Nutrientes á carta
Á oferta do leite desnatado e semidesnatado hai que sumarlle, desde hai un tempo, a doutra variedade deste alimento que ós poucos foi aumentando a súa cota de mercado. Trátase dos leites enriquecidos (con calcio, omega-3, vitaminas) ou modificados, de interesantes propiedades nutritivas pero que tampouco hai que sobrevalorar.
Agás en caso de risco de carencias nutritivas, de alerxias de orixe alimentaria, de certas patoloxías ou en situacións nas que se requiren achegas extras dalgún nutriente, pódese prescindir perfectamente destes leites na dieta, xa que se esta é sa e variada nos proporcionará tódalas substancias que lle cómpren ó noso corpo.
Así e todo, non está de máis coñecer mellor as calidades destes productos.
Leite modificado en graxa: omega-3 e ácido oleico
Neles substitúese a graxa característica do leite da vaca, que é sobre todo saturada, e o colesterol, por graxa de tipo monoinsaturado ou poliinsaturado como os ácidos graxos oleico e omega-3. O consumo habitual deste tipo de leite contribúe a proporcionárlles etes ácidos graxos ó organismo, polo que pode ser unha fonte dietética interesante, en especial para quen padece de alerxia ó peixe ou non consome a miúdo peixe azul, froitos secos ou aceites vexetais de oliva e sementes, alimentos ricos en ácidos graxos insaturados. As graxas insaturadas relaciónanse cun menor risco de enfermidades cardiovasculares.
Leites enriquecidos
Obtéñense a partir de calquera tipo de leite, engadindo minerais ou vitaminas ou outros nutrientes. Segundo a normativa comunitaria, o leite comercializado como “enriquecido” cun nutriente debe conter en 100 mililitros, polo menos, o 15% da inxestión diaria recomendada dese nutriente para a poboación xeral.
Exemplo: para un adulto de entre 20 e 40 anos de idade, a inxestión recomendada (IR) de calcio é de 800-1.000 miligramos ó día. O 15% desa IR é 120-150 miligramos.
- Leite rico en calcio. Contén entre 160-170 miligramos por cada 100 mililitros, fronte ós 120 miligramos do leite convencional. O calcio é un mineral esencial para o organismo, en especial para os ósos e para os dentes. Estes leites enriquecidos en calcio adoitan conter, ademais, máis magnesio e vitaminas A, D e E. Na súa preparación empréganse sales ou leite concentrado ou en po como fonte extra de calcio, o que aumenta a súa achega de proteínas e fósforo.
- Leite rico en magnesio: o magnesio é un mineral esencial que, ó igual có calcio, forma parte de ósos e dentes. Algunhas investigacións suxiren que xoga un papel salientable na reducción do risco de osteoporose. Son fonte de magnesio a auga magnésica (máis de 50 miligramos de magnesio por litro), os legumes e verduras verdes e algunhas froitas, o chocolate, os cereais integrais e o peixe.
- Leite enriquecido en vitaminas A, D e E. A achega extra de vitamina D mellora a asimilación do calcio. As vitaminas A, D e E son solubles en graxa e se se lle elimina a graxa ó leite, estas vitaminas tamén se perden. De aí que se recomende restituír estas vitaminas nas versións desnatadas. A vitamina D tamén se obtén mediante a exposición ós raios solares ou da manteiga, nata, xemas, margarina enriquecida, etc. A vitamina A atópase en lácteos enteiros, graxas lácteas, xemas e margarina enriquecida. Tamén, a xeito de provitamina (betacaroteno), en froitas e verduras coloradas. A vitamina E posúe acción antioxidante e pódese obter de aceites virxes, cereais integrais e froitos secos.
- Leite enriquecido en vitaminas B6, B9 e B12. Hai persoas con niveis elevados en sangue de homocisteína, un aminoácido. Esta alteración considérase un factor de risco importante fronte ó desenvolvemento de enfermidades cardiovasculares e pódese deber á propia xenética ou ó déficit de vitamina B9 ou ácido fólico, B6 e B12. Estas vitaminas axudan a rompe-la homocisteína no organismo. Recoméndase unha dieta equilibrada, capaz de cubri-los requirimentos destas vitaminas e o emprego de suplementos cando existe risco de déficit e, en especial, na enfermidade renal grave. A vitamina B6 está presente en cereais integrais, fígado, froitos secos e lévedo de cervexa. Son boa fonte de ácido fólico os legumes frescos e verduras verdes (espinacas, acelga…), as froitas, os cereais de almorzo e o fígado. A vitamina B12 obtense de carnes, ovo, peixe, lácteos, certas algas e derivados da soia.
Leite desnatado con fibra soluble
A achega neta de fibra non é cuantitativamente significativa, 1 gramo por litro, pero pódese salienta-la súa textura, moi semellante á dun leite semidesnatado ou enteiro, o que mellora a súa palatabilidade e tolerancia con respecto ós leites desnatados. Resulta interesante en réximes de adelgazamento ou en persoas que precisan dietas pobres en graxa e ás que non lles agrada o leite desnatado tradicional.
Leite dixestivo ou baixo en lactosa
Indicado para persoas con intolerancia á lactosa, o azucre propio do leite. Engádeselle lactasa -un encima- ó leite, que provoca a ruptura da lactosa nos seus compoñentes básicos: glicosa e galactosa. Por este motivo, o seu sabor é máis doce e difire do do leite tradicional.
Leite para nenos ou para mulleres embarazadas
Tanto a infancia como a xestación son etapas fisiolóxicas nas que aumentan as necesidades de enerxía e nutrientes con respecto a outros momentos da vida. Unha dieta equilibrada é capaz de satisfacer case por completo a totalidade deses requirimentos nutritivos. No caso da nai, a suplementación con ferro e ácido fólico é sistemática, xa que son nutrientes dos que hai posible risco de déficit durante a xestación e a súa carencia ten serias repercusións tanto para a nai coma para o futuro bebé. Xa que logo, non hai unha necesidade real de incluír este tipo de lácteos. Só baixo a supervisión dun profesional cualificado se pode indica-lo consumo de alimentos enriquecidos.
Leite con xelea real
O leite con xelea real dispoñible hoxe en día no mercado é semidesnatado e está enriquecido en vitaminas A e D. Contén un 1% de mel e 34 miligramos de xelea real liofilizada por cada 100 mililitros. Este complemento dietético destaca pola súa riqueza en vitaminas C, E, A, do grupo B (B1, B2, B6, ácido fólico), minerais (fósforo, ferro, calcio, cobre, selenio), ácidos graxos insaturados e aminoácidos. Posúe un efecto estimulante, tonificante e reequilibrante do sistema nervioso, mellora a circulación e contribúe a regulariza-los trastornos dixestivos. Tamén posúe acción antimicrobiana, polo que favorece o noso sistema inmunolóxico.
Substitutos do leite: batido de soia
Cando por filosofía de vida ou por motivo de saúde non se consome leite, cómpre substituí-la inxestión de lácteos por outros alimentos que sexan fonte de calcio de fácil asimilación. Un deles é o cada vez máis popular batido de soia. Obtense da soia, un legume con interesantes propiedades nutritivas. O batido de soia é un líquido abrancazado, algo insípido, que se emprega como alternativa ó leite en certas enfermidades e na dieta vexetariana. En comparación co leite de vaca non contén lactosa, caseínas (proteínas características do leite), vitamina B12, graxas saturadas nin colesterol. Achega similar cantidade de calcio e menos sodio e calorías. No tocante á graxa, predomina a de tipo poliinsaturado (omega-3 e omega-6). O batido de soia está a miúdo enriquecido en calcio e vitaminas (A, D, B12) e pode incluír aromas (vainilla, améndoa, etc.) ou zume de froitas. O seu consumo considérase adecuado en caso de alerxia á proteína do leite de vaca, de intolerancia á lactosa, de asma ou doutras afeccións respiratorias severas (os lácteos tradicionais aumentan e espesan as mucosidades) e en situacións de risco cardiovascular. Por outro lado, a soia é fonte natural de fitoestróxenos, substancias semellantes ás hormonas femininas chamadas estróxenos, que desenvolven un papel beneficioso para palia-los síntomas asociados á menopausa. Ademais, demostrouse que o consumo de soia contribúe a reduci-lo risco de alteracións cardiovasculares e de desmineralización do óso.