Alerta ante un perigo silandeiro
Non sempre cheira, é silandeiro, rápido e moi perigoso, e, as máis das veces, mortal. Non se trata dunha adiviña, senón da descrición dun dos maiores factores de risco da estrutura dos fogares españois e, o que é máis importante, da vida dos seus inquilinos: as fugas de gas. Nos últimos cinco anos rexistráronse en España dez explosións de gas natural e butano, que levaron a vida de 27 persoas e que feriron a máis dun cento. Podíanse detectar a tempo? A Asociación Española do Gas e patronal de empresas gasísticas (Senagas) asegura que as revisións e o correcto mantemento das instalacións son a clave para previr e evitar accidentes como os acontecidos recentemente en diferentes puntos de España. Sen descoidar as revisións recomendadas polos expertos, o mercado ofrece un elemento de seguridade adicional: os detectores de gas.
Non son obrigatorios, pero si moi útiles
Estes protectores de fugas son capaces de recoñecer diferentes tipos de gases: os combustibles, como o propano, butano e natural -este último o máis demandado pola sociedade española (na actualidade, a cifra estimada de poboación que ten o gas natural na súa vivenda anda arredor do 42%)-, e outros como o monóxido de carbono, un gas inodoro e letal que se produce por unha combustión deficiente ou por “un mal tiro” das chemineas de caldeiras e quentadores.
Segundo o modelo, estes equipos poden chegar a cortar a subministración de electricidade e evitar así a posibilidade dunha deflagración polo contacto entre o gas e unha chispa. Todos eles dispoñen dun sensor, a maioría eléctrico, que varía a súa condutividade ou características eléctricas cando entra en contacto co gas. Esta variación percíbea a cabeza sensora, que activa decontado a súa alarma visual e acústica no mesmo momento en que detecta gas no ambiente e antes de que a súa concentración sexa perigosa. A norma establece que os detectores non deben reaccionar por baixo do 3%, para evitar así falsas alarmas, e deben saltar antes de que se alcance o 20% desa concentración.
Ante os numerosos sinistros vividos nos últimos meses (como a explosión de Laredo a finais do pasado mes de xullo), tanto profesionais do sector como unha gran parte da poboación pídenlle á Administración Pública unha lei que esixa a instalación destes sistemas nas vivendas. Os seus argumentos céntranse en que, igual que é obrigatoria a instalación dun diferencial que corte a luz para evitar quedar electrocutado, sería necesaria a instalación dun dispositivo de corte de gas sempre que se produza unha fuga.
Tipos de alarma
- Alarmas simples: son os aparellos que emiten unha pitada cando se superan as concentracións de gas admisibles.
- Alarmas luminosas: amais do son, todos os aparellos incorporan indicadores luminosos. Os técnicos recomendan que teñan tres luces: a verde para indicar o funcionamento, a vermella como alarma e a amarela para chamar a atención sobre algún fallo no funcionamento.
- Detectores de corte: á parte de daren a alarma, están conectados a un dispositivo que lles permite cortar a subministración de gas. Neste caso concreto, a instalación sempre a debe realizar un técnico. De feito, os expertos recomendan que sexa un profesional o que se responsabilice da instalación de calquera detector de gas. Non só por razóns de seguridade, senón porque a adquisición destes dispositivos non é sinxela. En ocasións cómpre encargalos a través dos instaladores profesionais, que son quen os mercan e colocan.
- Modelos aparafusados: son os máis sinxelos de instalar; abonda con aparafusalos á parede e funcionan con pilas. Tamén son os máis baratos, normalmente non superan os 100 euros de prezo.
- Modelos empotrados: son máis complexos de instalar, xa que cómpre encaixalos nunha caixa, como un foco halóxeno, e adoitan levar un transformador. Estes aparellos dispoñen duns cables que van ata a electroválvula encargada do corte automático do gas. Así e todo, convén aclarar que todos os modelos necesitan corrente eléctrica, polo que cómpre levar sempre un cable ata o punto onde se vaia colocar.
- Tipo de gas. O máis habitual é que estes dispositivos estean preparados para detectar un tipo de gas concreto, que pode ser butano, propano, gas cidade, gas natural ou monóxido de carbono, aínda que hai algúns modelos que poden funcionar con varios gases diferentes.
Consellos
Para evitar accidentes relacionados co gas, a Asociación Española do Gas aconsella o cumprimento das seguintes recomendacións:
- Cada catro anos é obrigatoria unha revisión da instalación de gas natural, e se é de gas butano, cada cinco anos.
- Non hai que tapar as reixas de ventilación (permiten renovar o aire).
- Se se detecta cheiro a gas na casa, hai que pechar a chave xeral de paso, ventilar a estancia e non xerar puntos de ignición. Nestes casos hai que se pór en contacto decontado coa compañía distribuidora para informala do acontecido.
- Instalación. Os detectores non se deben colocar en zonas onde a temperatura baixe por baixo dos 5 ºC ou suba a máis de 35 ºC, e tampouco sobre os vertedoiros ou zonas moi húmidas, nin en lugares onde haxa correntes de aire.
- Sensores. É determinante que o sensor do detector sexa fiable ante os posibles cambios, como o aumento de humidade e as subidas ou baixadas de tensión eléctrica, porque poden afectar aos aparellos e emitir falsas alarmas.
- Duración. Estes protectores teñen unha vida media de cinco ou seis anos, que é cando o sensor comeza a fallar, aínda que depende do modelo. Os expertos recomendan manter limpos os sensores pasando o aspirador pola reixa cada tres meses.
- Prezos. Os máis económicos pódense adquirir desde 40 euros (aínda que, segundo os técnicos que os colocan, son os menos fiables) e os máis completos andan arredor dos 300 euros, en función das súas prestacións.