Cambiar para sermos máis nós mesmos
Ben como resposta a circunstancias externas, ben por reflexións vinculadas á nosa evolución persoal, en ocasións considerámo-la necesidade de tomar decisións que supoñen cambios drásticos no noso xeito de pensar ou de actuar. Somos animais de costumes e tendemos a responder do mesmo xeito ante estímulos semellantes, pero á vez temos capacidade para reaccionar de maneira distinta á habitual, ben sexa porque o contorno nos esixe nese momento respostas distintas (máis adecuadas á situación ou máis conformes ó noso xeito de ve-las cousas), ben porque queremos mellorar como persoas e ser máis felices.
Os cambios xorden normalmente cando sobreveñen circunstancias distintas das habituais, porque son as que con maior probabilidade nos poden conducir á necesidade de considerar unha modificación do noso patrón de conducta. Unha conversa sincera e dolorosa cun amigo de toda a vida, a ruptura dunha longa relación de parella, o nacemento dun fillo, un proceso introspectivo que nos confirma a necesidade de cambiar, o traslado a outro país ou cidade, a morte inesperada dun ser querido, a visita ó psicólogo, os fillos que marchan da casa, a primeira experiencia laboral, unha enfermidade, a xubilación… son moitos os factores que favorecen que poñamos en cuestión algunhas das nosas conviccións ou costumes.
A necesidade do cambio
Para medrarmos como persoas, para madurarmos, para mantermos un equilibrio emocional que nos permita responder ás esixencias do contorno, debemos cambiar permanentemente. Non podemos quedar estancados nin sentenciar “son así, qué lle imos facer”, se sabemos ou intuímos que un cambio nos permitiría ser máis coherentes, máis eficaces e máis felices. A nosa historia persoal demostra que, como entes pensantes e sensibles que somos, cambiamos e evolucionamos cada día. E esa é unha das emocións que nos depara a vida: comprobar cómo nos imos adaptando, cómo imos interactuando co contorno. Cada nova situación esixe unha resposta específica que extraemos do noso interior tras remover, intuitiva ou premeditadamente, a nosa experiencia e o noso xeito de pensar tras recibi-la influencia de quen nos quere e nos arrodea.
A mellor maneira de reforza-la nosa identidade, de crear unha personalidade dinámica e forte é permanecer abertos ós sinais do exterior e do noso interior, respondendo en cada momento do xeito máis adecuado.
Trátase de toma-lo temón do noso barco, de pilotalo cara a onde queremos e podemos, e non cara a onde nos leva a corrente ou un mapa obsoleto que non inclúe a información necesaria para unha navegación óptima.
Pero cómpre distinguir ben o que queremos cambiar. Coas tendencias profundas da personalidade, cos sistemas de valores moi interiorizados, cos hábitos moi arraigados, debemos amosar un especial coidado, porque modificalos pódenos sumir nunha crise de identidade nada desexable.
Para evitar este erro está a reflexión.
Por ónde comezar
Moitos de nós xa temos identificados os hábitos e actitudes máis claramente mellorables, na medida que nos causan problemas de convivencia, non nos resultan útiles, non nos satisfán ou son incoherentes co noso xeito de pensar e de ve-la vida. Comecemos por “traballar” este ámbito de mellora, porque é o que máis satisfacción nos vai deparar. Non é doado, porque son moitas e moi variadas as razóns que nos levaron a ser como somos. Nesta reflexión non debe importa-la idade, nunca é tarde se o cambio nos permite interactuar mellor co contorno ou face-las cousas tal e como cremos que as debemos facer. Se, por temor ó descoñecido ou a equivocarnos, demoramos unha decisión que sabemos acertada e necesaria estámonos negando a posibilidade de madurar, estámonos facendo dano, ó frear unha evolución totalmente conveniente. Aplica-la receita de sempre ante esixencias novas ou repetir erros do pasado ante situacións xa coñecidas resulta en principio o máis cómodo e sinxelo, pero condúcenos inexorablemente ó estancamento, e apártanos do dinamismo inherente ó feito de vivir nun contexto que cambia.
Tamén pode acontecer que o freo ó cambio non proveña dos nosos hábitos, medos ou incertezas, senón do exterior: a parella, os fillos, os amigos, o traballo, as convencións sociais. Non todos evolucionamos ó mesmo ritmo, pero cada un debe intentar preserva-las cadencias da súa propia evolución, e adopta-las decisións que considere esenciais para o seu progreso como ser humano.
Os primeiros pasos
Analizar cómo somos, pensamos e actuamos é un exercicio positivo e saudable sempre que o fagamos cun obxectivo de mellora e de adaptación ó medio. Hai ocasións en que temos claro o que deberiamos facer, pero atopámonos con que unha crenza moi arraigada nos impide adopta-la decisión. ¿Que facer nese caso? Comecemos por reflexionar, por ver ata qué punto é nosa esa crenza e nos identifica esencialmente como persoas. Moitos destes prexuízos son adquiridos e non reflicten o noso real sistema de valores. Nese caso, desprendámonos do lastre, e configuremos un sistema propio, coherente coas nosas conviccións profundas, que nos permita ser máis felices e equilibrados.
As persoas que conseguiron realizar grandes e satisfactorios cambios na súa vida fixérono a costa de romper hábitos e crenzas (súas ou doutros) que lles impedían evolucionar na dirección desexada. É frecuente que a idea motora do cambio sexa unha obsesión ou unha convicción profunda que permanecía aletargada agardando o momento para emerxer. Pero non sempre é así. A creatividade da psique humana é insondable, e unha persoa pensando e reflexionando pode chegar moi lonxe se se propón facelo.
- A nosa vida e a nosa personalidade ímolas construíndo cada día, e un asunto tan esencial non podemos deixalo en mans do azar nin da vontade doutras persoas.
- Reflexionemos sobre o que non “nos enche” de cómo somos. Escribamos unha lista de cousas que debemos mellorar, comezando polas importantes.
- Permanezamos atentos ó que nos pasa. Cada situación require unha resposta específica; cada desexo e cada soño, tamén.
- Analicémo-las situacións novas e estudiémo-las vantaxes e inconvenientes das decisións que podemos adoptar ante elas.
- Unha vez ben meditada a decisión, se decidimos cambiar, fagámolo. Escoitemos a quen se opón, pero decidamos en liberdade.
- O medo ó cambio sempre asexa: prestémoslles atención ós pensamentos constructivos e positivos, non ós negativos.
- Se estamos convencidos da necesidade do cambio e non nos vemos capaces de facelo sos, solicitémoslles axuda a profesionais en psicoloxía.
- Sexamos conscientes de que un cambio de rutinas ou do xeito de pensar supón un esforzo e entraña algún risco emocional.