Grandes encoros

¿Necesarios no século XXI?

1 Novembro de 2003
Img listado medioambiente

¿Necesarios no século XXI?

A construcción de grandes encoros, grupo ó que pertencen os que superan 15 metros de altura ou almacenan máis de 100.000 metros cúbicos, sempre foi motivo de polémica. Fonte de progreso e de reparto racional da auga segundo algunhas persoas, prexudiciais polo seu impacto ambiental e polos problemas de seguridade que poden ocasionar segundo outras, a necesidade destas grandes obras aínda se discute.

España, con 1.200 encoros desta envergadura, é o segundo país do mundo, despois dos Estados Unidos, con maior número de encoros. A metade deles ten máis de 40 anos e, segundo algunhas fontes, o 80% non seguen as normas da Instrucción para o Proxecto, Construcción e Explotación de Grandes Encoros polo elevado custo económico que supón facelo.

A capacidade dos encoros españois é de 53.000 millóns de metros cúbicos, dos que se ocupou o 65% no ano 2002. A maior chea tivo lugar nas concas Norte (88%) e do Ebro (77%). Os pantanos de menor ocupación foron os do Segura e Xúquer, que nin sequera chegaron ó 20% da súa capacidade.

En arredor de 140 países os grandes encoros proporcionan enerxía hidroeléctrica, que desenvolve un papel fundamental para a reducción das emisións de gas de efecto invernadoiro, e augas para a rega, que bañan as terras que subministran case o 16% dos alimentos do mundo. Sen embargo, tamén provocaron a desaparición de fragas, de hábitats de rica fauna e da biodiversidade acuática. Os contrarios a estes pantanos xigantes sosteñen que para a construcción dos máis deles non se realizou unha avaliación do seu impacto negativo sobre as comunidades desprazadas e emprazadas noutro lugar. Cualifican de superficiais e ineficaces os esforzos por mitiga-los efectos imprevistos que sofren máis de 80 millóns de persoas desprazadas e a perda do seu medio de vida augas abaixo.

Segundo a Comisión Mundial de Presas, os grandes encoros poderían desaparecer, xa que se demostrou que construír minicentrais hidroeléctricas é máis barato e permite unha mellor xestión da auga, especialmente dos sistemas de irrigación.

Beneficios dos grandes encoros

  • Producen o 20% da electricidade mundial e o 7% da enerxía total, sen efectos nocivos para a capa de ozono. É a denominada enerxía hidroeléctrica, limpa e renovable, que permite reducir un 13% a emisión de axentes contaminantes á atmosfera.
  • Serven para controlar e subministrar auga potable, regulando o curso de ríos e regatos. Abonda con acumula-los excedentes de auga durante a estación de chuvias e liberalos en períodos de escaseza.
  • Melloran a calidade da auga e posibilitan transvases a zonas secas.
  • Controlan as avenidas e inundacións e diminúen os danos causados por estas.
  • Permiten rega-las terras de cultivo. Segundo o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), a rega representa máis do 75% do consumo de auga nos países desenvolvidos. Nalgúns deles esa porcentaxe supera incluso o 90%.
  • Hoxe en día un tercio dos alimentos producidos no mundo provén de terras de regadío. Prevese que de aquí ó 2025 o 80% deles procederá desas terras e considérase que só a rega poderá axudar a satisface-lo aumento da demanda de alimentos.

Prexuízos dos grandes encoros

  • Segundo a ONG Rede Internacional de Ríos (IRN), as canles de rega provocan a eutrofización (diminución do osíxeno na auga) e a salinización das augas se o fluxo da auga non é abondo.
  • Os sistemas de regadío poden transforma-las terras cultivables en pantanos, como aconteceu co 3% das zonas cultivables da India.
  • Antes de que un encoro produza o seu primeiro vatio ou a súa primeira pinga de auga de rega, decenas de milleiros de persoas deben ser evacuadas. Segundo o IRN, millóns de persoas no mundo tiveron que abandonar por ese motivo as súas terras e os seus fogares desde os anos trinta.
  • Pérdese o estilo de vida rural das zonas inundadas.
  • Ocasionan problemas case irreversibles, como a perda de biodiversidade e o impacto nocivo sobre procesos ecolóxicos (efectos negativos sobre os ecosistemas fluviais e acuáticos, a calidade da auga, os solos…).
  • Erosionan o solo e degradan os ecosistemas.
  • Somerxen baixo as augas aldeas, reliquias históricas e culturais, afectando ó aspecto da paisaxe natural.
  • Causan deposición de sedimentos na cola dos embalses, empeorando a calidade da auga.

Pantano das Tres Gorxas na China, o último grande encoro

O enorme encoro das Tres Gorxas, no curso medio do río Yangtsé, comezou en xuño a enche-lo seu gran pantano. Cando o encoro estea á súa plena capacidade, no ano 2009 (17 anos despois do seu inicio), será o terceiro lago artificial do mundo, tralo de Assuán, en Exipto, e o de Zambeze, en Zambia. Ese ano, a producción do encoro alcanzará os 18.200 millóns de quilovatios por hora e a súa capacidade de 39,3 millóns de metros cúbicos permitirá tamén regula-lo comportamento dun río que, coma o Nilo, está intimamente unido a unha civilización.

A China conviviu ó longo da súa historia coas inundacións do Yangtsé, o seu maior río. Nos últimos dous mil anos, o Yangtsé rebordou de media unha vez cada década. A contabilidade do século XX rexistra máis de 300.000 mortos por esta causa e a perda de millóns de casas. O grande encoro acabará con iso, pero os seus críticos citan numerosos prexuízos ambientais, sen contármo-lo millón de desprazados que xerou, o enorme gasto (case 22.000 millóns de euros) e a desaparición, baixo as augas, de 140 núcleos urbanos.

Cifras e letras sobre o uso da auga
  • Os 6.000 millóns de habitantes do planeta xa se apropiaron do 54% da auga doce dispoñible en ríos, lagos e acuíferos subterráneos.
  • No 2025, o home consumirá o 70% da auga doce dispoñible.
  • Se o consumo de recursos hídricos per cápita segue medrando ó ritmo actual, dentro de 25 anos o home podería chegar a utilizar máis do 90% da auga doce dispoñible, deixando só un 10% para o resto de especies que habitan o planeta.
  • O 69% da extracción anual de auga para uso humano destínase á agricultura (principalmente para a rega), a industria emprega o 23% e o consumo doméstico (fogar, auga para beber, saneamento…) o 8%.
  • En África a agricultura leva o 88% de toda a auga extraída para uso humano, mentres que o consumo doméstico supón o 7% e o industrial o 5%.
  • En Europa a maior parte da auga utilízase para a industria (o 54%), mentres que a agricultura gasta o 33% e o consumo doméstico o 13%.
  • Se toda a auga do mundo coubese nunha garrafa, a auga doce equivalería a unha culler de mesa, menos da metade do 1% do total.
  • O 70% do caudal total do territorio español concéntrase no Norte.
  • Estímase que, polo menos na teoría, hai auga doce abonda para abastecer a 20.000 millóns de persoas.
  • Entre o 50% e o 70% da auga extraída desperdíciase por evaporación e fugas.
  • Por unha billa mal pechada que pinga pérdense 30 litros de auga ó día.