A primeira e obrigada pregunta condúcenos a un termo que nin sequera recollen as Academias de Lingua e que, así e todo, cada día se escoita máis. Que significa a palabra sostibilidade?
Unha actividade humana defínese como sostible cando é viable, posible e ten futuro. O desenvolvemento humano tivo lugar a costa do estrago de materias primas non recuperables e de abundante enerxía non renovable, acompañado dunha crecente contaminación da atmosfera, da Terra e dos océanos. En tempos de bonanza económica o desenvolvemento foi sostido e non sostible, mesmo ás veces acelerado. Pero hai moi poucas décadas xorde a conciencia da necesidade dun desenvolvemento sostible, é dicir, viable, que non condene a supervivencia de futuras xeracións e que se faga mantendo o noso hábitat, o planeta Terra, en condicións de habitabilidade.
Dito isto, desenvolvemento e sostible son termos antagónicos?
Abofé que non, deberían ir sempre unidos, polo menos a partir de agora.
Isto implicaría que o respecto do medio natural fose unha obriga, e na nosa sociedade aínda non o é.
En todas as sociedades e, en particular, nas máis desenvolvidas, vaise abrindo camiño a conciencia do deber e da conveniencia, aínda que só sexa por egoísmo ilustrado, do máximo respecto á natureza. Nos países en vías de desenvolvemento priman as necesidades vitais, debido a unha maior extensión da pobreza. Movementos como os verdes amosan estas inquedanzas. Aínda que a miúdo se trate de activistas con intereses políticos, contribúen a estender a sensibilidade ante as graves ameazas que sofre a natureza en todas as ordes.
Existe certo desánimo ambiental, pero ¿podemos falar de logros?
Os maiores logros son polo de agora os intanxibles, como os estudos e debates en multitude de foros. Doutra banda e desde a Conferencia das Nacións Unidas sobre Medio Natural e Desenvolvemento de 1992, en Río de Xaneiro, adoptáronse acordos internacionais ó máis alto nivel con contidos de envergadura, se ben se están cumprindo tan só en pequena medida e alongando en exceso os prazos límite iniciais. Ese é o caso, moi en particular, dos acordos alcanzados en Kioto.
Hai futuro sen Kioto?
Hai futuro sen sermos todos responsables dos nosos actos? O Protocolo de Kioto foi o resultado dunha difícil negociación que reduciu sensiblemente o texto inicial que alí se negociou con moita resistencia dos grandes países industrializados. Al Gore, daquela Vicepresidente dos EEUU, fixo presión para chegar a ese acordo unha vez que acadou que se rebaixasen as súas metas, todo iso en clara contradición co que el mesmo publicara noutrora nos seus propios libros sobre eses temas. Así é a vida e así son as súas tristes realidades. E agora, aínda así, regatéase e resístese activamente a aplicación daquel Protocolo unanimemente consensuado.
Con que outros erros nos enfrontamos?
A lista é interminable, comezando pola atención case exclusiva á contaminación atmosférica e o conseguinte cambio climático, sen advertir que a contaminación e depredación da Terra, con perda rápida da biodiversidade, vai acompañada tamén dunha non menos grave agresión ós océanos.
Precisamente agora fálase de novo sobre a posibilidade de depositar o lixo no fondo dos océanos, porque afirman que a súa capacidade de dixestión é moi grande.
Os océanos comezan a asfixiarse, como o Pacífico no contorno do Xapón, debido ás verteduras. A biodiversidade dos mares atópase en grave perigo. As illas coralíferas, as algas, etc. están ameazadas. É certo que as arxilas abismais dos océanos posúen unha inmensa capacidade de absorción do CO2 moi superior ó de todas as fragas do mundo. Pero, como facermos chegar os gases da atmosfera a eses abismos? Os refugallos sólidos, incluídas as verteduras de metais pesados e tóxicos como o mercurio, constitúen outra das maiores agresións ós mares, problema que sen irmos máis lonxe sofre o Mediterráneo. Cómpre reciclar todos os refugallos, e nesa tarefa todos, comezando por cada individuo no seu respectivo lar, temos moito que aprender e que facer. No tocante a estes temas, recomendo vivamente ler o informe “O futuro dos océanos”, elaborado para o Club de Roma por Elisabeth Mann-Borghese.
Nas súas teses liga sempre educación e medio natural. Con que criterios?
A educación ambiental vaise aceptando como parte indispensable de todo sistema educativo. É o mellor xeito de informar e formar os futuros cidadáns nos seus deberes e dereitos, tanto a prol do seu propio interese coma do deste mundo tan interdependente. Con todo, non se trata de engadir unha materia máis, senón de ofrecer unha formación interdisciplinaria, de alcance global e con fins a curto e longo prazo. Non abonda con proclamar os Dereitos Humanos, hai que os facer efectivos, e tamén asumir os Deberes Humanos con respecto ós demais e á Natureza, para acadar a harmonía entre as persoas e o medio natural.
E que dicirlles ás voces que aseguran que o medio natural mellorou no último lustro?
Hai que dicir rotundamente que o medio natural non mellorou no mundo no seu conxunto, aínda que se veñen realizando moitos meritorios esforzos con melloras puntuais e mesmo substanciais. Malia iso, e dado que esas mellorías non son abondas, se continúa a tendencia actual dirixímonos inexorablemente cara ó desastre. Cando? En 50, en 100, en 200 anos? Que importa! Ou seica só se trata de asegurarmos a supervivencia na Terra para nós e para os nosos máis inmediatos descendentes? O que se está facendo serve tan só de punto de partida dunha crecente sensibilidade e compromiso, incluíndo sacrificios en ben das futuras xeracións.
Resulta eficaz a responsabilidade penal para castigar os delictos de contaminación?
Establecer a responsabilidade penal é un medio importante para frear actividades irresponsables, mesmo criminais, e para fomentar a conciencia cidadá sobre a inmensa importancia do medio natural para todos nós e para os nosos descendentes.
Canto hai de publicidade e canto de verdade en todo o que leva como apoio o termo ecoloxista?
Respecto moito as boas intencións, actitudes e actuacións positivas ligadas ós movementos ecoloxistas. O problema resolveríase se todos fósemos ecoloxistas de feito e de corazón, é dicir, persoas plenamente responsables ante o medio natural.
Se hai que rebaixar á metade a extracción de recursos en todo o mundo, cumpriría que os países industrializados incrementasen a súa eficiencia para usar a enerxía e materiais de catro a dez veces nos vindeiros 30 a 50 anos, tal como foi aceptado pola Asemblea Xeral da ONU, en 1997. Por que hai tanta disparidade para cumprilo en diferentes países de Europa, se os seus Ministros de Medio Ambiente o aprobaran en 1996?
Do dito ó feito vai un bo carreiro… Ó tratar de aplicar localmente esas declaracións e compromisos internacionais descóbrense os sacrificios e custas que supoñen, polo que os políticos se botan para atrás. De aí que, na miña opinión, as democracias teñan que introducir o principio e desenvolvemento do que dei en chamar ‘democracia anticipatoria’. Os partidos non só deben presentar metas económicas e sociais positivas e desexables para os seus electores, senón tamén información sobre as consecuencias que esas ambicións comportan a longo prazo, sinalando con valor os sacrificios que a sociedade debe aceptar se de verdade quere un futuro mellor.
En resumo, cal é o problema ambiental máis severo do mundo?
O máis evidente polo de agora é o cambio climático pola contaminación da atmosfera debido ás emisións de gases, principalmente de anhídrido carbónico. A diminución do grosor da capa de ozono está afectando ó sistema inmunolóxico humano, diariamente desaparecen múltiples especies animais e vexetais…