Blefaroplastia / Os perigos dunha dieta vexetariana nos nenos / A tintura do pelo pode provocar linfoma / Comer chocolate non provoca acne / Entrevista: Josep Toro, Servizo de Psiquiatría Infantil e Xuvenil

1 Outubro de 2006
Img salud listado 469

Blefaroplastia / Os perigos dunha dieta vexetariana nos nenos / A tintura do pelo pode provocar linfoma / Comer chocolate non provoca acne / Entrevista: Josep Toro, Servizo de Psiquiatría Infantil e Xuvenil

En catro palabras

Blefaroplastia

A quen estea pensando en pasar polo quirófano para mellorar a súa imaxe se cadra conviríalle irse familiarizando con esta palabra algo impronunciable. De raíces gregas, é o resultado da suma do substantivo blepharon (pálpebra) e do verbo plas (modelar). Con este nome defínese a técnica destinada a remover o exceso de pel e poder manexar as bolsas graxas tanto das pálpebras superiores como das inferiores para mellorar o aspecto de ollos cansos e conseguir que se vexan máis novos e frescos.

Quen avisa non é traidor

/imgs/20061001/img.despiece-salud.01.jpg

Os perigos dunha dieta vexetariana nos nenos

Ausencia de colesterol, grandes doses de vitaminas e minerais… É innegable que froitas, verduras e hortalizas son esenciais nunha dieta sa e equilibrada. Pero, lonxe de proporcionar saúde, unha alimentación exclusivamente vexetariana pode comportar riscos, en especial para os máis cativos, xa que non proporciona os nutrientes necesarios para o organismo. A dieta vexetariana está contraindicada para nenos e adolescentes, xa que non cobre os seus requirimentos de proteínas e pode causar un déficit no crecemento. Ademais, nos máis dos casos dá lugar a anemia ferropénica (causada pola carencia de ferro), que provoca cansazo e fatiga e que a miúdo se traduce nun baixo rendemento escolar e en problemas de conduta. Unha dieta sen carnes nin peixe tamén produce déficits de ácido fólico -esencial para a maduración dos glóbulos vermellos- e de calcio, o que pode afectar á densidade dos ósos e causar osteoporose.

Novas

A tintura do pelo pode provocar linfoma

Louro, castaño, roxo… ou violeta, fucsia e ata azul. Na actualidade, a cabeza pode lucir calquera cor que desexe. Pero a moda non sempre vai da man da saúde e os expertos alertan de que empregar tinturas para o pelo con excesiva frecuencia pode resultar nocivo. Nos anos 80 falouse da relación entre linfoma e tintura polos colorantes que se empregaban, e cambiouse a súa formulación. Así e todo, a relación entre cancro e tintura do pelo continúa e un estudo do Instituto Catalán de Oncoloxía de Barcelona sinala que o 10% dos linfomas que padecen as mulleres pode estar provocado por esta causa, e que o risco de padecer linfoma é do 26% para quen emprega a tintura unha vez ao mes.

/imgs/20061001/img.despiece-salud.02.jpg

Comer chocolate non provoca acne

Vía libre para os adolescentes que queiran comer chocolate sen sufrir acne. Logo de anos sendo considerado como o peor inimigo de quen se quería manter libre dos odiados grans, demostrouse que a mala prensa deste produto é inxustificada, segundo os dermatólogos. Estes sinalan para os factores xenéticos e para as flutuacións hormonais como os verdadeiros responsables do acne, feito ao que se une a inxestión de determinados alimentos entre os que destaca o leite, segundo un estudo da Universidade de Harvard. Os consumidores diarios de leite, principalmente do leite desnatado, que beben un ou máis vasos ao día, desenvolven un 22% máis de casos ca os consumidores dun vaso ou menos por semana.

ENTREVISTA

Josep Toro, Servizo de Psiquiatría Infantil e Xuvenil do Hospital Clínico de Barcelona

“A menstruación aparece hoxe aos 12 anos, catro antes ca hai medio século”

  • /imgs/20061001/img.despiece-salud.04.jpgNon se lles oe aos pais falar ben dos adolescentes. Tan difícil é esta etapa da vida?
    Cada etapa da vida ten as súas dificultades, e a principal da adolescencia é o risco. Falamos de individuos inmaduros afrontando dificultades propias da idade madura, pero con moita máis vulnerabilidade ca nós. Non é só que sexa máis doado trabucarse, senón que as consecuencias da equivocación poden facer máis dano.
  • Serven de algo os discursos dos pais aos fillos?
    Con independencia de que sexan ou non eficaces, son imprescindibles. Os adultos debémoslles ofrecer pautas aos nosos fillos, falarlles ás claras do que pensamos que está ben e do que non o está, advertilos dos riscos que entrañan determinadas condutas. O malo é que o empeño do grupo de amigos pesa máis nos adolescentes ca o da familia ou o da escola.
  • Pode que perderamos os papeis.
    Pode que nos trabucásemos, pero non debemos culparnos por iso, nin culpar a sociedade. Hai circunstancias que escapan a todo control social. Por exemplo, a idade de inicio da menarquia (primeiro período menstrual) pasou en menos de medio século dos 16 aos 12 anos, o que implica dicirlle “xa es unha muller” a unha nena de 12 anos.
  • Pode que para ela sexa unha boa nova.
    Os adolescentes de agora séntense chamados a facer un papel de adulto cando a súa mente non está aínda verdadeiramente preparada para ese reto. Unha cousa está clara, a estatística de conduta agresiva ou antisocial e de trastornos da conduta alimentaria é hoxe maior.
  • Choveranlle consultas ao especialista…
    Non tanto, a adolescencia é a etapa da vida que lles pasa máis desapercibida aos médicos. Só se acode a eles por accidentes ou trastornos graves, perdendo a oportunidade de intervir a tempo en moitas cousas. Por exemplo, sábese que o tempo medio que transcorre entre un trastorno obsesivo-compulsivo e a súa identificación por parte do médico é de tres anos. En todo ese tempo podíase intervir de maneira eficaz.