¿Como se prognostica o tempo?
As altas temperaturas sufridas o pasado verán situaron a información meteorolóxica, máis aínda se é posible, no centro de interese da cidadanía. Os informativos alertaban a cotío dos valores históricos que alcanzaban os termómetros. A precisión coa que se anunciou o tempo puxo de manifesto o coñecemento cada vez maior que se ten da meteoroloxía, que ocupa o 7% do espacio dos informativos televisivos. Sen embargo, os meteorólogos non sempre acertan no prognóstico, especialmente en épocas de inestabilidade atmosférica coma o outono e a primavera, que é cando as variables son máis cambiantes. Aínda que as prediccións se elaboren a partir da interpretación de numerosos datos obtidos coa máis alta tecnoloxía (satélites, observatorios…), están sempre suxeitas a probables alteracións climatolóxicas.
Fontes de información
Para realizar unha predicción cómpre obter unha gran cantidade de información sobre as condicións existentes en superficie e na atmosfera. Os satélites Meteosat subministran día e noite, cada media hora, imaxes completas do disco terrestre transmitidas por tres canles do espectro, e os barcos que saen ó mar e as aeroliñas comerciais realizan tamén medicións. Os datos tamén se axencian a través de globos sonda que as estacións meteorolóxicas de todo o mundo lanzan dúas veces ó día á atmosfera superior e mediante boias permanentes que rexistran a temperatura a centos de metros de profundidade no océano.
Xa que logo, no momento de elabora-lo prognóstico o meteorólogo dispón de infinidade de fontes que rexerán as súas conclusións: ten que coñece-la presión atmosférica medida en milibares polo barómetro; cumpriralle saber qué condicións de vento revela o anemómetro para estimar, sobre todo, a sensación térmica, que depende da velocidade do vento; co psicrómetro coñecerá a humidade atmosférica, necesaria para realiza-la previsión das próximas horas; deberá descifra-las claves servidas pola meteoroloxía aeronáutica e recibi-los boletíns de meteoroloxía marítimas nas escalas Beaufort e Douglas. Tamén terá que manexar productos específicos (boletín agrometeorolóxico, balance hídrico, radiación ultravioleta, etc.).
Interpreta-los datos
Obtidos os datos e gracias á experiencia realízase a interpretación ou, o que é o mesmo, a predicción. Malia ós avances tecnolóxicos, incluídos sofisticados sistemas informáticos, só se pode prognostica-lo tempo de maneira relativamente precisa cuns días de antelación, pois os innumerables factores que determinan a temperatura e as condicións atmosféricas están sometidos a unha probabilidade de cambio moi alta.
A meteoroloxía ofrece tres tipos de información. Por unha banda, a explicación das causas que motivaron determinada situación climática e a descrición da mesma; por outra, o prognóstico do tempo actual e recente obtido dos sistemas de observación e a vixilancia atmosférica permanente (estacións e instrumentos meteorolóxicos, satélites, radares, rede de raios…). E, para rematar, a da evolución máis probable do tempo a curto, medio e longo prazo (dun a dez días) que cabe esperar, de acordo coas posibilidades e límites do coñecemento científico, baseada nos medios técnicos máis avanzados e na experiencia e profesionalidade de meteorólogos cualificados.
Dentro desta última información ocupan un lugar prioritario os avisos meteorolóxicos cando se observan ou prevén fenómenos atmosféricos especialmente relevantes por superar determinados valores soleira, dado que poden comportar un risco para as vidas ou bens dos cidadáns. Estes avisos subminístranselles ás autoridades de Protección Civil e a outros Organismos encargados das medidas de prevención correspondentes e ós medios de comunicación para a súa difusión pública.
Algo máis cá muller ou có home do tempo
Os profesionais que informan do tempo son licenciados en Ciencias Exactas dentro da rama de Ciencias da Atmosfera, aínda que tamén se imparte un título intermedio no Bacharelato en Ciencias da Atmosfera de 3 anos. Esta formación capacita a priori para o desenvolvemento da actividade, pero para poder pertencer ó corpo oficial de meteorólogos, diplomados ou observadores do Instituto Nacional de Meteoroloxía é imprescindible completa-la curso selectivo, posterior a unha oposición, do que a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) marca as materias e os niveis de esixencia.
- Alta presión ou anticiclón. Área onde a forza exercida pola atmosfera (a presión) é maior cá que existe ó seu arredor e á mesma altura, o que provoca tempo estable nesa zona.
- Baixa presión. Zona na que a presión atmosférica é menor cá que hai ó seu redor. Este fenómeno produce a converxencia de fenómenos inestables e asóciase á presencia de gran nubosidade e chuvieiras.
- Borrasca. Vento breve cunha velocidade comprendida entre 110 e 130 quilómetros por hora.
- Chuvieira. Precipitación de pingas de auga que caen desde unha nube do xénero cúmulo-nimbos. Caracterízase por comezar e rematar de súpeto, por variacións de intensidade moi bruscas e polos rápidos cambios que sofre o estado do ceo.
- Fronte quente. Prodúcese cando unha masa de aire quente avanza cara a latitudes maiores e o seu bordo dianteiro ascende sobre o aire máis frío. Se hai humidade suficiente obsérvanse tódolos xéneros de nubes que provocan precipitacións de tipo contino.
- Fronte frío. Fórmase cando unha masa de aire frío avanza cara a latitudes menores e o seu bordo dianteiro se introduce como unha cuña entre o chan e o aire quente. Ó paso deste sistema, pódense observar nubes que poden provocar chuvieiras ou nevadas se a temperatura é moi baixa. Durante o seu desprazamento a masa de aire que vén desprazando o aire máis cálido provoca descensos rápidos nas temperaturas da rexión por onde pasa.
- Isóbara. É unha liña imaxinaria trazada sobre un mapa coa que se unen puntos onde a presión atmosférica presenta o mesmo valor.
- Mapa de superficie. Amosa a situación meteorolóxica a nivel de superficie. Por norma internacional, o nivel medio do mar é considerado como o nivel superficial, polo que os observatorios situados a maior ou menor altura deben axusta-las súas lecturas para que os seus datos se refiran ó mapa de superficie.
- Masa de aire. Volume extenso da atmosfera cunhas propiedades físicas, en particular a temperatura e a humidade nun plano horizontal, que amosan só diferencias pequenas e graduais. Unha masa pode cubrir unha rexión de varios millóns de quilómetros cadrados e posuír varios quilómetros de espesura.
- Temperatura ambiente. É a temperatura do aire rexistrada no instante da lectura.
- Temperatura máxima. É a maior temperatura rexistrada nun día, e que se presenta entre as 14:00 e as 16:00 horas.
- Temperatura mínima. É a menor temperatura rexistrada nun día, e pódese observar entre as 06:00 e as 08:00 horas.