Cancro de próstata

Unha detección precoz, clave para a curación

1 Maio de 2004

Unha detección precoz, clave para a curación

O cancro de próstata (CP) é o segundo tumor máis frecuente entre os homes e a terceira causa de morte por cancro en homes de máis de 50 anos, só superada polo cancro de pulmón e o de colon. Na actualidade hai un aumento de casos deste cancro, e a súa incidencia vaise elevando coa idade. O seu crecemento é lento, insidioso, asintomático nos seus comezos. Iso fai que o diagnóstico precoz sexa moi difícil e que poida transcorrer un ano desde que aparece o primeiro síntoma ata que se diagnostica. A supervivencia nos últimos anos mellorou, incrementouse nun 70%.

Que é a próstata?

A próstata é unha das glándulas sexuais masculinas. Do tamaño dunha noz, sitúase inmediatamente debaixo da vexiga urinaria e enriba da ampola rectal. É atravesada pola uretra, á que rodea nos seus inicios. A súa misión é producir o líquido seminal que serve para transportar os espermatozoides. Continúa medrando durante a maior parte da vida do home, de xeito que é moi común ter unha próstata agrandada a partir dos 60 anos, o que se denomina hipertrofia prostática benigna (HPB) e que pode dar os mesmos síntomas, inicialmente, có cancro de próstata. Aínda que a hipertrofia non é un cancro, os problemas que orixina para a micción, as relacións sexuais e a exaculación fan que moitas veces requira tratamento cirúrxico. Non está probado que a HPB dexenere en cancro.

Factores de risco

As causas que orixinan o cancro de próstata non están claras, se ben os factores de risco máis coñecidos son:

  • Antecedentes familiares de cancro prostático.
  • Idade: a probabilidade de padecelo aumenta coa idade; rara vez se dá antes dos 55 anos e a maioría dos diagnosticados teñen máis de 65 anos. Unha das razóns do aumento da súa incidencia na poboación é probablemente que os homes cada vez viven máis anos.
  • Dieta rica en graxas pode aumentar o risco.
  • A exposición ó cadmio no lugar de traballo (soldadura, baterías, etc.) parece que pode incrementar o risco.
  • Tamén unha maior actividade sexual se asocia a maior risco.
  • O papel da testosterona non está moi claro: nas etapas iniciais a testosterona pode acelerar o crecemento do cancro, pero cando o tumor está en fase avanzada a mesma testosterona frea o seu crecemento.
  • A raza parece xogar algún papel: é máis frecuente en homes de raza negra.

Diagnóstico

O diagnóstico require unha serie de probas: unha exploración do tacto rectal, que permite comprobar o tamaño e a consistencia da próstata; a determinación analítica do antíxeno específico da próstata (P.S.A., siglas en inglés polas que é coñecido); a punción/biopsia mediante agulla ou por outro medio e exames radiolóxicos que se realizan a criterio do especialista (ecografía, TAC, RMN…). Con todo iso poderase descubrir se hai cancro, en que estadio se atopa, se superou a cápsula prostática e hai invasión de estruturas veciñas, e se se produciu a metástase.

Tratamento

Dependerá da etapa ou estadio en que se atopa o cancro, da idade do paciente, do seu estado xeral, da súa esperanza de vida… É, xa que logo, un tratamento moi individualizado no que se teñen en conta diversos factores. Cando o afectado ten unha idade avanzada o obxectivo é aliviar os síntomas valorándose a supervivencia ós 5 anos, pero en pacientes máis novos perséguese a curación total e valórase en supervivencia ós 10-20 anos. A cirurxía, a radioterapia, a hormonoterapia e a terapia biolóxica ou inmunoterapia (uso do sistema inmune do corpo para combater o cancro), de maneira exclusiva ou combinada, son as terapias utilizadas. A quimioterapia non tivo ata agora efectos significativos. A supervivencia depende da etapa en que se detectou e tratou o tumor. A do cancro de próstata aumentou ata máis do 70% nos últimos anos grazas ós tratamentos e pódese dicir que cando se detecta precozmente e o cancro está localizado a supervivencia ós 10 anos é do 75%.

Pódese detectar precozmente?

A detección precoz é a clave do éxito na curación desta patoloxía, pero non está demostrada a utilidade da detección sistemática mediante a determinación da P.S.A. (antíxeno prostático específico), unha proba analítica que nalgúns colectivos de empresas se realizou de xeito xeneralizado para detectar precozmente posibles casos. A determinación da P.S.A. pode dar moitos falsos positivos, co que se xerarían moitos estados de ansiedade e angustia, amais de ter que realizar moitas exploracións, molestas, innecesarias e custosas. A P.S.A. ten outras utilidades: na toma de decisións á hora de realizar as probas diagnósticas, para o prognóstico da supervivencia, para valorar a eficacia do tratamento, para avaliar a evolución, etc. Pero na actualidade desaconséllase utilizala de xeito sistemático e indiscriminado para a detección precoz. Esta poderíaselles realizar ós homes de máis de 50 anos que a demanden ou a homes máis novos con factores de risco, é dicir, con dous ou máis familiares de primeiro grao con cancro de próstata ou con presencia de síntomas. En calquera caso, a determinación da P.S.A. hai que combinala sempre coa busca de síntomas e un tacto rectal. É o único xeito de avaliar correctamente cada caso. E en función do resultado e se hai sospeita de que se poida tratar dun CP, realizar as probas diagnósticas oportunas.