Enerxías renovables: alternativa ante a dependencia dun petróleo cada vez máis caro e escaso

Unha pobre e moi desigual implantación nas diversas zonas do país

A potencia eléctrica instalada en Navarra mediante enerxías renovables é 20 veces a de Murcia, 10 veces a de Valencia, 7 veces a do País Vasco e A Rioxa e 5 veces a de Madrid
1 Decembro de 2000

Unha pobre e moi desigual implantación nas diversas zonas do país

O encarecemento das gasolinas e dos seus derivados evidenciou con máis forza ca nunca a dependencia da maioría dos países con respecto a este combustible fósil. Tódalas olladas están postas agora nas enerxías renovables, que (a diferencia do petróleo, o carbón, o gas natural e o uranio) son inesgotables, xa que a súa fonte de emisión son o Sol e o vento ou os residuos que xera a actividade humana.

En España, as renovables supoñen só un 6,3% do total do consumo enerxético, unha implantación semellante ó 5,8% de media da Unión Europea, pero lonxe aínda do 12% establecido como obxectivo para o 2010 no Cumio do Clima que tivo lugar en Kyoto hai tres anos. O lento ritmo na implantación de infraestructuras de enerxías renovables (placas solares, muíños de vento, incineradoras de residuos…) en España débese fundamentalmente, na opinión dos especialistas, á escaseza de información práctica que existe verbo diso e á ausencia dunha regulación legal clara sobre os requisitos que deben cumpri-las instalacións que producen estas enerxías inesgotables e máis compasivas co medio natural.

As enerxías renovables son o futuro: non contaminan ou fano moito menos cás convencionais, e permitiríanlles ós países importadores de petróleo e gas natural se liberaren, cando menos en parte, desta servidume económica que xera tanto déficit comercial. O principal freo que sofren estas enerxías é a súa cuestionada rendibilidade económica e a súa suposta incapacidade de competir en custos coas tradicionais.

CONSUMER comparou, despois de estudia-la información proporcionada polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) e polas diversas administracións autonómicas, o esforzo que realizan nove comunidades autónomas (Madrid, Cataluña, Navarra, País Vasco, Comunidade Valenciana, Andalucía, Castela-León, A Rioxa e Murcia) no impulso das enerxías renovables. Para calibra-la aposta que se fai polas enerxías renovables, empregáronse dous baremos: un, a cantidade máxima de electricidade ou calor que con estas enerxías renovables deu xerado cada comunidade autónoma en 1999 coas infraestructuras que creou para este fin, o que se coñece como “potencia instalada”. E dous, o financiamento, privado e público, que se destina a estas enerxías. É dicir, capacidade de producción por unha banda e investimento por outra.

No tocante ás enerxías renovables que xeran electricidade (eólica, solar, incineración de residuos sólidos urbanos, centrais minihidráulicas, biomasa -residuos naturais de bosques e agricultura), destaca Navarra, con 473 megawatts de potencia instalada en 1999, fundamentalmente obtidos da eólica e minihidráulica. Se este dato se relativiza en función da poboación e da superficie da Comunidade Foral, o seu liderado reafírmase. Séguena Andalucía (con 375 mW, pero mediocres porcentaxes relativas segundo poboación e superficie), Castela-León (364 mW, entre as mellores en función da poboación, pero non se se relativizan os datos segundo a superficie) e Cataluña (319 mW, destaca en valorización enerxética de residuos sólidos urbanos e en enerxía hidráulica). No outro extremo, o das comunidades con menor implantación de enerxías renovables, tanto en termos absolutos coma relativos, figuran Valencia e Murcia, con 46 e 24 mW instalados, respectivamente.

O País Vasco, cos seus 70 mW (só se defende no consumo de biomasa para xerar electricidade e na minihidráulica) figura tamén entre as máis atrasadas, aínda que a súa posición mellora se se relativiza a súa potencia en función da poboación e da superficie. Madrid, pola súa banda, ocupa unha posición intermedia, pero tamén mediocre, con só 89 mW instalados en enerxías renovables, potencia aceptable para a súa superficie pero moi escasa para a súa gran poboación. A Rioxa, con só 68 mW, mellora moito as súas posicións se se incorporan os factores poboación (é, tras Navarra, a segunda mellor, con 0,25 kW por habitante) e superficie (de novo, a segunda mellor, con 13,5 kW por quilómetro cadrado).

As renovables máis importantes en España son a minihidráulica (supón o 53% da potencia instalada das que xeran electricidade nestas nove comunidades) e a eólica (que representa o 36%). Chama a atención a paupérrima implantación da enerxía solar, que significa o 0,3% de potencia eléctrica en enerxías renovables. Os residuos sólidos urbanos quedan nun 4% e o consumo de biomasa alcanza o 7%.

No tocante ás enerxías renovables que xeran calor, destacan Andalucía (con case 800.000 toneladas equivalentes a petróleo, ou “tep”), Castela-León (421.000 tep) e Cataluña (302.000 tep) no consumo de biomasa, mentres que en colectores solares sobresaen Andalucía (case 100.000 m2 de colector), Madrid (39.000 m2) e Valencia (36.000 m2). As peores posicións absolutas (os datos en función da poboación e da superficie pódense consultar no cadro “As enerxías renovables que crean calor”) ocúpanas A Rioxa (tanto en biomasa coma en colectores solares) e o País Vasco (en colectores solares, con menos de 1.000 m2).

O que se inviste

Enerxía solar, dous procesos distintos

Por enerxía solar fotovoltaica enténdese a que produce electricidade, mentres que se se obtén calor trátase de enerxía solar térmica. A electricidade nacida do Sol emprégase en España para cubrir consumos domésticos ou de pequenas explotacións agrícolas en lugares illados. Só de xeito ocasional chega a conectarse á rede de distribución eléctrica. Os paneis solares requiren pouco mantemento e duran uns 30 anos. Andalucía ten a potencia máis importante desta enerxía, pero é de só 3 megawatts. A moita distancia séguena Castela-León e Cataluña. A enerxía solar térmica xérase con colectores de auga que se quenta coa radiación do sol. Unha vez alcanzada a temperatura desexada, esta auga pódese empregar en vivendas, hoteis, hospitais e piscinas. Andalucía é tamén a que máis aproveita a enerxía solar para producir calor. Ten instalados 98.190 metros cadrados de colector. Séguea, moi lonxe, Madrid e Valencia. O País Vasco e A Rioxa son as comunidades menos avanzadas no tocante á enerxía solar térmica.

A minihidráulica pode aproveita-los desniveis naturais

As centrais de enerxía minihidráulica teñen unha potencia de 10 megawatts ou menor, e poden valerse dun desnivel xa existente. As comunidades que máis potencia teñen instalada nestas pequenas centrais son Castela-León, con 232 megawatts, Cataluña e Andalucía. Non obstante, se se relacionan coa poboación ou coa superficie, Navarra e A Rioxa sitúanse á cabeza. Murcia e Valencia son as que contan con menor potencia instalada en minihidráulica.

Os residuos sólidos urbanos crean enerxía mediante a incineración

Estes residuos non inclúen os de orixe industrial. A producción continua de lixo e o alto valor enerxético destes RSU (residuos sólidos urbanos) fan que sexan considerados como enerxía renovable. A incineración para producción de electricidade é o proceso de valorización enerxética máis empregado, aínda que non o único. A tecnoloxía da incineración progresou notablemente no control de emisións e na eficiencia dos sistemas de eliminación de partículas daniñas para a saúde (lembrémo-las polémicas dioxinas), se ben aínda son moitas as asociacións ecoloxistas que se amosan remisas á incineración de residuos e propoñen como alternativa a reducción do consumo -e, polo tanto, dos propios refugallos-, a reciclaxe e a compostaxe integral. Entre estas nove comunidades, en 1999 só se obtiña electricidade a partir de RSU en Cataluña (potencia instalada: 40 megawatts) e en Madrid (con 29 mW), pero outras teñen prevista a instalación de incineradoras nos vindeiros anos.

Quero colaborar coas enerxías renovables, ¿que podo facer?

Enerxía solar fotovoltaica

Toda a producción que un particular obteña con paneis solares pódella vender á rede eléctrica de baixa tensión. Estes son os pasos que cómpre dar:

  1. Contactar cun instalador.
  2. Acudir á oficina territorial de Industria para tramita-la solicitude de ingreso no réxime especial de productores eléctricos.
  3. Acudir á compañía distribuidora da electricidade que estea operando na súa comunidade para solicitar un punto de conexión na rede eléctrica.
  4. Acudir ó ente ou institución encargado da enerxía na súa comunidade para solicitar unha subvención, que, segundo establece o Boletín Oficial do Estado, cobre entre o 35% e o 40% do gasto, sen conta-lo IVE.
  5. Conseguir da compañía distribuidora a sinatura do contrato de compravenda da electricidade por un mínimo de cinco anos, segundo estipula a lei.
  6. Co boletín da empresa instaladora e o contrato de compravenda, acudir á compañía distribuidora de electricidade para tramita-la solicitude real da conexión á rede.

Coa solar térmica e solar fotovoltaica para consumo propio

Toda a producción que un particular obteña con paneis solares pódella vender á rede eléctrica de baixa tensión. Estes son os pasos que cómpre dar:

  1. Contactar cun instalador.
  2. O cliente autoriza o proxecto que lle presenta o instalador.
  3. Acudir á institución de enerxía na súa comunidade para solicitar unha subvención, que cobre entre o 35% e o 40% do gasto, sen conta-lo IVE.
  4. Unha vez construída a instalación, recibirá do instalador o boletín de uso e mantemento.

Cos residuos sólidos urbanos

  • Separe no seu domicilio os residuos domésticos e deposíteos nos seus colectores específicos.

Coa biomasa

  • Se reside nunha zona rural, pode poñerse en contacto con empresas de enerxías renovables, que lle mercarán a biomasa que almacenou mediante un contrato para varios anos.
  • Cando acenda a cheminea do seu fogar, substitúa o carbón e a leña por briquetas, biomasa compactada.
Máis vantaxes ca inconvenientes

Inconvenientes

Da enerxía eólica

  • Impacto visual inevitable e alteración clara da paisaxe
  • Ruído do motor ó xirar e das pas ó chocaren co vento
  • Risco de mortaldade das aves ó bateren coas pas

Da biomasa

  • A almacenaxe dos residuos agrícolas e da madeira na vivenda rural ata que son retirados. Dos residuos sólidos urbanos
  • As torres de evacuación de fumes das incineradoras emiten contaminantes (as polémicas dioxinas) e crean un impacto visual

Da enerxía minihidráulica

  • Humanízanse zonas antes virxes
  • O impacto estético e ambiental que supón un encoro

Da enerxía solar térmica

  • Manter limpa a superficie da cara activa dos paneis solares é traballoso

Da solar fotovoltaica

  • Non é doado colocar un acumulador que ocupa 4 metros cadrados nunha zona non habitable da casa e que teña ventilación
  • A necesidade dunha revisión anual para o mantemento dos acumuladores
  • Qué facer cando se remata a vida útil do acumulador, que contén ácido sulfúrico

Vantaxes

  • Un impacto ambiental moito menor có causado polas tecnoloxías que empregan combustibles fósiles
  • As enerxías renovables son recursos sostibles que non emiten dióxido de carbono (CO2) á atmosfera e polo tanto evitan o proceso de quecemento terrestre como consecuencia do efecto invernadoiro, non contribúen á formación de chuvia aceda, non dan lugar á formación de óxido de nitróxeno (NOx), case non requiren medidas de seguridade, non producen residuos tóxicos de difícil tratamento ou eliminación, e os posibles impactos son de menor dimensión e de carácter local, polo que a súa vixilancia ou corrección resulta menos custosa. Ademais, estas consecuencias ambientais non teñen un carácter permanente, xa que non se prolongan máis alá da utilización da fonte enerxética e a reversibilidade dos impactos é total na maioría dos casos

Por outra banda, recorrer ás enerxías renovables supón empregar recursos autóctonos, coas conseguintes melloras no autoabastecemento enerxético, a balanza enerxética e a balanza de pagamentos. Ademais, desenvólvense actividades productivas a nivel local ou rexional, coa correspondente xeración de investimentos e emprego.

SITUACIÓN DAS ENERXÍAS RENOVABLES, de mellor a peor

  • NAVARRA

    Líder en potencia eléctrica en enerxías renovables, tanto en termos absolutos (473 mW, a maior nas nove comunidades autónomas) coma en función da poboación e da superficie. Destaca moito na enerxía eólica (a mellor), e amosa un nivel intermedio na minihidráulica e biomasa. Pero na solar fotovoltaica e incineración de residuos sólidos urbanos (RSU), nada ou case nada.
    Outro “pero”: en enerxía para xerar calor, escaso consumo de biomasa e moi poucos colectores solares.
    Investimento en renovables en 1999: 146 millóns de pesetas. Subvención pública: 37%.

  • ANDALUCÍA

    A única que compite con Navarra polo liderado. É a segunda mellor en potencia eléctrica instalada en renovables, en termos absolutos (375 mW) pero perde posición se se pon en función da superficie. Ben na eólica, solar fotovoltaica (a mellor, aínda que con só 3 mW), biomasa e minihidráulica. Só falla en incineración de RSU.
    En enerxía para xerar calor, a mellor no consumo de biomasa (787.000 tep anuais) e en colectores solares.
    Investimento en enerxías renovables en 1999: dato non proporcionado. Subvención pública: dato non proporcionado.


  • CASTELA-LEÓN

    É a terceira comunidade que máis megawatts xera a través das renovables (364 mW). Se se relativiza segundo a superficie, queda mal, peor cá media. Pero en relación á poboación, é a terceira mellor.
    As renovables que máis traballa son a minihidráulica (a mellor, con 232 mW) e a eólica (a terceira mellor). Ás que menos se dedica son os RSU e a solar eléctrica.
    En enerxía para xerar calor, a segunda mellor no consumo de biomasa e das peores en colectores solares.
    Investimento en enerxías renovables en 1999: 6.489 millóns de pesetas. Subvención pública: 15%.


  • CATALUÑA

    Tamén entre as catro mellores. Pode xerar 319 mW mediante enerxías renovables. Con respecto á superficie, mellor cá media. As que máis aproveita son a minihidráulica (213 mW) e os RSU (xunto con Madrid, a única que os valoriza enerxeticamente).
    A que menos traballa: biomasa para electricidade. En enerxía para calor, a terceira mellor no consumo de biomasa e posición intermedia en colectores solares.
    Investimento en enerxías renovables en 1999: dato non proporcionado. Subvención pública: dato non proporcionado.

  • MADRID

    Mediocre en implantación de enerxías renovables, Madrid ten instalados só 89 mW, potencia aceptable para a súa superficie pero escasa para a súa amplísima poboación. Moi mal na eólica (menos de 1 mW) e solar eléctrica.
    Aceptable en incineración de RSU e regular en minihidráulica. En enerxía para xerar calor, mediocre en consumo de biomasa e regular en colectores solares.
    Investimento en enerxías renovables en 1999: 746 millóns de pesetas. Subvención pública: 16%.

  • A RIOXA

    Só 68 mW de potencia eléctrica instalada en enerxías renovables, pero considerámo-los datos en función da súa poboación e superficie, A Rioxa cambia drasticamente a súa posición e queda entre as mellores.
    Só ten algo de eólica (25 mW) e minihidráulica. No 2001 inaugurarase un novo parque eólico. En enerxía para xerar calor, das peores tanto no consumo de biomasa coma en colectores solares.
    Investimento en enerxías renovables en 1999: 540 millóns de pesetas (máis do 95% á eólica). Subvención pública: 4%.

  • PAÍS VASCO

    Só 70 mW de potencia eléctrica instalada mediante enerxías renovables, pero este dato mellora moito se se interpreta en función da superficie, e bastante se se relativiza segundo a poboación. Algo de minihidráulica e biomasa para electricidade. O demais, pouco ou nada. Mellorará na eólica, xa que no 2000 entrou en funcionamento o primeiro parque eólico.
    En enerxía para xerar calor, posición intermedia en biomasa e a peor en colectores solares.
    Investimento en enerxías renovables en 1999: 1.100 millóns de pesetas (950 en enerxía minihidráulica, que non ten subvención). Subvención: 4%.

  • VALENCIA

    Xunto con Murcia, a peor comunidade en materia de enerxías renovables. E tanto en termos absolutos coma relativos. Só 46 mW instalados. Unicamente se pode menciona-la minihidráulica. As demais, con moi escasa ou nula implantación.
    Pero no 2000 inauguraron dúas plantas de electricidade con biomasa e está previsto un plan de 200.000 millóns para construír parques eólicos. En enerxía para xerar calor, posición intermedia tanto no consumo de biomasa coma en colectores solares.
    Investimento en enerxías renovables en 1999: 2.124 millóns de pesetas. Subvención pública: 7%.

  • MURCIA

    Xunto con Valencia, a peor en enerxías renovables. E tanto en termos absolutos coma relativos. Só 24 mW instalados. Unicamente se pode menciona-la minihidráulica e un pouco de eólica. As demais, moi escasa ou nula implantación.
    Pero antes de que conclúa o 2000 inaugurarán un parque eólico e están previstos outros tres para o 20001. En enerxía para calor, mala posición no consumo de biomasa e en colectores solares.
    Investimento en enerxías renovables en 1999: 89 millóns de pesetas. Subvención pública: 44%.