Positiva, pero ambigua
Desde que o pasado 11 de setembro entrou en vigor a nova Lei 23/2003, de 10 de xullo, de Garantía na Venda de Bens de Consumo, son moitas as voces que se alzaron na súa contra. Presentada como unha ampliación da garantía legal na venda de determinados bens de consumo ata dous anos, fronte ós seis meses actuais, a súa formulación contén termos ambiguos que levan a que as asociacións de consumidores teman que o cliente se confunda, levado a crer que as súas compras estarán sempre protexidas durante dous anos. Diversas asociacións de consumidores advirten de que a nova lei contén aspectos interesantes pero agacha trampas que afectan gravemente ós consumidores. Consideran tamén que o feito de que os consumidores, transcorridos os seis primeiros meses, deban axuntar probas para demostra-los fallos dos bens suporá “un desembolso económico que pode non compensar”. Sectores como o dos vehículos aplaudiron a norma, pero recoñecen que existen demasiadas lagoas e termos “subxectivos” que poden provocar “moitos preitos”, segundo os responsables da Asociación Nacional de Fabricantes de Automóbiles e Camións” (ANFAC). A longa fase de promulgación da lei xa enfrontou a tódalas partes implicadas no comercio do automóbil, desde o fabricante ata o vendedor, o taller e mesmo a tenda de recambios. E é que a nova lei abriu unha batalla entre os talleres e as tendas de recambios. No caso de que unha peza instalada sexa defectuosa, os talleres poderían reclamar non só o cambio da peza, senón tamén o prezo da man de obra de montar e desmonta-la peza en cuestión, algo ó que as tendas de recambios se opoñen.
O equipo de asesoras legais de CONSUMER analizou a nova Lei, prestándolles especial atención ós seus aspectos máis novidosos ou problemáticos.
Preguntas e respostas
¿Que bens regula esta lei?
A Lei de Garantías aplícase sobre os bens de consumo privado, é dicir, os bens de consumo: desde un electrodoméstico ata un vehículo, pasando por mobles, obxectos de todo tipo, mesmo obras de arte. Polo seu propio concepto quedan eliminados os servicios e os bens inmobles.
¿A partir de que data entra en vigor?
A lei entrou en vigor no noso país o 11 de setembro do 2003, polo que os obxectos adquiridos antes desa data non quedan amparados pola mesma.
¿Que novidades introduce?
A principal diferencia fronte á lexislación anterior radica no período de garantía dos productos e nas obrigas do vendedor durante o tempo que dura esta garantía. Así, para os bens de consumo novos, esta amplíase de seis meses a dous anos, mentres que para os productos de segunda man, a garantía será dun ano. Durante os primeiros seis meses de garantía dun producto novo presuponse que o dano vén de fábrica e que o vendedor debe asumir tódolos gastos da reparación, tanto pezas, traslado, coma horas de traballo. O tempo da garantía queda en suspenso durante o tempo que o producto ou obxecto estea en reparación.
¿Como define a lei un producto en bo estado?
A lei considera que un consumidor se debe sentir satisfeito co producto adquirido se cumpre os seguintes requisitos: que o producto se axuste á descrición dada polo vendedor e que teña as calidades manifestadas a través dunha demostración ou modelo. Tamén debe servir para o que está indicado tanto no libro de instruccións coma nas indicacións verbais que se cadra fixo o vendedor ou un vídeo demostrativo. Tamén serve como uso habitual a publicidade, as indicacións que aparezan reflectidas nunha etiqueta, ou un uso que se desprenda das propias características do producto. E se o consumidor solicitou un uso especial e o vendedor lle asegurou que o ben adquirido llo ía ofrecer, así debe ser. Ademais, o producto que se merca debe presenta-la calidade e o comportamento axeitado. Así, unha pota a presión debe cociñar máis á présa ca unha pota tradicional.
¿A quen obriga a Lei?
A Lei obriga ós vendedores de bens de consumo, por unha banda, e ós consumidores como destinatarios finais, por outra. É dicir, quedan excluídos os contratos que se realizan entre particulares, xa que a mesma só prevé a compravenda entre un vendedor profesional e un consumidor.
¿Cando se aplica?
Esta nova lei aplicarase sempre que se merque un ben de consumo, é dicir, calquera obxecto ou producto de consumo privado. Quedan excluídos os bens adquiridos nunha venda xudicial (poxa de bens confiscados). Tampouco están sometidos a esta lei a distribución de auga ou de gas non envasados para a súa venda.
¿A quen pode reclama-lo consumidor en caso de fallo no producto?
O primeiro responsable do producto é o vendedor. Así e todo, o consumidor pode acudir directamente ó fabricante ou ó importador se acudir ó vendedor lle supón unha carga. Por exemplo, se durante unhas vacacións lonxe da casa se adquiriu unha cámara de fotos dixital que non responde ó ofertado na tenda, para o consumidor resulta máis doado acudir ó fabricante ou ó importador ca ó establecemento no que o mercou.
Ante un fallo no producto, ¿que posibilidades ten o consumidor?
En caso de que o producto non responda ás características anunciadas, o consumidor pode optar entre a reparación do ben ou a súa substitución, salvo que isto resulte imposible ou desproporcionado. Se a reparación ou substitución non son posibles, ou resultan desproporcionadas, o consumidor pode optar por unha rebaixa axeitada no prezo ou pola resolución do contrato, é dicir, a devolución do prezo. O consumidor non poderá esixi-la substitución cando se trate de bens de segunda man ou de bens de imposible substitución. Por exemplo, non se pode esixir substitución se o ben xa non se fabrica ou non quedan existencias, se se adquire un vehículo de segunda man nin, pola imposibilidade que supón, se pode substituír unha obra de arte, unha antigüidade ou un deseño de roupa exclusivo. A substitución será desproporcionada cando se trate dun pequeno defecto de doada ou sinxela reparación.
A reparación será desproporcionada cando sexa antieconómica, é dicir, máis cara a reparación có valor do ben.
¿De canto tempo dispón o consumidor para reclamar?
O consumidor debe acudir a denuncia-lo fallo nun prazo de dous meses desde que o detectou. Neste sentido, se o problema apareceu nos seis meses despois da compra do producto, o vendedor debe facer efectiva a garantía, xa que nese período de tempo se dá por suposto que o problema vén de fábrica. Sen embargo, se pasaron eses seis meses, é o consumidor quen debe demostrar que o fallo vén de orixe e que non foi provocado polo mal uso do producto.
¿Que acontece se o defecto reparado reaparece pasado o período de garantía?
A Lei establece que durante os seis meses posteriores á entrega do ben reparado o vendedor responderá das faltas que motivaron a reparación, presumíndose que se trata da mesma falta cando se reproduzan defectos da mesma orixe cós inicialmente reparados. Para poder facer efectiva esta garantía da reparación o consumidor debe garda-lo comprobante da reparación e do servicio técnico que, no seu día, reparou o producto.
Se despois dunha reparación ou da substitución dun producto, aínda volve fallar, ¿que outras opcións ten o consumidor?
A nova Lei recolle estas posibilidades. Se o consumidor elixiu a substitución dun producto con fallo, por outro igual, pode solicitarlle ó vendedor a reparación, sempre que non sexa desproporcionada, a rebaixa no prezo ou a devolución dos cartos. Por outra banda, se ante un fallo nun producto se elixiu a reparación, o consumidor pode esixir un cambio, unha rebaixa no prezo ou a devolución de todo o diñeiro desembolsado. Pero a Lei non especifica nin a contía nin o tipo de rebaixa no prezo que o vendedor debe facerlle ó consumidor en caso de que esa sexa a opción elixida. Xa que logo, as dúas partes que interveñen na compravenda están obrigadas a chegar a acordos que satisfagan a ambas.
¿Que facer se o garante se nega a reparar, a rebaixa-lo prezo ou a devolve-los cartos, alegando que a falta do ben se debe a un mal uso por parte do consumidor ou que se trata dunha esixencia desproporcionada?
Se estamos dentro dos seis primeiros meses, hai que esixir-la reparación e solicitar unha Folla de Reclamacións e insistir mesmo ata chegar a xuízo. Presúmese que a falta existía. Pero se os seis primeiros meses xa transcorreron, estamos á inversa. É o consumidor quen debe probar que o producto se adquiriu coa falta. En calquera caso, o consumidor terá que negociar e se non está de acordo coa rebaixa que lle ofrece o vendedor pode acudir a un taxador para determina-lo prezo do producto trala reparación e solicitar unha rebaixa do prezo nese sentido.
Novidades referentes ó Libro de instruccións e a unha mala instalación.
Outra novidade da lei é que se un consumidor realiza un mal uso dun producto porque o libro de instruccións é incorrecto, a lei de garantías protexe ó consumidor e pode esixi-la reparación ou a substitución. Do mesmo xeito, se o fallo se produce por unha mala instalación provocada tanto polas erróneas instruccións do manual, coma polos técnicos enviados polo vendedor, tamén este é responsable.
En caso de reparación ou de traslado a un servicio técnico, ¿que debe paga-lo consumidor?
Nada. Durante o período en que é efectiva a garantía o vendedor ou productor débese facer cargo das custas dos desprazamentos, das pezas e do tempo da reparación. Ademais, mentres que o producto permaneza no servicio técnico suspéndese o tempo de garantía. É dicir, non corre o reloxo. Por outra banda, á marxe de esixi-la aplicación da garantía (a reparación, cambio, rebaixa de prezo ou devolución dos cartos), o consumidor pode esixir unha indemnización polas perdas e danos derivados da avaría e do tempo de reparación. Por exemplo, se un usuario adquire unha neveira que se estraga de alí a unha semana, amais de solicitar que se faga efectiva a garantía, este usuario pode esixir unha indemnización polos alimentos que se estragaron ante o mal funcionamento do electrodoméstico.
¿Que é a garantía comercial?
A garantía comercial é aquela que o fabricante, distribuidor ou vendedor dan e que sempre debe ser superior á que ofrece a lei, xa que esta se entende como un mínimo esixible polo consumidor. Tamén é unha ferramenta de mercadotecnia das empresas. Con todo, a partir da nova lei, esta garantía debe cumprir certos requisitos, como deixar claro a qué se aplica, o obxecto ou producto que ten esta garantía e o nome e o enderezo de quen a ofrece.
O caso particular dos vehículos de segunda man e dos talleres de reparación
¿Os coches de segunda man están sometidos a esta lei?
Si, tódolos productos de segunda man teñen un período de garantía nunca inferior a un ano, sempre que a compravenda se lle realice a un vendedor profesional, e non entre particulares. Para poder responder ós posibles problemas no sector dos coches de ocasión, a Asociación Nacional de Vendedores de Vehículos a Motor, Reparación e Recambios (GANVAM) preparou un modelo de contrato de compravenda de vehículos usados. Nel aparecen datos sobre o estado do vehículo, así como a súa identificación, data da súa primeira matriculación, revisións da ITV realizadas e as que ten pendentes, e xeneralidades sobre o seu estado como número de quilómetros e estado de desgaste dalgúns elementos como, por exemplo, os pneumáticos.
Os talleres de reparación de vehículos, ¿están sometidos a esta lei?
Estamos ante unha máis das ambigüidades que presenta a nova lei. Segundo a Asociación de Talleres de Madrid, os talleres de reparación “quedan fóra das competencias da Lei de Garantías de bens de consumo e quedan sometidos ó decreto nacional regulador da actividade de talleres e ás adaptacións deste decreto realizadas por cada comunidade autónoma”. Sen embargo, se unha reparación implica o cambio dunha peza, por exemplo dos pneumáticos, este producto si que está sometido á lei de garantías e o vendedor debe responder deles.