Que tempo atoparei nas vacacións?
O tempo que vai acompañar as vacacións é un elemento determinante na elección do destino. Convén coñecer as características estacionais nas que se atopa o país ou a rexión que se desexa visitar para esquivar experiencias decepcionantes ou pouco afortunadas. Resulta aconsellable non só porque se evita que as condicións climáticas adversas diminúan o valor terapéutico do descanso e do lecer, senón porque tamén responde a unha necesidade práctica. Un safari en Tanzania en época de secas fai que as posibilidades de contemplar os cinco grandes animais (elefantes, león, rinoceronte, hipopótamo e búfalo) sexan moi remotas, porque seguramente marcharon de vacacións a Kenya. Por iso, antes de soñar a aventura, facer a reserva e vacinarse se procede, ben vale informarse sobre a estación á que se viaxa. Chuvias, ciclóns, secas, tornados e demais fenómenos atmosféricos pódennos agardar nunhas latitudes diferentes ó noso verán.
Nos mapas que respectan as medidas reais dos continentes e a súa proporción descóbrese que África é moito máis grande e máis alongada cá imaxe que se transmitiu tradicionalmente. Disto dedúcese que o clima non é, nin moito menos, uniforme. Si é certo que a maioría dos días serán soleados, pois a maior parte dos países se atopa entre os paralelos 20º N e 20º S, é dicir, entre o Trópico de Cáncer e o Trópico de Capricornio. Isto motiva que nas zonas máis próximas ó Ecuador reine un clima sempre cálido e moi húmido, mentres que nas dúas zonas tropicais, o 80% do territorio, se distinguen dúas estacións, unha húmida e outra seca.
En Kenya e Tanzania, destinos por excelencia do fotógrafo e do naturista, os meses de xaneiro e febreiro son os máis propicios, xa que o clima é cálido e seco. Entre xuño e setembro, meses de vacacións de verán para o mundo occidental, o tempo mantense estable porque as chuvias chegan en marzo e se retiran en maio para volveren en outubro. Outra alternativa para os que desexan vivir a experiencia dun safari atópase en Namibia e Botswana, cada día máis en voga entre outras razóns porque a época de temperaturas máis benignas coincide co verán en España. Agora ben, desaconséllase ir en setembro, un mes que gana adeptos para viaxar, porque as chuvias tornan intransitables as estradas dos parques naturais. No noroeste africano, pola contra, a realidade é inversa. Senegal, o país máis concorrido, é perfecto para visitalo no inverno, malia o vento sahariano harmatán, ou na primavera. No verán a calor, aínda que ten costa, é dura. O mesmo acontece se ollamos ó leste, cara a Exipto. A calor do verán pode chegar a non se aturar e o inverno non é tan cálido como se cre. A visión das pirámides sen risco de lipotimia só se garante de marzo a abril.
A viaxe ó remoto oriente supón entrar nunha realidade moi diferente á que un occidental está afeito. A maior parte do continente atópase baixo o paralelo 40º N, o mesmo que parte pola metade a Península Ibérica, e chega ata o Ecuador. Así e todo, estas terras bañadas por dous océanos son o exemplo de que a latitude condiciona pero non determina o clima. Aínda que os meses fríos da India coinciden cos nosos, a época de maior calor dáse de marzo a xuño, e nos nosos meses de verán teñen lugar as chuvias e monzóns. O viaxeiro debe ter isto moi presente, xa que non se trata de chuvieiras tropicais, senón de prolongadas xornadas de treboadas. Se o turista se decanta polo Vietnam, deberá decidir a que zona do país quere ir: se o seu obxectivo é o sur, mellor deixalo para o inverno, porque o verán, sobre todo de xuño a agosto, é a estación pluvial; pola contra, se quere coñecer o norte, mellor facelo no verán, xa que de novembro a abril vai moito frío. Tamén en Indonesia, outro punto de interese turístico, coincide a bonanza do seu clima co verán europeo e, ademais, a orografía das illas permite que, por exemplo, Bali practicamente non se vexa afectada polos monzóns. Na memoria de todos está o tsunami que devastou as costas de Tailandia, Malaisia e Sri Lanka o pasado decembro. Repetían as novas que os países estaban na súa tempada alta turística, e de feito así é. Nesa zona sucédense tres estacións ó ano: unha monzónica de maio a novembro, unha seca de novembro a febreiro, con temperaturas máis suaves, trala que vai outra con máis calor ata maio. Se se visita Bangkok en abril hai que estar disposto a suar moito.
Aínda que o tempo das terras bañadas polo mar turquesa se asocia sempre a bonanza, aínda que se pensa que as chuvias non son tan fortes, nin a calor tan húmida e que o frío non existe, a realidade é moi distinta. En Cuba, un inverno duro rexistra temperaturas de 4 graos no interior e de 12 en zonas como Guantánamo, pero polo xeral a temperatura mantense constante, agás os picos de calor do verán. Se se viaxa ás costas caribeñas na procura de praia e sol convén evitar os primeiros meses do outono, sobre todo outubro, pois é época de furacáns e córrese o risco de gozar demasiado da habitación do hotel.
O vento harmatán: Vento alisio continental, seco e poeirento, procedente do deserto do Sahara, que afecta ós países occidentais de África entre decembro e febreiro.
O monzón da India: Monzón é unha verba árabe que significa estación. A finais de maio, a corrente de aire das capas altas da atmosfera procedente do oeste e que regula a temperatura nas chairas do Ganxes durante o inverno cae de súpeto. Comeza así unha viaxe cara ó sur e despois cara a Bengala, para regresar acto seguido. Deste xeito, provoca primeiro chuvias ó leste do Himalaia, despois no oeste e acaba propagándose cara a todo o país. Este é o principal monzón, o do verán ou do suroeste.
O Pancaroba de Indonesia: Época entre monzóns entre abril e outubro.
Os tifóns do Vietnam: A estación de chuvias comeza en xuño-xullo e dura ata outubro-novembro, acompañada en ocasións de tifóns demoledores. Os peores meses son setembro e outubro, pois é cando máis chove.
A época de chuvias en África oriental: Aínda que pareza estraño, existen moitas contradicións na documentación sobre cando chove en Kenya e cando o fai na súa veciña Tanzania, coa que ademais comparte a reserva Masai Mara. O certo é que non comparten clima. En Kenya as chuvias aparecen en novembro e desaparecen en marzo con moita calor; e en Tanzania adiántanse a maio e remiten en setembro.
Tempo de furacáns no Caribe: Os ciclóns tropicais están clasificados en depresións, treboadas e furacáns, en función da velocidade dos ventos e as precipitacións. A media histórica da tempada de furacáns que comeza en agosto e remata en outubro é de 9 treboadas con nome, das que seis alcanzan a forza dun furacán.
Unha destas clasificacións, a bautizada polo científico Arthur Strahler, contabiliza ata 14 zonas en función non só do clima, tamén das manifestacións que ten ó longo dos anos, o que permite calcular medias. É o caso do clima ecuatorial, nunha latitude de 10º N e 10º S, no que chove case a cotío, todos os días do ano, e a calor é constante, arredor dos 27 graos. Nesta franxa atópase a cunca do Amazonas e do Congo e mais as terras que unen Sumatra ata Nova Guinea.
O clima monzónico, propio do leste dos continentes por baixo dos 25º de latitude e próximo ó litoral, dáse en Florida, o golfo de México, o istmo americano, o Caribe e Madagascar.
A súa expresión ó sur dá lugar ó clima chinés de Uruguai, Taiwán, Xapón e o sur da China.
India, Indochina, a ‘barriga’ de África e Australia gozan dun clima denominado tropical seco e húmido, con dúas estacións marcadas: a seca, que chega cando o sol está baixo o horizonte ó mediodía, e a húmida, cando está máis alto.
O clima desértico ocupa rexións onde as masas de aire son estables e secas, onde se producen cambios moi bruscos durante o día e a noite, pero non importa en que mes se estea. O Sáhara, Arabia e o deserto australiano son as zonas máis significativas. Existe outro clima desértico, que vén sendo a expresión do tropical seco levado a extremos en determinadas áreas, como os desertos do sur estadounidense e a Pampa e a Patagonia arxentina.
O Mediterráneo ten o seu particular clima de estacións diferenciadas, onde os rexistros dependen máis da orografía ca da latitude. Amais das costas bañadas polo mar que lle dá nome, téñeno California, a costa chilena e Cidade do Cabo.
Nas mesmas latitudes, pero bañadas polo océano Atlántico, atópase o clima continental de Europa e Norteamérica, que ten a súa versión húmida en Canadá e Europa Central. Os bosques boreais, aquelas rexións que se alimentan das masas de aire polar, danlle nome ó clima Boreal de Eurasia, Siberia, Alaska e Groenlandia, un clima frío pero que non chega a ser o Polar dos casquetes do Ártico e do Antártico.
As numerosas clasificacións e medicións do clima permiten coñecer con precisión o tempo que ten lugar en calquera zona do mundo en calquera época do ano. Esta pode ser unha información moi útil para o viaxeiro, que non se debería conformar con xeneralidades que poden levar a conclusións erróneas. Por exemplo, pódese pensar que en Vietnam o clima é uniforme en todo o país, pero non é o mesmo acudir no verán ó sur ca ó norte, como non ten nada que ver o xullo de Sevilla co de Santiago de Compostela. Amais da súa latitude, a altitude, as correntes mariñas, os centros de acción das presións e mesmo as biocenoses, é dicir, o conxunto de organismos vivos do ecosistema, determinan tamén o tempo que recibirá ó visitante nun lugar.