou aqueloutro, quén é o que máis pon para manter viva a parella.
- Ser infiel ó proxecto en común, pero non entendido exclusivamente como as relacións sentimentais e/ou sexuais con outra persoa, senón na súa totalidade. Para non prexudica-la nosa vida en parella cómpre mantérmonos leais ó compromiso adquirido, traballar a cotío para reavivar ese proxecto común, intentar que esa ilusión inicial, ese amor, medre, ou cando menos se manteña, e que a vida resulte gratificante para os dous.
- Acumular, sen sacalos á luz e sen comentalos de maneira relaxada, desaires, desacordos, anoxos, reproches, faltas de respecto e desilusións.
- Dubidar da outra persoa. As fisuras por falta de confianza supoñen o inicio da rotura da parella. É difícil, e moi duro, amar a alguén de quen se dubida.
- Permitir ou propicia-los silencios ante situacións que poden provocar un desencontro ou unha rifa. Sexamos positivos: unha circunstancia crítica pódenos axudar a explicarnos, a adoptar compromisos e acordos. O silencio é o baleiro, e neste (aínda que ó comezo poida resultar sosegado e aturable) non hai nada.
- Renunciarmos a formula-las nosas queixas, necesidades e querencias dunha maneira clara, concisa e directa. Debemos amosar unha clara intención de negociar cambios concretos e de acordar en firme, con prazos determinados, tódalas cousas que formulamos.
- A ironía, o sarcasmo, a crítica destructiva, o berro, o insulto, a ridiculización, a descualificación ou o desdén ó dirixírmonos á outra persoa. As formas contan, e moito. A familiaridade non se debe converter en vulgaridade, falta de respecto ou grosería. Debemos procurar que as discusións teñan un certo protocolo, uns límites que non convén exceder. Todo pode dicirse cun mínimo de corrección e respecto ó outro.
- Culpa-lo outro de todo o que non saíu como agardabamos.
- Relega-las relacións sexuais a un plano secundario. Son imprescindibles para o mantemento do compartir, da confidencialidade e da ilusión na relación de parella. A carencia destas relacións corporais aumenta o desánimo e a apatía na comunicación da parella. A rutina e a inercia que a acompaña pódenos levar a un camiño sen saída.
- Xestionar mal as cousas prácticas. Unha vida en común ten moitos aspectos tanxibles, prácticos e cotiáns sobre os que hai que chegar a acordos. Cómpre facer fronte ás tarefas domésticas, gastos e outros cometidos familiares. Deberase falar do tema e ver cómo imos organiza-los gastos, a distribución das tarefas domésticas, a crianza dos fillos ou ben as vacacións. O mellor é unha negociación continua que se adapta a cada etapa da relación.
- Pensar que só existo en canto que membro da parella. A relación é cousa de dous, pero de dous que suman. Polo tanto, comeza por un mesmo e é por iso que me coido física e animicamente, e fago da miña vida unha vida rica en situacións, experiencias novas e sensacións; nesa medida, tamén fago máis rica a relación. Cada un ten a súa propia vida e a parella é a expresión de dúas vidas que se unen para sumar, para enriquecerse mutuamente.