Un risco para a fertilidade
A pouca atención que ata hai ben pouco se lle prestou ó aparello reprodutor masculino provocou que as enfermidades xenitais que padecen os homes sexan xeralmente menos coñecidas cás das mulleres. Non sendo as doenzas da próstata, recoñécense poucas patoloxías masculinas e os seus síntomas, mesmo por parte dos propios individuos susceptibles de padecelas, polo que é habitual que a temida visita ó especialista, neste caso ó urólogo, se pospoña máis do desexable e que se realice cando as molestias acadan o seu momento crítico. De entre as patoloxías que o aparello xenital masculino pode sufrir, este mes salientamos varias doenzas dos testículos: a epididimite (infección do epidemio, a estrutura na que se depositan os espermatozoides para madurar), a orquite (infección dos testículos) e a orquiepididimite (infección de ambas as dúas estruturas).
Os testículos teñen como misión fundamental a formación de espermatozoides. Na súa parte posterior atópase unha estrutura tubular, o epidídimo, na que os espermatozoides se van depositando para a súa maduración. Esta estrutura únese ó conduto deferente, polo que os espermatozoides xa maduros chegan ás vesículas seminais, onde son de novo almacenados ata a exaculación. A miúdo estas estruturas pódense infectar e provocar unha orquite, infección do testículo, unha epididimite, infección do epidídimo ou ben a unha orquiepididimite, infección de ambas as dúas estruturas, que poden afectar á fertilidade do home que as sofre.
A orquite aguda ou infección illada do testículo é máis ben rara porque é unha estrutura bastante resistente á infección pola gran vascularización sanguínea e linfática, que lle confire unhas boas defensas. O máis frecuente é que se produza a infección por vía ascendente ou canalicular a través do conduto deferente e epidídimo cando se produce unha uretrite, prostatite, infección urinaria, manobras instrumentais, cateterismos, etc.
Unha causa frecuente de orquita son as papeiras -un 30% de quen as contrae despois da pubertade padece orquite-, que poden provocar ós catro ou cinco días dor e inchazón testicular nun ou nos dous testículos. A orquite pode producir infertilidade e atrofia (diminución do tamaño do testículo), complicación que se dá nun terzo dos mozos afectados por orquite.
A epididimite aguda é máis frecuente cá orquite e esténdese tamén ós testículos, por iso se fala de orquiepididimite. Unha das causas máis frecuentes da súa aparición é a infección por transmisión sexual, que afecta a homes hetero e homosexuais. Nos mozos heterosexuais entre 19 e 35 anos os xermes que máis a miúdo a provocan son o Nisseria gonorrhoeae, gonococo que causa a gonococia, e a Clamydia trachomatis, mentres que en varóns homosexuais é o Escherichia Coli, que se transmite a partir do coito anal.
Os síntomas que produce a orquiepididimite son claros:
- Inflamación e inchazo do escroto.
- Testículo sensible, doloroso, inchado e con sensación de peso.
- Febre.
- En ocasións, fluxo máis ou menos purulento polo pene, a secreción uretral é máis frecuente se a infección é por clamidias.
- Dor ó ouriñar.
- Dor nas relacións sexuais e na exaculación.
- Dor na rexión inguinal.
- Seme ás veces sanguinolento.
O diagnóstico da afección é sinxelo mediante a sintomatoloxía e a exploración física -amais dos signos de inflamación escrotal, adoita haber tamén inchazón das inguas e aumento de tamaño dos ganglios linfáticos da zona-. Tamén se utilizan análises de ouriños, nas que se efectúa un cultivo para identificar o xerme causante, e análise de sangue. Se hai que descartar outras patoloxías, pódese realizar unha proba mediante ultrasóns Doppler (para examinar o fluxo de sangue nas veas da zona) e unha gammagrafía testicular (que permite obter a imaxe interior da parte afectada para comprobar o seu estado).
O tratamento require de antibióticos e recoméndase unha serie de medidas xerais, como o repouso na cama, un suspensorio testicular se se considera axeitado, a toma de antiinflamatorios non esteroideos para previr a obstrución das vías espermáticas e ás veces a infiltración con anestésicos locais no cordón espermático. No caso de afectados por gonorrea ou clamidia é fundamental avaliar e tratar ás parellas sexuais, sobre todo se houbo contacto durante os 30 días previos á aparición dos síntomas.
A evolución adoita ser positiva e sen complicacións, se ben en ocasións pode quedar unha fibrose cicatricial que produce azoospermia (improdución de espermatozoides).
Unha das causas de orquiepididimite é a gonorrea, enfermidade infectocontaxiosa exclusiva da especie humana e que se transmite por contacto sexual. A incidencia máis elevada de gonorrea ou gonococia dáse en países en desenvolvemento, de xeito moi especial nos destinos do chamado ‘turismo sexual’, pero non hai estatísticas precisas. Nos pases desenvolvidos a incidencia fíxase en preto de 35 casos por 100.000 habitantes. A taxa de ataque máis elevada sitúase entre os 20 e 24 anos, pero o maior risco preséntase en mulleres entre 15 e 19 anos. O risco para unha muller de adquirir a infección a partir dun home infectado estímase nun 50-70%, mentres que o risco para un home a partir dunha muller infectada é dun 20-30%. Esta porcentaxe estima as posibilidades de adquirir a infección tras unha relación sexual.
A gonococia ten maior incidencia en poboacións de baixo nivel socioeconómico e educativo, e é máis frecuente en ambientes urbanos. O chamado ‘turismo sexual’, o descontrol sanitario da prostitución, a maior promiscuidade sexual e a ausencia de medidas preventivas nas relacións sexuais están provocando o aumento da súa incidencia.
A infección pode ser asintomática, o que lle confire un alto grao de perigosidade pola posible transmisión da enfermidade. Nos homes a gonococia ten un período de incubación de 2-5 días. Logo deste prazo, aparece unha secreción mucosa pola uretra asociada a un proído, que vai evolucionando a secreción purulenta e síntomas inflamatorios no meato uretral. É bastante habitual que se produza unha orquiepididimite e/ou prostatite. Nas mulleres, a infección localízase no endocervix, a parte máis interior do colo uterino, e adoita dar síntomas moi pouco específicos, como leucorrea (fluxo), molestias discretas ó ouriñar ou proído nos xenitais. Nestes casos localizados de infección ata un 50% das infectadas poden permanecer asintomáticas, co que moitas veces se manteñen relacións sexuais sen ningún tipo de precaucións.
O maior problema actual desta enfermidade foi a aparición de resistencias ós antibióticos, o que provocou complicacións e cronificación da enfermidade. O emprego de preservativo cando se manteñen relacións sexuais con parellas non estables tórnase fundamental para a prevención desta infección.
- Vacinación inadecuada para a parotidite (papeiras).
- Anomalías conxénitas de vías urinarias.
- Infeccións recorrentes das vías urinarias.
- Idade superior ós 45 anos.
- Cirurxía das vías urinarias, próstata…
- Catéter uretral permanente.
- Múltiples parellas.
- Comportamentos sexuais de alto risco.
- Antecedentes de parella sexual que padecera enfermidades de transmisión
- sexual (ETS).
- Antecedentes persoais de gonorrea ou doutras enfermidades de transmisión sexual.