Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Zonas peonís: estudadas 57 das principais rúas peonís de 13 cidades : Máis da metade suspenden

As infraccións ás restricións para vehículos son frecuentes, a maioría falla en sinalización e en accesibilidade, e o equipamento é escaso en moitas rúas

Horarios de carga e descarga

Difiren moito, pero o habitual é que sexan amplos (non menos de tres horas ó día, e nalgúns casos 4, 5 ou máis horas pola mañá, amais das vespertinas), o que significa que a zona é realmente peonil (é dicir, sen coches, motos, furgonetas nin camións) menos horas do desexable cada día. Trátase dun conflito de intereses: dunha banda, os peóns que prefiren -por comodidade e seguridade- zonas peonís sen tráfico; doutra, os profesionais que precisan cargar e descargar en comercios e noutros establecementos e edificios situados nesas rúas preservadas do tráfico. A permisividade considerouse excesiva en Barcelona, Murcia, Almería e Alacante, porque amais dun amplo horario de mañá para carga e descarga, permítese o acceso destes vehículos profesionais tamén pola tarde, chegando nas catro cidades citadas ata as oito da tarde. En Pamplona, o deseño destes horarios estimouse “regular”, porque aínda que permiten cargar e descargar pola tarde só se pode facer desde as 14 ata as 16.30 horas, intervalo no que o tránsito peonil non adquire a intensidade que acada a partir das seis da tarde. A mellor situación viuse en Málaga: o acceso de vehículos non está permitido e a carga e descarga debe facerse mediante carros manuais. Tamén se pode considerar boa a situación en Bilbao: nunha das zonas (Gran Vía) non se permite a carga e descarga, e nas outras catro só están autorizadas desde as 8 ata as 11 da mañá. Para rematar, son só aceptables (catro ou máis horas, sempre pola mañá) os horarios de carga e descarga nas zonas peonís estudadas da Coruña, Oviedo, Vitoria, San Sebastián e Madrid (cidade esta onde, nas rúas “El Carmen” e “Preciados”, o horario de carga e descarga é exclusivamente nocturno).

Infraccións ás restricións do tráfico

/imgs/20040501/img.tema-portada05.jpg Se hai algo que distingue unha zona peonil de calquera outra da cidade é a case inexistencia de vehículos circulando e estacionados. Pero unha cousa é a teoría e outra a práctica: os técnicos desta revista tiveron ocasión de comprobalo mentres ollaban o día a día destas 57 rúas peonís durante varias horas e cando intentaron entrar co coche nestas zonas preservadas do tráfico para despois, cando o conseguían, estacionalo nelas. O informe de CONSUMER revela que nunha de cada tres rúas peonís había coches estacionados en franxas horarias non autorizadas para carga e descarga. Tan só nas zonas peonís visitadas na Coruña, Oviedo, Bilbao e Murcia non se viron vehículos estacionados en horario non permitido. Nesta proba práctica, naturalmente, non se tiveron en conta os vehículos autorizados: taxis, coches de policía, de obras ou de limpeza, ambulancias e vehículos de minusválidos, entre outros. Na totalidade das rúas estudadas en Valencia existían vehículos estacionados, que se viron no 60% das rúas de Vitoria e Barcelona e na metade das de Almería e San Sebastián. O número de vehículos aparcados que se anotaron nas rúas peonís foi moi variable, aínda que destacan as rúas “Getaria” de San Sebastián -17 coches estacionados- e “Monduber” en Valencia, na que había 6 vehículos aparcados. No resto de rúas, o número de vehículos estacionados foi menor, aínda que seguían entorpecendo, nos máis dos casos, o libre tránsito peonil. Para rematar, cómpre salientar que ningún dos vehículos mal estacionados nestas cidades tiña multa ningunha.

Co fin de comprobar o control imperante, os técnicos desta revista intentaron acceder -fóra do horario de carga e descarga, para que as conclusións fosen máis indiscutibles- a todas estas rúas peonís e, cando puideron, aparcaron o coche durante 15 minutos dentro da rúa peonil. Os resultados desta proba práctica indican que na metade dos casos foi posible o acceso en coche, xa que non se atopou impedimento ningún (como pivotes, bolardos levadíos, testos para plantas ou valados), nin había presenza policial que o impedise. As rúas peonís peor valoradas nesta proba foron as de Barcelona e Valencia, xa que na inmensa maioría das analizadas se puido acceder e aparcar sen ningún problema. En Oviedo, Bilbao e Vitoria púidose acceder e estacionar no 60% das rúas estudadas. En Vitoria foi posible o estacionamento en tres rúas mentres que noutras dúas non foi posible acceder pola existencia de bolardos e pivotes. En San Sebastián, Almería e Alacante púidose acceder e estacionar na metade das rúas peonís nas que se intentou. Na Coruña, Pamplona e Málaga foi posible o acceso tan só nunha das rúas peonís visitadas. Para rematar, as mellores: as únicas cidades nas que non se puido entrar co coche en ningunha das rúas peonís estudadas foron Madrid e Murcia. Nesta última cidade, o acceso foi impedido -en todas as rúas estudadas- pola policía municipal. Para rematar, cómpre salientar que en 6 de cada 10 rúas peonís ás que non se puido acceder co vehículo a causa foi a presenza da policía municipal, que lles impedía o acceso ás rúas peonís ós vehículos que non tivesen autorización para entrar.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións