¿Que proceso segue á hora de escribir, de concibir unha obra literaria?
O oficio de escritor é permanente, un está pensando continuamente na posibilidade de que algo que lle suceda na vida real pode ser susceptible de ser escrito. Eu vou pola rúa cun caderniño e anoto aquilo que me pode servir, por exemplo, para unha novela. De súpeto, chega un momento no que certas ideas, sen saber moi ben por qué, se lle fixan a un. Cando me xurdiu a idea da novela La sonrisa etrusca estaba pasando o nadal coa miña filla que tiña un meniño de nove meses en Estrasburgo; daquela, unha noite, desas frías de Centroeuropa, o bebé comezou a saloucar, e eu, que sempre me erguín moi cedo, collino no colo para que a súa nai e a súa avoa non se erguesen. Mentres arrolaba o neno paseando polo cuarto a lúa reflectía na neve e a súa luz entraba pola ventá. Foi fascinante. Ese cuarto de hora foi para min infinito, e pensei en todo o que lle quedaba por vivir a esa criatura, se ía chegar a coñecerme, qué sorte ía ter na vida, etc. Así que marchei á cama pensando en que ía escribir un contiño titulado “O avó” e acabou converténdose nunha novela de duascentas e pico páxinas. Iso quere dicir que o punto de partida dunha novela non se sabe moi ben ónde o podemos atopar. Logo, cada escritor ten unha maneira de desenvolve-la trama e de busca-los apoios precisos para mantela viva. Eu tardo bastante en escribir unha novela e documéntome moitísimo. Para escribir La vieja sirena botei cinco anos, pero non por facer gala de erudición, senón porque teño unha idea central no meu oficio de escritor: se eu non creo o que lle estou contando, o lector non o vai crer tampouco. Por iso me documento moito.
¿É certo que se precisan estimulantes para dar a cotío coa tan fuxidía lucidez?
Algúns escritores precisan tomar café, whisky ou outros estimulantes, pero eu non boto man de nada diso. Érgome moi cedo (agora ás cinco e media da mañá, pero antes facíao ás catro). É nesas horas da mañá cando estou máis esperto e teño maior lucidez; a medida que avanza o día voume cansando. Esa hora primeira, na que ninguén me chama, na que non soa o teléfono, non hai ruído, non hai molestias… para min é fundamental. É cando argallo os meus enredos nas novelas. O resto da mañá sigo escribindo e xa polas tardes vou ó cine ou pasear.
¿Como está o actual panorama literario español?
Eu véxoo ben, desde logo mellor ca hai 30 anos. Escríbese moito e ben. Ademais lese moito máis, sobre todo as mulleres. Sen embargo, en toda Europa non vexo que se escriba mellor do que o facían os escritores de antes da Segunda Guerra Mundial, como Malraux, Sartre… Por non salientar que os escritores perderon peso como intelectuais e non son tratados como tal.
¿Como ve vostede a tan repetida cuestión da Terceira Idade?
O termo Terceira Idade non me gusta. Eu son vello, gracias a Deus cheguei a vello e exerzo de vello. Coido que o da Terceira Idade é como se o feito de ser vello custase traballo dicilo. Para min a Terceira Idade é coma o ATS ou a EXB, termos que suplantan nomes de toda a vida. Con certas condicións a vellez pódese vivir moi ben, gozando das pequenas cousas. Primeiro fai falla un mínimo de saúde, porque se un está dorido e enfermo, lévanse peor estes anos; hai que dispor tamén dun mínimo de comodidade económica (non ter que pedir para comer, por exemplo) e, para rematar, algo importantísimo é ter unha certa cultura. O malo é o pobre vello que non ten horizonte na vida, que cando o xubilan non sabe como encher todo o tempo de lecer que de súpeto ten. Non saben qué facer coa vida e acaban morrendo. Para min a vida de vello está moi ben. Unha das cousas boas que ten a vellez é a liberdade, porque non hai que xustificarse de nada, non teño que ser máis, podo dici-lo que queira sen aterme ás consecuencias, non teño problemas familiares… en definitiva, estou encantado. No tocante ás cuestións afectivas como o amor, está claro que con 80 anos non se pode face-lo mesmo ca con 20, pero a tenrura, o afecto e a caricia sempre son posibles.
¿E da xente nova, que podería dicirnos?
Vou bastante dar charlas ós institutos e alí vexo rapaces estupendos interesados pola economía ou a literatura. Está tamén o asunto das litronas e demais, pero tamén é verdade que hai mozos que colaboran con ONG e dedican as súas vacacións a ir a Latinoamérica botarlles unha man ós máis necesitados. Pero cómpre non esquecer que o sistema educativo actual non lles ensina ós mozos a pensar, atéstaos de cousas que fan mecanicamente e que de seguido esquecen. Ó poder non lle interesa que a xente nova pense. Por iso, a moitos mozos soamente lles interesa o cantante de moda e deitárense coa súa moza; por outra banda, é unha cousa lóxica se a única bandeira que lles ofrecemos é a de gañar cartos. É o ideal da nosa sociedade, polo tanto non nos queixemos de que á mocidade non lle interesen outros temas. A isto hai que engadir que a sociedade secularizouse e que a influencia da Igrexa baixou moitísimo, os rapaces non aceptan o que esta di.
Deste século que remata e que vostede viviu case enteiro, ¿que balance fai?
A min o que máis me impresionou é a estupidez e a brutalidade humana, que non aprende nada de nada. Este século sitúoo nun final de época que non di moito, agás na ciencia e na tecnoloxía, onde o progreso é incrible. No demais eu non vexo grandes ideas. Non creo que a novela agora sexa mellor cá do século XIX, non vexo que se pinte mellor, ou que se faga mellor música ca no XVIII ou XIX, ou que o pensamento filosófico sexa máis importante có de Kant ou os grandes pensadores. E non digamos xa en economía, todo iso que chaman o neoliberalismo ou o pensamento único considéroo un atraso porque son ideas do século XVIII. O do pensamento único anóxame porque se é único non é pensamento, é algo totalitario. Precisamente o pensamento é todo o contrario, a variedade, a liberdade, a diversidade, en definitiva, que pensemos cousas distintas. Vaia, que eu non vexo ideas novas, son todas do pasado. Na ciencia as novidades que se aveciñan son inimaxinables: por primeira vez na historia, o home non vai depender dos seus xenes senón que os xenes humanos van depender do home porque imos poder modificalos. O que antes a vida tardaba milleiros e millóns de anos en evolucionar agora realízase nun breve período de tempo. Todo iso vai producir unhas revolucións que non temos nin idea a ónde imos chegar, e se a isto unimos a constante renovación tecnolóxica e nuclear, calquera agoira algo. Por iso o poder se vai trasladar ós científicos e investigadores, que coma sempre van traballar para as grandes empresas.
¿Que debemos entender cando se fala de nova economía?
Para os teóricos e políticos que se reúnen en cumios, a nova economía é competencia, novas tecnoloxías e globalización. Coido que falar de globalización e pór policías en Tarifa para que o que se queira globalizar non entre é un contrasentido total. Quero dicir con isto que a globalización só é para unha pequena parte da humanidade, que son as grandes empresas e o seu contorno, porque o resto do mundo está globalizado en función do que dicten os de arriba. Dígalle vostede a un labrego asiático ou do Perú que está globalizado. O que chaman globalización é o novo nome do imperialismo, do colonialismo, onde unha minoría rexe os destinos do resto do mundo. E a nova economía soamente ten de novo que usa Internet. ¿Cal é o propósito da nova economía?: aumenta-lo beneficio. Mentres ese sexa o seu deus seguirá sendo a mesma vella economía de sempre. Dicía Machado que as sociedades non cambiarán mentres non cambien de deus, e o verdadeiro deus desta sociedade é o diñeiro.
¿Teremos que afacernos os europeos a que o fenómeno da inmigración e os seus problemas se convertan en algo habitual?
A inmigración é un feito imparable e mentres exista a desigualdade isto vai seguir sendo así. En España témonos que afacer e ver que a inmigración en Francia ou Inglaterra é moito maior, polo que é normal que alcancemos esas cifras de persoas procedentes de países subdesenvolvidos. Sen esquecérmonos que esas persoas están aquí porque as precisamos como man de obra.
Co que pasou nas eleccións norteamericanas, ¿pode entrar en crise a democracia tal e como a entendemos agora?
Se por democracia entendémo-lo goberno do pobo, non hai democracia en ningún lugar do mundo. Se de verdade houbese democracia, moita xente non daría -vía impostos- diñeiro para os exércitos, que non serven para nada, e destinaría os seus cartos ó que de verdade lle interesa: sanidade, educación… por exemplo, a ciencia recibiría máis diñeiro e os nosos científicos non terían que marchar. Pero, ¿quen lle dá de verdade ese poder á xente para decidir onde destina-lo diñeiro dos seus impostos? O pobo non manda en ningún país.
Para rematar, e xa que estamos nestas datas tan peculiares, ¿como percibe o Nadal?
O feito é que o Nadal contribúe a que as familias se xunten, e que os cativos o pasen ben paréceme positivo. Agora ben, o Nadal é unha gran montaxe comercial, ó que cómpre engadir todo o que ten de publicidade relixiosa. Por esa banda, o Nadal non me importa un pemento e non me conmove nada. É unha festa social coma outra calquera.