A visita ó médico, fundamental
Sensación de proído ó ouriñar, urxencia para facelo, desexo de mexar aínda que a vexiga estea baleira, dor na rexión pubiana… Estes son algúns dos síntomas da cistite ou inflamación da vexiga, unha doenza máis habitual entre mulleres e á que non sempre se lle presta a atención que require. Aínda que anualmente unha de cada cinco mulleres experimentan síntomas de infección do tracto inferior urinario, só un 10% llo consultan ó médico.
A posición da vexiga no corpo feminino explica que as mulleres sufran máis cistite. Este órgano almacena os ouriños que producen os riles e periodicamente baléirase mediante a contracción da súa musculatura. A vexiga comunica coa uretra, conducto mediante o que os ouriños se expulsan ó exterior. No home, a uretra atravesa a próstata e discorre entre os corpos cavernosos do pene, mentres que na muller é máis curta e remata na vulva, o que facilita as cistites nas mulleres, pois a zona vulvar e a proximidade á perineal favorecen a contaminación.
Beber máis líquidos
Habitualmente os ouriños están libres de xermes patóxenos. Pero se algunha bacteria penetra e prolifera na vexiga a súa poboación dóbrase cada 40 minutos, aínda que o fai máis axiña se nela quedan ouriños residuais ou transcorren longos períodos entre o baleirado vesical, como acontece cando se bebe pouca cantidade de líquidos. O primeiro que se contamina é a uretra, e se non se trata a tempo a infección segue un traxecto ascendente que pode alcanza-los riles, ocasionando o que se denomina unha pielonefrite.
Calquera microorganismo da flora intestinal pode infecta-los ouriños, pero o máis habitual é que o culpable sexa o Escherichia coli, presente en case o 90% das cistites. Tódalas situacións que provocan un fluxo máis lento dos ouriños no tracto urinario, coma o refluxo vesico-ureterorrena, as dilatacións en uréteres, a retención vesical ou a presencia de cálculos, favorecen a aparición da cistite. Tamén a introducción de sondas uretro-vesicais ou de instrumentos para o estudio das vías urinarias -catéteres ou cistoscopios- poden provocar infeccións.
Na muller as relacións sexuais e o embarazo son factores que predispoñen a este tipo de infección.
Principais síntomas
- Sensación de ardor ou proído ó ouriñar.
- Necesidade frecuente de ouriñar.
- Sensación de urxencia para ouriñar.
- Desexos de ouriñar aínda que a vexiga estea baleira.
- Dor na rexión pubiana.
- Ouriños de aspecto máis ou menos turbio e mesmo presencia de sangue.
- Calafríos e febre.
- Dores na rexión lumbar, na parte baixa das costas cando se infectan os riles.
Non sempre aparecen tódolos síntomas nin teñen a mesma intensidade en tódalas persoas.
Diagnóstico e tratamento
Dado que nestas infeccións urinarias a resistencia ós medicamentos máis habituais resulta frecuente, se aparecen síntomas de cistite tórnase fundamental someterse a unha análise de ouriños para esclarecer cál é o xerme responsable e a qué antibióticos é sensible. Moitas mulleres non acoden ó médico e automedícanse, o que constitúe un erro.
O tratamento da cistite aguda baséase en antibióticos. O arsenal terapéutico é abundante pero haino que utilizar correctamente: a elección do medicamento apropiado farase sempre en función dos resultados da análise. Cun tratamento adecuado a cistite aguda remite nuns días sen maiores problemas e complicacións.
Amais de toma-las medicinas prescritas, hai que segui-las seguintes pautas:
- Beber moito líquido: polo menos dous litros diarios.
- As mulleres con cistites frecuentes deben evita-lo uso de xabóns aromatizados, xampús, desodorizantes íntimos, sales de baño, compresas aromatizadas e todo o que poida irrita-la uretra.
- Hai que controla-la suor excesiva do periné (zona do corpo situada entre o ano e as partes sexuais), xa que favorece a maceración desa zona, o que acaba permitindo a colonización bacteriana. Cómpre evita-las roupas que impidan ou dificulten a evaporación da suor, especialmente medias panty, bragas apertadas, prendas de fibra sintética, etc. O algodón é o máis indicado nestes casos.
- Unha óptima hixiene despois de defecar é fundamental: as mulleres débense limpar de adiante cara a atrás para non contamina-la entrada da uretra con restos fecais.
- Lava-los xenitais e zona anal con xabón suave e auga.
Cistite intersticial
Unha persoa que sufra a miúdo de cistite debe consulta-lo especialista para estudia-las vías urinarias e descartar ou confirma-la existencia de anormalidades no tracto urinario que favorezan as infeccións. Nestes casos, amais das análises de ouriños seriados, se cadra é precisa unha ecografía ou outras explotacións que permitan visualiza-las vías urinarias: pielografía, cistoscopia…
Non tódalas cistites son infecciosas. Hai persoas que presentan síntomas de cistite, aínda que as súas análises de ouriños non evidencian presencia de bacterias. Padecen molestias ó ouriñar, sensación de urxencia para facelo e mexan moitas veces, pero non hai infección; os seus ouriños son estériles. Trátase da chamada cistite intersticial, caracterizada por unha inflamación crónica da parede da vexiga. A súa causa non está aclarada e o seu tratamento é puramente sintomático, xa que non responde ó tratamento antibiótico.
Trátase dunha inflamación que se presenta nalgunhas mulleres despois de manteren relacións sexuais. Adoitan sufrir miccións dolorosas, sensación de comechón e necesidade de ouriñar a miúdo, síntomas que se prolongan durante un día ou dous e desaparecen ata que volven ter relacións sexuais. Non se trata realmente dunha cistite, senón máis ben dunha inflamación da uretra, por iso se coñece tamén como síndrome uretral. É de carácter crónico e na súa aparición parecen estar implicados microorganismos como as Chlamydias, o virus do herpes, Trichomonas, etc., aínda que non hai acordo sobre este tema. Tamén se presentan estes síntomas polo traumatismo que sofre a uretra durante a actividade sexual. Debido a que poden irrita-la uretra, desaconséllase o uso de sprays hixiénicos femininos, compresas perfumadas, baños de auga con graxa ou xabóns irritantes.
Amais das medidas que deben toma-las mulleres que sofren cistite, as que padecen síndrome uretral deben asegurarse de que o pene e/ou as mans da persoa con quen van manter relacións sexuais están limpas. Igualmente, ó rematar deben ouriñar para baleira-la vexiga e así limpa-la uretra. Tamén lles pode resultar beneficioso utilizar un lubricante soluble en auga para que a penetración sexa máis doada e menos traumática. Non hai que utilizar vaselina: non é soluble.