Overbooking aéreo

Aumentan as indemnizacións

A partir de febreiro do 2005 as compensacións por overbooking aéreo increméntanse
1 Maio de 2004

Aumentan as indemnizacións

O overbooking ou sobrevenda de billetes por parte das liñas aéreas afecta a 250.000 viaxeiros dos 250 millóns de pasaxeiros que sobrevoan cada ano o espazo aéreo da Unión Europea. Trátase dunha práctica legal das compañías aéreas -tamén de empresas ferroviarias- que consiste en vender dúas veces unha porcentaxe da pasaxe co fin de evitar asentos baleiros. Para xustificar o overbooking aéreo, o máis habitual, as liñas aéreas alegan que un elevado número de clientes reservan voos que finalmente non toman, cos conseguintes prexuízos económicos que isto supón para elas. Malia que é legal, o overbooking deixa o usuario en clara situación de indefensión e as indemnizacións que se lles conceden considéranse insuficientes. A Unión Europea acaba de aprobar unha nova norma que substituirá o regulamento de 1991 e que entrará en vigor a partir do próximo febreiro do 2005, onde se recollen novas medidas compensatorias para os afectados. No novo documento prevense compensacións que oscilan entre 250 e 600 euros, cifras máis elevadas cás actuais, que en ningún caso superan os 300 euros.

Durante a elaboración deste regulamento, o pasado xaneiro acordouse tamén a posibilidade de estender as indemnizacións a outros sectores, concretamente ó transporte marítimo e ó ferroviario. En España, onde se recoñece o overbooking no tren, elaborouse un borrador do Regulamento da Lei Ferroviaria no que se establece un sistema de indemnizacións semellante ó das liñas aéreas como medida de protección cara ós pasaxeiros. Esta nova lei non entrará en vigor ata que se aprobe o regulamento que a desenvolve, para o que aínda non hai data.

Indemnizacións na actualidade

De acordo á directiva vixente de 1991, os viaxeiros de voos regulares que queden en terra por exceso de reservas deben presentar no mostrador de facturación o billete de avión coa debida antelación. Os operarios comprobarán que se trata dun voo regular e que parte dun aeroporto situado nun estado membro da UE, condición obrigatoria para gozar das seguintes compensacións:

  • Menos de 1.500 quilómetros: de 75 a 150 euros.
  • Ata 3.500 quilómetros: 150 euros.
  • Máis de 3.500 quilómetros: ata 300 euros.
  • Redución. Estas compensacións redúcense á metade se o voo dispoñible ten lugar dentro das dúas ou catro horas posteriores.

Outras medidas compensatorias

A compañía debe facilitar:

  • O reembolso sen penalización do billete ou un transporte alternativo o máis axiña posible ó seu destino final.
  • A posibilidade de que o usuario elixa outra data posterior para o seu traslado.
  • Comida e bebida durante o período de espera.
  • En caso de que a situación de espera se prolongue durante unha ou máis noites, a compañía débese facer cargo dos gastos de hotel e manutención.

O cliente pode realizar unha chamada telefónica gratuíta ou enviar un fax ó seu lugar de despido. Excepción

  • Viaxe combinada. Se o voo forma parte dunha viaxe combinada (aquel que inclúe billete de avión, traslados do aeroporto, o aloxamento nun hotel, a media pensión, etc.), a compañía aérea está obrigada a indemnizar ó operador co que realizara o contrato. Neste caso, o operador deberalle aboar ó usuario o importe percibido por este motivo.
  • Voo chárter. Non conta con ningún dos dereitos compensatorios expostos anteriormente, que se limitan ós pasaxeiros que utilizan voos regulares.

A partir de febreiro do 2005

Tras case tres anos de negociacións, o Consello da Unión Europea e o Parlamento Europeo chegaron a un acordo no tocante ás indemnizacións que lles corresponden ós pasaxeiros que non reciban o servizo contratado por parte das liñas aéreas ante un caso de overbooking e atraso do voo.

Overbooking. En función do novo regulamento, as indemnizacións divídense en tres categorías, de acordo ó tipo de voo:

  • Menos de 1.500 quilómetros: os pasaxeiros que non poidan embarcar por cancelación de voo ou por overbooking recibirán 250 euros.
  • Entre 1.500 e 3.000 quilómetros: 400 euros.
  • Máis de 3.500 quilómetros: ata 600 euros.

Atraso do voo. É a primeira vez que se regulan os dereitos dos pasaxeiros en caso de atrasos. Estas son as medidas:

  • Máis de dúas horas se son voos curtos, de tres horas para os intercomunitarios e catro para os de longa distancia:
    • Os pasaxeiros deben recibir comida e bebida gratis “en proporción ó tempo de espera”.
    • Teñen dereito a realizar chamadas telefónicas ou enviar mensaxes vía fax ou e-mail.
    • Se o voo se atrasa ata o día seguinte, recibirán aloxamento, amais de transporte desde o aeroporto ata o hotel.
  • Se o atraso supera as cinco horas:
    • Os pasaxeiros poderán pedir o reembolso do prezo pagado nun prazo de sete días, sempre que se demostre que este atraso provoque que o voo xa non cumpre o plan de viaxe orixinal do pasaxeiro.
    • O viaxeiro, se o desexa, pode elixir entre un billete das mesmas características para saír o antes posible ou pola devolución do importe do billete.

Advertencia: A propia compañía deberá ofrecer as compensacións por iniciativa propia.

É importante saber...
  • Un billete de avión non nos asegura unha praza no voo que figura no ticket. O que nos dá dereito a asento é a tarxeta de embarque, polo tanto, acuda con tempo ó aeroporto e pase por facturación canto antes.
  • Posto que é unha situación legalmente permitida, existen dereitos que protexen o usuario ante unha situación de overbooking, promovidos polas compañías aéreas. Pero se o pasaxeiro e a empresa non chegan a un acordo, existe un impreso de reclamación que o usuario pode cubrir na Dirección Xeral de Aviación Civil (DXAC) nos aeroportos españois. No estranxeiro, a reclamación tramitarase de acordo ós mecanismos do propio aeroporto, aínda que a copia haberá que entregala obrigatoriamente no aeroporto español de destino.
  • Se a solución proposta pola compañía non satisfai o cliente, o seguinte paso é dirixirse á DXAC, encargada de ditar unha solución sobre o caso. Aínda que non é vinculante, adoita ser aceptada pola Xunta Arbitral de Consumo, malia que non todas as compañías están adheridas a este órgano.
  • En voos chárter con tour-operadores a través de axencias de viaxes, pódese reclamar ante o Departamento de Turismo da comunidade autónoma correspondente.
  • Se a compañía é culpable do atraso ou cancelación inxustificados do voo, e existise algún problema no relativo á devolución do importe do billete, débese cubrir un formulario. Despois, a indemnización pódese reclamar a través da vía arbitral ou xudicial. É imprescindible conservar o billete como proba do contrato incumprido.