Lámpadas de baixo consumo

Diferencias mínimas en prezo e calidade

Logo de doce anos de uso, só tres euros de diferencia no gasto total entre a máis cara e a máis barata
1 Novembro de 2003
Img listado analisisb

Diferencias mínimas en prezo e calidade

/imgs/20031101/analisisb01.jpg
Analizáronse seis lámpadas fluorescentes compactas (tamén chamadas de baixo consumo), que custan desde os 16,50 euros de Osram Dulux Longlife ata os 3,25 euros de Cesaga. Esta abismal diferencia de prezo non resulta tan avultada se se ten en conta que, logo de doce anos de uso descontinuo (15.000 horas), o custo total (lámpadas substituídas neses doce anos e maila enerxía consumida) resulta moi semellante en tódolos casos: Cegasa é de novo a máis barata (27,59 euros ós doce anos) e Silvana Mini-Lynx Economy a máis cara (30,67 euros ós doce anos). Isto é, a diferencia total de gasto entre a máis cara e a máis barata tras doce anos de uso case non alcanza os tres euros. A mellor relación calidade-prezo resulta a máis barata, Cegasa, por se-la que menos electricidade consome e a que ofrece un maior rendemento.

Estas seis lámpadas duran de media 7.500 horas (uns seis anos en uso descontinuo), o que unido ó seu baixo consumo eléctrico fai que compensen o maior desembolso inicial que representan fronte ás convencionais (as incandescentes). Estas lámpadas fluorescentes compactas teñen un tamaño semellante ás incandescentes, e, como acontece nos tubos fluorescentes, xeran a luz polas reaccións químicas que produce unha mestura de gases no seu interior.

Avellentamento prematuro

Un dos parámetros no que as lámpadas máis se distinguiron foi no seu ciclo de vida medio nominal, é dicir, nas horas que poden chegar a estar acesas. Cegasa é a que peor se desenvolve neste apartado, con 3.000 horas. Sylvania e Philips ofrecen o dobre (6.000 horas), e General Electric, un tercio máis (8.000 hora). Osram, a máis cara, destaca por ofrece-lo maior período de vida, notablemente superior ó resto, con 15.000 horas de emisión de luz (que quintuplica a duración de Cegasa). Electro DH non indicou na súa etiqueta este dato, polo que quedou á marxe desta medición.

Para avalia-lo avellentamento de cada lámpada, sometéronse a 360 ciclos de dúas horas de acendido e dez minutos de apagado, a unha temperatura entre 38 e 42 graos centígrados. Esta elevada temperatura acelera o proceso de desgaste e consegue que as lámpadas avellenten prematuramente. Antes de despois da proba mediuse o fluxo luminoso de cada lámpada, para coñece-la porcentaxe de perda de luz causada polo avellentamento. Tódolos resultados foron positivos, se ben Philips demostrou se-la mellor neste apartado, ó mingua-la súa emisión de luz só un 1,7%. Silvana (5,5%) e Cegasa (5,4%) foron as que peor avellentaron.

Seguridade

As indicacións escritas nas seis lámpadas foron lexibles e indelebles. Tamén se mediu a resistencia ó illamento das partes conductoras e do material illante, así como a súa rixidez dieléctrica (o illamento entre as diferentes partes do producto), probas que tódalas mostras superaron. O material illante demostrou ser suficientemente resistente á calor.

As lámpadas sometéronse a un fío incandescente durante trinta segundos; deste xeito púidose medi-la resistencia á ignición e á propagación do lume dos materiais non metálicos e ás partes que forman o recubrimento da lámpada. En ningunha lámpada apareceu lume ou fume, nin se produciron danos nin quecemento por riba dos límites establecidos pola norma. As lámpadas foron quentadas de novo para comprobar que o incremento de temperatura no casquete non excedese o valor máximo establecido pola norma. Neste exame, ó igual ca no resto, os resultados foron satisfactorios.

Características técnicas e prestacións

Tódalas lámpadas indican na súa etiquetaxe que consomen unha potencia eléctrica de 11 vatios, pero as lámpadas de Philips (10,9 vatios), Electro DH (10,2 vatios) e Cegasa (9,4 vatios) ofrecen incluso un consumo menor. En Silvana, Osram e General Electric a potencia indicada (11 vatios) e a real son idénticas.

Antes de medi-lo fluxo luminoso das lámpadas sometéronse a un avellentamento de cen horas (dúas horas e media de acendido por cada dez minutos de apagado, oito veces ó día). Tras este paso previo, todas superaron este test, aínda que con diferencias notables: Osram (599 lúmenes) e General Electric (577 lúmenes) emitiron menos luz dos 600 lúmenes que indicaban na súa etiqueta (esta medición ten un erro posible de 30 lúmenes, por exceso ou por defecto, polo que non poden ser mal valoradas neste apartado). O resto estivo por riba do publicitado: Silvana (609 lúmenes) e Philips (665 lúmenes) situáronse por riba dos 600 lúmenes indicados e Cegasa, con 585 lúmenes, superou os 550 lúmenes indicados. Un lumen é a unidade de medida da luz, e equivale á luminosidade dunha candea en condicións ideais.

O rendemento de cada lámpada indica o fluxo luminoso que ofrece en relación coa potencia consumida. Canto maior sexa o seu rendemento será capaz de emitir máis luz con menos consumo eléctrico. As lámpadas con maior rendemento son Cegasa e Philips (62,2 e 61, respectivamente), e as menos rendibles, aínda que cuns resultados satisfactorios, son General Electric e Osram (52,5 e 54,5, respectivamente). En calquera caso, todas elas demostraron estar dentro do grupo A (máxima eficiencia enerxética), dunha escala que abarca do ‘A’ ó ‘G’.

O gasto total destas lámpadas vén determinado por tres factores: o prezo da propia lámpada, a súa duración media e o gasto eléctrico que comporta. Escolleuse un período de 15.000 horas (12 anos en funcionamento descontinuo) para medi-lo número de veces que cumpriría repoñe-la lámpada, e sumarlle a electricidade consumida (presupoñendo un prezo por quilovatio/hora de 0,080401 euros) e poder así comparar de xeito máis preciso o custo total. Cegasa resulta a máis económica tras doce anos (27,59 euros) aínda que é a que require substituír máis veces a lámpada (cinco veces). As de Silvana e Philips só deben substituírse tres veces, pero malia a que o seu custo por unidade non é dos máis altos (5,80 euros e 5,77 euros, respectivamente), os seus custos totais (30,67 euros e 30,46 euros) resultan os máis elevados polo seu alto consumo eléctrico. Osram (16,50 euros/unidade) e General Electric (8,25 euros/unidade) son as máis caras, pero como resultan as máis duradeiras (15.000 horas e 8.000 horas) o seu gasto final é de 29,77 euros. Non é posible calcula-lo custo total de Electro DH, ó non indicar na etiqueta o seu ciclo de vida medio nominal.

Etiquetaxe

Tódalas etiquetaxes son correctas, agás dúas: Electro DH non indicou nin o fluxo luminoso (a intensidade da luz) nin o ciclo de vida medio nominal (é dicir, o que dura), e Sylvania, por non indica-lo enderezo do fabricante. A etiquetaxe de Electro DH tampouco inclúe o “contedor tachado” (que non é obrigatorio e si está presente no resto de lámpadas), e que indica que a lámpada debe desbotarse nun contedor apropiado para a súa posterior reciclaxe, e non guindarse co lixo convencional. O problema é que neste momento case non hai puntos limpos nos que se recollan lámpadas (un residuo catalogado como perigoso), polo que o usuario concienciado non ten máis opción que atopar un que si as admita, ou almacenalas ata que instalen un na súa proximidade.

Tipos de lámpadas

124 anos despois de que Thomas Alva Edison patentase a primeira lámpada eléctrica, o mercado ofrece catro opcións para elixir:

  • Lámpadas incandescentes: son as máis coñecidas e usadas. Emiten luz cando a corrente eléctrica pasa por un delgado filamento que quece e se torna incandescente. Duración media: 1.000 horas.
  • Tubos fluorescentes: crean unha descarga de gases (vapor de mercurio a baixa presión e unha pequena cantidade de gas inerte) dentro dun tubo que emite radiación ultravioleta de baixa intensidade. A radiación bate sobre un revestimento de fósforo facendo visible a luz ultravioleta. Estas lámpadas non se acenden instantaneamente, e “sofren” con cada acendido e apagado. Duración media: 8.000 horas.
  • Lámpadas halóxenas: no seu interior dispoñen dun gas halóxeno que require unha menor cantidade de enerxía para xerar luz. Son máis caras, pero a súa luz é máis potente, branca e nítida e a súa duración considerablemente maior cás incandescentes. Duración media: 2.000 horas.
  • Lámpadas fluorescentes compactas ou de baixo consumo: semellantes ós tubos fluorescentes, pero de tamaño semellante a unha lámpada clásica. Duran máis e consomen menos ca unha lámpada convencional. Duración media: 7.500 horas (media deste comparativo).

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse 6 lámpadas de baixo consumo de prezos moi diversos: a máis cara (Osram, 16,50 euros) quintuplica o prezo da máis barata (Cegasa, 3,25 euros), aínda que tamén a quintuplica en duración (15.00 horas fronte a 3.000 horas). En doce anos de uso descontinuo, a diferencia no gasto total (lámpadas máis electricidade) redúcese: Cegasa é a máis barata (27,59 euros) e Sylvania a máis cara (30,67 euros).
  • Recoméndanse para lugares onde van estar acesas moitas horas ó día como oficinas, corredores ou tendas. No fogar son rendibles en estancias onde a luz estea acesa varias horas ó día como a cociña ou o salón.
  • A etiquetaxe de Electro DH e Sylvania foi incorrecto por non indica-lo fluxo luminoso e o ciclo de vida medio nominal no primeiro caso e non indica-lo enderezo do fabricante no segundo.
  • No tocante ó rendemento (fluxo luminoso/potencia consumida) todos son satisfactorios, pero os mellores son Cegasa (62,2), Philips (61) e Electro DH (60,6) e os máis baixos General Electric (52,5), Osram (54,5) e Sylvania (55,4). Philips destacou na proba de avellentamento. Todos superaron os diversos test de seguridade.
  • Cegasa resulta a mellor relación calidade-prezo por se-la lámpada máis barata, a de menor custo global, a que menos potencia consome e a que ofrece o mellor rendemento (fluxo luminoso/potencia consumida), aínda que a súa curta duración fai que cómpra substituíla máis veces có resto. Outra boa opción é Philips Ecotone.
Marca CEGASA PHILIPS OSRAM GENERAL ELECTRIC SYLVANIA ELCTRO DH
Modelo ECOTONE DULUX LONGLIFE BIAX ELECTRONIC MINI-LYNX ECONOMY ECONOMY
Prezo (euros / unidade) 3,25 5,77 16,50 8,25 5,80 4,00
Información indicada na etiqueta
Tipo de casquete E27 E27 E27 E27 E27 E27
Clase enerxética 1 A A A A A A
Potencia consumida indicada (W) 11 11 11 11 11 11
Equivalencia de potencia indicada (W) 55 60 60 60 60 60
Fluxo luminoso indicado (lúmenes) 550 600 600 600 600A NO
Ciclo de vida medio nominal (horas) 2 3000 6000 15000 8000 6000 NO
Marcaxe CE
Información de protección medio natural NO
VALORACIÓN GLOBAL Correcto Correcto Correcto Correcto Incorrecto Incorrecto
Resultados analíticos
Potencia consumida medida (W) 9,4 10,9 11 11 11 10,2
Fluxo luminoso medido (lúmenes) 585 665 599 577 609 618
Rendemento3 62,2 61,0 54,5 52,5 55,4 60,6
Potencia consumida ás 15000 h (KW)4 141 164 165 165 165 153
Clase enerxética 1 A A A A A A
Custo electricidade para 15000 h (euros)5 11,34 13,15 13,27 13,27 13,27 12,30
Custo total para 15000 h (euros) 6 27,59 30,46 29,77 29,77 30,67
Avellentamento 7
Decremento de fluxo luminoso (%) 5,4 1,7 4,3 3,6 5,5 3,1
Seguridade Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto
Calidade global Moi ben Moi ben Ben Ben Ben Ben

(1) Clase enerxética: Nivel de eficiencia enerxética da lámpada. Abarca desde o A (máxima eficiencia) ata o G (mínima eficiencia).

(2) Ciclo de vida medio: Horas de funcionamento das lámpadas, segundo o fabricante.

(3) Rendemento: fluxo luminoso medido/Potencia consumida. A maior rendemento máis luz emitirá con menos potencia.

(4) Potencia consumida a las 15.000 horas: kW x 15.000 horas.

(5) Custo de electricidade para 15.000 h: Potencia de 15.000 h X 0,080401 euros.

(6) Custo total para 15.000 h: Custo de electricidade máis o prezo da(s) lámpada(s).

(7) Avellentamento: Variación de fluxo luminoso antes e despois do avellentamento.

Un a un

Un a un

Cegasa

  • 3,25 euros/unidade.
  • Calidade global: Moi ben.
  • A mellor relación calidade-prezo. A máis económica e a de vida máis curta, segundo a etiquetaxe: 3.000 horas. A que menos electricidade consome (9,4 W) e a que ofrece mellor rendemento (62,2). O seu avellentamento, aínda que satisfactorio, atópase entre os máis altos (5,4% de perda de fluxo luminoso). O custo total tras 15.000 horas de uso (lámpadas máis electricidade) é o máis económico: 27,59 euros.

Philips Ecotone

  • 5,77 euros/unidade.
  • Calidade global: Moi ben.
  • Outra boa opción. Dura 6.000 horas, segundo a etiquetaxe. A máis luminosa (665 lúmenes) e o seu rendemento é o segundo máis alto (61). O avellentamento máis baixo (1,7% de perda de fluxo luminoso). O custo total tras 15.000 horas de uso (lámpadas máis electricidade) é o segundo máis caro: 30,46 euros.

Osram Dulux Longlife

  • 16,50 euros/unidade.
  • Calidade global: Ben.
  • A máis cara. A de vida máis longa, segundo a etiquetaxe: 15.000 horas. A que máis electricidade consome (11 W), e o seu rendemento, o segundo máis baixo (54,5). O custo total tras 15.000 horas de uso (lámpadas máis electricidade) é intermedio: 29,77 euros.

General Electric. Biax Electronic

  • 8,25 euros/unidade.
  • Calidade global: Ben
  • A segunda máis cara. Dura 8.000 horas, segundo a etiquetaxe. A que máis electricidade consome (11 W) e a menos luminosa (577 lúmenes) e, xa que logo, o rendemento máis exiguo (52,5). O custo total tras 15.000 horas de uso (lámpadas máis electricidade) é intermedio: 29,77 euros.

Sylvania. Mini-Lynx Economy

  • 5,80 euros/unidade.
  • Calidade global: Ben.
  • Etiquetaxe incorrecta, non inclúe o enderezo do fabricante. Dura 6.000 horas, segundo a etiquetaxe. A que máis electricidade consome (11 W). O avellentamento máis alto, aínda que satisfactorio (5,5% de decremento de fluxo luminoso). O custo total tras 15.000 horas de uso (lámpadas máis electricidade) é o máis caro: 30,67 euros.a

Electro DH. Economy

  • 4,00 euros/unidade.
  • Calidade global: Ben.
  • A segunda máis barata. Etiquetaxe incorrecta por non indica-lo ciclo de vida medio nominal e o fluxo luminoso. A segunda mellor en electricidade consumida (10,2 W), luminosidade (618 lúmenes) e, por conseguinte, en rendemento (60,6). Non se pode calcula-lo custo total porque non indica as horas que dura en funcionamento.