Residencias de anciáns

Segue habendo moi poucas e cada vez son máis caras

Tres de cada catro teñen listas de espera, unha de cada sete suspende en calidade e, en xeral, as públicas seguen a ser mellores e máis baratas
1 Xuño de 2005
Img temap 232

Segue habendo moi poucas e cada vez son máis caras

/imgs/20050601/tema01.jpg
Aínda que a lonxevidade da poboación española non deixa de aumentar (os maiores de 65 anos representan xa o 17% da poboación e estímase que dentro de 25 anos chegarán ó 24%, formando un colectivo de máis de 10 millóns de persoas), o número de residencias de anciáns segue a ser insuficiente: España conta só con 3,5 prazas en residencias por cada cen maiores de 65 anos, ou, nunha ratio máis significativa, unicamente 14 prazas por cada cen maiores de 80 anos. Pero non só é difícil atopar unha residencia, senón que ademais as súas tarifas están cada vez menos ó noso alcance. Esta revista informaba nunha investigación publicada en febreiro do 2000 que a cota mensual media dunha residencia pública para un residente válido -ou non dependente- en habitación compartida era, daquela en pesetas, de 720 euros. Hoxe, a tarifa para o mesmo suposto é de 956 euros, un 33% máis, cando o IPC nestes últimos anos subiu un 16,5%, xusto a metade. A pensión media de xubilación subiu un pouco máis este lustro: un 21,5%.

Ademais, algunhas residencias de anciáns teñen moito que mellorar: unha de cada sete suspende o exame de CONSUMER EROSKI, que cinco anos despois do seu primeiro informe ó respecto, volveu estudalas cunha metodoloxía semellante á empregada no 2000. En concreto, visitáronse 104 residencias cun mínimo de 15 hóspedes cada unha, e que aloxaban un total de 8.448 usuarios, localizadas en Madrid, Barcelona, Álava, Biscaia, Guipúscoa, Murcia, A Coruña, Valencia, Cádiz, Sevilla, Zaragoza, Málaga e Navarra. O obxectivo era comprobar (co grao de precisión que un estudo desta natureza pode proporcionar) a atención que lles dispensan ós seus usuarios, as infraestruturas das que dispoñen, o número de anciáns que lle corresponde a cada coidador, o grao de intimidade que pode ter cada residente, a atención médica de que dispoñen, os servizos que ofrecen (podoloxía, fisioterapia, rehabilitación, salón de peiteado…), amais da seguridade e limpeza das instalacións.

A primeira conclusión é que as residencias obteñen boa cualificación media, aínda que hai enormes diferenzas entre unhas e outras, mostra do cal é que o 14% das residencias suspenda o exame de CONSUMER EROSKI (no estudo do 2000 suspendeu o 16%). Ao igual que acontecía no informe publicado hai cinco anos, as residencias públicas revélanse máis económicas e obteñen unha mellor cualificación (7,3 puntos de media) cás privadas (6,9 puntos) e cás concertadas (7 puntos). E os suspensos son máis frecuentes entre as privadas (meréceo o 19% das estudadas) e concertadas (suspende o 16%) ca entre as públicas (só o 7%).

De todos os xeitos, o principal problema é o déficit de prazas: no 77% das residencias tiñan listas de espera, e nas públicas chegaban ao 93%. Logo dun repaso a todos os datos do informe, constátase que o punto máis débil das residencias son as súas infraestruturas -aínda que de media acadan un aceptable 6,5-, e son as privadas as que máis traballo teñen por diante: só no 46% destas hai baño completo nas habitacións, non chegan á metade as que dispoñen de camas articuladas e o 44% carece dunha sala de rehabilitación ben equipada. A atención asistencial aos residentes -que merece un 6,8 de nota media- tamén pode mellorar, especialmente na dotación de persoal: nas residencias privadas hai unha media de 3,7 anciáns por coidador, cifra que se dispara ata 6,3 maiores para cada coidador cando se trata de anciáns válidos. Non é raro que algúns residentes e os seus familiares se queixen da falta dun médico permanente nos centros: no 58% das residencias non o hai. Ademais, a especialidade do médico tampouco é a máis axeitada: só no 47% das residencias hai un xeriatra ou un internistas. Tamén deberían mellorar no servizo de comidas: só no 45% das residencias se pode elixir entre varios menús, e menos aínda (no 35%) nas privadas. Para rematar, as residencias con centro de día seguen a ser minorías: só o 31% ofrecen este servizo.

O máis positivo é o esforzo que realizan estes centros para se converteren nun segundo fogar para os anciáns residentes, para que se sintan coma na casa: permíteselles recibir visitas na habitación (faino o 86% das residencias) e ofrecerlles un refrixerio (76%), gardar as súas pertenzas persoais baixo chave (84%) e realizar as súas prácticas relixiosas (96%). Ademais, a maioría das residencias víronse limpas e mantéñense en bo estado de conservación. E, agás excepcións, as instalacións son amplas e luminosas.

Como se fixo

Técnicos de CONSUMER EROSKI, identificándose como tales, solicitáronlles telefonicamente unha ampla serie de datos ós directores e xerentes de cada residencia. Deseguido visitaron, esta vez como clientes ficticios (alegaban que querían ingresar a un familiar), cada unha das residencias para comprobar sobre o terreo o estado das instalacións e a súa conservación, luminosidade, espazo hábil dispoñible para os anciáns e mais a hixiene e limpeza do establecemento. En total, o informe cotexou 80 características e prestacións de 104 residencias. No tocante á titularidade das residencias, 30 eran públicas, 43 privadas e o resto (31) concertadas (é dicir, privadas pero con prazas para residentes concertadas coa Administración). As públicas son as máis concorridas (aloxan a 120 anciáns de media), seguidas polas concertadas (45) e polas privadas (34). Cada residencia acolle de media a 83 anciáns, aínda que as diferenzas entre unhas e outras son enormes: hainas, neste informe, que atenden a máis de 300 anciáns, e outras que, pola contra, non chegan á vintena. Esta revista estableceu, xunto cos xeriatras e especialistas consultados, un sistema propio de valoración e puntuación para cada unha das características e prestacións das residencias. E, como complemento, entrevistou a 150 familiares de anciáns aloxados nestes centros analizados.

Para se sentir coma na casa

As residencias asumiron o seu papel de fogar (temporal ou permanente) dos seus moradores e esfórzanse por permitir que leven unha vida o máis semellante posible á que levaban nas súas propias casas. A calquera de nós gústalle recibir visitas na casa e atendelas axeitadamente. É moi habitual (acontece no 86% das residencias) que as residencias permitan que os aloxados reciban visitas nas súas habitacións, para así manter certo grao de intimidade, e que lles poidan ofrecer algunha bebida ou aperitivo, aínda que a proporción de residencias que dispoñen de cafetería ou máquinas expendedoras é menor. Son as residencias privadas as que máis descoidan este aspecto (o 28% carecía de infraestruturas, como cafetería ou máquinas expendedoras).

/imgs/20050601/ancianos.jpg
O traslado a unha residencia supón deixar atrás moitas das pertenzas e lembranzas que acompañaron ós anciáns durante anos. Por iso, agradecen poder levar canda eles parte delas, moitas de gran valor sentimental, e gardalas baixo chave, nun armario ou caixón. Isto é posible no 84% das residencias. Ademais, a maioría das residencias facilitan que os seus usuarios continúen nelas cos seus costumes relixiosos: nalgunhas (63%) hai capelas ou salas acondicionadas como tales, e case todas reciben a visita dun sacerdote cando menos unha vez á semana.

Estado das residencias

Aínda que en xeral se atopan en bo estado de limpeza e conservación, algunhas (o 15%) ofrecían un aspecto mellorable, tiñan problemas de conservación e de estancias pequenas e pouco luminosas. Estas carencias son máis habituais nas privadas e concertadas. A falta de hixiene non é habitual, pero nun 11% das residencias apreciáronse cheiros moi desagradables (nos máis dos casos, por insuficiente ventilación das estancias), de novo máis nas privadas e nas concertadas ca nas públicas. As condicións de conservación das residencias son óptimas: só no 2% o seu estado de mantemento se pode cualificar de deficiente, de xeito que cumpriría realizar reformas que mellorasen o seu aspecto (renovación de pintura ou doutros elementos).

No tocante á seguridade, observáronse avances respecto ó informe realizado no 2000 por esta revista. Diminuíu notablemente a proporción de residencias que non aproban neste esencial apartado: os plans de emerxencia documentados son máis habituais ca daquela e hai máis residencias con persoal formado para actuar adecuadamente en caso de incendio ou emerxencia. A parte negativa é a referente ós simulacros: admiten que efectuaron algún no último ano menos residencias ca no anterior estudo.

Servizos das residencias

É nos servizos tradicionais que ofrecen as residencias onde se perciben máis as diferenzas entre unhas e outras. Estas prestacións, entre as que salientan as de peiteado, podoloxía, farmacia, masaxes ou mesmo a asesoría xurídica, pódense entender como aspectos de valor engadido que inflúen decisivamente na percepción dos usuarios (e dos seus familiares e achegados) sobre a calidade de vida que lles proporciona a residencia. Certo é que estes centros comezaron ofrecendo só coberturas básicas (aloxamento, comida e atención sanitaria), pero así que se xeneralizaron en todas elas, e dentro da evolución lóxica de calquera sector, tenden a aumentar as prestacións que ofrecen, ata o punto de que se establecen diferenzas notorias entre uns e outros centros.

Este contexto explica que os servizos de peiteado e podoloxía sexan xa comúns nas residencias (aínda que a miúdo cómpre pagalos á parte), que cada vez haxa máis centros nos que os residentes poden elixir entre varios menús, que a asistencia psicolóxica e xurídica sexa cada día menos insólita, ou que as masaxes para persoas maiores constitúan unha opción máis no catálogo de servizos específicos das residencias.

Así e todo, malia o ritmo de vida actual, o servizo das residencias como centro de día segue sen se consolidar: tan só ofrece este tipo de prazas o 31% das residencias (no 2000 era o 29%).

Infraestruturas das residencias

/imgs/20050601/tema02.jpg
É o punto débil das residencias, aínda que se trata dun dos apartados nos que máis se lles debe esixir. Hai residencias nas que aínda non todas as habitacións teñen baño completo, nas que escasean as habitacións individuais, e outras nas que só os anciáns enfermos ou asistidos poden utilizar as camas articuladas. A sala de rehabilitación ben equipada percíbese como unha necesidade, pero só dous terzos dos centros visitados dispoñen dela.

Pero, doutra banda, o timbre de chamadas está instalado en practicamente todas as habitacións, é cada vez máis habitual que as residencias dispoñan de xardíns para facilitar o paseo dos seus inquilinos (70%), biblioteca, salón de actos ou ximnasio, polo que se pode pensar que a medida que as residencias máis antigas sexan reformadas e actualizadas, contarán de xeito xeneralizado con algunhas comodidades básicas das que hoxe carecen. Parece, en termos medios, que as residencias privadas son as que menos investiron en infraestruturas e, en consecuencia, as que peor valoración obteñen neste apartado.

Atención asistencial ós anciáns

Trátase dun dos aspectos máis importantes que deben coidar, e á vez mellorar, as residencias. En xeral, a dotación de persoal é satisfactoria (corresponden, de media, 3 anciáns por coidador), aínda que nas residencias privadas a cobertura (ou o persoal dispoñible) é menor, especialmente nas residencias para válidos (en catro delas a cada coidador asignábaselle máis de once anciáns).

Ademais, tan só un escaso 58% conta con servizo médico permanente (de novo as públicas quedan mellor paradas…). Trala mellora das infraestruturas, é na calidade asistencial onde maiores investimentos económicos se requiren: de nada serve que unha residencia sexa nova se non hai persoal abondo para atender adecuadamente ós seus usuarios.

Canto custan as residencias?

As cotas mensuais que lles cobran unhas e outras residencias ós seus usuarios son ben distintas. Os factores que máis inflúen na conformación destas tarifas son a titularidade da residencia (pública, privada ou concertada), o estado de saúde do ancián e a atención que require (válido-autónomo ou asistido-dependente), o tipo de habitación (individual ou compartida), as características e servizos que ofrece cada centro e (unicamente nas públicas e concertadas) a capacidade económica do residente.

Nos centros privados visitados a media foi de 1.342 euros ó mes (ben lonxe dos 900 euros que custaban no 2000). Segundo o tipo de habitación e os coidados que precise o residente, a cota mensual representa entre os 1.600 euros de media para un ancián asistido (ou dependente) en habitación individual e os 1.100 euros mensuais para un ancián válido en habitación compartida. Nas residencias públicas, as tarifas están máis ó alcance: 956 euros de media, fronte ós 720 euros que supuña no 2000. Os anciáns dependentes con habitación individual aboan de media nas residencias públicas 1.095 euros ó mes, pero os non dependentes que comparten habitación só pagan 775 euros mensuais. Así e todo, ós vellos que non poden sufragar este prezo cóbraselles unha cantidade que, segundo os casos, representa entre o 75% e o 90% dos seus ingresos, frecuentemente a pensión. Nas concertadas, os prezos son semellantes ós das públicas, pero conseguir unha praza nunha pública ou concertada é realmente difícil: hai que cumprir certos requisitos socioeconómicos de admisión (ser maior de 60 ou 65 anos, precisar de axuda para realizar as actividades da vida cotiá, estar empadroado na comunidade autónoma ou provincia na que se solicita praza con polo menos dous anos de antigüidade, non superar un determinado límite de ingresos) e… apuntarse á lista de espera.

Enquisa exclusiva a 150 familiares de residentes

Técnicos de CONSUMER EROSKI entrevistaron, o pasado mes de abril, a 150 persoas con familiares ingresados nalgunha das 104 residencias visitadas para realizar este estudo. En xeral, amósanse satisfeitos cos servizos que se ofrecen nelas, coa atención e os coidados que se lles dispensan ós seus familiares e co estado de limpeza e mantemento das instalacións. Velaquí temos os resultados máis polo miúdo:

  • Información sobre a evolución dos anciáns: o 89% dos familiares afirman sentirse ben informados, aínda que o 22% dos enquisados con familiares en residencias públicas demandan máis información.
  • Hixiene e limpeza: os familiares con anciáns en residencias concertadas e públicas séntense satisfeitos neste aspecto. Pola contra, o 7% dos enquisados con parentes nas privadas cualifican estes dous parámetros cun mediocre “regular”.
  • Queixas polas infraestruturas: o 14% dos familiares expuxeron queixas, entre as que destacan o amoreamento dos anciáns, a falta dun amplo xardín e a escasa amplitude das instalacións.
  • Amplitude das residencias: o 15% dos entrevistados en centros privados afirman que as instalacións non son amplas abondo para que os anciáns se atopen cómodos. Nas residencias públicas e concertadas practicamente non houbo queixas sobre esta cuestión.
  • Persoal de atención: segundo un de cada dez entrevistados falta persoal para atender os anciáns. Nas residencias privadas considerouno así o 12% dos enquisados, nas públicas o 10% e nas concertadas só o 3% dos enquisados. As maiores queixas rexistradas refírense á ausencia de persoal médico permanente no centro.
  • Coidado e trato humano ó ancián: só o 2% dos familiares se queixou do trato que reciben os residentes. No tocante ó trato médico, as queixas só alcanzan o 4% dos familiares enquisados.
  • Alimentación: para o 13% das persoas enquisadas a alimentación que reciben os seus familiares non é a máis adecuada. Hai máis queixas para as residencias privadas (22%) ca para as públicas ou concertadas.
  • Valen o que custan: a percepción da relación calidade-prezo nas residencias é positiva as máis das veces. Amósanse máis satisfeitos os familiares dos usuarios das residencias públicas. Nas privadas e concertadas dous de cada dez enquisados opinan que esta relación é mala ou regular.

Dereitos dos residentes

Durante a estancia o/a residente ten, e debe esixir que se cumpran, os seguintes dereitos:

  • O cumprimento do acordado no contrato.
  • A ser informado e participar de todas as actividades abertas ás persoas aloxadas no centro.
  • Á máxima intimidade persoal en habitacións, correspondencia, chamadas telefónicas, visitas, etc., e dereito á confidencialidade dos datos do seu historial médico e familiar.
  • A considerar a Residencia como o seu domicilio propio, levando unha vida tan plena como llo permitan as súas facultades físicas e mentais.
  • A utilizar libremente as dependencias comúns da Residencia.
  • A un trato correcto, individual e personalizado por parte do persoal e dos demais residentes. A recibir a asistencia sen discriminación por razóns de sexo, raza, relixión, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
  • A non renunciar ó seu patrimonio, sempre que se cumpran as condicións de pagamento indicadas no contrato.
  • A ter acceso ó libro oficial de reclamacións da Residencia.
  • Dereito a manter relacións interpersoais co exterior, incluíndo o dereito a recibir visitas.

Está pensando ingresar nunha residencia?

  • Infórmese de se hai algún centro no seu concello -ou o máis preto posible a el- que se adapte ás súas necesidades. Evite xestións e desprazamentos innecesarios. Chame por teléfono: moitas residencias teñen longas listas de espera debido ó exceso de demanda.
  • Se está interesado/a nalgún centro en particular, visíteo de vagar antes de tomar unha decisión. Comprobe que o centro está autorizado, solicite un exemplar do Contrato de Admisión e do Regulamento de Réxime Interno. Léaos detidamente.
  • Pida que lle ensinen as habitacións, comprobe que son amplas, con abonda ventilación e iluminación, e que teñen aseo, a poder ser completo. Comprobe que dispoñen de armarios individuais con chave, timbres de chamada, etc., e que todas as dependencias dispoñen dunhas condicións de hixiene e salubridade extremas.
  • Interésese polos sistemas de emerxencia, antiincendio e alarma que dispón o centro.
  • Comprobe que o centro dispón de persoal suficiente, coa titulación esixida e coa experiencia necesaria. Leve todo o seu historial médico para confirmar a súa medicación, dieta ou tratamento.
  • Comprobe que o horario de visitas é suficientemente amplo, cómodo e flexible para que os familiares e amigos poidan visitalo.
  • Comprobe o plan semanal de comidas: variado, completo, adaptado e supervisado polo médico.
  • Solicite información sobre os servizos incluídos e excluídos no prezo. Elixa unha residencia con terapias ocupacionais efectivas, sala de rehabilitación e/ou ximnasio, sala de consulta médica, cuarto de curas e botica de primeiros auxilios, zonas e salas comúns suficientes e amplas (de poder ser con xardín), cuartos de baños xeriátrico asistido, etc.
  • Elixa un centro próximo a onde viva a súa familia ou as súas amizades.
  • Lembre que certos colectivos de anciáns teñen dereito a subvencións e axudas de diverso tipo. Consúlteas.