Cando comeza a traballar nunha construcción, ¿enfócao como un exercicio artístico ou como un labor no que a beleza se debe dobregar á utilidade?
A arquitectura é unha actividade humanística que para ser considerada arte ten que cumprir unhas condicións esenciais. É obrigado que se materialice, só é arquitectura aquilo que de proxecto pasa a ser unha obra concreta, real. Pero igual de importante é que, unha vez construída, sexa útil. É dicir, que responda ó propósito para o que está concibida, que, na súa expresión final, é servir á sociedade na que se desenvolve. Non concibo un edificio belo se este non serve ou se a súa construcción non ten valor material.
A súa opinión de que os arquitectos teñen a súa parte de responsabilidade no encarecemento da vivenda non é moi común na profesión.
A vivenda é a máxima expresión do cumprimento da arquitectura na súa función de servicio, e o arquitecto está quedando á marxe nesa función social e particular. Durante o Modernismo, o arquitecto colaboraba na definición dos plans urbanísticos, participaba na proxección de novos ensanches e na concepción do desenvolvemento das cidades. Eu coido que agora debería volver ó xogo político, sobre todo no caso das vivendas sociais. Con isto non quero dicir que opte entre as diversas teses dos partidos políticos, pero si que emita xuízos de valor sobre os proxectos e que propoña melloras. É dicir, que contribúa en máis do que hoxe se lle pide. A arquitectura non é allea á realidade nin ás normas imperantes na sociedade. Como feito formal con proxección mediática que é, e na medida en que se trata dun ben de consumo, rodéaa unha concepción efémera e de respostas inmediatas ás necesidades. Isto, aplicado á vivenda, é moi grave, pois esquéceselle o seu carácter social e a proxección dunha cidade como polis, como un lugar onde viven os cidadáns. Se os que mandan, deciden e condicionan a arquitectura non son arquitectos, senón outros axentes sociais con coñecementos e intereses distintos, triunfarán, como o fan, as propostas nas que, entre outras cousas, a utilidade deixou de primar. Sen dúbida, a situación actual está ligada ó problema do solo, pero detrás del non cabe dúbida de que o sentido social que ten a construcción de vivendas vive un momento moi baixo.
¿Ten solución o problema da carestía do solo, ó que se atribúe o elevado prezo da vivenda?
En boa medida ten que ver cun modelo moi burocratizado da xestión urbanística, que xera un encarecemento extraordinario do solo e demostra que se seguen facendo plans urbanísticos que non funcionan, porque ó final son unha especie de inmenso volume de normas con afán de definición exhaustiva que non establecen pautas xerais. Ademais, está a cultura imperante da especulación, que pouco ten que ver coa realidade física, pero que se impón na economía, e non se sabe cómo pórlle freo.
A adquisición dunha vivenda é o gasto máis importante que realiza unha persoa ó longo da súa vida. Parece evidente que debería mercar un ben que satisfaga as súas expectativas, polo menos as básicas.
O problema do difícil acceso á vivenda enmascara, agocha, unhas necesidades que deberían ser demandadas e, por suposto, ofertadas. Deberíase esixir que a vivenda teña luz natural, que a calor estea repartida homoxeneamente e que as vistas sexan agradables, por exemplo. Estes tres son temas esenciais na arquitectura e, así e todo, nin sequera se discuten. Para o cidadán é moi difícil solicitar estas cousas cando nin sequera o mínimo está cuberto.
Esa lei de máximos, ¿está polo menos cuberta na arquitectura civil?
É na proxección pública da arquitectura onde se experimentaron maiores avances cualitativos. Nada teñen que ve-las escolas, hospitais ou centros de saúde de antes cos de agora. Hoxe enténdense como espacios onde quen acude a eles se debe sentir cómodo. Por suposto, son construccións que deben cumprir unha utilidade e, segundo o meu criterio, impoñe-lo concepto de confortabilidade, un termo en desuso porque non soa a moderno pero que a min me segue parecendo que implica un respecto esencial ó usuario.
Vivimos nun momento en que case tódalas cidades parecen empeñadas en crearen a súa propia icona arquitectónica, como se carecer delas condenase a cidade ó ostracismo ou a non merece-lo interese dos turistas. ¿Estamos ante unha moda pasaxeira?
A necesidade de tódalas sociedades de buscar símbolos é un feito histórico. Cada cidade busca a súa referencia arquitectónica para distinguirse fisicamente das demais, pero a historia indícanos que os símbolos precisan do paso do tempo para que a xente os admita na súa vida e se convertan en referentes. Antes, as obras, igual que precisaban de tempo para elevarse, tamén o precisaban para consolidarse. Hoxe non, porque se xulgan no seu proxecto, na súa execución e no seu resultado. Entendo esa vontade da cidade por ter un rostro novo que a represente, pero continúa sendo preciso o paso do tempo para que realmente esas novas construccións se convertan no símbolo que as identifique.
A domótica, os edificios “intelixentes”, ¿son o futuro?
Non o creo. Os edificios non son intelixentes, as instalacións poden estar moi ben resoltas, pero non podemos dicir que nos esteamos achegando á perfección. Os sistemas de comunicación avanzaron, pero son elementos aplicados, non consubstanciais. Paréceme máis importante investigar e afondar na calidade dos espacios, da luz, da confortabilidade da que falabamos antes, ca na implantación tecnolóxica na edificación. Podemos atopar un edificio chamado intelixente onde o persoal que traballa está separado por biombos e a luz natural queda a moitos metros do seu posto de traballo. Pois… vaia intelixencia.
Lonxe desta tendencia atópase a arquitectura rural, definitoria de rexións e de culturas durante séculos. ¿Estámola perdendo?
Non sei ata que punto as construccións rurais poden ser consideradas arquitectura, xa que a súa existencia é a resposta inmediata ós requirimentos do medio e non o producto da razón. Con esta afirmación non trato, nin moito menos, de desprestixiala, pero a arquitectura como expresión é unha resposta da razón e nace coa cidade e coa ilustración. É dicir, o seu valor está unido á capacidade do ser humano de transforma-lo condicionante natural para sometelo ás necesidades da polis, onde se xeran xuízos políticos, culturais e sociais.
¿As urbanizacións, daquela, quedan a medio camiño?
Son respostas inmediatas ás deficiencias da cidade. Non deixan de ser un retorno ó rural, no que se inclúe o illamento, pero intentando conserva-los esquemas da cidade. Para min teñen o peor das dúas cousas.
¿En que medida se parece, no traballo de a cotío, o proxecto acabado ó soñado?
Sen dúbida, o soñado é máis atraente e o ideal é que se semellen o máis posible. Pero o soño é inmaterial e xa diciamos antes que a arquitectura non o é ata que non está construída.