Por que uns custan cinco veces máis?
Analizáronse oito mostras de comida para cans que custaban desde pouco máis dun euro o quilo (Friskies, Bon Menú e Brekkies) ata case cinco euros por quilo (Royal Canin). Neste comparativo tivéronse en conta unicamente as análises efectuadas polo laboratorio e a información das etiquetas. O penso máis barato, Bon Menú, é a mellor relación calidade-prezo, xa que (salvo nun aminoácido esencial, lisina, no que ningún alcanza a cantidade aconsellada) cobre as recomendacións nutricionais dun can adulto. Non se compararon as características organolépticas (sabor, cheiro, textura…) nin se realizou unha cata con cans e, polo tanto, non se pode establecer a capacidade que cada penso ten para agradar ó can, pero todos cumpren satisfactoriamente coa función nutritiva que teñen encomendada.
Cada vez é menos habitual alimentar os cans con comida caseira. A maioría dos donos optan por preparados que cubran por si sós as necesidades nutricionais dos cans dun xeito san e equilibrado. Os oito analizados son preparados secos, máis calóricos e proteicos cós húmidos (cun 75% de auga), polo que a cantidade cotiá destes pensos que precisa un can é inferior que se se tratase de húmidos, amais de que son máis económicos e de que se poden almacenar en grandes cantidades. A dureza dos pensos axuda a manter fortes os dentes e as enxivas sas previndo a formación de sarrio. Iso si, a maioría dos cans prefiren os húmidos porque resultan máis doados de mastigar.
Cada can, pola súa idade, peso, raza, actividade física ou características especiais (por exemplo, se acaba de ter cachorros) precisa unha achega nutricional específica. Neste test analizáronse pensos con polo ou ave, para cans adultos de raza mediana cunha actividade física moderada. Determinouse no laboratorio o contido nutricional de cada composto, e, posteriormente, comparouse co que afirmaban nas súas etiquetas, co que establece a norma para pensos e, para rematar, co que -sen ser lei- se emprega como referencia do penso ideal. A mostra máis seca é Ultima (só o 6% de humidade), e a de maior contido en auga foi Friskies 9%. A composición de nutrientes, nesta análise, calculouse sobre alimento seco, é dicir, o que queda do produto tras eliminar toda a auga. Os hidratos de carbono son o nutriente principal en todos os casos: Advance foi o de contido máis discreto, co 42% e Science Plan o que máis hidratos incluíu, co 54%. Estes hidratos de carbono proceden, principalmente, dos cereais (arroz, trigo, cebada…) e vexetais (millo e soia) engadidos. A AAFCO non sinala cantidade idónea para este macro-nutriente.
No tocante á graxa, a proporción recomendada é dun 5%; agora ben, todas as mostras superaron amplamente este valor: desde o 11,5% de graxa de Friskies e Bon Menú ata o 19,4% de Advance (catro veces máis do recomendado). O menos calórico é Friskies, con 331 calorías cada cen gramos, e os máis enerxéticos, Advance e Ultima, ó andaren arredor das 386 calorías cada cen gramos. Esta (importante) achega calórica, unida á gran cantidade de proteína e graxa que conteñen os pensos, leva a que se desaconselle darlles ós animais unha cantidade de comida superior á que indican as súas etiquetas. O risco é que as mascotas se tornen obesas.
A fibra non é esencial en cans, pero un contido que non supere o 5% resulta axeitado para controlar enfermidades como a diarrea, a colite ou a diabetes. Os de menor cantidade de fibra son Advance (1,9%), Ultima e Royal Canin (ambos, 2%) e o de maior é Friskies, cun 3,5%.
Todos os pensos estudados indican o seu contido en tres minerais esenciais: calcio, fósforo e cobre. Royal Canin é o que maior proporción destes micro-nutrientes di ter, ó incluír tamén sodio, magnesio, manganeso, cinc, ferro e selenio. Science Plan afirma incorporar sodio e selenio; e Ultima, só selenio. As mostras estudadas cobren as cantidades de minerais recomendadas por AAFCO, agás en potasio, xa que Royal Canin (o máis caro) e Brekkies Excel non chegaron ó mínimo. Os oito declaran vitaminas A, E e D. Ademais, Science Plan, Ultima e Friskies din achegar vitamina C, e Royal Canin engade tamén vitamina B1. Science Plan non chegou ó mínimo recomendado de vitamina D. Entre as que mencionan vitamina C, Science Plan (72 mg/kg) e Royal Canin (74 mg/kg) foron as de contido máis discreto e Ultima e Friskies as máis (100 e 104 mg/kg, respectivamente) xenerosas nesta vitamina.
A cantidade e calidade da proteína é un dos criterios esenciais nun penso. Este nutriente procede de tecidos animais e dos derivados dalgúns cereais e vexetais, xa que o can é un animal omnívoro, non carnívoro.
AAFCO, entidade estadounidense que marca as pautas do que debe ser un penso ideal, recomenda que as proteínas representen o 18% do produto, proporción que superan amplamente os oito pensos analizados. Isto non é necesariamente bo: o sedentarismo e a sobrealimentación das mascotas producen cans obesos, cos conseguintes problemas para a súa saúde. Friskies é a mostra con menos proteína (22%) e Advance a máis proteica (29%).
A calidade das proteínas (tanto ou máis importante cá cantidade) foi estudada polo laboratorio, que analizou a presenza de 9 dos 10 aminoácidos esenciais que determinan o ‘valor biolóxico’ das proteínas. Conclusión? Os pensos analizados incorporan 8 dos 9 aminoácidos esenciais estudados, agás a lisina, que non se atopou en cantidade abonda en ningunha das oito mostras. En resumo: a proteína utilizada nos oito pensos é dunha calidade aceptable e semellante.
En resumo: os contidos de proteína, graxa e vitaminas das mostras máis baratas foron inferiores ás dos pensos máis caros, pero os oito superaron as recomendacións nutricionais dos expertos e, polo tanto, son de boa calidade. Ademais, un exceso de graxa ou proteína, lonxe de ser positivo, pode inducir á obesidade. No tocante ós aminoácidos esenciais, ningunha mostra chegou ó mínimo de lisina recomendado.
A norma que regula as características destes pensos non indica que cantidade de nutrientes mínima debe incorporar cada tipo de pensos, pero si establece o rango que debe existir entre o que din as súas etiquetas e a cantidade real de humidade, proteína, graxa, cinzas e fibra. As comidas para cans analizadas cumpren con esta norma, pero, se se investigan outros nutrientes non regulados pola lei, o resultado non é tan positivo: Eukanuba, Advance e Friskies son os únicos que ofrecen o contido de nutrientes mencionado nas súas etiquetas (nalgúns casos mesmo ofrecen máis). O resto tivo desviacións de polo menos o 30% nalgún dos elementos mencionados na etiqueta.
Science Plan tivo un 50% menos de vitamina D cá indicada, Ultima e Royal Canin por riba do 60% menos de vitamina C, Bon Menú ofrece un 40% menos de vitamina A e un 30% menos de vitamina D, e en Brekkies Excel a cantidade real de vitamina A é un 45% menos do declarado na súa etiqueta.
Os pensos para cans son susceptibles de incorporaren transxénicos, xa que é habitual que se empreguen millo e soia (produtos con equivalentes transxénicos aprobados). A norma establece que os transxénicos deben declararse se superan o 0,9% do contido do ingrediente en cuestión. En dous dos oito pensos a análise deu positivo e en ningún se informaba diso: en Science Plan o escaso contido de soia transxénica (0,6% do total de soia) permite que non se indique na etiqueta.
Pero na mostra de Brekkies Excel a cantidade de soia transxénica foi do 19%, vinte veces máis do autorizado se non se informa desta presencia. Este fabricante entregoulle a CONSUMER EROSKI documentos que avalan que merca só soia certificada como “non transxénica” (coñécese como de “identidade preservada”), polo que a presenza deste transxénico deberíase ó seu provedor de soia.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse oito mostras de comida seca para cans, desde 1,02 euros o quilo (Bon Menú) ata 4,94 euros o quilo (Royal Canin) e preparados para ser o único sustento dun can adulto de raza mediana e actividade física moderada. Comercialízanse en sacos de 4 a 15 quilos.
- A composición nutricional destes pensos é semellante á que indican nas súas etiquetas, agás nas vitaminas, onde se anotaron grandes desviacións. Só Eukanuba, Advance e Friskies contiñan a cantidade de vitaminas que indicaban.
- Bon Menú, Friskies, Ultima, Advance e Eukanuba cobren as recomendacións nutricionais dos expertos, agás nun aminoácido esencial (lisina), no que ningún dos pensos analizados chega ó mínimo.
- Science Plan non alcanzou o suxerido en vitamina D, e Royal Canin e Brekkies Excel fallaron en potasio. Dar un alimento máis proteico ou máis graxo, ou máis cantidade da que recomendan as etiquetas, é contraproducente para un animal sedentario: cáusalle obesidade.
- A etiquetaxe de Brekkies Excel é incorrecta: non indica que o 19% da súa soia é transxénica (hai que indicalo a partir do 0,9%). Science Plan, con 0,6% de transxénicos, non ten por que indicalo.
- A mellor relación calidade-prezo é Bon Menú, que cobre as recomendacións nutricionais e é o penso máis barato. Non se fixo cata de cans: a súa opinión, polo tanto, non conta.
AAFCO Min /Max | BON MENU “Receta tradicional” | FRISKIES “Adult complet con pollo” | ULTIMA “Adult rico en pollo y arroz” | ADVANCE “Medium rico en pollo y arroz” | |
---|---|---|---|---|---|
Prezo (euros/ quilo) |
1,02 | 1,13 | 2,26 | 2,97 | |
Humidade (%)* | 6,7 | 8,9 | 5,8 | 6,1 | |
Graxa (%)* | 5 | 11,4 | 11,5 | 18,5 | 19,4 |
Proteínas (%) * | 18 | 24,2 | 22,1 | 28,6 | 29 |
Hidratos de carbono (%) * | No deter- minado |
52,7 | 53,8 | 45,5 | 42 |
Valor calórico (kcal/100 g) | 341 | 331 | 386 | 388 | |
Fibra bruta (%) * | <5 | 3,2 | 3,5 | 2 | 1,9 |
Calcio (%)* | 0,6 / 2,5 | 1,7 | 1,5 | 1,5 | 1,5 |
Fósforo (%)* | 0,5 / 1,6 | 1,1 | 0,9 | 1 | 0,7 |
Cobre (mg/Kg)* | 7,3 / 250 | 15 | 12,1 | 19,1 | 13,8 |
Sodio (%)* | 0,06 | 0,30 | 0,65 | 0,45 | 0,35 |
Potasio (%)* | 0,6 | 0,6 | 0,9 | 0,6 | 0,8 |
Vitamina A (UI/ Kg) * |
5.000 / 250.000 | 11844 | 6037 | 19968 | 15410 |
Vitamina E (mg/ Kg) * |
50 / 1.000 | 55 | 53 | 317 | 161 |
Vitamina D (UI/ Kg) * |
500 / 5.000 | 897 | 542 | 2015 | 1769 |
Vitamina C (mg/ Kg) * |
Non deter- minado |
Non procede | 104 | 100 | Non procede |
OXM | Ausencia | Ausencia | Ausencia | Ausencia |
* Valores calculados sobre alimento seco, é dicir, o que queda do alimento unha vez eliminada a auga.
AAFCO Min /Max | EUKANUBA “Adult medium mante- nance” |
SCIENCE PLAN “Adult con pollo” | ROYAL CANIN “Medium adult” | BREKKIES EXCEL “Complet” | |
---|---|---|---|---|---|
Prezo (euros/ quilo) |
3,12 | 3,33 | 4,94 | 1,09 | |
Humidade (%)* | 6,4 | 8,6 | 7 | 7,8 | |
Graxa (%)* | 5 | 15,6 | 12,9 | 14,6 | 12,5 |
Proteínas (%) * | 18 | 27,5 | 25,1 | 28,1 | 25,7 |
Hidratos de carbono (%) * | No deter- minado |
46,9 | 54,1 | 48,4 | 51,6 |
Valor calórico (kcal/100 g) | 368 | 353 | 365 | 347 | |
Fibra bruta (%) * | <5 | 2,5 | 2,8 | 2 | 2,8 |
Calcio (%)* | 0,6 / 2,5 | 1,3 | 0,8 | 1,2 | 1,4 |
Fósforo (%)* | 0,5 / 1,6 | 0,7 | 0,7 | 1 | 1 |
Cobre (mg/Kg)* | 7,3 / 250 | 25,6 | 12 | 21,5 | 15,2 |
Sodio (%)* | 0,06 | 0,45 | 0,28 | 0,41 | 0,47 |
Potasio (%)* | 0,6 | 0,7 | 0,6 | 0,5 | 0,5 |
Vitamina A (UI/ Kg) * |
5.000 / 250.000 | 23750 | 7812 | 17065 | 8731 |
Vitamina E (mg/ Kg) * |
50 / 1.000 | 255 | 881 | 524 | 49 |
Vitamina D (UI/ Kg) * |
500 / 5.000 | 756 | 226 | 858 | 1208 |
Vitamina C (mg/ Kg) * |
Non deter- minado |
Non procede | 72 | 74 | Non procede |
OXM | Ausencia | Presenza | Ausencia | Presenza (Incumpre norma) |
* Valores calculados sobre alimento seco, é dicir, o que queda do alimento unha vez eliminada a auga.
Un a un
Un por un, oito pensos para cans
Bon Menú "Receita tradicional"
A mellor relación calidade-prezo. Un dos pensos menos graxos e de menor contido en sodio e vitamina E. As súas achegas de calcio e fósforo son as máis elevadas. Un 39% menos de vitamina A e un 30% menos de vitamina D do que indica a súa etiqueta.
Friskies "Adult medium con polo"
Un dos menos graxos e proteicos. O menos calórico. Un dos de máis carbohidratos e sodio. A menor cantidade de vitamina A, e dos máis baixos en vitamina E e cobre. Contén un 36% máis de vitamina C da que indica na súa etiqueta.
Última "Adult rico en polo e arroz"
Un dos máis proteicos e calóricos. O maior contido de vitamina D. Cun 53% máis de selenio do que indica na súa etiqueta, pero cun 62% menos de vitamina C.
Advance "Medium rico en polo e arroz"
Sae a 2,97 euros/kg.
O contido graxo (19,4%) e proteico (29%) máis elevado, mentres que o de hidratos de carbono (42%) é o máis baixo. Un dos máis calóricos. Dos poucos etiquetados que se corresponde coa cantidade real de cada nutriente.
Eukanuba "Adult medium mantenance"
A maior cantidade de cobre e vitamina A. Cun 85% máis de vitamina A có indicado na súa etiqueta.
Science Plan "Adult con polo"
Sae a 3,33 euros/kg.
Un dos de máis hidratos de
Royal Canin "Medium adult"
O que máis vitaminas e minerais di ter, cubrindo as recomendacións de todas elas agás do potasio. Cun 66% menos de vitamina C do indicado.
Brekkies Excel "Complet"
Sae a 1,09 euros/kg, moi barato.
Incumpre a norma de etiquetaxe ó non informar de que o 19% da súa soia é transxénica. A menor cantidade de vitamina E. Ten un 46% menos de vitamina A có que indica a súa etiqueta. Non cobre as recomendacións establecidas para o potasio.