EN IMAXES

112, bos días

1 Outubro de 2006
Img fotorreportaje listado

112, bos días

Nun ano prodúcense en España máis de 25 millóns de chamadas ao 112, o teléfono europeo de emerxencias. O 60% son falsas alarmas, pero o outro 40% pon en marcha un procedemento de atención de urxencia. Todo o proceso, desde que unha persoa é atendida ata que se soluciona o problema ou ata que se poñen os medios para a súa resolución, está dirixido polo equipo que opera no Centro de Coordinación. Este equipo, integrado en Protección Civil ou nun Centro de Atención de Emerxencias -depende de Comunidades- atende as grandes emerxencias (incendios, catástrofes ou accidentes graves), pero tamén as máis cotiás, que tamén precisan unha atención urxente.

Recepción da chamada

Ao outro lado da liña dun 112, un funcionario, formado expresamente para este servizo, atende a chamada. A chamada queda gravada e arquivada, e unha das tres pantallas de ordenador do posto de traballo indica nun mapa desde que punto se está realizando a conexión. Cando o aviso é pertinente -trátase efectivamente dunha urxencia- o operador abre un expediente e activa o protocolo.

Activación do protocolo

Guiado polo sistema informático e pola persoa que chamou, o operador perfila os recursos necesarios. Cando un mesmo suceso xera numerosas chamadas o sistema alerta de que se recibe repetidamente o mesmo código de expediente. Na pantalla amósase o estado das chamadas atendidas nas últimas dúas horas: vermello, en espera; amarelo, resolvéndose, e verde, en curso. Se se produce unha catástrofe ou unha situación de emerxencia grave, a acción pasa a ser dirixida polo posto de mando avanzado.

Os bombeiros

Xunto co equipo de ambulancias e da Policía, o de bombeiros é o grupo que máis avisos recibe do 112. O seu labor é moi diverso: apagan pequenos incendios, atenden accidentes viarios ou laborais, exercen de cerralleiros, efectúan rescates de montaña ou acuáticos, colaboran en sinistros, inundacións… Os parques de bombeiros están conectados por radio con Protección Civil, aínda que a súa actuación é autónoma.

Ambulancia

A metade das chamadas validades requiren de atención sanitaria (ambulancias, médicos de garda ou servizo farmacolóxico). Os centros de coordinación contan entre o seu equipo con médicos. Cando unha emerxencia precisa de asesoramento telefónico, o facultativo atende a chamada. Mentres, a ambulancia diríxese ao lugar do suceso. A dotación mantense en constante contacto radiofónico ata coñecer a súa natureza. Se é necesario, o 112 avisa do incidente a médicos, farmacias de garda e hospitais, que reciben datos concretos sobre o seu alcance.

Teleasistencia

O medallón ou a pulseira é un dispositivo conectado á rede telefónica que permite a comunicación mans libres desde o domicilio coa central 112. Os seus propietarios son persoas maiores que poden residir soas, pero que precisan unha cobertura especial das súas necesidades obxectivas de seguridade. Reciben unha resposta inmediata en momentos de soidade, caídas ou emerxencias sanitarias con só accionar o dispositivo.

Policías, o equipo canino e outros operativos

Policía local, autonómica, nacional e Garda Civil. Todos estes corpos están integrados no operativo do 112. Cando se produce unha urxencia, dependendo da competencia, é avisado de inmediato o mando correspondente. Contan con unidades caninas especializadas en localizar a persoas. Estes cans, amais de calidades xenéticas, teñen unha preparación intensiva e moita disciplina. En labores de rescate os cans son incriblemente eficientes: capaces de superar a 20 homes realizando o mesmo traballo. O 112 integra tamén na súa rede persoal e servizos autónomos vinculados por convenios e dispoñibles en caso de necesidade. Psicólogos, médicos forenses, xuíces, persoal de obras públicas, asistentes sociais e funerarias son requiridos para emerxencias.