Unha solución con limitacións
Non perda esta información se:
/imgs/20061001/img.derechos.01.jpg Quere actuar contra unha empresa que incumpriu o seu contrato- Quere reclamar os seus dereitos, pero prefire non acudir aos tribunais
- Oíu falar da arbitraxe de consumo, pero non sabe exactamente en que consiste
Que é a arbitraxe de consumo?
É un sistema extraxudicial e voluntario para resolver conflitos. O seu carácter voluntario implica que as partes involucradas nunha disputa relacionada con temas de consumo poden optar ou non por esta vía para solucionala. Se ambas as partes aceptan someterse á arbitraxe de consumo, tamén deben aceptar o laudo que emita o Colexio Arbitral (unha especie de tribunal). Este sistema depende das distintas administracións públicas, segundo o seu ámbito sexa nacional, autonómico, provincial, de mancomunidade ou municipal.
Cando se pode recorrer á arbitraxe de consumo?
Un desacordo coa factura telefónica ou un vendedor que non repara un ben en garantía son casos típicos da arbitraxe de consumo. Pero non sempre se pode recorrer a esta vía: os casos de intoxicacións, lesións e morte, ou os casos nos que se constaten indicios racionais de delicto, amais daqueles nos que haxa sentencia firme, non se poden solucionar mediante arbitraxe. Tampouco se poderá utilizar en asuntos sobre os que as partes non teñan poder de disposición (non formen parte do contrato que deu lugar ao conflito) ou nos que a empresa sexa declarada en suspensión de pagamentos ou en creba. Estes asuntos haberá que canalizalos cara aos tribunais.
Por que acudir á arbitraxe?
Aínda que o consumidor sempre pode acudir aos tribunais, parte importante destes conflitos son de pequena contía, polo que non compensa o gasto de contratar un avogado e, en ocasións, un procurador. Aínda que para reclamacións de contías inferiores a 901 euros a lei non esixe a representación e defensa en xuízo por estes profesionais, o cidadán enfróntase a un medio descoñecido, complexo e lento. É aquí onde entra en xogo a arbitraxe de consumo: un procedemento rápido, sinxelo e gratuíto. A principal obxección márcaa o seu carácter voluntario. Nin o consumidor nin a Xunta Arbitral poden obrigar o reclamado a se someter a unha arbitraxe.
Como funciona?
O consumidor solicita a arbitraxe cubrindo un formulario nas Xuntas Arbitrais -órgano que xestiona os aspectos administrativos deste procedemento-, nunha OMIC ou nas asociacións de consumidores. Se se admite, notifícaselle ao reclamado e outórgaselle un prazo para que se adhira. Se o rexeita, a vía queda pechada. Se se adhire, formalízase un convenio arbitral e desígnanse os membros do colexio arbitral (un presidente, licenciado en Dereito ao servizo da Administración e dous árbitros: un representa ao consumidor e outro ao empresario ou profesional). Despois, dáselles audiencia ás partes implicadas para que fagan as súas alegacións e para que respondan ás preguntas do colexio arbitral. Pódense pedir probas. E, en catro meses, a decisión ou laudo.
É sempre gratuíto?
Si, salvo os gastos que ocasionen as probas solicitadas. Cada parte correrá cos gastos das súas e as comúns aboaranse a medias entre ambas as partes, pero as que sexan a instancia do colexio serán gratuítas.
E ditan sentencia?
A resolución das Xuntas denomínase laudo, pero para os efectos prácticos ten o mesmo valor e consecuencias ca unha sentencia. Reclamante e reclamado débena cumprir no prazo que se indique. Se non o fan, a parte prexudicada pódelle pedir ao xuíz que se execute, igual ca as sentencias. E como a cuestión xa quedou “xulgada”, non poden acudir aos Xulgados para intentar obter unha solución distinta.
Tipos de arbitraxes
De dereito e de equidade. Decote practícase o de equidade e os árbitros deciden consonte o que coidan razoable segundo o seu entendemento. Se o laudo é de equidade, non están obrigados a fundamentar as razóns da súa decisión. Pero se se opta expresamente por unha arbitraxe de dereito, os membros do colexio arbitral deben ser avogados en exercicio, agás o Presidente, e resolver o caso con razoamentos xurídicos.
De non se estar de acordo co laudo, pódese facer algo?
Pódese, nun prazo de 10 días, pedir que se aclare algún punto ou a corrección de erros materiais, e, no prazo de 20 días, que se amplíe un laudo incompleto.
Ante os tribunais, pódese pedir, en 2 meses, a acción de anulación mediante demanda baseada nos seguintes supostos:
- Ausencia ou invalidez do convenio arbitral.
- Defectos de notificación que impediran facer valer os seus dereitos.
- Os árbitros resolveron sobre cuestións non sometidas á súa decisión ou sobre cuestións non susceptibles de arbitraxe.
- A designación dos árbitros ou o procedemento arbitral non se axustaron ao acordo entre as partes ou á Lei de Arbitraxe.
SABÍA QUE…
- No 2004 emitíronse en España 15.499 laudos. Algo menos do 30% (4.421) deulle a razón ao consumidor, o 5% (792) resolveuse por conciliación, e o 65% restante (10.286) foi desestimado. Polo xeral, as partes executan voluntariamente os laudos, aínda que 302 recorreron á execución forzosa e 134 foron impugnados ante os Tribunais.
- Os prazos cúmprense: antes de catro meses as partes xa dispoñen dun laudo. Só o 1,34% de laudos excederon o límite temporal.
- As custas medias dunha proba de peritaxe no 2004 foron de 388 euros e practicáronse 635, pero as partes non adoitan pedilas: 610 foron a instancia dos propios árbitros, oito do consumidor, tres do reclamado e 14 por ambas as partes.