Agullas saudables, pero con limitacións
Unha cuestión de enerxía
Para entendermos a acupuntura cómpre coñecermos as bases da medicina tradicional chinesa, que parten da idea de que as doenzas son o resultado do desequilibrio da enerxía vital, chamada qui, que circula polo noso organismo a través de canles. Para os occidentais, a enfermidade recoñécese e trátase cando aparecen os síntomas, pero para os chineses o período máis importante é o que precede á manifestación da doenza, o de menor resistencia por mor do desequilibrio enerxético. O labor do acupunturista consiste en establecer o diagnóstico exacto, en determinar os lugares nos que se alterou o fluxo de enerxía e intervir sobre eles restablecendo o seu equilibrio.
Puntos e meridianos
Os puntos de acupuntura no corpo humano clasifícanse en 14 grupos. A liña que une os puntos de cada grupo chámase meridiano. Deles, 12 son bilaterais, é dicir, 6 localízanse na parte dereita do corpo, e outros 6 na esquerda, mentres que outros 2 quedan na liña media. Cada meridiano ten un traxecto definido que segue dúas vías: a interna, que ten a súa orixe nun órgano e que percorre o corpo conectándose á segunda vía, a externa, que remata na terminal do punto de acupuntura e que se conecta á interna levándoa de volta ao órgano de orixe, o que converte o meridiano nunha especie de circuíto pechado. Cada meridiano denomínase segundo o seu órgano de orixe: o do pulmón, o do intestino groso, o do bazo, o do corazón, etc.
Acción sobre o sistema nervioso
Os meridianos non teñen correspondencia con estruturas anatómicas coñecidas, pero si hai probas de que son reais: as medicións da resistencia eléctrica da pel e os estudos da estrutura microscópica dos tecidos e células dos puntos confirman que estas zonas son diferentes do resto.
Doutra banda, se ben aínda se descoñece o seu funcionamento exacto, sábese que a acupuntura actúa sobre o sistema nervioso, estimulando a actividade de substancias analxésicas como as endorfinas e as células do sistema inmunolóxico. Algúns estudos evidenciaron que a acupuntura altera a química cerebral, pois inflúe na liberación de neurotransmisores e hormonas e incide en partes do sistema nervioso relacionadas coas sensacións e funcións involuntarias do organismo (reaccións inmunolóxicas, fluxo sanguíneo, presión arterial…), pero aínda non se descifraron os mecanismos íntimos polos que actúa no organismo.
Coñecemento e habilidade manual
A práctica da acupuntura require un coñecemento profundo da materia, unha grande habilidade manual e moita experiencia, polo que cómpre sermos moi cautos se tomamos a decisión de pórmonos en mans dun acupuntor. O bo acupuntor debe, ademais, ser honesto co paciente sobre as posibilidades de éxito porque, como acontece en todas as terapias, non é un remedio universal, e tamén ten as súas indicacións e limitacións.
Eficacia contra a dor
As aplicacións terapéuticas son múltiples, pero hai que ter claro que a acupuntura non pode substituír, na maioría dos casos, a cirurxía nin os antibióticos ou vacinas. A ninguén se lle ocorrería tratar unha apendicite ou unha colecistite aguda con acupuntura, pero hai outras afeccións, como a ciática, a cefalea ou a sinusite, nas que se obteñen bos resultados. Tamén actúa positivamente nas enfermidades alérxicas, en disfuncións endócrinas, no síndrome premenstrual, na dismenorrea…
Un eido importante de aplicación é o das dores. A acupuntura amosouse eficaz neste campo e nos últimos anos estase utilizando na anestesia. Nos casos de lumbalxia, a acupuntura parece funcionar ben, aínda que os seus beneficios non quedan tan claros nas dores de costas, onde a electropuntura -uso de correntes eléctricas con agullas- acadou maior eficacia.
En cefaleas ou dores de cabeza, os resultados son bos, mesmo nas cefaleas de orixe muscular. Nos casos de xaquecas, os resultados son controvertidos: hai algún estudo que cuestiona a súa eficacia, pero hai outros que a consideran eficaz para reducir o número de crises. É moi útil para aliviar as dores postoperatorias. Nas artroses son varios os estudos que avalan a súa eficacia, especialmente en xeonllos e cadeiras. Non parece efectiva na artrite reumatoide. Na fibromialxia hai un estudo que cuestiona a acupuntura como terapia, pero algúns acupuntores refiren bos resultados.
Aceiro ou metais preciosos
Os instrumentos de traballo son agullas de formas e tamaños distintos, polo xeral de aceiro, se ben se poden utilizar de metais preciosos, aos que se lles atribúen distintos efectos terapéuticos. Na actualidade, úsanse desbotables para evitar a transmisión de enfermidades infecciosas como a hepatite, a sida…
De un a seis centímetros
Decote introdúcense de un a tres centímetros, se ben nalgúns meridianos se pode profundar máis, ata cinco-seis centímetros. Despois, a agulla pode ser manipulada: érguese ou báixase, faise vibrar ou xírase, en función da enfermidade ou síntoma sobre o que se actúa.
A aplicación da agulla pode durar minutos ou horas. En España, o normal é que se teña uns minutos. É o que algúns denominan acupuntura rápida, o que a miúdo precisa dunha aplicación profunda da agulla. O número de sesións depende tamén da doenza e pode ir desde 6 ata 15 ou 20.
Un pouco de historia
A acupuntura é case tan antiga coma a propia China. A súa orixe remóntase a uns 4000 anos antes de Cristo, e cara ao século VI da nosa era introduciuse no Xapón e en Corea. Os coñecementos chineses en medicina eran daquela moi avanzados: coñecían ben os órganos e as súas funcións, a cirurxía estaba moi desenvolvida e, sorprendentemente, utilizaban preparados hormonais preparados por químicos xa no século X da nosa era. Non estabamos, xa que logo, ante meigos, xamáns ou ignorantes. A súa bagaxe de coñecementos xustifica un respecto pola medicina tradicional chinesa e aconsella non a tachar sen máis de medicina alternativa ou desautorizala en función da ausencia de estudos científicos que a avalen ou que expliquen os seus éxitos polo chamado efecto placebo.
No terreo da medicina, as contribucións da ciencia chinesa á occidental foron importantes. Como exemplos, podemos mencionar a utilización da reserpina, principio activo da Rauwolfia, para o tratamento da hipertensión, o uso dos baños fríos para a febre, inicio da hidroterapia, e, en especial, a inmunización con virus atenuados de varíola que se usaron na China moito antes ca en Europa.